Tarsiiformes
Tarsiiformes
Tarsios

Rango fósil: eoceno - actualidade

Tarsius tarsier
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Eutheria (= Placentalia)
Orde: Primates
Suborde: Haplorrhini
Infraorde: Tarsiiformes
Gregory, 1915
Familia: Tarsiidae
Gray, 1825
Xéneros

A dos tarsiiformes (Tarsiiformes), ás veces denominados tarsiformes[1] é unha infraorde de mamíferos primates haplorrinos reunidos nunha única familia actual, a dos tarsíidos (Tarsiidae),[2] que comprende varias especies que estaban encadradas no até hai poucos anos considerado o seu único xénero, Tarsius,[2] e que son coñecidas vulgarmente como tarsios,[3] caracterizados polos seus grandes ollos, mans e pés moi desenvolvidos, que acaban en dedos longos rematados nun disco adhesivo, e que habitan nas selvas do sueste asiático e en varias illas de Indonesia. Ademais conta con numerosos xéneros en dúas familias extintas.

Cómpre sinalar que nos últimos anos (década do 2010), varios descubrimentos levaron a algúns expertos a reconsiderar este taxon, e houbo autores que propuxeron dividir o xénero Trasius en tres xéneros diferentes: Tarsius, Carlito[4] e Cephalopachus,[5] aínda non recoñecidos, por exemplo, nunha obra de referencia como Mammal Species of the World.

Durante moitos anos os tarsiiformes foron clasificados dentro dos prosimios,[6] pero foron separados deles porque comparten varias características cos simios.

Características

editar

De dimensións moi reducidas (de entre 9 a 16 cm de lonxitude, e de 80 a 150 g de peso), neste grupo encóntranse algúns dos primates máis pequenos que existen. A súa cabeza é arredondada, o pescozo curto (pero que permite xirar a cabeza até atrás, sen efectuar ningún movemento do tronco), o tronco máis curto e repoludo que o dos lemuriformes e a cola moi longa (de 13 a 27 cm), espida e rematada nunha guedella de pelo. Na cabeza, de fociño curto, destacan o grandes ollos, circulares e situados en posición frontal (visión estereoscópica (o que suxire a súa proximidade filoxenética cos antropoideos).

Os membros anteriores son curtos, mentres que os posteriores son moi longos, a causa da súa adaptación ao salto, e cos tarsos moi desenvolvidos (ao que alude o seu nome). Os dedos son longos e delgados, co extremo aplanado e dotado dun disco adhesivo. Os dedos teñen uñas planas, agás o segundo e o terceiro dos pés, que rematan en garras; os polgares son opoñíbeis.

O esqueleto presenta un desenvolvemento transversal do tórax con aplanamento do esterno, carácter referido á posición semierecta destes hábiles saltadores; a clavícula é longa e delgada.

 
Cranio dun tarsio.
Obsérvese o enorme tamaño das órbitas oculares.

O cerebro é moi pequeno (pesa uns 3 g), pero en proporción bastante ancho e cun prolongamento occipital que cobre parte do cerebelo; desataca o gran desenvolvemento dos centros da visión (o seu principal sentido da percepción) cuxos estratos celulares alcanzan un grao de diferenciación superior ao doutros primates, comprendido o home.

A dentadura está constituída por 34 dentes, distribuídos segundo a fórmula 2.1.3.3 / 1.1.3.3; amosa caracteres primitivos, especialmente na estrutura dos molares. O intestino, moi simple, presenta diversos caracteres que o asemellan ao dos insectívoros, e mesmo aos dos réptiles; carece de apéndice.

En xeral, o pulmón dereito ten 6 lóbuos, e o esquerdo, 4.

Posúen dous pares de mamas, un pectoral e outro abdominal; porén, pode existir un terceiro par pectoral. O útero é bicorne, e a placenta discoidal e decidua.[6]

Bioloxía

editar
 
Postura de repouso.

Os tarsios son de hábitos nocturnos e arborícolas e viven, solitarios ou en parellas, en zonas con matogueiras e arbustos en selvas pouco densas, cunha distribución restrinxida tan só aos arquipélagos da Sonda, Célebes e Filipinas. Dureante o día permanecen agochados entre a vexetación, en xeral aferrados a unha pequena póla vertical, e coa cola enroscada neste soporte. Non constrúen niños. Durante a noite desprázanse cunha notábel capacide acrobática nas árbores para buscar o seu alimento, consistente basicamente en insectos, aínda que tamén comen pequenos lagartos e crustáceos e outros invertebrados; non comen froitos, e a auga apáñana lambendo as follas das árbores. En xeral son silenciosos, pero poden emitir, coa boca entreaberta, algúns sons característicos, como débiles gritos.[6] Tamén pódense comunicar por ultrasóns.[7]

As femias paren unha soa cría por parto que, aínda que só pesan uns 20 g, nacen xa moi desenvolvidas, cos ollos abertos e cubertas; a nai transpórtaas suxeitándoas coa boca, pero as crías tamén poden agarrarse ao ventre da nai e tamén realizaren pequenos desprazamentos por si mesmas. Descoñécense os períodos de xestación e de amamentamento e, en canto á duración da vida desates aniamais, sábese dunha femia que viviu 10 anos nun zoolóxico.[6]

Taxonomía

editar

Unha taxonomía complicada

editar

A clasificación dos tarsios foi, durante moito tempo, confusa. Xa en 1780 o médico e naturalista alemán Storr sinalara as diferenzas entre os lémures e as especies que hoxe coñecemos cono tarsios, e argumentou a necesidade de separar estes dous taxa.[8]

Daquela cuñou o novo xénero Tarsius,[2] para reunir os pouco correntes primates que posuían uns excepcionalente longos ósos tasianos, e deulle o nome de Tarsius spectrum á especie que definira Pallas dous anos antes, en 1778, como Lemur spectrum (de aí é de onde procede o nome binomial actual Tarsius spectrum).[8]

Descricións

editar

Infraorde

editar

A infraorde dos Tarsiiformes foi descrita en 1915 polo zoólogo especializado en primatoloxía e paleontólogo estadounidense William King Gregory,[9]

Familia

editar

En canto á familia, fora descrita en 1825 polo zoólogo inglés John Edward Gray en Ann. Philos., n.s., 10: 338.[2]

Etimoloxía

editar

Infraorde

editar

O nome Tarsiiformes está formado sobre a raíz do nome do xénero tipo, Tarsius coa adición da desinencia do latín científico -iformes, "en forma de".

Familia

editar

Do memo modo, o nome da familia fómase sobre o nome do xénero tipo coa adición da desinencia do latín científio científico -idae, propia dos nomes das familias de animais.

En canto ao nome do xénero tipo Tarsius, deriva do latín tarsus, aludindo á lonxitude dos ósos tarsianos destes animais.[10]

Unha clasificación controvertida

editar

A clasificación da infraorde dos tarsiifomes é moi controvertida. Como exemplos, relaciónanse a continuacón as clasificacións dadas por alúns dos organismos especializados.

— Segundo Mammal Species of the World [2]

Suborde Haplorrhini Pocock, 1918)

— Segundo Animal Diversity Web [11]

Suborde Haplorrhini Pocock, 1918)

— Segundo Paleobiology Database [12]

Suborde Haplorrhini Pocock, 1918)

  • Infraorde Tarsiiformes (Gregory, 1915)
    • Familia Tarsiidae Gray, 1825
      • Xénero Tarsius Storr, 1780
        • Tarsius dentatus Miller & Hollister, 1921
        • Tarsius eocaenus Beard et al., 1994
        • Tarsius fuscus Fischer, 1804
        • Tarsius lariang Merker & Groves, 2006
        • Tarsius pelengensis Sody, 1949
        • Tarsius pumilus Miller & Hollister, 1921
        • Tarsius sangirensis Meyer, 1897
        • Tarsius sirindhornae Chaimanee et al., 2011
        • Tarsius tarsier (Erxleben, 1777)
        • Tarsius thailandica Ginsburg & Mein, 1987
        • Tarsius tumpara Shekelle et al., 2008
        • Tarsius wallacei Merker et al., 2010
      • Xénero Carlito Groves & Shekelle, 2010
      • Xénero Cephalopachus Swainson, 1835

— Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais [13]

Galería

editar
  1. tarsiformes no Gran dicionario Xerais da lingua.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Tarsiidae en MSW.
  3. Gran dicionario Xerais da lingua (2009): tarsio s. m. Mamífero primate, o único (sic) da familia dos dos társidos (sic) e da suborde (sic) dos tarsiformes (sic) (Tarsius sp.), nocturno, de pequeno tamaño, con grandes ollos e dedos longos rematados nun disco adhesivo [propio de Indonesia e Filipinas].
  4. Groves, C. & Shekelle, M. (2010): "The Genera and Species of Tarsiidae" International Journal of Primatology 31 (6): 1071–1082.
  5. Brandon-Jones, D.; Eudey, A. A.; Geissmann, T.; Groves, C. P.; Melnick D. J.; Morales, J. C.; Shekelle, M. & Stewart, C. B. (2004): "Asian Primate Classification" International Journal of Primatology 25 (1): 97–164.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 VV. AA. (1968): "Tarsioideos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, p. 290.
  7. The only primate to communicate in pure ultrasound en NewsCientist.com
  8. 8,0 8,1 Gursky, Sharon L. (2016): The Spectral Tarsier. London / New York: Routledge. ISBN 978-0-1318-9332-0, capítulo 1: Taxonomy History, páx. 2.
  9. Tarsiiformes en MSW.
  10. Tarsius no Merriam-Webster Dictionary.
  11. Tarsiiformes na ADW.
  12. Tarsiiformes Arquivado 22 de marzo de 2016 en Wayback Machine. na EOL.
  13. Especies de Tarsiidae na Lista vermella de especies ameazadas da UICN, versión 2015-4.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Brandon-Jones, D.; A. A. Eudey, T. Geissmann, C. P. Groves, D. J. Melnick, J. C. Morales, M. Shekelle & C. B. Stewart (2004):

"Asian Primates Classification" International Journal of Primatology 25 (1): 97-164. Resumo.

  • Chiarelli, A. B. (1972): Taxonomic Atlas of Living Primates. Londres, Reino Unido & Nova York, EUA: Academic Press. ISBN 0-1217-2550-2.
  • Groves, Colin P. (2001): Primate Taxonomy. Washington, EUA & Londres, Reino Unido: Smithsonian Institution Press. ISBN 1-5609-8872-X.
  • Gursky-Doyen, Sharon & Jatna Suprinata, eds. (2010): Indonesian Primates. Nova York / Dordrecht / Heidelberg / Londres: Springler. ISBN 978-1-4419-1559-3 / ISBN 978-1-4419-1559-7.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): "Suborden Tarsioidea", en: Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, pp. 320–321.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Primates of the World. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-6251-5.
  • Parker, Sybil P. (1990): Grzimek's Encyclopedia of Mammals. Volume 2. Nova York, NY, EUA: McGraw-Hill Publishing Company. ISBN 0-0790-9508-9.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Terceira edición. Fort Worth, Texas, EUA: Saunders College Publishing.
  • VV. AA. (1968): "Tarsioideos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 290–292.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
  • Wright, P.; E. Simons & S. Gursky, eds. (2003): Tarsiers: past, present, and future. Estados Unidos de América: Rutgers University Press.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar