Maruxiñas
Rango fósil: Eoceno-Presente

Coccinella magnifica
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Superfamilia: Cucujoidea
Familia: Coccinellidae
Latreille, 1807 [1]
Subfamilias [1]

Os coccinélidos[3] (Coccinellidae)[4] son unha ampla familia de pequenos escaravellos que miden de 0,8 a 18 mm,[5] entre os cales os máis frecuentes son coñecidos cos nomes comúns de maruxiña, reirrei, xoaniña, barrosiña, coccinela, papasol, papoia, voaniña, voíña ou xoana,[6] entre outros nomes (ver:[7]).

A maioría das especies de coccinélidos son xeralmente considerados insectos útiles, porque moitas especies depredan en insectos herbívoros que son pragas, como moitos homópteros como os áfidos ou pulgóns. Moitos coccinelidos poñen os seus ovos directamente nas colonias de áfidos para asegurarse de que as súas larvas van ter unha fonte inmediata de alimentación.[8] Porén, algunhas especies teñen efectos non desexados; entre elas, as máis salientables son as da subfamilia Epilachninae (na que está Epilachna varivestis), que son elas mesmas herbívoras e potenciais pragas. Aparecen en practicamente todas as grandes rexións agrícolas temperadas ou tropicais.

Etimoloxía

editar

O nome coccinélidos deriva do latín coccineus, que significa 'escarlata'.[9]

Descrición

editar

Os coccinélidos adoitan ter rechamantes cores amarelas, laranxas ou vermellas con pequenos puntos negros nos élitros, pero non todos son así. Teñen patas cabezas e antenas negras. Porén, hai unha gran variación neses padróns de cor. Por exemplo, unha minoría de especies, como Vibidia duodecimguttata, unha especie de doce puntos, teñen puntos brancos sobre un fondo marrón. Os coccinélidos encóntranse en todo o mundo, cunhas 6 000 especies descritas.[10][11]

 
Larva, pupa e adultos de Clitostethus arcuatus.

A maioría dos coccinélidos teñen corpos de forma redonda e elíptica cupuliforme con seis patas curtas. Dependendo da especie, poden ter puntos, bandas ou ningunha marca en absoluto. Os coccinélidos de sete puntos son vermellos ou laranxas con tres puntos negros nos lados de cada élitro e outro mais no centro, e teñen cabeza negra con manchas brancas a cada lado.

Ademais das cores habituais amarelas e vermellas, moitas especies son principalmente ou enteiramente negras, grises escuras, grises ou marróns, e pode ser difícil para os que non son entomólogos recoñecelos como coccinélidos. Inversamente, os non entomólogos poderían confundir doadamente outros pequenos escaravellos como coccinélidos cando en realidade non o son, como os escaravellos con cores vermella, laranxa, amarela ou negra. Entre estas posibles confusións están os escarabeidos moito meirandes Pelidnota punctata e especies con pintas de Chrysomelidae, Melyridae e outros. Tamén se poden confundir os que teñen forma semiesférica como os Cassidinae.

Un erro común sen fundamento é que o número de pintas do insecto indica a súa idade.[12][13] De feito, o padrón subxacente e a coloración están determinados pola especie e a xenética do escaravello, e desenvólvense a medida que o insecto madura. Nalgunhas especies a súa aparencia está fixada no momento en que sae da pupa, aínda que na maioría a cor do adulto pode tardar algúns días en estabilizarse. Xeralmente a cor do adulto tende a ser máis completa e escura que a cor do inmaturo.[Cómpre referencia]

Paraplectana tsushimensis é unha araña asiática que imita as maruxiñas.

Bioloxía

editar
 
Anatomía básica dunha maruxiña

Os coccinélidos son coñecidos por ser predatores de insectos Sternorrhyncha como os áfidos e similares, pero a variedade de presas que capturan as diferentes especies de coccinélidos é maior. Un xénero de pequenas maruxiñas negras, Stethorus, é un exemplo de predación de insectos non esternorrincos, xa que está especializado en comer ácaros, como Tetranychus. As especies de Stethorus son tamén importantes en certos casos de control biolóxico de pragas.[14] Son predadores naturais de varios axentes de pragas importantes, como do trade do millo europeo (Ostrinia nubilalis, un lepidóptero), que, por exemplo nos Estados Unidos, supón un custo de mil millóns de dólares á industria agrícola en perdas de colleitas e gastos de control da praga.[15][16]

Varias especies máis grandes de coccinélidos atacan eirugas e larvas doutros escaravellos.[14] Varios xéneros aliméntanse de diversos insectos e dos seus ovos; por exemplo, as especies de Coleomegilla son predadores significativos de ovos e larvas de avelaíñas, como as das especies de Spodoptera e os Plutellidae.[17] As larvas e ovos das propias maruxinas (da propia especie ou doutra) poden ser tamén unha importante fonte de alimento para as maruxiñas cando as presas alternativas son escasas. Como familia, Coccinellidae adoitaba considerarse como puramente carnívora,[18] mais sábese agora que é máis omnívora do que antes se pensaba, tanto como familia coma en especies concretas; o exame do contido do aparato dixestivo en especies que aparentemente son predadoras especializadas adoita atopar residuos de pole e outras materias vexetais. Ademais da súa presa favorita, os coccinélidos inclúen outros produtos nas súas dietas, como melaza de áfidos, pole, zumes de plantas, néctar e varios fungos. A importancia destes produtos na súa dieta está aínda investigándose.[19]

Moitas especies de maruxiñas prefiren ou mesmo especialízanse en certo tipo de presas, o que as fai moi valiosas nos programas de control biolóxico. Por exemplo, a larva da maruxiña Rodolia cardinalis é un predador especialista dunhas poucas especies de Monophlebidae, en concreto de Icerya purchasi, que é un notorio esternorrinco praga de cítricos. Porén, a R. cardinalis adulta pode subsistir durante algúns meses comendo unha ampla variedade de insectos e néctar.[20]

Certas especies de coccinélidos pénsase que poñen unha cantidade extra de ovos infértiles xunto cos ovos fértiles, aparentemente para proporcionar unha fonte de alimento adicional ás larvas, que, despois de faceren eclosión, comen eses ovos. A proporción de ovos infértiles respecto dos fértiles aumenta cando hai escaseza de comida na época de poñer ovos. Tal estratexia denomínase produción de ovos tróficos.[21]

Algunhas especies da subfamilia Epilachninae son herbívoras e poden ser pragas agrícolas moi destrutivas, como por exemplo a Epilachna varivestis, aínda que normalmente son pragas menores, que comen follas de cereais, patacas, feixóns e outras plantas agrícolas, pero que poden incrementar explosivamente o seu número en anos nos que non teñen inimigos naturais, como as vespas parasitoides que atacan os seus ovos. En tales situacións poden causar danos importantes. Outros coccinélidos, como os da tribo Halyziini e os do xénero Tythaspis son micófagos.

 
Agrupación de maruxiñas en Colorado Springs, Colorado

Aínda que as especies predadoras son a miúdo utilizadas para o control biolóxico, a introdución de especies de coccinélidos nunha área non necesariamente é beneficiosa. Especies como Harmonia axyridis en Norteamérica e Europa ou Coccinella septempunctata en Norteamérica compiten e desprazan os coccinélidos nativos e convértense elas mesmas en pragas.[22]

Os principais predadores dos coccinélidos adoitan ser as aves, pero tamén os comen as ras, avespas, arañas e libélulas. As rechamantres cores de moitas maruxiñas son un aviso que disuade a algúns dos seus predadores potenciais de intentar comelos. Este fenómeno denomínase aposematismo, e funciona porque os predadores aprenden por experiencia a asociar certos fenotipos da presa cun mal sabor. Outra defensa que teñen é o chamado "reflexo de sangrado", no cal se exsuda unha toxina alcaloide polas articulacións do exoesqueleto, desencadeado por estímulos mecánicos (como o ataque dun predador) tanto en larvas coma en adultos, disuadindo ao predador.

Os coccinelidos de rexións temperadas entran en diapausa durante o inverno, polo que son uns dos primeiros insectos que aparecen en primavera. Algunhas especies (por exemplo, Hippodamia convergens) xúntanse en grupos e desprázanse a zonas a maior altura, como montañas, para entraren na diapausa. A maioría dos coccinélidos pasan esta especie de hibernación como adultos, xuntándose no lado sur de grandes obxectos, como troncos ou casas durante os meses invernais, dispersándose en resposta ao incremento da duración do día na primavera.[23]

Os coccinélidos predadores atópanse xeralmente en plantas nas que viven as súas presas. Poñen ovos preto das súas presas, para incrementar a probabilidade de que as larvas atopen as presas doadamente. No caso de Harmonia axyridis, os ovos fan eclosión en tres ou catro días en postas que van desde uns poucos ovos a varias ducias. Dependendo da dispoñibilidade de recursos, as larvas pasan por catro estadios larvarios en de 10 a 14 días, despois do cal ten lugar a pupación. Despois dun período teneral de varos días, os adultos fanse activos reprodutivamente e poden reproducirse despois, aínda que poden tamén ser reprodutivamente quiescentes se fan eclosión contra o final da estación reprodutora. A duración total da vida é como media dun ano.[24]

Relacións cos humanos

editar

Infestacións

editar
 
Coccinélidos cubrindo unha póla

Despois dun período anormalmente longo de calor e tempo seco nalgúns países de Europa, como ocorreu en 1976 no Reino Unido, observouse un marcado incremento na poboación de afidos, que foi seguido dunha "praga" de maruxiñas, e mesmo houbo informes de persoas mordidas polas maruxiñas cando os áfidos empezaron a reducirse.[25][26]

En América do Norte, os coccinélidos xeralmente empezan a aparecer dentro das casas no outono, cando abandonan os seus sitios de alimentación nos campos, bosques e patios e buscan lugares onde pasar o inverno. Normalmente, cando as temperaturas cálidas de 18 °C ao final da tarde e principio do serán, son seguidas por un período de tempo máis frío, xúntanse sobre ou dentro dos edificios iluminados polo sol. Estas agrupacións ou enxames de coccinélidos voan aos edificios entre setembro e novembro, dependendo da localización e das condicións climáticas. As casas que están preto dos campos ou bosques é máis probable que sufran esta infestación.[27]

A presenza de gran cantidade de coccinélidos en viñedos pode causar nos viños a "contaminación por maruxiñas", causada polo prensado das uvas con algúns destes insectos, que soltan produtos que deixan un sabor.[28]

Como especies invasoras

editar

Harmonia axyridis é unha maruxiña asiática que foi introducida en Europa e Norteamérica. En Norteamérica introduciuse en 1979 para controlar os áfidos, pero converteuse agora na especie máis común, superando na competición a moitas especies nativas.[29] Espallouse moito polo oeste de Europa, chegando ao Reino Unido en 2004.[29][30] Nalgunhas rexións converteuse nunha praga agrícola e doméstica e causou preocupación polos seus efectos ecolóxicos. Tamén chegou a partes de África, onde causou algúns inconvenientes, especialmente nos viñedos.[31]

Na cultura

editar
 
Maruxiñas recortadas nun circuíto natural para nenos
 
Unha baldosa de maruxiña nunha rúa holandesa.

Na cultura popular galega hai moitos ditos sobre as maruxiñas ou xoaniñas. Ao capturar o insecto poden recitarse os versos: "Cuco-rei, cuco-rei, por onde amores terei?" ou "Cuco-rei, cuco-rei, cántos anos vivirei?", cuxa resposta depende de para onde voe ou canto tarde en voar o insecto.[32]. Outros ditos referidos ás maruxiñas nas súas diferentes denominacións son: Papasolín, cúntame os dedos, marcha pal cielo, e volve pa min [33]; Xoaniña de Dios, cóntame os dedos e vaite con Dios [33]; Xoaniña, voa, voa, que che dou pan con sebola [33]; Xoaniña, voa, voa,/ que teu pai está en Lisboa/ e túa nai está na cama/ a comer pan e cebola.[33].

Moitas culturas consideran as maruxiñas como afortunadas e teñen cancións de berce ou nomes locais para estes insectos que reflicten isto. Por exemplo, o nome turco deste insecto é uğur böceği, literalmente 'bicho da boa sorte'. En moitos países, como Rusia, Turquía e Italia, ao ver unha maruxiña pode pedirse un desexo ou é sinal de que se nos vai cumprir algún desexo.

En zonas cristiás con frecuencia foron asociadas á Virxe María ou a Deus. Algúns dos nomes que teñen en diversos países de Europa corresponden a isto. En Galicia algúns dos nomes que ten son bichiño de Deus, coco de Deus ou pita de Deus, pero non son os nomes máis comúns.[34] Aínda que nalgúns países do norte de Europa historicamente o nome facía referencia á deusa da fertilidade nórdica Freia, despois a Virxe María substituíuna en grande medida nos nomes, por exemplo, freyjuhœna (nórdico antigo) e Frouehenge cambiaron a marihøne (noruegués) e Marienkäfer (alemán), que significan 'ave da Nosa Señora'.[35] Ás veces o nome do insecto fai referencia directamente a Deus (en irlandés bóín Dé, en polaco boża krówka, en ruso божья коровка [bozhya korovka], todos os cales significan 'vaquiña de Deus').[36] En holandés denomínase lieveheersbeestje, que significa 'pequeno animal do Bo Señor'. En hebreo e yiddish, denomínase 'vaquiña de Moshe Rabbenu' (é dicir, de Moisés) ou 'cabaliño', aparentemente unha adaptación de termos de linguas eslavas. Ocasionalmente, denomínase 'pequeno Mesías'.[37]

Estes insectos utilízanse como iconas da colección de libros Ladybird Books (parte da editorial Penguin Group inglesa),[38][39] e tamén da antiga marca roupa para nenos da cadea Woolworth's no Reino Unido,[40] mentres que a baldosa da maruxiña nas rúas é un símbolo contra a violencia sen sentido nos Países Baixos e adoita colocarse en sitios onde houbo asasinatos.[41] As maruxiñas son os insectos oficiais nos Estados Unidos dos estados de Delaware, Massachusetts, Nova Hampshire, Nova York, Ohio e Tennessee, aínda que Nova York elixiu unha maruxiña nativa de Norteamérica, a Coccinella novemnotata, mentres que os outros estados adoptaron a especie invasora europea Coccinella septempunctata.[42] Tamén é a mascota da estación de esquí pirenaica de Candanchú.[43]

Galería de imaxes

editar
  1. 1,0 1,1 Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Coccinellidae Latreille, 1807 (TSN 114329)" (en inglés). 
  2. "Wikispecies: Microweiseinae". 2012. Consultado o 9 March 2013. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para coccinélidos.
  4. White, R.E. 1983. A field guide to the beetles of North America. Peterson Field Guide Series #29.
  5. Seago, A. E.; Giorgi, J. A.; Li, J.; Ślipińskia, A. (July 2011). "Phylogeny, classification and evolution of ladybird beetles (Coleoptera: Coccinellidae) based on simultaneous analysis of molecular and morphological data". Molecular Phylogenetics and Evolution 60 (1): 137–151. PMID 21426943. doi:10.1016/j.ympev.2011.03.015. 
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para reirrei.
  7. Outros nomes comúns que se lle dan son: adiviñón, bichiño de Deus, bixaniño, carrabouxiño, cascarrubia, coco de Deus, costureiriña, mexaniña, paxariña, pepiñarrubia, pita de Deus, pitasol, roiceña, sabiñón, teresiña, vacarrubia ou velairiña. Ver Diccionario de sinónimos da lingua galega. Galaxia, Vigo 1997.
  8. Society, National Geographic. "Ladybugs, Ladybug Pictures, Ladybug Facts – National Geographic". Consultado o October 4, 2016. 
  9. Brown, L., ed. (2007). The Shorter Oxford English Dictionary 1 (6 ed.). p. 441. 
  10. Judy Allen & Tudor Humphries (2000). Are You A Ladybug?, Kingfisher, p. 30
  11. Seago, Ainsley E.; Giorgi, Jose Adriano; Li, Jiahui; Slipinski, Adam (15 March 2011). "Phylogeny, classification and evolution of ladybird beetles (Coleoptera: Coccinellidae) based on simultaneous analysis of molecular and morphological data" (PDF). Molecular Phylogenetics and Evolution 60: 137–151. PMID 21426943. doi:10.1016/j.ympev.2011.03.015. Consultado o 14 February 2016. 
  12. "Everything Ladybug! The source for Ladybug Stuff!". Everything-ladybug.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2018. Consultado o 22 June 2010. 
  13. Anonymous. "Ladybird spotters". UK Ladybird survey. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2018. Consultado o 17 June 2010. 
  14. 14,0 14,1 Hodek, Ivo; Honek, A. ; van Emden, Helmut F. Ecology and Behaviour of the Ladybird Beetles. Publisher: Wiley-Blackwell 2012. ISBN 978-1-4051-8422-9
  15. "European corn borer - Ostrinia nubilalis (Hubner)". entnemdept.ufl.edu. Consultado o 13 November 2017. 
  16. "The European Corn Borer". www.ent.iastate.edu. Consultado o 13 November 2017. 
  17. Roger, Caroline. Mechanisms of Prey Selection in the Ladybeetle Coleomegilla maculata. Thesis. Department of Natural Resource Sciences. Macdonald campus of McGill University Montréal. Canada 1999 ISBN 0-612-50249-X
  18. Smart, John (1963). British Museum (Natural History) Instructions for Collectors NO. 4A. Insects. London: Trustees of the British Museum. 
  19. Almeida, Lúcia M. ; Corrêa, Geovan H. Giorgi, José A. ; Grossi, Paschoal C. New record of predatory ladybird beetle (Coleoptera, Coccinellidae) feeding on extrafloral nectaries. Revista Brasileira de Entomologia 55(3): 447–450, setembro, 2011
  20. Sands, D. P. A. and R. G. Van Driesche. 2000. Evaluating host specificity of agents for biological control of arthropods: rationale, methodology and interpretation, pp. 69-83. In Van Driesche, R. G., T. A. Heard, A. S. McClay, and R. Reardon (eds.). Proceedings of Session: Host Specificity Testing of Exotic Arthropod Biological Control Agents: The Biological Basis for Improvement in Safety. Xth International Symposium on Biological Control of Weeds. 4–14 July 1999. Bozeman, Montana. U.S.D.A. Forest Service Bulletin FHTET-99-1, Morgantown, West Virginia, U.S.A.
  21. J. Perry & B. Roitberg (2005). "Ladybird mothers mitigate offspring starvation risk by laying trophic eggs". Behavioral Ecology and Sociobiology 58 (6): 578–586. doi:10.1007/s00265-005-0947-1. 
  22. "TrekNature – LADY BEETLES Photo". 
  23. A. Honek, Z. Martinkova & S. Pekar (2007). "Aggregation characteristics of three species of Coccinellidae (Coleoptera) at hibernation sites" (PDF). European Journal of Entomology 104 (1): 51–56. doi:10.14411/eje.2007.008. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de novembro de 2013. Consultado o 8 December 2012. 
  24. "What Is the Life Span of a Ladybug?". Sciencing. Consultado o 24 December 2017. 
  25. Anonymous (5 July 2001). "Phew, what a scorcher!". The Northern Echo. Arquivado dende o orixinal o 4 July 2009. Consultado o 8 April 2010. 
  26. Wainwright, Martin (17 May 2006). "The great drought". London: The Guardian. Consultado o 8 April 2010. 
  27. University of Kentucky-College of Agriculture Cooperative Extension Service
  28. Easton, Sally (2 February 2012). "Ladybird contamination on the rise". The Drinks Business. Union Press Ltd. Consultado o 21 June 2013. 
  29. 29,0 29,1 Anonymous (5 October 2004). "'Deadly ladybird' sighted in UK". BBC News. Consultado o 17 June 2010. 
  30. Anonymous. "The Harlequin Ladybird has landed!". The Harlequin ladybird survey. Arquivado dende o orixinal o 30 November 2012. Consultado o 17 June 2010. 
  31. "Invasive Species South Africa - Protecting Biodiversity from Invasion - Harlequin ladybird citizen science project". Arquivado dende o orixinal o 24 December 2017. Consultado o 24 December 2017. 
  32. Rodriguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961, s. v. cuco.
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 Rivas Quintas, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978, s. v. papasolín, s. v. xoaniña.
  34. Diccionario de sinónimos da lingua galega. Galaxia, Vigo 1997.
  35. "Bishop Barnaby". Notes and Queries 9. 29 December 1849. 
  36. "dexonline". 
  37. Born to Kvetch, Michael Wex, St. Martin's Press, New York, 2005, ISBN 0-312-30741-1.
  38. Gani, Aisha (12 October 2015). "Ladybird books introduce Peter and Jane to hipsters and hangovers" – vía www.theguardian.com. 
  39. "Ladybird". www.penguin.co.uk. 
  40. Seaton, Paul. "Ladybird Clothing - a history of Pasolds". www.woolworthsmuseum.co.uk. 
  41. Anonymous (April 2004). "Speech by Mrs Maud de Boer-Buquicchio on the occasion of the placement of a ladybird tile at the Council of Europe". Council of Europe. Consultado o 21 September 2011. 
  42. "TITLE 29 - CHAPTER 3. STATE SEAL, SONG AND SYMBOLS - Part . [REFER TO THE BOOK FOR THE PROPER TABLE]". delcode.delaware.gov. 
  43. www.staffmedia.com, StaffMedia Branding Design S.L. ->. "Estación de Esquí de Candanchú – Ven a esquiar en Familia". Consultado o 15 September 2016. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar