Saltar ao contido

Siloxismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aristóteles. Museo do Louvre.

Un siloxismo (do grego antigo συλλογισμός, 'conexión de ideas', 'raciocinio', composto polos termos σύν 'con' e λογισμός 'cálculo') é un termo filosófico co que Aristóteles designou a argumentación lóxica perfecta. É unha forma de razoamento dedutivo que consta de dúas proposicións como premisas e outra como conclusión, sendo a última unha inferencia necesariamente dedutiva das outras dúas.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Foi formulado por primeira vez por Aristóteles, na súa obra lóxica recompilada como O Organon, dos libros coñecidos como Primeiros Analíticos, (en grego Proto Analytika, en latín —idioma no que se coñeceu a súa obra en Europa Occidental—, Analytica Priora).

Aristóteles consideraba a lóxica como lóxica de relación de termos. Os termos únense o sepáranse nos xuízos. Os xuízos aristotélicos son considerados desde o punto de vista de unión ou separación de dous termos, un suxeito e un predicado. Hoxe falaríase de proposición.

A diferenza entre xuízo e proposición é importante. A proposición afirma un feito como un todo, que é ou non é, como contido lóxico do coñecemento. O xuízo, en cambio, atribúe un predicado a un suxeito lóxico do coñecrmento outorgando aos termos ao mesmo tempo unha función lingüística de significado (semántica) e unha función formal lóxica (sintáctica). Isto ten a súa importancia no concepto mesmo do contido do un, o xuízo, e a outra, a proposición, especialmente nos casos de negación, como se ve na problemática da lóxica siloxística.

Mantemos aquí a denominación de xuízo por ser o máis acorde co tradicional, tendo en conta que este tipo de lóxica, como tal, está en claro desuso, substituída pola lóxica simbólica na que esta lóxica se interpreta como lóxica de clases.

A relación entre os termos dun xuízo, ao ser comparado cun terceiro que fai de "termo medio", fai posíbel a aparición das conclusións. Así pois, o siloxismo consta de dous xuízos, premisa maior e premisa menor, nos que se comparan tres termos, de cuxa comparación se obtén un novo xuízo como conclusión.

A lóxica trata de establecer as leis que garanten que, da verdade dos xuízos comparados (premisas), se poida obter con garantía de verdade un novo xuízo verdadeiro (conclusión).

O siloxismo regular é o argumento típico dedutivo, composto de 3 proposicións: premisa maior (P), premisa menor (p) e conclusión (c), nas que 3 termos, maior (T), medio (M) e menor (t), compóñense 2 a 2.

Un exemplo clásico de siloxismo é o seguinte:

Todo home é mortal.
Sócrates é home.
Logo Sócrates é mortal.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Correia, Manuel (2006): "La actualidad de la lógica de Aristóteles" en Rev. filos. volume 62, páxs. 139-150 SciELO. visíbel on line
  • Ferrater Mora, José (1979): Diccionario de Filosofía. Barcelona: Alianza. ISBN 84-206-5299-7
  • Garrido, M. (1974): Lógica simbólica. Barcelona: Tecnos.
  • Lukasiewicz, Jan (1977): La silogística de Aristóteles desde el punto de vista de la lógica formal. Madrid: Tecnos.
  • Mitchell, D. (1968): Introducción a la lógica. Barcelona: Labor.
  • Van Orman Quine, Willard (1981): Filosofía de la lógica. Madrid: Alianza ISBN 84-206-2043-2

Outros artigos

[editar | editar a fonte]