Saltar ao contido

Téramo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Teramo»)
Modelo:Xeografía políticaTéramo
Tèreme (nap) Editar o valor en Wikidata
Vista nocturna
Vista aérea
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°39′32″N 13°42′14″L / 42.658853, 13.703911
PaísItalia
RexiónAbruzzo
ProvinciasProvincia de Teramo Editar o valor en Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación51.548 (2023) Editar o valor en Wikidata (337,27 hab./km²)
Xeografía
Superficie152,84 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porRío Tordino e Río Vezzola Editar o valor en Wikidata
Altitude265 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Santo padrónBerardo da Pagliara Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal64100 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico0861 Editar o valor en Wikidata
Identificador ISTAT067041 Editar o valor en Wikidata
Código catastral italianoL103 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webcomune.teramo.it Editar o valor en Wikidata

Téramo (en latín: Interamnia Praetutiana; Interamnia ou máis raramente Interamnium e Interamna) é unha cidade da rexión italiana dos Abruzos, capital da provincia de Teramo.

A cidade, de 51.507 habitantes (en 2023), está situada preto da confluencia dos ríos Vezzola e Tordino. Do mesmo xeito, trátase dunha cidade moi antiga, fundada en tempos pre-romanos.

A cidade foi chamada Petrut polos fenicios, co significado de "lugar elevado rodeado de augas". Da latinización de Pertut en Praetut, volveuse logo Praetutium e Ager Praetutianus para indicar o territorio.

Os romanos chamárona Interamnia Urbs ("cidade entre dous ríos", facendo referencia ao Tordino e ao Vezzola).

Xa na época medieval, de Praetutium volveuse Aprutium, que fixo a súa primeira aparición nalgúns textos do século VI e que ata o século XII indicaba tanto a cidade como todo o territorio circunstante. De feito, é dese antigo nome da cidade de Téramo que vén tamén o nome da enteira rexión: os Abruzos. Sucesivamente o nome Interamnia volveuse Interamne, Teramne, Interamnium, Teramnium e finalmente a forma Teramum.

Non atopou éxito en cambio, a teoría segundo a cal o nome Téramo proveña de Thermae, relacionada coa ben testemuñada presenza de moitas termas en varias zonas da cidade.

Xeografía física

[editar | editar a fonte]

A cidade, a 150 km de Roma, está situada na parte setentrional dos Abruzos, nunha zona de outeiros entre as ladeiras das montañas máis alta dos Montes Apeninos (o Gran Sasso d'Italia) e a costa adriática. De feito, é un dos poucos lugares nos que poden apreciarse tanto cumes nevados de 3000 metros así como as soleadas praias do Mar Adriático, ambas a tan só media hora do centro da cidade.

Téramo xorde na confluencia do río Tordino e o torrente Vezzola, que arrodean o seu centro histórico.

ano 2007 Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xull Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máx. media (°C) 14 14 15 20 24 28 32 30 24 17 13 13 21,2
Temperatura mín. media (°C) 5 6 7 10 14 17 21 19 14 11 6 5 11,9
Chuvias (mm) 14 26 67 25 92 62 0 30 30 30 157 90 551
Ventos (dir.-nós) SO 4,6 SO 4,3 SO 5,0 NE 4,5 ONO 5,2 NE 5,2 NE 6,7 NE 5,2 SO 5,5 O 2,9 O 3,6 --

O clima é de tipo temperado-fresco, con temperaturas que no mes máis frío (xaneiro) achéganse aos 5,5 °C e no máis cálido aos 24 °C. As precipitacións non son moi frecuentes (ao redor de 800 mm. anuais) e concentradas sobre todo no tardío outono. Durante o inverno pode ata caer neve abundante, como testemuña o recente episodio de xaneiro de 2005. Os veráns están caracterizados por días de calor máis ou menos intensa.

Época prerromana: do século VIII ao século V a.C.

[editar | editar a fonte]

Téramo ten unhas orixes antiquísimas. Así, o asentamento do milenio I a.C. e algunhas construcións de época itálica do século III-II a.C. foron obxecto de escavacións arqueolóxicas moi recentes. Os vestixios máis antigos refírense á periferia da cidade, no barrio de Madonna della Cona, onde foi atopada, entre outras, unha sepultura con puñal e alabarda. Segundo parece, ao desenvolvemento do antigo asentamento contribuíron os etruscos e os fenicios, que fundarían un emporio comercial.

Os pretucios

[editar | editar a fonte]

Segundo o escritor romano Sexto Xulio Frontino, a antiga Perut ou Pretut (outeiro rodeado por augas) creceu en dimensións e importancia ata volverse a capital do Praetutium e conciliabulum dos pretucios.

Época romana do século V a.C. ao século V d.C.

[editar | editar a fonte]
Interamnia viviu o seu mellor período baixo o emperador Adriano

Na batalla de Sentino, no ano 295 a.C., os romanos derrotan á confederación itálica (samnitas, etruscos, umbros e os seus aliados galos). Con esta batalla dá comezo a terceira guerra samnita. No 290 a.C. o territorio sabino e o territorio pretucio son ocupados militarmente polas lexións mandadas polo cónsul Manio Curio Dentato. Cinco anos despois á cidade dáselle o nome latín de Interamnia Praetuttiorum (cidade entre dous ríos dos pretucios), segundo moitos simple tradución do topónimo Petrut. Xa en época augustea, Intermania é incluída na quinta rexión: o Piceno (a VI rexión era a Umbría e a IV, o Sannio). O territorio da actual provincia estaba dividido, de sur a norte, en Ager Hatrianus, Ager Praetutianus e Ager Palmense. Neste período Interamnia é: conciliabulum, lugar de reunión e de mercado; Praefectura iure dicundo; Municipium, logo da segunda guerra social e Colonia silana. Nesta época perde o estatuto de municipio pola participación de Lucio Cornelio Sila na guerra social (91-88 a.C.), e recuperarao sucesivamente por expresa vontade de Xulio César. Durante o período romano, grazas á súa gran proximidade coa capital do imperio, a cidade coñece un período moi próspero, como testemuñan os innumerables mosaicos, as ruínas do anfiteatro, do teatro e das termas. Como recordan os historiadores Tolomeo, Tito Livio e Plinio, a cidade alcanzou o seu máximo esplendor baixo o mandato de Adriano, coa construción de templos dedicados a Marte e Apolo.

Godos e bizantinos

[editar | editar a fonte]

No ano 410 rexístrase unha primeira destrución de Téramo polos visigodos de Alarico I. Con todo son moi incertas as noticias relativas a estes anos: presúmese que a presenza dos godos no territorio de Intermania prolongarase ata 552-554. Logo da guerra gótica, no 553, pásase ao dominio dos bizantinos. Téramo é novamente incluída no Marquesado de Fermo, suxeito ao Exarcado grego de Rávena. A cidade está gobernada por un conde que depende do Marquesado de Fermo.

Século XII

[editar | editar a fonte]

No ano 1129, trala invasión lombarda nos Abruzos, Téramo sométese aos normandos do ducado de Apulia. En 1140 Téramo entra a formar parte dos dominios de Roxerio II, primeiro rei do Reino das Dúas Sicilias. No ano 1153, Teodino, un suxeito descoñecido ata entón, fai edificar a igrexa e convento de Sant'Angelo Delle Donne, sucesivamente denominado Madonna Delle Grazie. Téramo é destruída polas armadas normandas de Roberto dei Loretillo, dese cruenta pillaxe só se salva a torre da Piazza Sant'Anna, desde entón chamada Torre Bruciata (torre queimada). En 1176 remátase a construción do Duomo de Téramo, de estilo románico.

Séculos XIII e XIV

[editar | editar a fonte]

En 1268 ponse fin ao dominio dos suevos e comeza o da dinastía Angevina, coñecéndose este tempo como "período de liberdade". Durante a dinastía Angevina, Téramo coñece unha nova época de maxestade: os señores da diocese Aprutina, os bispos Rainaldo Acquaviva, Niccolò degli Arcioni (1317), Stefano da Teramo (1335) e Pietro dei Valle (1366) reconstrúen a cidade que ve o nacemento de castelos, vilas e sobre todo de grandes privilexios concedidos polos soberanos, grazas aos cales edifícanse igrexas, conventos e palacios. A cidade asume novos contornos arquitectónicos, tanto na parte vella como na nova. Téramo vólvese unha verdadeira cidade de fronteira: porta dos reinos.

Século XV

[editar | editar a fonte]
"Ao parlare agi mesura"

Este período está caracterizado polas loitas entre as dúas familias máis importantes da cidade (De Valle e De Melatino), o aforcamento de trece seguidores da familia De Melatino é aínda recordado nun escudo de pedra no centro da cidade, que ve representadas dúas cabezas coa lingua fóra acompañadas polo escrito "Ao parlare agi mesura" (mide as túas palabras). Nos primeiros anos do século, o tirano Antonello de Valle é asasinado e de igual forma demolido o seu fermoso castelo de Piazza Garibaldi. A lenda conta que foron as mulleres da cidade a poñer fin á absurda belixerancia entre ambas familias cunha folga dos seus afectos. Malia os conflitos internos, a cidade vive un período cultural absolutamente activo, grazas a artistas como Jacobello del Fiore e Nicolò da Guardiagrele, e relacións comerciais coa Toscana e Venecia. En xuño de 1442, o reino de Nápoles cae nas mans de Afonso V, rei de Aragón.

Séculos XVI e XVII

[editar | editar a fonte]

No ano 1504, o reino de Nápoles pasa a Fernando o Católico, rei de España, que dá comezo ao dominio español nos Abruzos e no sur de Italia. Trala morte de Fernando o reino pasa a Carlos V e inmediatamente despois Teramo é vendida ao Duque de Atri por 40.000 ducados. Os teramanos rebeláronse ante esta decisión e cóntase que na noite do 17 ao 18 de novembro de 1521, as tropas do Duque que rodearan xa a cidade, espantadas pola visión da Virxe e San Berardo na defensa de Teramo retiráronse asustadas. Nace así o milagre de San Berardo, santo patrón da cidade.

En 1626 un terremoto golpea a cidade e no ano 1630 dáse conta da peste, propagada desde Milán.

Século XVIII

[editar | editar a fonte]
Reino das Dúas Sicilias

En 1707, despois da Guerra de Sucesión Española, a Casa de Habsburgo domina todo o Reino das Dúas Sicilias durante 27 anos. En 1744 prodúcese unha invasión alemá á cidade e o nacemento en Téramo dun movemento iluminista de varios intelectuais liderado por Melchiorre Delfico, notorio compositor, poeta e filósofo italiano. En 1798 os franceses entran en Téramo e, aínda que son inicialmente expulsados polos cidadáns, volven aos poucos días destruíndo sen piedade a cidade enteira.

Século XIX

[editar | editar a fonte]

O 15 de marzo de 1806 Napoleón derrota ao rei Fernando I de Borbón e Téramo convértese nunha posesión francesa a tódolos efectos. En 1815 a cidade volve a formar parte do reino de Nápoles. En 1823 prodúcese a primeira visita á cidade do rei Fernando II das Dúas Sicilias, realizando dúas máis: en 1844 e 1847. En 1890 fúndase o laboratorio astronómico de Collurania.

Idade contemporánea

[editar | editar a fonte]
Terremoto de L'Aquila, en 2009

En 1925 fúndase en Téramo a primeira sociedade psicoanalitica italiana. Nove anos despois, en 1934, complétase e estréase o novo palacio do Convitto Nazionale anexo ao Liceo-Ginnasio e a Biblioteca Melchiorre Delfico na praza que levará o nome de Dante Alighieri, fundándose en 1941 o Instituto Zoo profiláctico. O 25 de xuño de 1943 as tropas alemás chegadas a Téramo avanzan cara Bosco Martese, onde se enfrontan cos homes da resistencia teramana. O episodio é lembrado como a Battaglia di Bosco Martese. En 1972 celébrase por primeira vez a Coppa Interamnia, aínda en curso hoxe. O 30 de xuño de 1985 visita oficialmente a cidade o Papa Xoán Paulo II e 4 anos máis tarde Téramo é nomeada por Unicef "cidade aberta ao mundo". En xuño de 1991, o daquela cardeal Joseph Ratzinger lidera un histórico congreso chamado "Capitalismo e dereito social". Dous anos máis tarde, en 1993, fúndase oficialmente a Universidade de Téramo. En 1995 prodúcese a apertura do segundo túnel do Gran Sasso, dirección L'Aquila. O 15 de setembro de 2005 visita a cidade o Presidente da República italiana, Carlo Azeglio Ciampi, visitándoa o Presidente do Consello, Silvio Berlusconi, 3 anos despois. En abril de 2009, aínda que se percibiran intensos sismos na cidade, Téramo non sofre danos significativos ocasionados polo terremoto de L'Aquila.

Monumentos

[editar | editar a fonte]

Teatro romano

[editar | editar a fonte]

Construído a principios do século II baixo o reinado do emperador Adriano, o teatro é a proba visible da prosperidade de Interamnia. Esta antiga ruína impresionou ao famoso poeta Gabriele D'Annunzio que escribiu: "A ruína do teatro de Interamnia atestigua a antiga maxestuosidade romana".

Anfiteatro romano

[editar | editar a fonte]

Faltan as probas para demostrar que o grande anfiteatro teramano acollera o triste espectáculo do martirio dos primeiros cristiáns, aínda que sexa certo que polas dimensións era un lugar de interese cidadán. Crese que na Idade Media fora utilizado, así como o Coliseo de Roma, como alcázar ou castelo de protección da cidade. A lenda conta que unha fermosa dama española tiña o costume de matar aí aos homes que adulara e dos cales acababa de saciarse, de maneira que non puidesen revelar nada das noites de amoroso desafogo.

Mosaico do leone

[editar | editar a fonte]

Achado en 1891, trátase posiblemente do emblema mesmo da historia arqueolóxica teramana. Descuberto durante as obras do gran Palazzo Savini o mosaico sufriu séculos de humidade, pero grazas a unha grande obra de restauración hoxe podemos afirmar que é unha das obras máis representativas da arqueoloxía cidadá.

A beleza da obra amosa que na mesma cidade houbo unha verdadeira escola e tradición dos mestres do mosaico romano, xa que obras de tal grandeza viñan normalmente mercadas do estranxeiro. É interesante como aínda hoxe en día na cidade moitos novos artesanos estanse especializando no traballo do mosaico segundo as regras dos mestres romanos.

Casa urbani

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha das habitacións máis interesantes da Téramo medieval, foi destruída polo Conde normando de Loretello a mediados do século XII.

Spirito Santo

[editar | editar a fonte]

Igrexa do século XIV, estaba relacionada coa igrexa do Santo Spirito in Sassia de Roma como recorda a dobre cruz de Constantino. Foi sede dun hospital e dunha confraría que se ocupaba da sepultura de presos falecidos e dos xulgados.

Casa do Mutilato

[editar | editar a fonte]

Antiga igrexa Della Misericordia, hoxe Casa do Mutilato; edificada como consecuencia da peste de 1348 e restaurada en 1928. De relevancia é o fresco de Giacomo dá Campli (século XV). En 1514 foi visitada pola raíña Xoana II de Nápoles para adorar aí un precioso crucifixo que parece que englobase unha espina da coroa de Xesús.

Piazza Sant'Anna

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha praza no centro da cidade cunha fermosísima igrexa, e recentemente suxeita a obras polo descubrimento de restos romanos.

Duomo de Téramo

[editar | editar a fonte]

A Basílica Catedral de Santa Maria Assunta e San Berardo é a obra artística máis importante de Téramo. A súa edificación tivo comezo en 1158 por vontade do bispo Guido II, que quería dar un novo aloxamento ás reliquias de San Berardo. Foi consagrada e rematada en 1176; parte do material para construíla foi tomado do teatro e do anfiteatro romano. A torre, que leva tres campás, ten unha altura de 50 metros e foi realizada entre os séculos XII e XIII. Merece ser mencionado o palio de prata, obra mestra de Nicola da Guardiagrele, que tardou quince anos en edificalo (do 1433 ao 1448).

Desde o 8 de setembro de 2007 é posible visitar a cripta subterránea de San Berardo, santo patrón da cidade.

Vescovado

[editar | editar a fonte]

Foi edificado probablemente en 1374 con alicerces de pedras e travertino de Civitella del Tronto e é aínda a residencia do bispo e dos oficios da Curia Aprutina. É o mesmo bispo o que lidera, cada ano, durante a noite entre o xoves e o venres santo, un extraordinario camiño nocturno. A tradición e a ritualidade din que a virxe, que aínda non está de loito, vaga de igrexa a igrexa en busca do seu fillo, pero se na desesperada procura atopa a choiva, reparará na igrexa máis próxima, onde terá que quedar ata a mesma noite do ano sucesivo. No entanto o camiño empeza ás catro da mañá, é unha ritualidade que segue chamando a milleiros de fieis na Pascua teramana.

Madonna delle Grazie

[editar | editar a fonte]
Madonna delle Grazie

A igrexa teramana fuori porta (fóra dos muros romanos que rodeaban a cidade) é unha das citas rituais da cristiandade cidadá. A igrexa foi novamente aberta en setembro de 1900 xunto á conventualidade.

Castello Della Monica

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Castello Della Monica.

É un soño feito realidade. O soño dun home, un artista que seguindo as modas de finais do século XIX, o "gothic revival", decidiu regalarse un castelo. Gennaro Della Monica construíuse para el e a súa familia un castelo no centro da cidade que el mesmo puliu cada mínimo detalle. A historia do castelo é tamén a historia de amores secretos, mortes violentas, lendas e fantasías.

Convitto Nazionale

[editar | editar a fonte]

O Convitto Nazionale Melchiorre Delfico é un dos palacios máis fermosos da cidade. Maxestoso, impoñente como un mosteiro romano, trátase dun instituto público do Estado, sede do Convitto Nazionale e do Liceo Classico e con características particulares dentro do panorama escolástico italiano, foi construído nos primeiro anos do século XIX. Representou a sede da primeira Universidade (Facultade de Dereito) da cidade en 1817.

Sor Paolo

[editar | editar a fonte]

Segundo os arqueólogos e os estudosos é unha antiga estatua togada dun potente patricio romano, segundo os teramanos é simplemente Sor Paolo ou mellor devandito Gnore Paule. Este era un opositor e castigador de costumes da cidadanía e sobre todo dos gobernantes. De feito, na man esquerda da estatua, viñan inflados papeis de queixas, protestas, e sátiras contra os señores da cidade que actualmente foron substituídas con poesías de amor ou bandeiras dos equipos deportivos da cidade.

Institucións

[editar | editar a fonte]

Istituto Zooprofilattico Sperimentale

[editar | editar a fonte]

Fundado o 2 de setembro de 1941, o Istituto Zooprofilattico Sperimentale dell'Abruzzo e do Molise G. Caporale (IZSAM) é un dos dez institutos experimentais zoo-profilácticos italianos. Ocúpase da inspección do estado santiario dos animais, da salubridade dos produtos de orixe animal, da vixilancia veterinaria, da formación, experimantación e investigación científica e do coidado do ambiente.

Museo Cívico d'Arte e Pinacoteca dei Teramo

[editar | editar a fonte]

O museo arqueolóxico hospeda restos e esculturas da Téramo máis antiga, da prehistoria á época romana. A pinacoteca consta dunha notable colección de teas e esculturas de arte moderna e contemporánea. Actualmente é utilizada para exposicións temporais e proximamente o será para coleccións permanentes.

Observatorio de Collurania-Teramo

[editar | editar a fonte]

O Osservatorio Astronomico di Collurania-Teramo é a proba evidente da posibilidade de facer Ciencia malia vivir lonxe das grandes casas do saber. É a realización dun soño de finais do século XIX dun teramano, o astrónomo Vincenzo Cerulli, que soubo mirar máis aló do que tiña por diante. A el mesmo débese o descubrimento o 2 de outubro de 1910 dun novo asteroide que chamou Interamnia. O observatorio ten un espléndido telescopio e unha rica colección do museo dos instrumentos científicos.

Antico manicomio

[editar | editar a fonte]

Edificio impoñente do ano 1323 que unha vez foi considerado o instituto hospitalario máis grande para a cura das enfermidades mentais do centro-sur de Italia. Destacou por ter unha clase médica extraordinaria grazas á activa participación de Marco Levi Bianchini, un dos grandes pais da psiquiatría italiana e alumno de Sigmund Freud, co que mantiña correspondencia epistolar. El mesmo fundou en Téramo a primeira Sociedade Italiana de Psicanálise. Na porta do gran manicomio había unha inscrición que dicía "Aquí os poucos, quizais nin os verdadeiros".

Universidade de Téramo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Universidade de Téramo.

A Università degli Studi di Teramo é unha universidade estatal italiana fundada en 1993, cando as facultades de Veterinaria, Dereito e Ciencias Políticas situadas en Téramo desde había xa moito tempo sepáranse da Universidade de Chieti á que pertenecían para crear unha nova institución completamente autónoma.

A Universidade de Téramo conta con cinco facultades: Agricultura, Ciencias da Comunicación, Dereito, Ciencias Políticas e Medicina Veterinaria.

Ademais é activa protagonista dunha vivaz política de internacionalización na que participan cada vez máis estudantes estranxeiros nos seus cursos por medio de numerosas bolsas de estudointernacionais.

O equipo da cidade, o Teramo Calcio, é un dos clubs máis antigos do fútbol italiano. Fundado o 15 de xullo de 1913, afianzouse desde sempre como un dos equipos protagonistas da Serie C. Na campaña 2010/11 militará na Serie D.

Nos case 100 anos de historia son moitos os ex xogadores do Teramo que alcanzaron grandes cotas: Enrico Chiesa, Moris Carrozzieri, Julio César de León, Simone Pepe e, aínda que xogase no "diavolo" só un mes, o campión do mundo Fabio Grosso.

O moderno Stadio Comunale de Teramo estreouse o 27 de marzo de 2008 cunha capacidade de 7.498 espectadores ampliable a 13.000 cando a sociedade volva a categorías profesionais. A instalación utilízase tamén para concertos (Jovanotti, Laura Pausini, Tiziano Ferro, Vasco Rossi e outros).

Baloncesto

[editar | editar a fonte]

O Bancatercas Teramo Basket é de momento o máximo representante deportivo de toda a rexión dos Abruzos. Fundado en 1973 leva xa 5 tempadas na máxima categoría italiana (Serie A1) e leva dous xogadores á selección Italiana. Cando xoga de local, o PalaScapriano (palacio de deportes) vólvese un inferno que aguanta ao equipo brancovermello ata o pitido final.

Algúns xogadores da historia do Teramo Basket que merecen ser mencionados son: Mario Boni (eterna lenda do baloncesto italiano), Clay Tucker, Hassan Adams, Jaycee Carroll ou Roger Powell.

Balonmán

[editar | editar a fonte]

O balonmán é probablemente o deporte rei da cidade, a Emmelle Naca Medical Teramo Handball leva moitos anos na Serie A e actualmente participa na Serie A1, unha súper liga onde se enfrontan só os oitos mellores equipos de Italia. O HC Teramo 2002 é o equipo feminino, que tamén xoga na máxima categoría italiana.

A primeira semana de xullo dispútase en Téramo a Coppa Interamnia, que é a máis importante manifestación de balonmán a nivel mundial; máis de 30 seleccións (masculinas e femininas) de tódolos continentes chegan á cidade durante unha semana para enfrontarse nun torneo que se disputa en tódolos campos de Téramo. Nese período a cidade vólvese un hemisferio de multiculturalidade e festas. O torneo chegou xa á súa 36ª edición.

Outros deportes

[editar | editar a fonte]

Outros deportes moi activos en Teramo son o tenis: a cidade cada ano aloxa un torneo internacional; o fútbol sala; o rugby; o vaterpolo e o automobilismo, co Rally de Teramo. Ademais, cada 1 de maio celébrase a Maratonina pretuziana, un maratón no que participan deportistas de todo o mundo.

Enogastronomía

[editar | editar a fonte]

A gastronomía teramana é unha das máis apreciadas non só no centro de Italia, senón en toda a península; a súa cociña de feito é absolutamente rica, variada e de antiquísimas tradicións campesiñas con inconfundibles cheiros e sabores.

Le virtù

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Virtù.

Trátase dun verdadeiro ritual propiciatorio que se celebra ao chegar a primavera coa preparación dun prato cuxas orixes remóntanse á noite dos tempos cando, a finais do inverno, as campesiñas unían ás novidades da tempada o que quedou nas despensas das provisións invernais.

A preparación, que segundo a tradición dura tres días e tres noites, é extremadamente complicada porque os numerosos ingredientes (fabas e chícharos frescos, lentellas, garavanzos, xudías, alcachofas, espinacas, endivia, chicoria, acelgas, nabos, apio, cabaciñas, allo, cebola, herbas aromáticas, xamón, folla de touciño, orellas e pés de porco, témpanos, pallottine) van cocidos por separado e só ao final pódense mesturar coa pasta de varios tipos e cores.

As familias teramanas que aínda seguen a tradición, doan e intercámbianse a virtù para posteriormente xulgalas e confrontalas; pese a iso, e sobre todo pola dificultade da preparación, hoxe en día non son poucos os cidadáns que o 1 de maio compran ese boísimo prato nos moitos restaurantes da cidade que están sempre listos para a devandita ocasión.

Chitarra con lle pallottine

[editar | editar a fonte]

Outro prato príncipe da gastronomía teramana son os maccheroni á chitarra ou Chitarra con lle pallottine. A pesar do nome son un tipo de espagueti de sección cadrada que se obteñen comprimindo a folla da pasta na chitarra: un utensilio tradicional abruzés formado por fíos de aceiro tensados, unidos paralelamente nunha armadura de madeira. O excepcional deste prato está na salsa que se agrega con pallottine (pequenas albóndegas de carne feita a man e sofrita).

Scrippelle

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Scrippelle.

Ademais das pallottine, outro elemento único da cociña teramana son as scrippelle: finísimas tortillas preparadas nunha tixola fervendo unha masa de fariña, auga e ovos; estas son moi parecidas ás crepes francesas, de feito para dita de moitos foron trasladadas á terra de Napoleón cando o seu exército abandonou a cidade. As scrippelle son a base de dous pratos típicos teramanos: as extraordinarias scrippelle mbusse, encodilladas e mergulladas nun caldo de galiña espolvoreadas con parmesano, e o timballo dei scrippelle unhas lasañas enriquecidas de pallottine, salsas particulares e todo o que a imaxinación dunha muller teramana permita.

Outros pratos

[editar | editar a fonte]

Outros pratos típicos son a sopa de garavanzos, cogomelos e castañas e as saborosas mazzarelle (o obrigatorio primeiro prato do xantar de Pascua de cada teramano): unhas follas de leituga que arrollan a corada de cordeiro (fígado, corazón e pulmóns) con cebola, allo e perexil, poden ser acompañadas con tomate.

Os 'Ndocca 'Ndocca son o clásico exemplo de prato pobre campesiño, onde se utilizan todas a partes do porco (orellas, pés, fociño, chuletas) que non poden ser xamóns ou embutidos.

Os Caggionetti en fin, é unha sobremesa abruzesa coa forma dun ravioli; unha folla lixerísima repleta, que nos Caggiunitte teramanos está feita de castañas, chocolate, améndoas tostadas, casca de limón, acitrón e canela.

Nos outeiros teramanos cultívanse as típicas cepas dos Abruzos: o Montepulciano d'Abruzzo rosso ou Montepulciano d'Abruzzo cerasuolo (tintos) e o Trebbiano d'Abruzzo (branco); o Montepulciano d'Abruzzo Colline Teramane é considerado un dos mellores viños de Italia.

Comunicación urbana e turismo

[editar | editar a fonte]
Autostrada A24

Cidades irmás

[editar | editar a fonte]

Teramo está irmandada con:

  1. http://www.praha7.cz/default.aspx?l=2 Arquivado 21 de setembro de 2007 en Wayback Machine. Prague 7 City District

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]