Soiuz (nave)
A nave espacial Soiuz (en ruso: Союз, "unión") é un modelo de nave espacial tripulable que forma parte do programa espacial Soiuz da Unión Soviética. A nave Soiuz pode levar unha tripulación de ata tres membros e lánzase polo vehículo de lanzamento Soiuz. Este vehículo de lanzamento foi empregado para enviar ao espazo varias misións externas ao programa Soiuz, incluíndo misións científicas da Axencia Espacial Europea (ESA) como a sonda Mars Express.
O programa Soiuz foi creado por Sergei Koroliov, deseñador principal do programa espacial soviético durante a carreira espacial. No seu primeiro voo tripulado, Soiuz 1 (abril de 1967), a nave estrelouse contra o chan despois da reentrada, falecendo o seu único tripulante, Vladimir Komarov. Serviu para transportar tripulacións ás estacións espaciais Saliut, Mir e ISS. A Soiuz foi deseñada tamén para misións tripuladas á Lúa no marco dos programas Zond e N1/L3.
Dende 1980 emprégase un modelo perfeccionado chamado Soiuz T e dende 1986 o modelo Soiuz TM, deseñado inicialmente durante a construción e utilización da estación espacial Mir. En 2002 foi introducida a variante Soiuz TMA, empregada por Rusia para transportar astronautas ata a ISS, servindo ademais como vehículo de emerxencia para a estación. En 2010 introduciuse unha nova variante, a Soiuz TMA-M.
A Soiuz foi empregada como base para o deseño da familia de naves automáticas Progress.
O foguete Soiuz ou R-7 é o máis lonxevo, máis adaptable e con máis éxito da historia da astronáutica; proba disto é o seu índice de confiabilidade do 97,5% en máis de 1700 lanzamentos dende a súa creación.[1]
Os rusos deseñaron o modelo máis novo, o foguete Soiuz 2, que tivo o seu primeiro lanzamento o 8 de novembro de 2004, e a posta en órbita dun satélite o 27 de decembro de 2006.
Deseño
[editar | editar a fonte]O deseño básico da Soiuz permaneceu sen alteración dende os anos sesenta. O vehículo consiste en tres partes:
- Módulo orbital (en ruso, бытовой отсек, БО): ten unha forma case esférica e sitúase na parte dianteira do vehículo. Contén a maior parte do equipo preciso para a supervivencia da tripulación ata o seu regreso á Terra ou acoplamento a unha estación espacial. Na maior parte das misións ía equipado cun sistema de acoplamento. O módulo orbital abandónase no espazo xusto antes da reentrada e destrúese na atmosfera.
- Cápsula da tripulación (en ruso, спускаемый аппарат, СА): é a única parte do vehículo que regresa á Terra, polo que vai equipada cun escudo térmico e dous paracaídas, un primario e outro de emerxencia. Ten forma de campá e no seu interior poden ir ata tres tripulantes equipados con traxes de presión Sokol (dende a misión Soiuz 11, en 1971). Durante a aterraxe, o escudo térmico despréndese para poder empregar unha serie de retrofoguetes de combustible sólido situados na base da cápsula que frean o impacto co chan.
- Módulo de servizo (en ruso, приборно-агрегатный отсек, ПАО): con forma cilíndrica, é a sección onde se localizan os motores orbitais, os tanques de combustible (ácido nítrico e hidracina) e outros equipamentos. Tras frear a nave para volver á Terra, sepárase da cápsula e é destruído na atmosfera.
Características técnicas (Soiuz TMA)
[editar | editar a fonte]- Masa: 7200 kg
- Lonxitude: 6,98 m
- Diámetro: 2,2-2,72 m
- Envergadura (con paneis solares): 10,7 m
- Tripulación: 3 persoas
- Capacidade de permanencia no espazo: seis meses (acoplada a unha estación espacial) ou 14 días de voo autónomo
Partes
[editar | editar a fonte]Módulo orbital (A)
[editar | editar a fonte]- 1 Mecanismo de acoplamento
- 2, 4 Antena radar Kurs de encontro
- 3 Antena de transmisión de televisión
- 5 Cámara
- 6 Trapela
Módulo de descenso (B)
[editar | editar a fonte]- 7 Compartimento de paracaídas
- 8 Periscopio
- 9 Portela
- 11 Escudo térmico
Módulo de servizo (C)
[editar | editar a fonte]- 10, 18 Motores de control de actitude
- 12 Sensores de terra
- 13 Sensor solar
- 14 Punto de fixación do panel solar
- 15 Sensor térmico
- 16 Antena Kurs
- 17 Propulsión principal
- 19 Antena de comunicación
- 20 Depósito de combustible
- 21 Tanque de osíxeno
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dondo, Rodolfo (2 de marzo de 2007). "Soyuz-2: Los Zemiorka del Siglo XXI". Espacial.org (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2018. Consultado o 6 de febreiro de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Soiuz |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- News page Arquivado 12 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine. from the Energia (empresa) which launches the Soyuz spacecraft
- Soiuz en Encyclopedia Astronautica
- Soyuz TMA spacecraft details Arquivado 19 de novembro de 2021 en Wayback Machine. at nasa.gov
- Soyuz-2: Los Zemiorka del Siglo XXI Arquivado 20 de xullo de 2020 en Wayback Machine.
- Soiuz Actividade educativa