Torta de Santiago

sobremesa tradicional galega
Revisión feita o 17 de outubro de 2019 ás 09:56 por Xanetas (conversa | contribucións)

A torta de Santiago (nome oficial "Tarta de Santiago") é unha sobremesa tradicional e Indicación Xeográfica Protexida da cociña galega (orixinaria da capital, Santiago de Compostela) que pode atoparse en case todo o territorio español. Os ingredientes principais desta torta son a améndoa e os ovos.

Típica representación sobreimpresa en azucre glas da Cruz de Santiago.

Características

Un dos ingredientes principais da torta é a améndoa (33% do total da masa) que se esmaga e se mestura con ovo (outro terzo da masa), fariña e azucre (o outro cuasi-terzo restante) nunha masa compacta (adoita levar algunha cantidade de manteiga) que se aromatiza con canela e reladura de limón, para ser posteriormente introducida no forno nun recipiente refractario, normalmente entre 180 °C e 200 °C durante case 45 minutos.

Segundo as receitas pode incorporar brandy ou augardente como aromatizadores. O pastel queda no forno ata que se empeza a poñer unha capa dura na tona. É moi frecuente poñer un modelo coa silueta de cruz de Santiago e botar azucre glas sobre a superficie, de modo que ó retirar o modelo fica a cruz "impresa".

O aroma característico desta torta é unha mestura equilibrada entre a améndoa e o ovo, cando se corta o contido debe ter unha cor dourada e a súa textura debe ser lixeiramente esponxosa e algo graúda.

Historia

 
En Portomarín fanse as tortas de Santiago Ancano.

Non se sabe nada sobre o consumo de améndoa en Galicia durante a Idade Media pero sábese que a carestía deste alimento convertíao nun luxo reservado a poucos. A primeira noticia que se ten do uso deste "biscoito de améndoa", ó que hoxe coñecemos como Tarta de Santiago, procede de 1577 durante unha visita de Pedro de Porto Carrero á Universidade de Santiago[1] aínda que daquela era denominada "torta real". A elaboración e a proporción dos ingredientes facía pensar no que denominamos hoxe en día "Torta de Santiago". As primeiras receitas fiables proceden de apuntes de Luis Bartolomé de Leybar que datan de 1838 baixo a epígrafe de "Tarta de Almendra".

A orixe da Cruz de Santiago representada na súa superficie data de 1924, ano no que a compostelá «Casa Mora» comeza a adornar as tortas de améndoa coa que sería a súa silueta característica, acadando grande éxito en Galicia e no resto de España.

O 3 de marzo de 2006 a Torta de Santiago entrou no rexistro de Indicación Xeográfica Protexida[2].

Consumo

Aínda que na maioría dos casos adoita ser unha sobremesa servida tralas comidas, acompañada dun café con leite, existen outras variantes que permiten degustar esta torta cun viño doce.

Notas

  1. Boe número 69 Páxinas: 11254 - 11255
  2. RESOLUCIÓN de 3 de marzo de 2006, da Dirección Xeral de Industria Agroalimentaria e Alimentación, pola que se dá publicidade á solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida «Torta de Santiago».

Véxase tamén

Outros artigos