Saltar ao contido

Lagarta dos muros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Podarcis muralis»)
P. muralis.
P. muralis nigriventris italiana.
P. muralis, Livorno. Italia.

A lagarta dos muros (Podarcis muralis) é unha especie de réptil escamoso da familia Lacertidae. É a lagarta máis amplamente distribuída en Europa, pero en Galicia é extremadamente escasa e moi localizada.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Distribúese por gran parte de Europa, desde o océano Atlántico ata o norte de Anatolia, e foi introducida nos Estados Unidos, onde se expande actualmente polas terras de Kentucky e Ohio. Na Península Ibérica está restrinxida á banda eurosiberiana (desde o límite entre Galicia e Asturias ata o Pireneo catalán), o Sistema Ibérico e o Sistema Central, sendo substituída nas terras baixas do sur pola Podarcis hispanica; en Italia e os Balcáns chega máis ao sur. Tamén existen poboaciones en illas e illotes do mar Cantábrico, Liguria e a costa atlántica francesa, entre elas as illas do Canal. A IUCN considera o seu status "pouco preocupante".[1]

En canto ao seu status en Galicia e, malia a ser común en Asturias, practicamente non se atopa no noso territorio, e a súa presenza só se detectou en 1987 en As Nogais (Lugo), sen confirmarse posteriormente,[2] pero en 2006 foi atopada nos Ancares na localidade de Piornedo. Por tanto, está entre os réptiles máis escasos de Galicia.

Descrición física

[editar | editar a fonte]

A lonxitude dos machos, sen contar o rabo, é de entre 48 e 68 mm. As femias son practicamente iguais.

A coloración presenta unha gran variedade de tons máis ou menos pardo-cinsentos-verdosos que poden estar salpicados de manchas negras en concentracións tamén variables (maior nos machos adultos, mentres que nas femias non adoitan aparecer). A pesar destas varicacións, en xeral pódese apreciar unha liña de puntos negros no dorso e unha banda escura a cada lado, lisa nas femias e machos novos e con moitas manchas máis escuras nos machos adultos. A cor do ventre varía entre o branquecho e o avermellado, con ocasionais ocelos azuis nalgunhas escamas externas, mentres que a gorxa aparece reticulada en negro. Un carácter típico diagnóstico é o reticulado marrón ou alaranxado da gorxa e das placas submaxilares.[2]

Na natureza documéntanse formas melánicas, mentres que os casos de albinismo só son coñecidos en catividade.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Esta especie, propia de terreos montañosos, pode colonizar construcións humanas. Os machos son territoriais cos membros do seu propio sexo, mentres que as femias se moven libremente. O apareamento ten lugar en primavera e a posta consta de entre 3 e 8 ovos que a femia enterra nun pequeno burato escavado por ela mesma. Os ovos eclosionan entre dous e tres meses despois. Ao chegar o inverno, estas lagartas procuran refuxio nalgunha greta onde pasan os meses fríos en estado de letargo.

Igual que outras especies similares, a lagarta dos muros aliméntase de insectos e arañas é á súa vez é vítima de pequenos mamíferos carnívoros como as musarañas, denosiñas e gatos e de cobras e aves. O rabo pode desprenderse en caso de ser atrapada por un depredador (autotomía) permitindo así a fuxida do seu dono e rexenerándose máis tarde.

Vive principalmente no chan, pero gabea con gran facilidade por superficies verticais.

  1. Wolfgang Böhme, Valentin Pérez-Mellado, Marc Cheylan, Hans Konrad Nettmann, László Krecsák, Bogoljub Sterijovski, Benedikt Schmidt, Petros Lymberakis, Richard Podloucky, Roberto Sindaco, Aziz Avci 2009. Podarcis muralis. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2015.2. <www.iucnredlist.org>. Consultado o 16 de agosto de 2015.[1]
  2. 2,0 2,1 Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxina 332-336. ISBN 84-7507-722-6.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]