Saltar ao contido

Eider

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Somateria mollissima»)
Non confundir con Eider, río de Alemaña.
Eider / Eider común
Somateria mollissima

Parella de eideres comúns


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Merginae
Xénero: Somateria
Especie: S. mollissima
Nome binomial
Somateria mollissima
(Linnaeus, 1758)
Subespecies
  • Véxase o texto
Macho de eider.

O eider[2] (tamén se ten usado éider[3] ou éider común[4]), Somateria mollissima, é unha especie de ave da orde dos anseriformes, familia dos anátidos e subfamilia dos merxinos (os patos mergulladores), amplamente distribuída polas rexións costeiras árticas e subárticas, que presenta un acusado dimorfismo sexual, característico do seu xénero.

O seu nome latino, Somateria mollissima, fai referencia á penuxe mol desta especie. Traducido viría significar: "de corpo laúdo moi mol".[5][6] O nome común procede en último extremo do islandés oedr.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os eideres son algo maiores que un lavanco. Miden uns 58 cm de longo e pesan de media uns 2,2 Kg. Os machos son en xeral de maior tamaño e peso que as femias e poden chegar a idades máis avanzadas. De aspecto gordo e zoupón na terra, é un nadador e mergullador áxil, que pode desenvolverse ben mesmo con ondas moi grandes. A causa da altura da raíz do seu bico, que sobe ata a fronte e fai doado distinguilo doutros parrulos, a cabeza recorda á forma dunha cuña. En voo, recoñécese polo seu aspecto gordo, o pescozo curto e a forma da cabeza.[7][8]

O eider amosa un claro dimorfismo sexual na plumaxe. Na época reprodutora, o macho ten o lombo e o peito brancos na súa maior parte, as plumas do peito teñen un lixeiro ton rosado. O vetre, os flancos, a cola, as plumas cobertoiras desta e a parte superior da cabeza son negros. A caluga é de cor verde de musgo. Fóra do tempo de cría, a plumaxe do macho é castaña escura, con partes brancas.

Macho e dúas femias.

O aspecto da femia é moi semellante ó das femias doutras especies de parrulos. Amosa todo o ano unha plumaxe pouco rechamante de cores acastañadas, máis ou menos escuras, atravesada por bandas negras mestas. A cabeza e o pescozo son, porén, estritamente castaños, con só un lixeiro raiado máis escuro. A plumaxe é moi semellante á das femias doutras especies de parrulos.

O peteiro dos machos é verdoso, e verde escuro no caso das femias. A punta do bico é máis clara e amosa unha punta elevada. Ambos os dous sexos teñen o iris dos ollos marrón.

A plumaxe das crías semella a das femias.

Distribución e status

[editar | editar a fonte]

O eider vive ó longo das costas do norte de Europa, Norteamérica e leste de Siberia. Cría dende o Ártico ata o mar do Norte e o noroeste de Francia. Na costa atlántica americana a súa área de cría chega ó estado de Maine e, na costa do océano Pacífico, ata o sur de Alasca. As áreas principais de cría son Islandia, onde crían unhas 450 000 parellas, e o mar Báltico onde se xuntan ata 600 000. Os números en América calcúlanse entre 750 000 e 1 millón de parellas. O IUCN calcula os seus números entre 2,5 e 3,6 millóns de exemplares, e non lle dá a consideración de especie ameazada.

Os exemplares das zonas máis boreais emigran cara á parte sur da súa distribución no inverno, onde poden formar grandes bandos en sitios axeitados. As poboacións máis meridionais son sedentarias. No inverno os eideres intérnanse regularmente en pequeno número en terras interiores, chegando os europeos ata os Alpes.

Dende os anos 1970 algúns exemplares pasan o verán nalgúns puntos de Centroeuropa e danse casos de parellas que fan os niños nos lagos suízos e outros lagos perialpinos.

Comportamento e alimentación

[editar | editar a fonte]
Área de distribución do eider.
* Zona de cría en azul.
* Zona de invernada en verde.

Son de actividade diúrna. Aliméntanse preferentemente de moluscos bivalvos de ata 40 mm de lonxitude; ademais, comen caracois, crustáceos e peixes. Nas costas do mar do Norte comen, sobre todo, mexillóns. En augas interiores comen o mexillón tigre, unha variedade de auga doce orixinaria de Asia que está a espallarse rapidamente por Europa dende os anos 1980. O alimento vexetal non é importante na súa dieta. Buscan o imento no fondo de augas pouco fondas ou mergullándose. Buscando moluscos poden chegar a profundidades de 6 m e permanecer algo máis dun minuto somerxidos. Debaixo da auga empregan as ás para desprazarse. Algunhas observacións aseguran que poden acadar no mar distancias máis profundas, nalgún caso de ata 30 m. O seu bico forte permítelles arrincar os mexillóns da rocha ou sacar moluscos do fondo. Cazan tamén insectos acuáticos entre as algas mariñas.

Tragan os bivalvos coas cunchas. Despois de rompelas coa súa forte morzoa, vomítanas en forma de egagrópilas. O sal que tragan coa comida é expulsado a través de glándulas especiais situadas na fronte.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Machos durante o cortexo.

As femias son fértiles aos dous anos de idade, mentres que os machos non toman parte nas cerimonias de cortexo ata o terceiro, momento no que teñen a plumaxe adulta completamente desenvolvida.

Femia disposta para a cópula.

Durante o cortexo os berros do macho son respondidos pola femia. Para emitir o seu son o macho bota a cabeza para atrás e incha o peito. En xeral, varios machos sitúanse ao redor dunha femia. Entre as técnicas de cortexo do macho cóntanse demostracións de natación, durante as que move a cabeza a modo de dereita a esquerda e estrica o corpo fóra da auga, abrindo cara a atrás as ás.

Emparellamanto do eider.

A femia amosa a disposición para a cópula estirándose sobre a auga. Durante a cópula, que dura poucos segundos, o macho empurra a femia case completamente debaixo da auga e suxéitaa polo pescozo co seu peteiro.

As parellas duran unha soa temporada, aínda que os exemplares sedentarios poden emparellarse máis dun ano seguido.

Somateria mollissima
Grupo de adultos e polos.

Crían en grandes colonias que nalgúns casos, como en Islandia, poden acubillar 1 000 parellas. A época de cría vai, segundo as rexións e as condicións climatolóxicas, de comezos de abril a mediados de maio.

As femias fan o niño, cuberto dunha capa de penuxe que sacan do ventre, preto do mar, habitualmente entre o grixo e vexetación rara. En ocasións aproveitan niños de gaivota. Poñen de 4 a 6 ovos de cor gris verdosa. Cando a femia abandona o niño cóbreo con penuxe para evita que perdan calor. Choca ela soa durante uns 25 ou 26 días, tempo no que non se alimenta. Mentres, o macho permanece preto do niño.

Cando saen do ovo, os polos son guiados pola nai que os vixía entre 65 e 75 días, permitíndolles a finais do verán aventurarse no mar. Nesta época é común que se xunten varias familias, unións que se desfán cando os polos son capaces de voaren.

Condutas migratorias

[editar | editar a fonte]

Aínda que os máis dos eideres son migratorios, as distancias entre os puntos de cría e de invernada non adoitan seren moi grandes, polo que voan distancias relativamente curtas para mudaren as plumas, o que fan despois de criar. Porén, poden voar a velocidades de ata 177 km/h.[9] Voan a áreas especiais, que escollen pola súa tranquilidade, xa que nesta época a súa capacidade de voar vese limitada. A distancia á que se sitúan dos homes sobe nesa época dos 100 ou 300 m ata os 500 ou 1 000. Evitan, porén, áreas nas que noutras épocas son habituais, pero que non lles ofrecen posibilidades de fuxida. Nese tempo utilizan mesmo lagos interiores da zona alpina. Nalgúns casos, como no das marismas do mar do Norte, as zonas de muda aprovéitanse tamén para pasar o inverno. Noutros, buscan cuarteis de inverno diferentes para os que saen en outubro e novembro. O camiño de volta comeza en febreiro e marzo.

Depredadores e outras ameazas naturais

[editar | editar a fonte]

Nas zonas árticas o raposo polar e o bufo das neves son as principais ameazas. Máis ao sur o bufo real, a aguia mariña e o raposo son os depredadores que están en disposición de poder cazar a unha ave do peso do eider. Os polos e os ovos son vítimas das gaivotas e outras aves, coma os córvidos. Diversos parasitos poñen tamén en perigo a vida das crías. Os invernos moi fríos, que causan a conxelación da auga da costa e lles impiden alimentarse, poden causar tamén mortes masivas entre os individuos desta especie.

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Recoñécense seis subespecies,[10] aínda que os movementos de poboación e as poboacións mixtas fan difícil unha delimitación exacta. Estas son:

O home e o eider

[editar | editar a fonte]

A caza desta especie está permitida nos países escandinavos e en Rusia. En Noruega os seus lugares de reprodución están protexidos. En Islandia a especie está protexida dende 1847.

Ademais da caza, as molestias provocadas polo home ás aves que están a criar provocan o abandono de niños e a perda de ovos e polos. Neste campo o turismo é a ameaza máis directa. Coma outras aves, sofre as consecuencias das verteduras de combustibles e aceites ao mar.

Os eideres de Northumberland

[editar | editar a fonte]

Unha das colonias de eider de máis sona áchase na illa de Farne, diante de Northumberland, no Reino Unido. Estas aves foron obxecto da primeira lei de protección das aves coñecida, promulgada en 676 por san Cutberto, de onde vén que os eideres reciban en ocasións o nome de patos de san Cutberto. O eider pasou a formar parte do escudo de armas de Northumberland.

Importancia económica

[editar | editar a fonte]

Son produtores da penuxe de eider, que ten unha gran capacidade para manter a calor. En especial en Islandia esa penuxe ten grande importancia económica. Con ela énchense almofadas e cobertores (edredóns). A penuxe é recollida en Islandia dos niños xa baleiros do eider. Un niño pode dar uns 20 g de penuxe.

O eider en catividade

[editar | editar a fonte]

A plumaxe rechamante do macho fixo a especie atractiva como animal cativo. Son animais tranquilos que se relacionan pacificamente con outras aves acuáticas. Precisan estanques fondos de abondo e augas limpas.

  1. BirdLife International 2009. Somateria mollissima. IUCN 2010. Lista Roja de Especies Amenazadas IUCN. Version 2021-23. Consultado o 11 de febreiro de 2022.
  2. 2,0 2,1 Definición de Eider no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  5. Somateria é, segundo os etimoloxistas, un derivado irregular da forma latina somat-, derivada do grego σωμα soma, "corpo", e o grego έριον érion, "la". Mollisssima en taín significa "moi branda", "brandísima".
  6. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 258, 359. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  7. All About Birds (2011).
  8. Ogilvie & Young (2004): Wildfowl of the World. New Holland Publishers. ISBN 978-1-84330-328-2.
  9. The World's Fastest Birds.
  10. Zoonomen. "Birds of the World - current valid scientific avian names." (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Carboneras, Carles; del Hoyo, Josep; Elliot, Andrew & Sargatal, Jordi (1992): Family Anatidae (Ducks, Geese and Swans) Handbook of the Birds of the World. Volume 1. Barcelona (España): Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5
  • Franz Robiller: Lexikon der Vogelhaltung. Landbuch, Hannover 1986. ISBN 3-7842-0322-1
  • Eckart Pott: Vögel am Meer. Landbuch, Hannover 1987. ISBN 3-7842-0364-7
  • Steve Madge: Wassergeflügel – Ein Bestimmungsbuch der Schwäne, Gänse und Enten der Welt. Paul Parey, Hamburgo e Berlín 1989. ISBN 3-490-19018-1
  • T. Bartlett: Ducks And Geese - A Guide To Management. Crowood, Marlborough 1986, 2002. ISBN 1-85223-650-7
  • Hartmut Kolbe: Die Entenvögel der Welt. Ulmer, Stuttgart 1999. ISBN 3-8001-7442-1

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]