Saltar ao contido

Oryx

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Oryx é un xénero de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos, subfamilia dos hipotraguinos e tribo dos hipotraguininos.

O xénero comprende catro especies de grandes antílopes con aspecto de cabalo con cornos, adaptados a viviren en zonas semidesérticas ou mesamo desérticas, e que son coñecidos vulgarmente como órix ou órices.

Características

[editar | editar a fonte]

Os principais caracteres distintivos dos órix son:[1][2]

  • Son grandes antílopes con cornos ben desenvolvidos (de até 1 m de lonxitude ou máis), presentes en ambos os sexos, anelados, case rectos ou lixeiramente curvados cara a atrás.
  • Orellas estreitas, relativamente pequenas.
  • O seu aspecto recorda a un cabalo, pois teñen un pescozo ancho cuberto de crina, a cabeza de perfil recto e formas arredonadas, con longas patas.
  • Belfos vilosos.
  • Cola longa, acabada nunha borla.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Oryx beisa.
Oryx dammah.
Oryx leucoryx.

Son resistentes ás temperaturas extremas, á sede, e ademais poden manter un galope sostido durante moitos quilómetros. Como particularidade, poden aumentar a temperatura do seu corpo para poder irradiar a calor ao ambiente en lugar de absorbelo, grazas a un sofisticado sistema de irrigación sanguínea que tamén permite que o sangue máis frío sexa o que regue o cerebro tras pasar previamente polas narinas do animal, onde se refresca.
Machos e femias de todas as especies presentan unha desenvolvida cornamenta, e o seu carácter e temperamento pódese comparar ao dun touro bravo, de forma que a súa caza é perigosa para calquera depredador.
Nas loitas intraespecíficas, ambos os contendentes trucan cos cornos en paralelo, de forma que se produce un forcexo entre eles sen que se chegue a ferir ao rival, mentres que á hora de defenderse de depredadores, trucan apuntando coa súa cornamenta de forma que poden ensartar ao seu inimigo.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

O xénero foi creado en 1816 polo naturalista francés Henri Marie Ducrotay de Blainville na súa obra Prodrome d'une nouvelle distribution systématique du règne animal (Comezo dunha nova distribución do reino animal), publicada no Bull. Sci. Soc. Philom. Paris, 1816: 75.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Blainville tirou o nome Oryx do grego antigo όρυχ óryx, que significa "antílope", "gacela".

Especies e subespecies

[editar | editar a fonte]

A clasificación do xénero Oryx é discutida. Para algúns autores comprendería unha única especie, O. gazella,[2] para outros serían tres, O. gazella, O. beisa e O. dsammah,[1] e para a maioría as catro aquí indicadas.[3]

  1. 1,0 1,1 Dorst, J. et al. (1973), p. 201-206.
  2. 2,0 2,1 Haltenorth, T. et al. (1986), pp. 67-68.
  3. Oryx en Wilson & Reeder (2005).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]