Olláparo
O olláparo ou alláparo é un ser mitolóxico galego. É unha especie de xigante que ten un único ollo no medio e medio da fronte; ás veces o olláparo ten dous ollos, un no medio da fronte e o outro na caluga.
Trátase de seres brutais, feroces, salvaxes pero un pouco parvos; tamén son moi voraces, de hábitos antropófagos. Viven nas cavernas dos bosques e montes, especialmente nas montañas de Lugo e Ourense. Leite de Vasconcelos descríbeos tamén no norte de Portugal, na rexión de Tras os Montes, pero con tres ollos: dous na cara, como nos humanos normais, e un terceiro na parte posterior da cabeza, baixo o nome de olharapos.
Existen olláparos e olláparas, as súas mulleres, que son aínda peores ca eles.[1]
Aseméllanse aos ciclopes gregos clásicos, ou aos Fomoré da mitoloxía irlandesa (que tamén teñen dous ollos situados do mesmo xeito que os olláparos galegos), sendo o máis famoso Balar. O ollo que Balar tiña na caluga era terrible, pois podía provocar mal de ollo, polo que pode compararse coa mirada letal de Medusa.
Notas
editar- ↑ Cuba, Miranda e Reigosa (2022:181).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Cuba, Xoán Ramiro; Miranda, Xosé; Reigosa, Antonio (2022). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-1110-072-4.
- VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Ed. Galaxia, Vigo 2011.