NEOFALANTISMO
NEOFALANTISMO
Fernando Ramallo
Universidade de Vigo
245
Nas últimas décadas, moitas linguas europeas sometidas historicamente a procesos
de minoración lograron atinxir visibilidade nos dominios público e institucional1.
Na práctica, isto non supuxo o abandono da lingua do poder económico, ideoló-
xico e político. Agora ben, o feito de que unha lingua minoritaria se filtre nas ins-
titucións propicia, en moitos casos, unha transformación dos valores simbólicos
asociados a ela, ademais dunha reestruturación formal e funcional.
En contextos políticos nos que se favorece a lexitimación dunha lingua minori-
taria, o principal dominio sobre o que se constrúe a súa transformación en lingua
pública é o sistema educativo. Hai un amplo consenso na consideración do im-
portante rol que a escola exerce respecto das linguas minoritarias. Así, promover
unha lingua minoritaria no sistema educativo ten consecuencias na súa produción
e na súa reprodución (Williams 2005). Unha delas é a aparición de novos apren-
dices das linguas minoritarias. Cando estes aprendices acadan un nivel básico das
destrezas orais da lingua, e sempre que haxa unha motivación favorable, pódense
converter en neofalantes desas linguas. Isto, en moitos contextos, supuxo un aci-
cate no proceso de revitalización lingüística (O’Rourke e Ramallo 2010).
A presenza deste novo grupo de falantes, consecuencia tanto do fomento pú-
blico dunha lingua minoritaria como dunha posición consciente respecto da súa
situación social regresiva, altera a orde sociolingüística e contribúe á emerxencia
dalgunhas tensións: interdialectal, identitaria, simbólica. En termos xerais, unha
tensión entre o universo representacional dos falantes tradicionais e aqueloutro
dos neofalantes. En parte, trátase dun conflito normativo, na medida en que
tanto esas tensións como a súas resolucións son accións sociais reguladas cul-
turalmente2. A convivencia de ambos sistemas sociolingüísticos, o tradicional e
1
Este traballo é parte dunha investigación en marcha sobre neofalantes en Galicia. Como se verá, o texto
non inclúe datos empíricos. Non obstante, estes poden consultarse na bibliografía (O’Rourke e Ramallo
2010, 2011, 2013a, 2013b, 2014). Agradezo a Bernadette O’Rourke e a Gabriel Rei-Doval os seus útiles
comentarios a unha versión previa deste texto. Calquera erro é só atribuíble ao autor.
2
A natureza multifacética deste conflito precisa dunha análise detida que non estamos en disposición de
realizar nesta achega.
247
Fernando Ramallo
o emerxente, dependerá, en boa medida, da recuperación da lingua no ámbito
familiar. Do contrario, esas tensións facilitarán ben o declive das falas tradicio-
nais e a fortaleza das neofalas, ben o esmorecemento das linguas minoritarias en
calquera das súas variedades.
As neofalas constitúen un continuo que percorre desde formas de expresión
altamente ligadas ao estándar, cun uso formal moi esmerado, a aqueloutras moi
interferidas pola lingua materna e de primeira socialización dos novos usuarios.
Asistimos, xa que logo, a unha conxuntura de transición dun modelo formal e
funcional das linguas a outro. O que está por ver é se o futuro das linguas mi-
noritarias está estreitamente relacionado coas neofalas ou se isto non é máis que
unha fase, quizais final, no proceso de substitución lingüística. No caso galego, é
preciso indagar nas lóxicas inherentes a este novo statu quo a partir da análise das
motivacións que levan a unha persoa a converterse en neofalante, tendo en conta
que esta decisión implica xestionar as tensións que hai entre falantes tradicionais,
neofalantes e falantes de castelán na procura do seu espazo (O’Rourke e Ramallo
2011, 2013a, 2013b, 2014). Neste texto, achegamos unha primeira proposta ex-
plicativa para este fenómeno de desprazamento dunha lingua socialmente presti-
xiada. Para nós, trátase dun movemento social, artellado ao redor dunha minoría
activa (Moscovici 1976) e que propoñemos denominar neofalantismo3.
O neofalantismo pretende tamén abrir unha reflexión sobre a metalinguaxe
utilizada para describir as linguas en situación de contacto lingüístico. Por exem-
plo, o termo ‘falante nativo’ utilízase con frecuencia como un arquetipo restri-
tivo para xustificar xerarquías de falantes. Adxectivos como ‘auténtico’, ‘puro’
e ‘innato’ asócianse cos trazos dos ‘falantes nativos’, mentres que o uso dunha
determinada lingua por falantes non nativos tende a ser descrito como ‘artificial’,
‘contaminado’ e ‘adquirido’ (O’Rourke e Ramallo 2011). Con frecuencia, aos fa-
lantes nativos atribúese o papel do ‘falante lexítimo’ (Bourdieu 1982). Con todo,
este concepción do ‘falante nativo’ como o usuario da forma ‘pura’, ‘auténtica’ ou
‘lexítima’ hai tempo que entrou en crise, particularmente na súa referencia ao in-
glés (Kachru 1990; Holborow 1999; Crystal 2003). De feito, desde a perspectiva
do denominado ‘inglés global’ lexitímanse as falas dos non nativos asemellándoas
ás dos británicos, norteamericanos, etc. (Graddol 2006; Jenkins 2007). En fin,
estamos ante conceptos que están moi ligados ás identidades e son substanciais
3
O termo ‘neofalantismo’ xurdiu de xeito espontáneo nunha das discusións grupais que utilizamos na nosa
investigación con neofalantes de galego (O’Rourke e Ramallo 2013b, 2014).
248
NEOFALANTISMO
nas identificacións das minorías (Park 2007). De feito, os propios conceptos de
‘minoría’ e de ‘maioría’ lingüísticas cómpre matizalos nunha semántica relaciona-
da co contacto de linguas (Ramallo 2010).
1. A orixe contemporánea dos neofalantes galegos
Definimos o neofalante de galego como unha persoa que aprendeu a falar en
castelán, que tivo este como idioma familiar e que nalgún momento da súa vida
decide falar só ou maioritariamente en galego. Este perfil de falantes ten as súas
orixes nos primeiros anos 80. Nesa altura prodúcense unha serie de transforma-
cións fortemente relacionadas e de gran transcendencia para entender o contexto
sociolingüístico no que ten lugar a emerxencia dos novos falantes do idioma. As
máis relevantes foron, por un lado a oficialización do idioma e, por outro, o seu
recoñecemento xeneralizado como un símbolo central da identidade de Galicia
(Seminario de Sociolingüística 1996). O status xurídico do idioma fíxase a partir
das disposicións recollidas no art.º 3 da Constitución Española (1978), no art.º 4
do Estatuto de Autonomía (1981) e na Lei de Normalización Lingüística (1983),
que derivaron nun réxime de dobre oficialidade entre galego e castelán, aínda que
cun alcance diverso (Arzoz Santisteban 2009). Pola súa banda, o recoñecemento
social da lingua favoreceu a súa institucionalización, entendida como a presenza
non marcada do idioma no ámbito das actividades públicas.
Ademais, nesa década ponse en marcha o proceso de estandarización lingüís-
tica, que comeza a consolidarse en 1982 e que acada un consenso aínda maior
en 2003, cando ten lugar a derradeira reforma. Aínda que desde mediados do
século xix houbo distintos intentos de crear unha variedade culta da lingua, hai
que agardar ata as últimas décadas do xx para o establecemento dunha normativa
con amplo recoñecemento social, mais non exenta de resistencias, particular-
mente entre os defensores dunha norma máis ligada ao portugués, nalgúns casos
chegando a propoñer a adopción do portugués estándar para a codificación do
galego escrito (véxase Rei Doval neste mesmo volume). O desenvolvemento do
estándar adquiriu unha forte connotación social, na medida que se converteu na
variedade lexitimada en moitos ámbitos de uso. En Galicia, a invención do están-
dar supuxo alterar a orde sociolingüística en, polo menos, dúas direccións. Dun
lado, engadiu unha variedade nova no espazo lingüístico do galego. Doutro lado,
249
Fernando Ramallo
a situación de dobre oficialidade citada favoreceu a penetración desa variedade
en dominios ata hai poucas décadas reservados ao castelán, tales como o sistema
educativo, os medios de comunicación e a administración autonómica e local,
modificando a estabilidade dunha situación previa de tipo marcadamente digló-
sico (Fishman 1967). Ambas as dúas alteracións contribuíron á formación de
novas ideoloxías lingüísticas con consecuencias nos valores atribuídos a linguas
(O’Rourke e Ramallo 2013a, 2013b).
Por último, a dobre oficialización á que acabamos de referirnos facilitou a
posta en funcionamento dun modelo de educación bilingüe universal, é dicir,
de aplicación en todo o sistema educativo de carácter público ou concertado
de Galicia, no que estuda máis do 95% da poboación estudantil. Este mode-
lo concretouse en programas de educación bilingüe diferentes, en consonancia
coas posicións ideolóxicas dos distintos gobernos autonómicos desde 1981 ata
a actualidade (Bouzada, Fernández Paz e Lorenzo Suárez 2002; Fernández Paz,
Lorenzo Suárez e Ramallo 2008).
A incorporación do idioma galego ao sistema educativo tivo como consecuen-
cia máis inmediata que por primeira vez na historia toda a poboación menor de
40 anos tivo un contacto continuo coa lingua nun ámbito formal. En termos
sociolingüísticos, tres son os aspectos que se derivan desta situación. Dunha ban-
da, o aumento das competencias lingüísticas en galego por parte da poboación
estudantil. Doutra, o desprazamento xeral dos prexuízos que tradicionalmente
ligaban o idioma ao atraso e á incultura4. Por último, o xurdimento dunha po-
sición consciente sobre a situación sociolingüística regresiva na que se atopa a
lingua, acrecentada desde mediados do século xx. De feito, xunto co estudo de
cuestións gramaticais e coa aproximación á literatura galega, a terceira das uni-
dades temáticas na programación educativa obrigatoria relacionada co idioma
galego é a que trata as problemáticas entre a lingua e a sociedade. Nela ten espazo
desde a historia social da lingua ata a descrición e valoración da actual situación
de contacto lingüístico entre galego e castelán.
Pois ben, estes tres escenarios contribuíron a emerxencia dunha nova categoría
de falantes de galego. Como en moitas outras latitudes, o perfil das persoas que
aprenden galego como segunda lingua é diverso e está formado sobre todo por
4
Paradoxalmente, o ‘avance’ social do galego trouxo consigo a aparición de novos prexuízos e mitos sobre
o idioma (Freixeiro Mato 2008; Núñez Singala 2009).
250
NEOFALANTISMO
inmigrantes foráneos, inmigrantes procedentes doutras partes do Estado español,
empregados públicos desprazados por motivos laborais a Galicia (profesores, per-
soal sanitario, xuíces, etc.), inmigrantes da diáspora galega retornados e persoas
nacidas en Galicia pero que aprenderon a falar en castelán e esta foi a lingua de
boa parte da súa socialización. É neste último grupo no que atopamos a caracte-
rización máis completa da nosa definición de neofalante: unha persoa que tivo
o castelán como primeira lingua e como lingua familiar, e que nun momento da
súa vida, o contacto co galego fai que desprace a súa lingua materna a un segundo
plano e se transforme en falante (case) exclusivo de galego.
2. Presenza de neofalantes na Galicia actual
Aínda que non é doado cuantificar a porcentaxe de persoas que comparten os tra-
zos que caracterizan un neofalante, a partir da explotación estatística dos censos
dos últimos anos consideramos que en Galicia os neofalantes son o 2% da po-
boación (Ramallo 2012). O seu perfil demográfico é heteroxéneo. Co descenso
do uso do galego na maioría dos territorios de Galicia, o neofalante aparece non
só nas cidades senón tamén nas vilas de tamaño medio. Aínda que a porcenta-
xe sinalada poida resultar residual, téñase en conta que son aproximadamente
70 000 as persoas que desprazaron o castelán para convertérense en falantes acti-
vos de galego. Non esquezamos que unha boa parte da poboación castelanfalante
é candidata potencial a converterse en neofalante. De aí a importancia social des-
te sector da poboación. De feito, cunha definición menos restritiva que inclúa ta-
mén as persoas que, unha vez adquirido o castelán, aprenderon galego e utilízano
esporadicamente ou fan un uso contextual (traballo, ocio, amigos, etc.) do idio-
ma, os neofalantes supoñen case a metade dos castelanfalantes iniciais (Instituto
Galego de Estatística 2008). Dun xeito ou doutro, o galego é unha lingua de uso
por moitos falantes habituais de castelán, potencialmente neofalantes de galego.
2.1. O perfil do neofalante
O perfil do neofalante galego é o dunha persoa nova, concienciada coa situación
social da lingua galega e que opta por utilizar de xeito habitual o galego como
unha medida de reivindicación social, política e/ou cultural. É sobre todo, como
251
Fernando Ramallo
xa sinalamos, unha forma de identificación que connota os seus protagonistas
dentro do grupo de falantes de castelán pero tamén dentro do grupo de falantes
tradicionais ou nativos de galego. O maior número vive en espazos urbanos. Nas
cidades máis castelanizadas o único galego que se escoita nos barrios do centro é
o dos neofalantes, e quedan residuos de galego tradicional nas zonas periféricas.
Con certeza, non podemos falar só dun tipo de neofalantes (Frías-Conde
2006), aínda que case todos compartan os trazos que acabamos de sinalar. O que
os une é unha práctica social; o que os diferencia ten que ver coas razóns para
desprazar a lingua materna: o ambiente social de referencia, a construción iden-
titaria, o modelo de lingua aprendido, o dominio formal da lingua ou a biografía
lingüística, entre outras (Ramallo 2012).
De feito, no caso galego, dada a proximidade estrutural das linguas en contac-
to, é evidente que as interaccións bilingües requiren un menor esforzo formal e
funcional que no caso doutras linguas. Aínda que o sistema lingüístico educativo
se deseñou para ampliar as competencias lingüísticas tanto do castelán como do
galego, para un castelán-falante non é imprescindible o paso polo sistema educa-
tivo para poder intervir en interaccións lingüísticas nas que a lingua galega teña
presenza. É dicir, a lingua tamén se incorpora pola actividade doutras axencias,
como a comunidade, a televisión galega, etc. Poderiamos dicir que o galego se
aprende tamén por contacto social e por iso practicamente toda a poboación de
Galicia é funcionalmente bilingüe, aínda que se trate dun bilingüismo receptivo.
De todos os xeitos, convén ter en conta que aínda que o dominio da lingua é
unha condición básica para converterse en falante activo, non é suficiente. De
feito, a decisión de converterse en neofalante responde tamén a unha posición
cultural, política e/ou social.
3. O neofalantismo como unha minoría activa
O neofalantismo constitúe un movemento social conformado por suxeitos que
adoptan unha práctica consciente de defensa e activismo a prol das linguas so-
cialmente minoritarias, mediante o seu uso, a súa reivindicación pública e a súa
dignificación social. A diferenza doutros grupos sociais que teñen obxectivos se-
mellantes, no neofalantismo dáse unha condición excepcional: o desprazamento
da lingua materna por unha lingua aprendida na socialización secundaria, polo
252
NEOFALANTISMO
xeral con menos prestixio social e, a miúdo, nunha situación sociolingüística re-
gresiva. Malia que o suxeito prototipo do neofalantismo é o neofalante, en tanto
que movemento social, pode recibir adhesións doutras categorías de falantes:
falantes ocasionais, inmigrantes cun uso funcional, falantes profesionais, etc.
Esta práctica sitúanos ante un interrogante que é preciso abordar: como se
explica que unha persoa decida desprazar a súa lingua materna, cando esta é a
lingua socialmente prestixiada na comunidade? En xeral, a substitución lingüís-
tica enténdese como o resultado do abandono dunha lingua por outra nunha
determinada comunidade. A lingua abandonada sufriu un proceso previo de
minoración, desligándoa dos valores do progreso e da razón, que si mobiliza a
outra lingua en contacto (Williams 2005). Agora ben, ademais desta concepción
clásica do proceso, por estraño que pareza, a substitución lingüística pode darse
á inversa. É dicir, desprazando a lingua considerada de prestixio na comunidade
por parte de individuos que aprenderon a lingua minoritaria en procesos de so-
cialización secundaria, particularmente a través do sistema educativo. É verdade
que neste caso se trata dun proceso que inicialmente afecta a persoas e non a toda
a comunidade. Por iso, propoñemos denominalo desprazamento da lingua maio-
ritaria (O’Rourke e Ramallo 2013a).
En consonancia co dito anteriormente, este proceso de desprazamento da lin-
gua maioritaria é, en parte, consecuencia dunha toma de conciencia sobre unha
realidade sociolingüística regresiva ligada a procesos comunitarios de substitución
lingüística. Aínda que é un proceso que se está a vivir en moitas situacións de con-
tacto con linguas minoritarias, é necesario indicar que non en todos os contextos
se presenta da mesma forma. Así, cando as linguas en contacto son estruturalmen-
te próximas (como é o caso do galego e do castelán) é máis doado e máis probable
o desprazamento da lingua maioritaria. Se as linguas son estruturalmente distan-
tes, o abandono da lingua maioritaria é máis complexo.
Unha explicación desta práctica encontrámola no concepto de minoría activa
e nas formas de influencia social propias das minorías (Moscovici 1976; Mos-
covici, Mucchi-Faina e Maass 1994). Na súa xa clásica crítica ao modelo psico-
-sociolóxico funcionalista, Moscovici (1976) opón tres formas de influencia so-
cial. Dunha banda, a que se basea no consenso, a conformidade e a submisión;
doutra, a sustentada na normalización; finalmente, a orientada desde o conflito
e a innovación. A primeira é unha modalidade de influencia social que ten a súa
253
Fernando Ramallo
orixe (e o seu control) nas maiorías; a segunda é unha sorte de compromiso, de
nivelación de normas consideradas equivalentes; a terceira é a forma de influencia
social exercida polas minorías, máis concretamente polas minorías activas. Son
cambios desde abaixo, introducidos desde minorías que non parten de posicións
sociais privilexiadas pero que contribúen á transformación social.
Unha minoría activa é aquela que ten capacidade «para influír e para produ-
cir cambios en función da súa diverxencia fronte á maioría» (Moscovici 1976:
105, tradución propia). Con frecuencia, unha minoría activa provoca cambios
na maioría creando conflitos nela que conseguen modificar, en primeiro lugar,
os seus marcos interpretativos (cognicións e valoracións) e, en segundo lugar, as
súas prácticas. En termos de comportamento, a esencia da influencia social dunha
minoría activa é a súa consistencia, na medida que se interpreta como un sinal de
certeza e como «reflexo do compromiso por unha opción coherente e inflexible»
(Moscovici 1976: 151, tradución propia). Xa que logo, a minoría inflúe e fai cam-
biar á maioría por un comportamento consistente que remata por crear conflito
e dúbida entre os membros da maioría e os conduce a examinar e reavaliar a súa
propia postura, cognitiva ou valorativa5. Sen influencia das minorías non é doado
explicar o cambio social. Os datos que sustentan a nosa investigación sobre neo-
falantes poñen de manifesto estes comportamentos (O’Rourke e Ramallo 2014).
Abordar o neofalantismo como unha minoría activa permite entender parte
das motivacións que leva consigo un cambio tan relevante como o de abandonar,
sequera dunha forma simbólica, unha lingua materna que, non o esquezamos,
é a lingua da maioría social, do poder e da ‘normalidade’. Supón tamén aceptar
un comportamento innovador que trata de reivindicar un espazo e un compro-
miso para transformar a sociedade desde abaixo, cunha minoría lingüística que
se resiste enerxicamente á decadencia que supón aceptar o statu quo lingüístico,
prexudicial, a maioría das veces, para as comunidades lingüísticas minoritarias.
Co seu comportamento, o neofalante é un indutor de novos marcos interpretati-
vos sobre a realidade sociolingüística do seu ámbito. En todo caso, a soa presenza
de neofalantes, máis alá de supoñer un valor na recuperación do idioma, significa
ademais un factor esencial de transformación da orde sociolingüística. Así, na
5
Moscovici (1976) distingue cinco estilos de comportamento que contribúen a que as minorías logren
influencia social: esforzo, consistencia, autonomía, rixidez e flexibilidade. De todos eles, a consistencia é
o máis importante.
254
NEOFALANTISMO
medida en que as súas prácticas lingüísticas adoitan ser recoñecidas e valoradas
polo resto da poboación, non é esaxerado dicir que os neofalantes incorporan
capital cultural e prestixio social á lingua.
A partir desta consideración, o propio concepto de ‘lingua minoritaria’ debe
ser sometido a revisión. En primeiro lugar, por lingua minoritaria non sempre
se fai referencia ao número de falantes senón ao acceso aos recursos e aos capitais
que o dominio dunha determinada lingua permite acumular aos seus falantes.
O feito de que unha lingua tradicionalmente considerada minoritaria amplíe
o seu valor no mercado lingüístico (Rossi-Landi 1968; Bourdieu 1982) contri-
búe a diluír esa dicotomía ‘maioritario-minoritario’. E isto pasou en moitas
linguas europeas. Se ben durante séculos subsistiron no dominio das tradicións
e as emocións, manténdose afastadas da razón e da orde económica (Williams
2005), desde o momento en que se producen cambios na súa lexitimación
créanse as condicións para a incorporación das linguas minoritarias ao reperto-
rio lingüístico dos suxeitos. Os neofalantes supoñen un desafío no habitus da
lingua minoritaria ao activaren a función instrumental que liga o idioma coa
mobilidade social, co prestixio e co futuro (May 2011).
Polo dito, en contextos nos que se creou unha variedade estándar dunha lin-
gua minoritaria, cómpre unha revisión conceptual. A referencia ás linguas como
‘minoritarias/minorizadas’ perde parte do seu sentido a favor das prácticas, que
se caracterizan por seren ‘prestixiadas’ ou ‘non prestixiadas’. Cando o suxeito
accede á variedade autorizada da lingua converte as súas prácticas en prácticas
prestixiadas, no sentido de que acumulou recursos abondo como para ampliar a
súa mobilidade social. Isto transfórmaos en falantes máis valorados socialmente;
é dicir, incorporan as características que teñen os falantes lexítimos (que manexan
o estándar, no sentido de Bourdieu) da lingua tradicionalmente dominante na
sociedade (no sentido de que incrementa os retornos).
No caso de Galicia, o momento actual é especialmente interesante por coin-
cidiren dous procesos inversos. Mentres que entre a xeración maior de 60 anos,
falantes de variedades do galego tradicional, as condicións históricas nas que
viviron propiciaron a ruptura do proceso de transmisión lingüística interxera-
cional; a poboación urbana menor de 40 anos tivo acceso a novas variedades da
lingua, máis prestixiadas e protexidas por unha práctica na que os falantes foron
ampliando os dominios de uso. Con frecuencia, estas novas funcións e estes
255
Fernando Ramallo
novos falantes recorren a simplificacións formais, con consecuencias innegables
na eclosión e intentos de control de prácticas e ideoloxías ligadas ao purismo
lingüístico (Sanmartín Rei 2009; Freixeiro Mato 2009; cfr. Rei-Doval, neste
mesmo volume).
En boa medida, estes novos falantes de galego xa non o son dunha lingua
tradicionalmente minoritaria. A acumulación de recursos económicos, simbóli-
cos ou culturais. permite que esta nova xeración de falantes de galego constitúa
un grupo social con acceso a estruturas de poder tradicionalmente afastadas dos
falantes tradicionais do idioma: educación, medios de comunicación, formacións
políticas, sindicatos, industrias culturais, etc. Ademais, en contextos de contacto
lingüístico con linguas estruturalmente próximas, como é o noso caso, no que
as prácticas lingüísticas hibridizadas son moi frecuentes, a problemática de qué é
un falante [nativo] amplifícase. En casos así os repertorios lingüísticos constitúen
un modelo dinámico e cambiante que, en función do parámetro que utilicemos,
permite unha cuantificación distinta sobre que é un falante tipo, especialmente,
aínda que non só, entre os falantes da lingua socialmente minoritaria.
No contexto da maioría das linguas socialmente minoritarias hai outro aspec-
to a ter en conta. Fronte á autenticidade atribuída á forma lingüística, o falante
nativo caracterizouse por ser unha persoa con escaso prestixio, cunha identidade
social estigmatizada, e coa percepción de que a recompensa que tiña a transmisión
da lingua era mínima na mobilidade social. No caso galego, para tratar de reverter
esta visión, a política lingüística orientou parte dos seus esforzos a aumentar o
prestixio da lingua. Non obstante, esas mesmas políticas non sempre conseguiron
aumentar o status dos falantes nativos, cuxa variedade lingüística a miúdo sofre
unha re-estigmatización á luz do novo estándar creado. Ese estándar contribuíu
a crear un novo grupo de falantes procedente dos sectores poboacionais urbanos,
de clases medias, e tradicionalmente desvinculados dos valores afectivos da lingua
e con maior prestixio social. Con todo, o prestixio acadado polos neofalantes é a
miúdo inestable como consecuencia do citado discurso purista, que busca primar
a forma sobre a función, matizando o prestixio das neofalas, especialmente daque-
las máis hibridizadas (O’Rourke e Ramallo 2011). Esta ideoloxía procede tanto
de falantes tradicionais, que demandan o recoñecemento da autenticidade da súa
variedade, como das novas elites, en si mesmas neofalantes cun alto dominio do
estándar (O’Rourke e Ramallo 2013b).
256
NEOFALANTISMO
4. Final
O neofalantismo é un movemento social que percorre a Galicia urbana na pro-
cura dun cambio sociolingüístico. Con máis ou menos intensidade, esta minoría
activa está exercendo un papel relevante na transformación das ideoloxías e das
prácticas lingüísticas. De momento, está lonxe de poder compensar o proceso de
substitución lingüística que se acrecentou de xeito significativo no derradeiro ter-
zo do século pasado. Como grupo innovador, as prácticas dos neofalantes están
chamadas a exercer influencia sobre o resto da sociedade, converténdose nun elo
fundamental no futuro do idioma galego. Cómpre, pois, reflexionar e actuar a
partir deste movemento minoritario, investigándoo, fomentándoo, formándoo e
prestixiando as súas prácticas, na medida en que aceptemos que sen neofalantes
é difícil albiscar unha solución favorable para a lingua.
Referencias bibliográficas
Arzoz Santisteban, X. (2009): «Lenguas y modalidades jurídicas en la Constitución Española: ¿Dos re-
gímenes jurídicos diferenciados?» en A. Milian i Massana (coord.), El plurilingüisme a la Constitució
espanyola. Barcelona: Generalitat de Catalunya, 61-122.
Bourdieu, P. (1982): Ce que parler veut dire. Paris: Fayard.
Bouzada, X. / A. Fernández Paz / A. M. Lorenzo Suárez (2002): O proceso de normalización do idioma
galego 1980-2000, volume II: Educación. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Crystal, D. (2003): English as a Global Language, 2ª ed. Cambridge: Cambridge University Press.
Fishman, J. (1967). «Bilingualism with and without diglossia; diglossia with and without bilingualism»,
Journal of Social Issues 23:2, 29-38.
Fernández Paz, A. / A. M. Lorenzo Suárez / F. Ramallo (2008): A planificación lingüística nos centros
educativos, 2ª ed. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Freixeiro Mato, X.R. (2008): «Os prexuízos lingüísticos. Proposta de clasificación» [dispoñible en liña:
http://www.galizacig.com/avantar/opinion/3-6-2008/os-prexuizos-linguisticos-proposta-de-clasificacion].
Freixeiro Mato, X.R. (2010): Lingua de calidade. Vigo: Xerais.
Frías-Conde, X. (2006): «A normalización lingüística na Romania: a normalización da lingua e normaliza-
ción dos falantes (o caso dos neofalantes)», Ianua. Revista Philologica Romanica 6, 49-68.
Graddol, D. (2006): English Next. London: British Council.
Holborow, M. (1999): The Politics of English. London: Sage.
Instituto Galego de Estatística (IGE) (2008): Enquisa de Condicións de Vida das Familias. Santiago de
Compostela: Instituto Galego de Estatística.
Jenkins, J. (2007): English as a Lingua Franca: Attitude and Identity. Oxford: Oxford University Press.
Kachru, B. B. (1990): The Alchemy of English. The Spread, Functions, and Models of Non-Native Englishes.
Chicago: The University of Illinois Press.
257
Fernando Ramallo
May, S. (2011): «Language policy», en M. Grenfell et al., Bourdieu, Language and Linguistics. London:
Continuum, 147-169.
Moscovici, S. (1976): Social influence and social change. London: Academic Press.
Moscovici, S. / A. Mucchi-Faina / A. Maass (eds.) (1994): Minority Influence. Chicago: Nelson-Hall
Publishers.
Núñez Singala, M. (2009): En galego, por que non? Vigo: Galaxia.
O’Rourke, B. / F. Ramallo (2010): «Los nuevos hablantes de lenguas minoritarias: una comparación
entre Irlanda y Galicia», en E. Ridruejo / N. Mendizábal (eds.), Actas del ix Congreso Internacional de
Lingüística General. Valladolid: Universidad de Valladolid, 1 684-1 700.
O’Rourke, B. / F. Ramallo (2011): «The native-non-native dichotomy in minority language contexts:
Comparisons between Irish and Galician», Language Problems and Language Planning 35:2, 139-159.
O’Rourke, B. / F. Ramallo (2013a): «Competing ideologies of linguistic authority amongst new speakers
in contemporary Galicia», Language in Society 42:3, 287-305.
O’Rourke, B. / F. Ramallo (2013b): «‘A miña variedade é defectuosa’: a lexitimidade social das neofalas»,
Estudos de lingüística galega 5, 89-103.
O’Rourke, B. / F. Ramallo (2014): «Neofalantes as an active minority: Understanding language practices
and motivations for change amongst new speakers of Galician», International Journal of the Sociology of
Language, 231. Special Issue on New Speakers of European Minority Languages.
Park, J-E. (2007): «Co-construction of Nonnative Speaker Identity in Cross-cultural Interaction», Applied
Linguistics 28:3, 339-360.
Ramallo, F. (2010): «Cara a unha tipoloxía dos falantes de galego» en B. Silva Valdivia / I. Vaquero
Quintela / X. Rodríguez Rodríguez (eds.), Educación e linguas en Galicia. Santiago de Compostela:
Universidade de Santiago de Compostela, 15-37.
Ramallo, F. (2012): «El gallego en la familia: entre la producción y la reproducción», Caplletra 53, 167-191.
Rossi-Landi, F. (1968): Il linguaggio come lavoro e come mercato. Milano: Bompiani.
Sanmartín Rei, G. (2009): Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación. Vigo: Xerais.
Williams, G. (2005): Sustaining Language Diversity in Europe. Evidence from the Euromosaic Project.
Hampshire: Palgrave.
258