José Ignacio Fernández Palacios
Nacho | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | José Ignacio Fernández Palacios | ||
Nacemento | 3 de febreiro de 1967 | ||
Lugar de nacemento | Foz | ||
Altura | 1,75 m. | ||
Posición | Defensa | ||
Carreira xuvenil | |||
1984–1986 | Gran Peña | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1986–1992 | Celta de Vigo | 127 | (1) |
1992–2000 | Compostela | 199 | (4) |
Total | 326 | (5) | |
Adestrador | |||
2010–2011 | Cerceda | ||
2011–2015 | Ordes | ||
2017 | Alondras | ||
2017–2018 | Negreira | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
José Ignacio Fernández Palacios máis coñecido como Nacho, nado en Foz o 3 de febreiro de 1967, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol galego. Xogaba na demarcación de lateral esquerdo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Entre os anos 1984-86 fórmase no Gran Peña Fútbol Club que por aquel entón actuaba como filial do Celta de Vigo, equipo polo que ficha en 1986, debutando o 9 de novembro dese ano.
Xogou no Celta seis anos, vivindo un ascenso na súa primeira tempada, tres anos en Primeira División, un descenso e un novo ascenso, tras o cal ficha polo SD Compostela tamén en Segunda División ao ficar fóra das aliñacións de Txetxu Rojo.
Co equipo compostelán ascende á máxima categoría tras dúas tempadas en Segunda. Nos poucos anos que o SD Compostela militou en Primeira fixo memoables tempadas baixo a dirección do adestrador Fernando Vázquez, declarándose na 1995/96 subcampión de inverno, e rematando o ano no 10º posto.
Despois de catro anos en Primeira o SD Compostela descendeu a Segunda e con el Nacho, deixando o fútbol en activo no ano 2000, tras moitos problemas físicos co tendón de Aquiles [1]
Internacionalidade
[editar | editar a fonte]Foi un exemplo de coherencia para moitos deportistas ao renunciar publicamente a competir coa Selección de fútbol de España ao entender que, concordando coa súa ideoloxía nacionalista, a única que podía representar os seus sentimentos era a Selección galega.
Tecnicamente nunca foi convocado coa Selección Española, pero o propio seleccionador Javier Clemente falou del o 5 de novembro de 1995 coma serio candidato para ser o suplente do catalán Sergi na Eurocopa de Fútbol Inglaterra 1996, despois de ser nomeado mellor lateral por detrás do xogador do FC Barcelona.
Non me interesa nin me apetece Nacho Fernández (1995)
Finalmente puido ver xogar a Selección de fútbol de Galicia o 25 de decembro de 2005 en San Lázaro ante Uruguai. Porén non puido ver cumprido o seu desexo de disputar o encontro.
O seu compromiso persoal coa causa da Selección galega chegou ata o punto de colaborar co grupo Xenreira na gravación da canción Selección Ska! para o disco Selección Xa!.
Adestrador
[editar | editar a fonte]Ademais de colaborar como comentarista na TVG traballa como adestrador. Adestrou ao Cerceda, ao que chegou tras a destitución de Suso Moure case ao final da tempada 2009/10,[2] e no que permaneceu preto dun ano ata a súa dimisión en marzo de 2011 tras unha serie de malos resultados, a pesar de que o equipo ía de líder.[3] Pasou logo ao Club Ordes, equipo ao que dirixiu dende a tempada 2011/12 ata a 2014/15 na Terceira División.[4][5][6] Posteriormente adestrou durante uns meses de 2017 ao Alondras e na tempada 2017/18 á Sociedad Deportiva Negreira, ambos tamén de Terceira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12/03/2016. Consultado o 07/01/2013.
- ↑ "Nacho toma el relevo de Suso Moure en el Cerceda". El Correo Gallego (en castelán). 4 de maio de 2010. Consultado o 4 de maio de 2021.
- ↑ "Manolo García suple a Nacho al frente del banquillo del Cerceda". La Voz de Galicia (en castelán) (Carballo ed.). 22 de marzo de 2011. p. 13.
- ↑ "Nacho: Dejó el fútbol por lesión y se reinventó como técnico". El Correo Gallego (en castelán). 31 de maio de 2019. Consultado o 4 de maio de 2021.
- ↑ "Nacho toma las riendas técnicas del Órdenes". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 12 de agosto de 2011. p. 10.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 07 de xaneiro de 2013.