Guerra do Golfo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
A chamada guerra do Golfo Pérsico ou simplemente guerra do Golfo foi a guerra que de 1990 a 1991 enfrontou a Iraq e a unha coalición internacional, composta por 34 estados e liderada polos Estados Unidos de América, como resposta á invasión e anexión de Iraq do emirato de Kuwait. Tamén é coñecida como Operación Treboada do deserto, nome da campaña liderada polos Estados Unidos para liberar Kuwait. En Iraq, a guerra é con frecuencia chamada simplemente Um M'aārak ("A nai de tódalas batallas").
Guerra do Golfo | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
Combatentes | |||||||||
Coalición das Nacións Unidas | Iraq | ||||||||
Efectos | |||||||||
Mortes: 378 mortos | Mortes: 25.000 - 30.000 mortos | ||||||||
Feridos: 1.000 feridos | Feridos: 75.000 feridos |
En xullo de 1990, Saddam Hussein, presidente do Iraq, acusou a Kuwait de causar a caída dos prezos do petróleo e retomou antigas cuestíons de límites, alén de esixir indemnizacións. Como Kuwait non cedeu, o 2 de agosto de 1990, tropas iraquís invadiron Kuwait, coa esixencia do presidente Saddam Hussein de controlar os seus vastos e valiosos campos de petróleo. Este acontecemento provocou a inmediata sanción económica por parte das Nacións Unidas. As hostilidades comezaron en xaneiro de 1991, dando como resultado unha crucial vitoria para as forzas da coalición, o cal conduciu a que as tropas iraquís abandonaran Kuwait deixando un saldo moi alto de vítimas humanas. As principais batallas foron combates aéreos e terrestres dentro de Iraq, Kuwait, e a fronteira de Arabia Saudita. A guerra non se expandiu fóra da zona de Iraq-Kuwait-Arabia, aínda que algúns mísiles iraquís chegaron a cidades israelís. As causas da guerra, e incluso o seu nome, son aínda temas de controversia.
Invasión a Kuwait
editarÓ amencer do 2 de agosto de 1990, as tropas iraquís cruzaron a fronteira de Kuwait con vehículos armados e infantaría, ocupando postos estratéxicos en todo o país, incluíndo o Palacio do Emir. O exército de Kuwait foi rapidamente esmagado, aínda que conseguiron dar o tempo necesario para que as forzas aéreas daquel país puidesen fuxir a Arabia Saudita. A loita máis difícil desenvolveuse no Palacio do Emir, onde os membros da garda real loitaron para que a familia real tivera tempo de fuxir. Un curmán do Emir, quen comandaba a garda, estivo no grupo daqueles que morreron. As tropas saquearon reservas alimenticias e médicas, detiveron a miles de civís e tomaron o control do medios. Iraq detivo a miles de turistas occidentais como reféns para despois intentar usalos como escudo para as negociacións. Despois de que un breve goberno monicreque liderado por Alaa Hussein fose instalado, Iraq anexou Kuwait. Hussein instalou entón un novo gobernador provincial, describindo o acontecido como a "liberación" do pobo das mans do Emir, isto foi usado principalmente como propaganda de guerra.
A guerra
editarComo resposta a estes sucesos, o 16 de xaneiro de 1991 unha coalición internacional de 31 países liderada polos Estados Unidos e baixo mandato da ONU, iniciou unha campaña militar coa fin de obrigar ó exército invasor a repregarse fóra de Kuwait. Os países integrantes da coalición eran Arxentina, Arabia Saudita, Australia, Bangladesh, Bélxica, Canadá, Checoslovaquia, Corea do Sur, Dinamarca, Exipto, Emiratos Árabes Unidos, España, Estados Unidos de América, Francia, Grecia, Hungría, Reino Unido, Italia, Kuwait, Marrocos, Países Baixos, Nova Zelandia, Nixeria, Noruega, Omán, Paquistán, Polonia, Portugal, Qatar, Senegal e Siria. Para a batalla, a coalición lograra reunir un exército de 680.000 homes, 2.000 carros de combate e unha frota de 100 barcos de guerra entre os que había seis portaavións, ademais dun impresionante despregamento aéreo de polo menos 1.800 avións. Cabe destacar que o continxente norteamericano era por moito o máis numeroso con 415.000 soldados dos cales 27.000 eran mulleres.
Os iraquís dispoñían dun exército de 545.000 soldados, 4.500 blindados e 700 avións de combate entre os que había MiG-21, MiG-23, MiG-25, MiG-29, Mirage F-1, Su-24 e algúns bombardeiros Tupolev tu-22K. Tamén contaban cun bo número de mísiles balísticos Scud-B de alcance medio e algunhas plataformas móbiles coas cales era posible disparalos dende calquera zona en Iraq. Todo isto sen mencionar un importante arsenal de armas químicas e biolóxicas que diferentes países occidentais, entre eles Estados Unidos, propocionáranlle a Saddam Hussein durante a sanguenta guerra irano-iraquí que o ditador librara uns anos antes.
Inicialmente, a operación aliada recibiu o nome de "Escudo do Deserto" e máis adiante sería rebautizada como "Treboada do Deserto". A campaña iniciouse o 17 de xaneiro cunha serie de bombardeos nos que se utilizaron 100 mísiles cruceiro Tomahawk disparados dende barcos estacionados en augas do mar Vermello e o golfo Pérsico. Algúns dos brancos alcanzados durante os primeiros ataques foron 3 Palacios Presidenciais, o Ministerio de Defensa, a Dirección de intelixencia militar, cinco estacións de teléfono, a ponte Ashudad, o Cuartel xeral do Exército do Aire, unha fábrica de ensamblado de mísiles Scud, a sede do partido Baath, a sede central da policía, a estación central de televisión e diferentes ministerios. Durante a primeira semana de ataques aéreos, a coalición anunciou que se logrou a destrución de cando menos 350 avións inimigos, mentres que os iraquís afirmaban ter derrubado 60 avións aliados. A coalición unicamente recoñecería a perda de 4 avións e máis tarde daríase a coñecer que unha refinaría de Khafji en Arabia Saudita fora atacada pola artillaría iraquí.
Nun intento por rachar a coalición e provocar a saída de Exipto, Siria e outras nacións árabes do conflito, Saddam Hussein deu a orde de bombardear Israel usando mísiles Scud-B para obrigar ó Estado hebreo a entrar na guerra. A táctica non funcionou e os israelís abstivéronse de tomar represalias[Cómpre referencia], pero estes ataques obrigaron á coalición a modificar os seus plans. A partir dese momento, as plataformas móbiles coas cales os iraquís disparaban contra Israel serían o obxectivo principal dos ataques. En total uns 41 mísiles Scud con carga convencional impactarían sobre as cidades israelís de Tel-Aviv e Haifa.
O pánico apoderouse dos habitantes de Israel, pois temían que Saddam Hussein decidise lanzar un ataque químico ou biolóxico en calquera momento. Debido a isto, o goberno de Israel distribuíu máscaras antigás. O día 19 un bombardeo Iraquí causou a morte de 3 persoas e deixou feridas outras 16. Para evitar isto, o exército dos Estados Unidos dispuxo a instalación de 6 baterías de anti-mísiles Patriot en territorio israelí, 2 en Turquía e 21 en Arabia Saudita. A pesar do despregamento da defensa anti-mísil, isto non impediu que 46 mísiles Scud caesen sobre terrotorio saudita. De feito aínda, ata o día de hoxe, a efectividade dos anti-mísiles Patriot ó longo a Guerra do Golfo é obxecto de debate.
A campaña aérea
editarApenas iniciadas as hostilidades, os italianos lanzaron oito avións Tornado para atacar brancos dentro de Kuwait. Sete destes avións deberon abortar a misión debido a problemas loxísticos e só un internouse en Kuwait de onde nunca máis volveu. O piloto e o navegante foron reportados como desaparecidos. A Royal Air Force británica, pola súa banda, experimentou serios problemas nos seus ataques ás bases aéreas iraquís. O obxectivo dos ingleses era deixar caer bombas JP-233 para inutilizar as pistas, aínda que para isto os avións debían voar a non máis de vinte metros de altura para evitar os rádares ou pola contra serían detectados con antelación. Deste xeito, os británicos perderon cinco avións Tornado nas primeiras 400 misións. Debido a este incidente, os británicos suspenderon os ataques a baixa altura. A Forza Aérea iraquí efectuou algunhas saídas nun intento por defende-lo país, pero non había moito que puidese facer xa que a coalición contaba con avións de última xeración como o F-15 Eagle, o F-16 Falcon, o F-14 Tomcat, o Panavia Tornado, o F-117 Nighthawk e outros máis que eran apoiados por avións de contramedidas electrónicas e AWACS. De feito nunca houbo propiamente unha batalla aérea, salvo algúns encontros esporádicos e a maioría dos avións de Iraq foron destruídos nos búnkeres onde se atopaban ou nas pistas. Nos combates aéreos, os iraquís perderon 39 avións dos cales 30 derrubamentos foron causados polos F-15 Eagle. Calcúlase que uns 127 avións de Iraq foron destruídos durante o conflito, entre estes contábanse cinco dos seis bombardeiros Tupolev tu-22K con que contaba a nación árabe. Aínda así, un MiG-25 iraquí logrou derrubar un F/A-18 Hornet do escuadrón VFA-81 Sunline durante unha escaramuza. Á súa vez, os F-15 Eagle da Forza Aérea Real Saudita encargáronse de dous Mirage F-1 iraquís. Máis adiante, un escuadrón de MiG-25 localizou e interceptou a un grupo de F-111 e F-15C. A actuación dos avións iraquís logrou que os mísiles SAM en terra puidesen derribar un dos F-15C Eagle. Así mesmo, tres F-16 Falcon estadounidenses foron destruídos por fogo antiaéreo durante unha misión de ataque e outros tres máis serían abatidos en distintos escaramuzas. Con todo, pese aos esforzos dos iraquís, a superioridade da coalición foise impoñendo rapidamente e unha patrulla de F-15 Eagle abateu dous MiG-25. Durante os encontros sucesivos sobre os ceos de Iraq, os F-15 Eagle norteamericanos lograron abater 5 MiG-29, 8 MiG-21, 2 SU-25, 4 SU-22, 1 SU-7 e 8 Mirage F-1. Aínda o 19 de xaneiro un MiG-29 conseguiu derribar un Tornado británico, pero pronto se fixo evidente que non había forma de competir co poderío da coalición e os mellores pilotos iraquís decidiron fuxir nos seus avións cara a Irán. Estímase que un total de 115 avións militares e 33 aparellos civís acharon refuxio en chan iraniano[Cómpre referencia].
Cara ó final do conflito reportouse a perda de 38 avións da coalición, a maioría abatidos por fogo antiaéreo. Privados de forza aérea e acosados por intensos bombardeos, as forzas de Iraq optaron por protexer as súas tropas e o seu equipo baixo terra co que perderon toda mobilidade. Unha vez alcanzada a total supremacía aérea, a coalición incrementou os seus ataques a fin de que Saddam Hussein dese a orde de retirarse de Kuwait e aceptase renderse. Todas as cidades de Iraq foron branco de bombardeos e sufriron severos danos; morreron decenas de miles xa que as bombas que os aliados lanzaron sobre todo Iraq tiveron unha capacidade destrutiva equiparable a unhas oito veces a bomba de Hiroshima[Cómpre referencia]. Un dos incidentes máis soados ocorreu o 13 de febreiro cando dous mísiles impactaron nun refuxio antiaéreo en Bagdad chamado Al-Ameria e provocaron a morte de 1.200 civís.
Os resultados da campaña aérea foron abafadores para as forzas iraquís e minguaron terriblemente a súa capacidade de combate por non falar da súa moral. Estímase que ó termina-la guerra uns 2.435 tanques, 1.443 blindados e 1.649 pezas de artillaría foron destruídos ou inutilizados como consecuencia directa dos demoledores ataques aéreos. Cabe destacar que o A-10A Thunderbolt II norteamericano deu bos resultados nas súas accións contra os blindados iraquís.
A campaña terrestre
editarO 13 de febreiro de 1991, algunhas unidades da 1ª e 2ª División de Marines despregadas na fronteira con Arabia Saudita realizaron algunhas incursións de tanteo dentro de Kuwait co obxectivo de medir o perigo con vistas a iniciar un ataque por terra. O certo é que os iraquís comezaran a repregarse desde principios de febreiro e a moral das tropas era baixa. Das 42 divisións despregadas en Kuwait, polo menos 14 foran desbandadas e só 19 conservaban entre un 60% e un 70% das súas capacidades de combate. O resto das forzas iraquís achábase nunha situación precaria e comezaron as desercións en masa.
O plan do xeneral Schwarzkopf dependía de manter unha forza significativa de marines fronte ás costas da capital de Kuwait, o cal fixo crer aos iraquís que as forzas norteamericanas efectuarían un desembarco e obrigounos a concentrar as súas tropas nesa zona. O seguinte paso da coalición foi mobilizar o groso das súas forzas cara ó oeste, en dirección á liña Wadin al Batin onde as defensas iraquís consistían en meros outeiros de area, dispersos e non garecidos ademais de gabias e campos minados. As forzas norteamericanas estiveron acompañadas pola 6ª División acoirazada, Daguet, francesa, e a 1ª británica, coas soadas Desert Rats. Os franceses ocuparon todo o tempo a posición máis occidental funcionando como un escudo protector para o resto das forzas aliadas. O plan recibiu o nome de Hail Mary e consistía en rodear ás forzas inimigas a través dun flanco para envolvelas, sorprendelas e ó mesmo tempo cortarlles a retirada.
Ós dous días de iniciar o asalto terrestre, uns cen mil soldados iraquís rendéronse en masa ante as forzas da coalición que avanzaban sen ningún problema. Ata un dos oficiais norteamericanos mencionou que atravesaban as poucas liñas iraquís que atopaban como "coitelo en manteiga". A única batalla por terra de certa importancia foi denominada 73 Easting na que carros de combate do sétimo corpo topáronse coa división Tawakalna da Garda Republicana que se retiraban e comezaron un enfrontamento que durou seis horas. O 25 de febreiro un mísil Scud impactou contra un cuartel norteamericano situado en Arabia Saudita e causou a morte inmediata de 25 soldados e 50 máis resultaron gravemente feridos. O 28 de febreiro de 1991 Iraq rendeuse e aceptou as condicións impostas polas Nacións Unidas. Nese momento as forzas francesas da 6ª División acoirazada achábanse a só 150 quilómetros de Bagdad. Ó final do conflito a coalición internacional reportou a perda de 378 soldados e uns 1.000 resultaron feridos. Os iraquís levaron a peor parte xa que as súas baixas oscilaron entre os 25.000 e 30.000 mortos[Cómpre referencia].
A posguerra
editarTralo conflito, a ONU impuxo a Iraq un severo embargo que produciu gravísimos trastornos sociais no país.
- En xullo de 1992, avións británicos e estadounidenses engalaron en Turquía e queimaron cultivos en Iraq.
- O 30 de xuño de 1993, Estados Unidos bombardeou Iraq en represalia por unha suposta conspiración para asasinar a George Herbert Walker Bush.
- Do 16 de decembro ao 19 de decembro de 1998, mentres nos Estados Unidos arreciaba o "escándalo Lewinsky", os EEUU e Gran Bretaña levaron a cabo sobre Iraq unha serie de bombardeos que chamaron «Operación Raposo do Deserto».
- No ano 2002 George W. Bush acusou a Iraq de constituír un «eixe do mal», xunto con Corea do Norte e Irán, desencadeando a Invasión de Iraq de 2003 baixo os pretextos sen fundamento de ter gran cantidade de armas de destrución masiva, e de ter vínculos con Al-Qaeda.