Museo Etnográfico Liste
O Museo Etnográfico Liste de Vigo acolle unha colección de máis de 2.000 pezas da cultura material e espiritual de Galicia, e que percorre dun xeito monográfico o patrimonio galego dos oficios artesanais, moitos deles xa desaparecidos, o traballo agrícola tradicional e abundantes exemplos da relixión e a medicina populares. Foi fundado en 1999 e declarado de interese cultural ese mesmo ano. En 2001 pasou a integrarse no Consello Galego de Museos.[2] En xaneiro de 2012 anunciouse o seu peche,[3] volvendo a abrir no mes de novembro do mesmo ano.[1]
Museo Etnográfico Liste | |
---|---|
Museo Etnográfico Liste de Vigo. | |
Coordenadas | 42°13′04″N 8°43′52″O / 42.217909, -8.731076 |
País | España |
Cidade | Vigo |
Tipo | Etnográfico |
Inauguración | 1999 |
Visitantes | 8.000 ao ano.[1] |
Na rede | |
http://www.museoliste.org | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Historia
editarNaceu como unha colección privada de Olimpio Javier Liste Regueiro (Pontevedra 1932-2013),[4] mestre de escola especializado na educación de persoas cegas, dedicándose durante decenios, a nivel particular, á recolleita de material etnográfico de todo tipo por todo o país, axudado pola súa dona Josefina Fernández Mosquera. Foi fundador e primeiro director do primeiro museo etnográfico de Galicia, o Museo Etnográfico Olimpio Liste de Oseira (Ourense), fundado en 1972. Desde o 2000, director do Museo Etnográfico Liste de Vigo.
A influencia da súa actividade profesional manifestouse especialmente ó organizar diversas mostras e exposicións pensadas en ser comprensibles por invidentes.
O Museo
editarEstá situado no número 22 da rúa Pastora, nun edificio propiedade do concello de Vigo,[5] o chalé Barreras, cedido á Fundación Liste, entidade nacida o 15 de xuño de 1999 como resultado da colaboración entre o concello e o colector.[6] O edificio corresponde a unha vivenda tradicional de mediados do século XX, cunha superficie útil de case 600 m² distribuídos en catro plantas.
A colección etnográfica exponse a través de nove salas temáticas:
- Sala I: o cultivo do centeo a través das sucesivas fases da preparación da terra, sementeira, colleita do cereal xa maduro e a elaboración do pan centeo. Mostra arados, carros, mallos e cómpre destaca-las arcas para conserva-lo gran, algunhas escavadas en grosos troncos de castiñeiro, datadas no século XVII.
- Sala II: o rodado. Mostra diferentes tipoloxías da roda do típico carro galego, cuxa construción e fortaleza dependían do tipo de carro, da carga a transportar e das características do terreo por onde debía circular.
- Sala III: diversos materiais e útiles característicos de ata 50 oficios rurais tradicionais diferentes.
- Sala IV: diferentes sistemas de peche das vivendas e outras construcións anexas. Móstrase unha completa colección de chaves e tamén un torno dun convento de clausura do século XVIII, así como pechaduras e reixas.
- Sala V: o tear, os encaixes, os bolillos, e as fibras naturais utilizadas na confección da roupa tradicional (la, liño, algodón, seda) así como outros elementos menos usuais, como as plumas, xunto cos útiles empregados para face-lo fío e tece-la roupa (roca, sarillos, espadelas etc.).
- Sala VI: o traballo na madeira para a elaboración de obxectos de uso doméstico (pratos, canadas) e de trebellos e ferramentas agrícolas, como xugos, tullas, maseiras, trobos, calzado etc., cunha ampla variedade das ferramentas usadas por fragueiros, carpinteiros e zoqueiros.
- Sala VII: aparellos utilizados na iluminación anteriores á luz eléctrica, nos distintos ámbitos doméstico, nas cortes, no acceso ás vivendas, no traballo (candís, lámpadas de carburo e outros obxectos).
- Sala VIII: materiais relacionados coa fe relixiosa e a superstición: ofrendas, exvotos, libros de oracións etc., que reflicten o mundo da vida e da morte, da enfermidade e da curación.
- Sala IX: obxectos, receitas, herbas e materiais utilizados polos menciñeiros na medicina popular.
A presentación e orientación do Museo é eminentemente didáctica, cun departamento específico dirixido a potenciar e dinamiza-los traballos etnográficos que organizan profesores e alumnos de diferentes colexios e institutos. Ten tamén unha biblioteca de consulta, especializada en antropoloxía de Galicia e dispón, así mesmo, dunha sala multiúsos na que organiza exposicións temporais.
Galería de imaxes
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 Erro no código da cita: Etiqueta
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nomeFARO213
- ↑ Museo Etnográfico Liste de Vigo Arquivado 03 de agosto de 2010 en Wayback Machine. no Consello Galego de Museos.
- ↑ El cierre del Museo Liste se suma a la supresión del Archivo Pacheco y el CAT Arquivado 31 de outubro de 2012 en Wayback Machine., Atlántico Diario (en castelán).
- ↑ Artigo LISTE REGUEIRO, Olimpio Javier da Gran Enciclopedia Galega.
- ↑ Páxina web do concello de Vigo
- ↑ Orde de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo DOG de 9.9.1999.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Etnográfico Liste |