Kingdom of Heaven
Kingdom of Heaven é un filme épico escrito por William Monahan e dirixido por Ridley Scott, que se estreou o 6 de maio de 2005. É unha coprodución entre os Estados Unidos de América, o Reino Unido e Alemaña. A historia trata sobre as Cruzadas no século XII.
Kingdom of Heaven | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Kingdom of Heaven |
Director | Ridley Scott |
Produtor | Ridley Scott |
Guión | William Monahan |
Intérpretes | Orlando Bloom Eva Green Liam Neeson Jeremy Irons David Thewlis Brendan Gleeson Ghassan Massoud Marton Csokas Alexander Siddig Edward Norton Khaled el nabawy Jon Finch |
Música | Harry Gregson-Williams |
Fotografía | John Matieson |
Montaxe | Dody Dorn Chisako Yokoyama |
Estudio | Scott Free Productions Inside Track Studio Babelsberg Motion Pictures GmbH[1] |
Distribuidora | 20th Century Fox |
Estrea | 2005 |
Duración | 144 minutos |
Orixe | Reino Unido Alemaña Estados Unidos |
Xénero | Histórico |
Orzamento | $130 000 000[2] |
Recadación | $211 652 051 |
Na rede | |
A maior parte da rodaxe realizouse en Marrocos, onde Ridley Scott xa rodara anteriormente Gladiator e Black Hawk Down, ademais de aparecer en distintos momentos monumentos de cidades españolas como Huesca (Castelo de Loarre), Córdoba, Ávila e Sevilla.
A película no cine duraba 144 minutos. Obtivo críticas negativas debido a que moitas das partes narradas se entrelazaban de forma repentina, creando certa confusión no desenlace dos acontecementos. Pouco tempo despois, comercializouse a versión denominada "corte do director" (director's cut) cunha duración de 194 minutos, na que se engadiron varias escenas que a dotaron dunha maior coherencia argumental e lograron unha historia máis clara e crible.
Sinopse
editarA película comeza nunha pequena vila de Francia, cun ferreiro chamado Balian (Orlando Bloom) que non dá esquecido á súa muller, recentemente suicidada como resultado da morte do seu fillo. Un grupo de cruzados chega á vila e Baliant coñece ao seu verdadeiro pai, o Barón Godofredo de Ibelin (Liam Neeson), quen viaxou desde Xerusalén co fin de recoñecelo e nomealo sucesor.
Balian rexeita ir co seu pai, preferindo continuar a tranquila vida que levaba até ese momento. Logo vai descubrir que o corpo da súa esposa fora decapitado antes de ser enterrado (unha práctica común para os que cometían suicidio) e que o sacerdote do pobo, está usando unha cruz tomada do corpo da súa muller. Anoxado, Balian asasina ao sacerdote e decide seguir ao seu pai no seu regreso a Xerusalén, coa esperanza de conseguir a redención e o perdón para el e a súa dona en Terra Santa.
Tras distintos acontecementos, Balian acaba descubrindo a corrupción da clase eclesiástica, como tamén a ameaza que sofre o Reino de Xerusalén por parte do exército musulmán, liderado por Salah al-Din, co que se libra unha guerra para obter o poder de Xerusalén.
Licenzas artísticas
editarComo película épica baséase parcialmente en feitos reais, que son empregados á súa vez como marco para a trama argumental. Deben perdoarse pois, como "licenzas artísticas", algunhas incorreccións, como son, entre outras, as de atribuírlle a condición de Cabaleiros Templarios a Guy de Lusignan e Reinaldo de Châtillon, que non ostentaron tal condición, chegando a confundir a personalidade belicosa do segundo coa do Gran Mestre dos Templarios daquela época, Gérard de Ridefort.
Tamén é ficticia a relación de Balián de Ibelín coa princesa Sibila de Xerusalén, pois Balián de Ibelín xa tiña unha familia. Por outra parte, Balian pertencía a unha prominente familia do reino e nacera en Terra Santa, e non en Francia como se di na película. Outra incorrección importante é que Balian si que combateu na batalla dos Cornos de Hattin (1187) (que supuxo a práctica expulsión dos francos do Reino de Xerusalén), sendo un dos poucos que lograron escapar. O seu papel de xefe da defensa de Xerusalén non se debeu á súa decisión de non unirse ao exército do reino, comandado por Guido, senón a que despois da batalla solicitoulle a Saladino poder entrar na cidade sitiada para rescatar á súa muller (que estaba dentro), aceptando a cambio a condición de non participar na defensa da cidade. Unha vez dentro, pedíronlle que encabezara a defensa da cidade; ante o cal, Balián lle pediu permiso a Saladino, quen llo concedeu. Si que é verdade que Balián de Ibelín rendeu a cidade a Saladino, para evitar o masacre. Despois, Balián de Ibelín, volvería para Francia.
Existen outras licenzas ou erros históricos como cando no porto de Messina e máis tarde en Xerusalén, se ven soldados con escudos e bandeiras de Castela e León, como se ambos reinos se encontraran unidos; algo imposible, pois nese momento León e Castela son dous reinos totalmente distintos, con reis diferentes, Afonso IX de León e Afonso VIII de Castela, que incluso se enfrontaron en cruentas guerras nos mesmos anos nos que a película transcorre.
Elenco
editar- Orlando Bloom como Balian de Ibelin
- Eva Green como Sybilla
- Liam Neeson como Godfrey de Ibelin
- Jeremy Irons como Tiberías
- David Thewlis como Cabaleiro Hospitalario
- Brendan Gleeson como Reynald de Chatillon
- Marton Csokas como Guy de Lusignan
- Ghassan Massoud como Saladino
- Edward Norton como Baldwin IV
- Alexander Siddig como Nasir/Imad
- Jon Finch como Patriarca de Xerusalén
- Iain Glen como Ricardo I de Inglaterra
- Velibor Topic como Amalric
- Nikolaj Coster-Waldau como Alguacil da vila
Notas
editar- ↑ movies.nytimes.com (ed.). "Company Information". Consultado o 19 de novembro de 2011.
- ↑ Box Office Mojo (ed.). "Kingdom of Heaven". Consultado o 19 de novembro de 2011.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Scott, Ridley (2005). Kingdom of Heaven: The Making of the Ridley Scott Epic. New York: Newmarket Press. ISBN 978-1-55704-661-1.
- Hamilton, Bernard (2005). The Leper King and his Heirs: Baldwin IV and the Crusader Kingdom of Jerusalem. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-01747-3. Consultado o 8 de xullo de 2006.
- Runciman, Steven (1987). A History of the Crusades (Vol 2) The Kingdom of Jerusalem. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 403–469. ISBN 978-0-521-34771-6. Consultado o 8 de xullo de 2006.
Ligazóns externas
editar- Kingdom of Heaven na IMDb (en inglés).
- Ficha en BoxOfficeMojo (en inglés)
- Ficha en RottenTomatoes (en inglés)