Urbino
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
País | Italia | ||||
Rexión | Marche | ||||
Provincias | Provincia de Pesaro e Urbino | ||||
Capital de | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 13.734 (2023) (60,64 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 226,5 km² | ||||
Altitude | 485 m | ||||
Comparte fronteira con | Acqualagna (pt) Sant'Angelo in Vado (pt) Piobbico (pt) Piandimeleto (pt) Sassocorvaro Auditore (en) Urbania (pt) Tavoleto (pt) Fossombrone (pt) Montefelcino (pt) Petriano (pt) Montelabbate (pt) Fermignano (pt) Vallefoglia (pt) Peglio (pt) Isola del Piano (pt) Montecalvo in Foglia (pt) Lunano (pt) Monteciccardo (pt) Mondaino (pt) | ||||
Santo padrón | São Crescentino (pt) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 61029 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 0722 | ||||
Identificador ISTAT | 041067 | ||||
Código catastral italiano | L500 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | comune.urbino.pu.it |
Urbino é unha cidade italiana situada na rexión das Marcas. É capital, xunto con Pesaro, da Provincia de Pesaro e Urbino. O seu termo municipal ten unha poboación de 15.441 habitantes.
Toponimia
[editar | editar a fonte]O nome de Urbino provén da súa forma latina, Urvinum Metaurensis. A primeira parte deriva do latín urvus, que significa reixa do arado, e fai referencia á silueta do promontorio sobre o que sitúa a cidade. A segunda parte deriva do nome do río Metauro, e distinguía a cidade de Urvinum Hortense, outra poboación existente no interior de Umbría, preto de Collemancio[1].
Historia
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]O territorio entre os vales do Foglia e o Metauro coincide aproximadamente co que na Idade de Ferro era coñecido como Picenum. Estaba habitado por pobos guerreiros dos que se sabe que coñecían a olería, enterraban ós seus mortos e, xa na época do Imperio Romano, practicaban a manufactura do ámbar, que importaban dende a outra beira do mar Adriático. As prospeccións arqueolóxicas proporcionaron evidencias de que no lugar ocupado actualmente por Urbino houbo un asentamento xa no século IV a.C., coincidindo máis ou menos co posterior asentamento romano[1].
A orixe da cidade de Urbino é controvertida. Segundo Plinio o Vello, foi fundada polos umbros no século VI a.C., e invadida polos etruscos, os celtas e os galos senones antes da súa ocupación polos romanos no 283 a.C[2].
Cidade romana
[editar | editar a fonte]A primeira mención da presenza dos romanos na zona é a batalla de Sentino (preto de Sassoferrato), no 295 a.C., cando estes derrotaron ós galos senones coa axuda dos picenos e estableceron unha colonia en Senigallia (Sena Gallica). Pouco despois, no 269 a.C. os romanos iniciaron unha campaña contra os propios picenos e fundaron unha nova colonia en Rimini (Ariminum). No 207 a.C., no curso das Guerras Púnicas, Asdrúbal Barca cruzou os Alpes e viaxou cara ó sur para encontrarse co seu irmán Aníbal seguindo o río Metauro, pero foi interceptado polas tropas romanas tras seren interceptadas as súas comunicacións con Aníbal. Tras esta vitoria, Roma incrementou a súa presenza na zona coa fundación de Pesaro (Pisaurum) o 184 a.C.[1].
A Urvinum romana erguíase sobre un único outeiro e era máis accesible dende á súa parte norte. As murallas da cidade romana foron construídas entre os séculos III e II a.C. circundando o outeiro. Constaban de lenzos de opus quadratum formados por grandes perpiaños de travertino local en ringleiras paralelas aparelladas a xunta seca. Todos os estudos arqueolóxicos coinciden en facer coincidir o cardus co eixo ó longo do cal se desenvolven os espazos artellados arredor da praza do palacio ducal. Debido á escasa presenza da administración romana na zona, no ano 46 a.C., durante o consulado de Xulio César, Urvinum Metaurensis foi elevada a rango de municipium. Isto significaba que se lle concedía ampla autonomía para gobernarse en materia de comercio e asuntos relixiosos, a cambio de recadar impostos para a República e prover de tropas para as súas lexións. Ademais os seus habitantes gozaban da cidadanía romana. A cidade converteuse nun importante centro administrativo e foi dotada de numerosos edificios públicos: un teatro do século I a.C., unhas termas do período republicano, un acueduto do século II a.C., unha basílica e un templo. Ó final do período republicano existía xa unha área de crecemento da cidade fóra do recinto amurallado pola súa banda norte, onde se teñen atopado os restos dunha cisterna[1].
Procopio fala da capacidade defensiva de Urbino, estratexicamente situada dentro da provincia, que estaba flanqueada polos ríos Foglia (Pisaurus) e Metauro (Metaurus), que nacendo nos Apeninos desembocaban en Pesaro (Pisaurum) e Fano (Fanum). Unha vía romana corría ó longo do Foglia dende Pesaro ata o val do río Tíber, cruzando os Apeninos polo paso de Viamaggio. Unha segunda vía, a Vía Flaminia, foi construída por Gaius Flaminius no ano 220 para unir Roma coa costa leste de Italia á altura de Rimini, pasando por Fossombrone (Forum Semprionii) e o paso de Bocca Trabaria.[1]
Segundo Procopio de Cesárea, a cidade contaba só cun acceso, que se atopaba na banda norte do recinto murario, e que se supón coincidente co trazado da actual vía Lavagine:
Urbino está situada nun outeiro redondo e máis ben alto, pero non escarpado nin inaccesible dende todos os lados. É simplemente empinado, en particular nas inmediacións da cidade e é especialmente difícil acaroarse a ela: porén, hai un camiño doado pola súa banda norteProcopio de Cesárea, Historia das guerras de Xustiniano[1]
No século V o emperador Teodorico estableceu en Urbino un destacamento permanente, que tivo que ser suprimido para que as tropas de Xustiniano puidesen avanzar sobre Rimini e Rávena. Tras a caída do Imperio Romano de Occidente pasou a ser sede dun forte presidio militar dos godos. Esta localización, defendida por dous mil soldados, foi ocupada polo xeneral bizantino Belisario no 538 despois dun longo asedio. Na Alta Idade Media tanto as muralas romanas como o trazado da cidade deberon de manterse intactos. O eixo da vía Lavagine mantiña a súa preponderancia, non só a causa dunha maior accesibilidade do seu trazado, senón tamén porque a través dela se accedía dende os camiños que comunicaban con Rimini e Rávena, máis importantes que os que levaban a Roma[1][2].
Idade media
[editar | editar a fonte]Forma urbana
[editar | editar a fonte]Na Alta Idade Media as murallas romanas e as estruturas adxuntas permaneceron intactas. O sector oeste da cidade mantivo o seu perfil empinado, talvez máis pronunciado que na actualidade. Na época romana nesta zona concentrábanse o foro e todos os edificios máis representativos da cidade, tanto relixiosos como seculares. Este patrón mantívose ata a época medieval, na que foron substituídos polos edificios representativos do novo poder político e relixioso, como a catedral e o Palacio Ducal[1].
Na época medieval apareceron tecidos de crecemento da cidade en forma de burgos, algúns nas inmediacións do recinto amurallado existente, sobre as abas do outeiro ocupado pola cidade, e outros nas pendentes do outeiro contiguo, polo que se accedía a esta. Estes novos crecementos provocaron que se construíse un segundo recinto de murallas, arredor do século XII, que abarcase os novos burgos. A pesar disto, as portas do arco suroriental seguiron concentrando a meirande parte do tráfico e atraendo os maiores intereses urbanos nas zonas inmediatas[2].
A expansión de Urbino alén das murallas romanas está estreitamente ligada ó establecemento de fundacións relixiosas. Na orixe a xurisdición urbana estaba limitada polas murallas romanas e os crecementos extramuros atopábanse espallados e inconexos. Porén, entre os séculos XI e XIII urbanizáronse áreas orixinariamente rurais, especialmente na zona norte, a de máis fácil acceso, ó longo da actual vía Raffaello. Unha segunda muralla rodeou estes crecementos, abarcando o outeiro norte, que tiña saída pola Porta del Monte. Polo sur a cidade estendeuse alén da Porta Mondelce, coa súa correspondente ampliación da muralla[1].
Presenza da Igrexa
[editar | editar a fonte]No ano 1021 o bispo Teodorico consagrou a catedral, consagrada á Virxe María, pero no 1056 o arquitecto Mainardo foi invitado polo bispo a erixir outra catedral máis nova e luminosa no centro administrativo da cidade, adicada á Virxe da Asunción e a San Crescentino. A pesar de que as súas obras se dilataron ata o século XIV, sábese pouco desta nova catedral[1].
A primeira orde monástica en establecerse en Urbino foi a dos Dominicos, no século XIII, que ergueron o seu convento no centro da cidade, ó pé da vía Lavagine. O convento dos Agostiños foi fundado no 1225 no extremo sur da cidade, alén da porta Mondelce, unha das da primeira muralla medieval. De feito o crecemento da cidade nesta zona foi estimulado pola presenza deste convento. Pouco despois, no 1286, estableceuse o convento dos Franciscanos, en terreos antes ocupados polos Beneditinos, na zona comercial da cidade. A orde franciscana foi especialmente favorecida pola familia Montefeltro: exerceu influencia sobre o bispo Ugolino da Montefeltro e os condes Taddeo e Guido pertenceron á orde nos últimos días das súas vidas. O convento dos Franciscanos converteuse nunha das institucións máis importantes de Urbino. Foron eles os que fundaron o Studio del Convento, máis adiante transformado en Escola de Gramática e, no século XVI, absorbido pola Universidade como Escola de Filosofía e Teoloxía[1].
Centro feudal
[editar | editar a fonte]Na Idade Media Urbino pasou a ser sé arcebispal, primeiro baixo o dominio de Bizancio e máis adiante baixo o control de Roma. Urbino, xunto con Jesi, Gubbio e Rávena, foi cedido por Carlomagno a Roma. O arcebispo de Urbino converteuse no principal señor da zona. Para administrar o seu control do señorío introduciu un sistema feudal laico. O territorio da arquidiocese foi dividido nas posesións das familias Brancalconi, Carpegna, Castel d'Elci, Dadei, Faggiolini, Feltri, Gaboardi di Maccerata, Feltria, Olivieri e Montefeltro[1].
Esta última familia, a dos Montefeltro, de orixe xermánico, descendía dos condes de Carpegna, súbditos do Emperador. Unha rama da familia posuía o castelo de Carpegna, outra o de Pietra Rubbia, outra, a máis nova, o de Montecopiolo. Pouco a pouco os Montefeltro foron facéndose co control do arcebispado e conseguiron gañarse o recoñecemento do Sacro Emperador Romano Xermánico Frederico I Barbarroxa e dos seus sucesores. Deste modo Frederico II creou o señorío de Urbino, no contexto dun enfrontamento xeral entre o poder imperial e o papal no que as cidades de Italia se viron forzadas a expresar a súa lealdade a un ou outro bando. Buonconte e Taddeo da Montefeltro pasaron a ser os novos condes de Urbino. Morto Buonconte, Taddeo pasouse ó bando güelfo tras a batalla de Parma, en 1248, na que o exército imperial sufriu un serio revés. Porén, Ugolino da Montefeltro, fillo de Buonconte, e Guido, sobriño de Ugolino, mantivéronse dentro do bando xibelino. Tras a conquista de Urbino en 1282 por parte das tropas papais, Guido foi feito prisioneiro e desterrado, e tras reconciliarse coa Igrexa ingresou na Orde franciscana[1].
O conde Frederico da Montefeltro, sucesor de Guido, encabezou unha rebelión contra a autoridade papal, apoiado por tropas de Arezzo, Lucca e Pisa. As tropas papais, comandadas por Pandolfo Malatesta, lograron sitiar Urbino con axuda de exércitos procedentes de Rimini, Pesaro, Cesena e Gubbio. Cando o exército sitiador entrou na cidade en 1322, o conde Frederico e o seu fillo Guido foron asasinados e os restantes membros da familia tiveron que buscar refuxio en Castel d'Elci, Cagli, Mercatello e San Marino. Finalmente o novo conde, Esperanza da Montefeltro, conseguiu recuperar a praza coa axuda do seu sobriño Nolfo, último dos fillos de Frederico. Paolo da Montefeltro, sucesor de Nolfo, perdeu de novo a cidade ante Malatesta, pero unhas revoltas populares provocadas pola subida dos impostos déronlle a ocasión a Antonio da Montefeltro, neto de Nolfo, para recuperala[1].
Renacemento
[editar | editar a fonte]Durante o goberno de Frederico da Montefeltro, duque de Urbino, inícianse as grandes obras de reforma da cidade. En palabras de Baldassare Castiglione, na intención de Frederico estaba "crear unha cidade con forma de palacio". Esta idea xeratriz atopábase nas antípodas das que deron lugar á creación doutras cidades na mesma época, tal é o caso de Sforzinda, creada por Filarete por encargo de Francesco Sforza, duque de Milán, e cuxo plano consistía nunha ríxida grella formada por dezaseis rúas en cada sentido insertas nun cinto de murallas de forma estrelada que se implantaría no territorio borrando toda traza preexistente. O proxecto de Frederico da Montefeltro para Urbino contemplaba unha intervención nacida das preexistencias herdadas da cidade medieval, e ó mesmo tempo supuxo a transformación do organismo urbano[1].
Nas representacións do século XVI a cidade é vista dende a súa vertente meridional, onde se concentran as principais intervencións programadas polo duque: a construción do palacio ducal (veciño á antiga catedral) por Luciano Laurana, a apertura da praza do Mercatale, a Data, ou escudaría ducal, a porta Valbona e a vía do mesmo nome. Estas intervencións de nova planta crean espazos públicos que adquiren diferente carácter segundo a súa función, dende a máis monumental e representativa do palacio ata a residencial ou a comercial do tecido que comezaba a crecer arredor da nova vía Valbona, continuación da xa existente vía Lavagine. Salvando o máximo desnivel existente, entre o palacio ducal e o Mercatale, Francesco di Giorgio Martini construíu un cubo na muralla que albergaba unha rampla helicoidal, a través da cal os cabalos do exército ducal tiñan acceso á súa corte, á ferrería e ós sotos do propio palacio[2].
Intervencións neoclásicas
[editar | editar a fonte]A primeira modificación substancial da trama urbana renacentista ten lugar contra a metade do século XIX. Nesa época a provincia de Urbino estaba xa integrada nos Estados Pontificios, desprovista de funcións políticas. Esta condición non foi alterada pola breve ocupación dos exército napoleónico a partir de 1797. En 1831 desencadeouse unha violenta revolta popular contra o goberno do papa Gregorio XVI, influída polas ideas provenientes de Francia.
O plano de 1841, debuxado polo arquitecto Francesco Ghinelli, reflicte as modificacións da trama urbana encamiñadas a crear espazos de relación acordes coa nova idea de vida cidadá, de corte burgués. En particular, cobrou especial importancia a decisión de construír un teatro, un edificio concibido de acordo coa nova tipoloxía de lugar de relación e de reunión. O propio Ghinelli foi o encargado do deseño do novo teatro e da elección da súa localización. Para tal fin foi elixido o cubo da muralla que séculos antes erixira Francesco di Giorgio para aloxar a súa rampla helicoidal, a pé do Palacio Ducal e da ábsida da catedral. Este novo edificio inseriuse dentro dunha operación de máis grande escala, que foi a apertura do Corso Garibaldi, unha avenida porticada aberta en terreos antes pertencentes ás dependencias do propio palacio. O resultado desta nova implantación foi o desprazamento de funcións representativas doutras zonas da cidade ó novo tecido creado, especialmente os usos máis recreativos, pero tamén os comerciais[2].
Século XX
[editar | editar a fonte]Ata 1933 a cidade non experimenta novas alteracións urbanísticas. O Reino de Italia consolidou algúns crecementos extramurarios, completou a construción do teatro e construíu edificios de ensino. A pesar disto, os escasos investimentos do Estado na provincia eran dirixidos sobre todo a Pesaro. Deste modo a única intervención urbanística de certa entidade en Urbino foi a construción en 1929 dun pequeno lote de casas populares destinadas a mutilados de guerra. Coa escusa desta operación redactouse un plan director urbanístico de inspiración claramente academicista, que prevía a apertura dunha grande arteria que debería atravesar a cidade dende a porta de Santa Lucia ata a de San Polo, e que estaría flanqueada por edificios porticados de deseño neorrenacentista. Para executar tal intervención sería necesario demoler barrios enteiros do tecido renacentista e medieval da cidade e alterar gravemente espazos exteriores de especial valor, como o Mercatale, que sería transformado no acceso a un monumental foro adicado a Mussolini. Ademais, a cidade existente era ampliada xenerosamente ata quintuplicar a súa capacidade, coa adición de barrios residenciais, áreas industriais e zonas comerciais e administrativas. Finalmente a administración municipal resolveu que as propostas daquel plan eran imposibles de executar, excedían en moito as necesidades reais da cidade e non eran realistas en requirimentos técnicos elementais como pendentes e rasantes[2].
Tras abortar este primeiro intento de ordenamento urbanístico da cidade, encargouse a redacción dun documento urbanístico máis axeitado á escala das necesidades e dos recursos reais do municipio. Proxectouse unha zona de crecemento fóra das murallas, conectada á cidade antiga a través da porta de Santa Lucia e do Piano del Monte, por medio da Vía Bramante e da Vía Raffaello. O proxecto estivo suspendido durante o tempo que durou a segunda guerra mundial, e non comezou a ser levado a cabo ata despois da liberación, desenvolvendo os novos tecidos primeiro nas zonas previstas e máis adiante ó longo da Vía di Gadana. A expansión tivo lugar de modo desordenado e a través de intervencións inconexas, compoñendo un tecido caótico e desprovisto das máis elementais infraestruturas urbanas. O resultado deste deficiente crecemento foi que, por unha banda, os investimentos privados pasaron a preferir centrarse nas novas áreas edificables, abandonando o centro antigo, que comezou unha lenta decadencia; por outra banda, os escasos fondos dos que dispuña a administración municipal debían ser investidos en obras de urbanización nos novos barrios. Porén, a nova área de crecemento non garda relación visual ningunha coa cidade antiga, da cal está illada polo relevo do Monte[2].
Máis adiante, no ano 1958, o arquitecto Giancarlo de Carlo comezou a redacción dun novo documento de planeamento urbanístico municipal de carácter xeral, o Piano Rigolatore Generale. Este plan é o que está en vigor a día de hoxe, tras sucesivas revisións e actualizacións feitas por equipos redactores dirixidos polo propio arquitecto de Carlo. Na súa primeira versión, o PRG expresaba a intención de levar adiante intervencións tendentes a restablecer a conexión do municipio cos fluxos de intereses do territorio circundante, localizar no territorio as diversas actividades, reconstruír e sanear as estruturas territoriais que permitan incrementar as vantaxes da vida urbana, preservar o centro histórico e a paisaxe e conceder ó patrimonio histórico, artístico e paisaxístico un papel protagonista no contexto social e económico do territorio, converténdoo nun factor de desenvolvemento. Dentro deste contexto foi especialmente intensa a cooperación coa Universidade de Urbino, rexida nesa época por Carlo Bo, quen tivo a iniciativa de iniciar a adquisición e rehabilitación de diferentes edificios históricos ameazados pola ruína, para convertelos en dependencias universitarias. Ademais, e a consecuencia do forte crecemento da matrícula nesa época, iniciou na Colle dei Capuccini a construción dunha serie de residencias de estudantes que, pola tipoloxía arquitectónica elixida, pretendía converterse en algo máis que un centro residencial[2].
Medio natural
[editar | editar a fonte]Medio físico
[editar | editar a fonte]O termo municipal de Urbino está situado entre o val do río Foglia e o do río Metauro. O territorio municipal ten unha superficie de 22.799 hectáreas e unha altitude comprendida entre os 82 e os 637 metros sobre o nivel do mar[2].
O territorio municipal é de formación xeolóxica terciaria. Os terreos son compactos, permeables, xisto-arxilosos, difíciles de traballar. Son pobres en fósforo e de fertilidade modesta. A causa da exposición permanente ós ventos do norte e do nordés, o clima é máis ben frío, con invernos moi longos. A primavera e o outono son breves e o verán é fresco e seco. As chuvias son escasas e as precipitacións están distribuídas de forma irregular[2].
Recursos
[editar | editar a fonte]A agricultura está baseada fundamentalmente no cultivo de gramíneas, que ocupan 15.715 das 22.799 hectáreas de territorio municipal. Son escasos os bosques (4850 Ha) e os prados (840 Ha), e case inexistentes as explotacións silvícolas e os cultivos especializados (130 Ha)[2].
A fauna autóctona ten escasa importancia cuantitativa e atópase en vías de extinción.
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo de habitantes
Asentamentos
[editar | editar a fonte]A cidade de Urbino atópase sobre dous outeiros que alcanzan unha altitude de 450 m. O núcleo urbano ocupa unha superficie de 120 hectáreas.
Ademais da propia capital municipal existen outros núcleos 14 de poboación: Ca Mazzasette, Canavaccio, Cavallino, Coldelce, Forcuini, La Marcella, La Torre, Paganico, Pieve di Cagna, San Giovanni in Pozzuolo, Santa Maria in Repuglia, Schieti, Scotaneto e Trasanni. Todos estes lugares habitados atópanse separados entre si, inseridos nun territorio agrícola de modestos recursos[2].
Infraestruturas
[editar | editar a fonte]Ata a segunda guerra mundial o territorio municipal estaba atravesado por dúas liñas de ferrocarril: a que conectaba Pesaro con Fano e Urbino e a que unía Urbino con Fermignano e Pergola. Estaba en proxecto unha terceira liña entre Urbino e Santarcangelo. As liñas existentes foron destruídas durante a guerra e só foi reconstruída a de Pesaro[2].
Dotacións
[editar | editar a fonte]A Universidade de Urbino está entre as institucións máis antigas do municipio. Foi fundada no 1564 por Pío IV, quen concedeu a prerrogativa de impartir estudos universitarios ó antigo Collegio dei Dottori, instituído por Guidobaldo da Montefeltro na primeira metade do século XVI. No 1671 Clemente X confirmouna como sede universitaria da Legación Pontificia. No 1862, despois da formación do reino de Italia, foi declarada Universidade Provincial. No 1924 foi recoñecida como Libera Università e foi dotada dunha facultade de Dereito, á cal se engadiron a de Farmacia no 1931, a de Maxisterio no 1936, a de Letras no 1956, e a de Ciencias Económicas, destacada en Ancona, no 1959[2].
O número de estudantes experimentou un incremento dende os 139 do ano 1936, que foron 4.040 no 1951, 66.565 no 1963, e cerca de 10.000 no 1966. O número de estudantes forasteiros supera ó de habitantes dende o ano 1963[2].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Vista dende o sur, acuarela de 1626.
-
Urbino tras a transformación renacentista, 1707.
-
Urbino a vista de paxaro, gravado de 1689.
-
Plano de Urbino, gravado de Tommaso Luci, 1689.
-
Situación de Urbino dentro da rexión das Marcas
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 OSBORNE, J. (2003). Urbino: the story of a Renaissance city (en inglés). Frances Lincoln Ltd. ISBN 0-7112-2086-7.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 DE CARLO, G. (1966). Urbino. La storia di una città e il piano della sua evoluzione urbanistica. Marsilio Editori, Padua. (en italiano)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Urbino |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- UNESCO, declaración de Urbino como Patrimonio da Humanidade.