Tarsius dentatus
- Artigo principal: Tarsiiformes.
Tarsius dentatus é unha especie de mamífero primate haplorrino tarsiiforme da familia dos tarsíidos e xénero Tarsius,[2] coñecido na bibliografía internacional como tarsio dentado ou tarsio de Dian, endémica das selvas da illa Célebes.[1].
Tarsius dentatus Tarsio dentado, tarsio de Dian | |||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||
Tarsius dentatus Miller & Hollister, 1921 | |||||||||||||||||||||||||||||
Área de distribución de Tarsius dentatus.
| |||||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||||
|
Taxonomía
editarDescrición
editarA especie foi descrita orixinariamente en 1921 polos zoólogos estadounidenses Gerrit Smith Miller, Jr e Ned Hollister, en Proc. Biol. Soc. Wash., 34: 103.[2]
En 1991 Niemitz, Nietsch, Warter e Rumpler caracterizaron unha suposta nova especie que foi denominada Tarsius dianae. Porén, en 1997, Shekelle e colaboradores propuxeron que T. dianae é un sinónimo de T. dentatus. Cómpren análises adicionais para determinar se son a mesma especie.
Sinónimo
editarTarsius dentatus coñécese tamén polo sinónimo Tarsius dianae.[1][2][3]
Etimoloxía
editarO nome específico, dentatus, deriva do adxectivo latino dentatus, -a, -um, "dentado", "que ten dentes", aludindo aos seus grandes incisivos.
Características
editarComo todos os tarsios, é un animal de pequeno tamaño, órbitas moi grandes e ósos tarsianos moi alongados, coa cabeza arredondada cun fociño reducido e o pescozo curto.
Tarsius dentatus é máis grande que T. pumilus e de tamaño similar ao de T. tarsier, xa que ten unha lonxitude de cabeza e tronco de 11,5 ou 12 cm, e unha cola de 22 cm.
A cor da capa de Tarsius dentatus é parda agrisada, e a cola está espida a excepción dunha guedella de poucos pelo ao final. Pode identificarse pola presenza de pelos curtos, brancos, flanqueando o labio superior e no medio do labio inferior, e pode distinguirse de T. tarsier pola falta de pelaxe marrón nas cadeiras, coxas e xeonllos, e pola pigmentación máis escura na cola, dedos e uñas; e tamén ten unha banda negra máis visíbel na pel que rodea os ollos que T. tarsier.
As súas orellas son máis curtas e máis anchas que as de T. tarsier, e hai un parche sen pelo na base de cada orella.
As femias teñen dous pares de glándulas mamarias.[4][5]
A súa fórmula dentaria é 2/1:1:3:3. Os incisivos superiores e inferiores son grandes e puntiagudos (ao que alude o seu nome), e os caninos superiores son pequenos.[6]
Bioloxía
editarHábitat e distribución
editarO tarsio de Dian vive nos bosques húmidos primarios e secundarios sobre todo na provincia de Sulawesi central (Célebres Centro), Indonesia. A súa presenza está determinada en gran parte polas súas vocalizacións. A maioría dos espécimes viven na Reserva da Natureza de Morowali e no Parque Nacional de Lore Lindu. Estudos de campo revelan que a densidade de poboación da especie varía de 129 a 136 individuos por quilómetro cadrado.[7]
A altitudes de 500 a 1000 m, a densidade da poboación estímase en 180 individuos/km2, mentres que de 1000 a 1500 m, observáronse só 57 individuos/km2. A poboación tamén é aproximadamente dez veces máis densa nos bosques secundarios que nos primarios.[8]
Costumes
editarVive en grupos de menos de 8 individuos compostos por un macho adulto e dunha a 3 femias adultas e as súas crías. De hábitos nocturnos, pasan o día durmindo nun agocho en lugares con follaxe denso, troncos caídos e cavidades de árbores, e pola noite saen a cazar e a comer. Antes do mencer, os tarsios adultos e subadultos realizan duetos vocais para fortaleceren a unión do grupo e sinalar os seus territorios.[9]
Nutrición
editarAliméntase, como os outros tarsios, de insectos e outros pequenos animais. Porén, os hábitos alimentarios específicos de Tarsius dentatus aínda non foron ben estudados.[5]
Reprodución
editarAínda que se cría que os tarsios eran monógamos, algúns estudos demostraron que os de Sulawesi exhiben facultativamente comportamentos de polixinia (unión dun macho con varias femias), e forman fortes lazos entre o macho e as femias. Os machos son máis territoriais que as femias, e teñen territorios máis amplos.[9]
Non se estudou aínda o comportamento reprodutivo de Tarsius dentatus. En xeral, as femias dos tarsios paren unha cría por ano tras un longo período de xestación. O ritmo de desenvolvemento fetal e posnatal dos tarsios é un dos máis lentos de todos os mamíferos. As crías son tamén proporcionalmente as máis grandes de todas as dos primates non antropoideos. A maior parte da súa masa componse da do cerebro, ollos e cranio. Esta achega de recursos para o cerebro conduce á rápida evolución dos comportamientos locomotores e de forraxeo.[5]
Estado de conservación
editarA Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status de Tarsius dentatus como VU (vulnerable) debido á perda de polo menos un 30 % do seu hábitat nos últimos 20 anos (aproximadamente, 3 xeracións). Desde 1990 até o 2000, do 15 ao 26 % dos hábitats boscosos da illa convertéronse en terreos agrícolas, e desde entón perdeuse polo menos un 10 % adicional.[1]
Todo iso a pesar dos hábitos nocturnos da especie, da súa capacidade para adaptarse a hábitats modificados e a que viven en amplas zonas protexidas. Pero pese aos esforzos por preservar eses parques, a especie aínda está ameazada por destrución do hábitat e a caza polos seres humanos. Moitas comunidades agrarias cazan dentro do Parque Nacional de Lore Lindu e doutras áreas protexidas, e utilizan a madeira e as rozas como fonte de ingresos.[9]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Shekelle, M.; Salim, A. & Merker, S. (2008): Tarsius dentatus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN- Versión 2015-4. Consultada o 20-02-2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Tarsius dentatus en Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World.
- ↑ 3,0 3,1 Tarsius dianae Niemitz, Nietsch, Warter and Rumpler, 1991 Arquivado 02 de marzo de 2016 en Wayback Machine. no ITIS.
- ↑ Niemitz, C. et al. (1991).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Nowak, Ronald M. (1999).
- ↑ Jablonski, N. (2003): "The Evolution of the Tarsiid Niche". En P. Wright, E. Simons & S, Gursky, eds. Tarsiers: The Past, Present, and Future. New Brunswick: Rutgers University Press, pp.35-49.
- ↑ Groves, C. (2003): "The Tarsiers of Sulawesi". En P. Wright, E. Simons & S. Gursky, eds. Tarsiers: The Past, Present, and Future. New Brunswick: Rutgers University Press, pp. 179-195.
- ↑ Flannery, S. (2007): "The Primata". En Primate Fact Sheets Arquivado 02 de abril de 2016 en Wayback Machine.. Consultado o 21-02-2016.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Tarsius dentatus na ADW.
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Tarsius dentatus |
Bibliografía
editar- Brandon-Jones, D.; A. A. Eudey, T. Geissmann, C. P. Groves, D. J. Melnick, J. C. Morales, M. Shekelle & C. B. Stewart (2004):
"Asian Primates Classification" International Journal of Primatology 25 (1): 97-164. Resumo.
- Chiarelli, A. B. (1972): Taxonomic Atlas of Living Primates. Londres, Reino Unido e Nova York, USA: Academic Press. ISBN 0-1217-2550-2.
- Groves, Colin P. (2001): Primate Taxonomy. Washington, USA e Londres, Reino Unido: Smithsonian Institution Press. ISBN 1-5609-8872-X.
- Kowalski, Kazimierz (1981): "Suborden Tarsioidea", en: Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, pp. 320–321.
- Niemitz, C.; A. Nietsch; S. Warter & Y. Rumpler (1991): "Tarsius dentatus: A New Primate Species from Central Sulawesi (Indonesia)". Folia Primatologica, 56 (2): 105-116.
- Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Primates of the World. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-6251-5.
- Parker, Sybil P. (1990): Grzimek's Encyclopedia of Mammals. Volume 2. Nova York, NY, USA: McGraw-Hill Publishing Company. ISBN 0-0790-9508-9.
- Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas, USA: Saunders College Publishing.
- VV. AA. (1968): "Tarsioideos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 290–292.
- Walker, Ernest P. (1975): Mammals of the World, Third Edition, Volumes I & II. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-1657-2.
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
- Wright, P. (2003): "Are Tarsiers Silently Leaping into Extinction?". pp. 296–308 en P. Wright, E. Simons & S. Gursky, eds. Tarsiers: The Past, Present, and Future. New Brunswick, New Jersey, USA: Rutgers University Press.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Dian’s tarsier (Tarsius dentatus) en ARKive. Con información, imaxes e bibliografía (en inglés).
- Tarsius dentatus Dian's tarsier na ADW. Con abundantísima información e bibliografía (en inglés).
- Tarsius dianae na EOL.