Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia é o órgano colexiado de goberno de Galicia, tal e como aparece definido no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Está composta pola presidencia, a ou as vicepresidencias e mais os conselleiros. As vicepresidencias e os conselleiros noméanse desde a presidencia. Esta ten a sede no Pazo de Raxoi en Compostela.
Xunta de Galicia | |
---|---|
Logo da Xunta | |
Pazo de Raxoi, sede da Xunta de Galicia compartida co Concello de Santiago de Compostela | |
Información xeral | |
Formación | 1981 |
Precedente | Parlamento de Galicia |
Precedentes | Xunta do Reino de Galicia |
Xurisdición | Comunidade Autónoma de Galicia |
Sede central | Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela, 15705 |
Presidente | Alfonso Rueda Valenzuela |
Vicepresidentes | Diego Calvo Pouso |
Director | PPdeG |
Sitio web | |
https://www.xunta.gal/ |
Atribucións e funcionamento
editarA Xunta regula os seus propios tributos, elabora as normas para xestionar os impostos estatais e elabora e aplica o orzamento de Galicia. Tamén ten competencias exclusivas, entre as que se atopan as referidas á organización das súas institucións de autogoberno e das comarcas e parroquias rurais como entidades propias de Galicia; ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda; actuacións en relación ás institucións do Dereito Civil galego; normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico Dereito galego ou da organización dos poderes públicos; obras públicas; vías férreas, estradas e transporte; portos, aeroportos e heliportos; aproveitamentos forestais, hidráulicos e relativos á enerxía eléctrica; augas minerais e termais; pesca nas rías e augas interiores; feiras e mercados; artesanía, patrimonio artístico, bibliotecas, museos, conservatorios de música e servizos de Belas Artes; fomento da cultura e da investigación; promoción e ensino da lingua galega, do turismo e do deporte; asistencia social; creación dunha Policía Autónoma; réxime das fundacións; casinos, xogos e apostas; centros de contratación de mercancías e valores; confrarías de pescadores e distintas cámaras e normas adicionais sobre a xestión e conservación protección dos ecosistemas.
Historia
editarA Xunta de Galicia ten a súa orixe na Xunta do Reino de Galicia creada en 1528 e que perviviría, con algunhas interrupcións, ata 1833.
Durante a Guerra da Independencia española, en 1808, crease a Xunta Suprema do Reino de Galicia para dirixir a loita contra Francia e manter a orde pública. A Xunta Suprema asumiu funcións militares, lexislativas e de relacións internacionais até a creación da Xunta Central Española.
En 1843 constituíuse unha Xunta Central de Galicia, presidida por Xosé María Suances e oposta á rexencia de Baldomero Espartero.
En 1846 produciuse o levantamento do comandante Miguel Solís en Lugo, que disolve o Consello Provincial e a Deputación organizando a Xunta Superior do Goberno de Galicia, presidida por Pío Rodríguez Terrazo e que remataría co fusilamento dos Mártires de Carral.
Finalmente, o Real Decreto-Lei 7/1978 e o Real Decreto 474/1978 aprobados o 16 de marzo de 1978 designan a Xunta de Galicia como goberno galego [1].
Presidencia da Xunta de Galicia
editar- Artigo principal: Presidencia da Xunta.
Presidentes da Xunta de Galicia:
- 1978–1979 - Antonio Rosón Pérez (UCD-G) (preautonómico)
- 1979–1982 - Xosé Quiroga Suárez (UCD-G) (preautonómico até o 28 de abril de 1981)
- 1982–1987 - Xerardo Fernández Albor (APdeG)
- 1987–1990 - Fernando González Laxe (PSdeG)
- 1990–2005 - Manuel Fraga Iribarne (PPdeG)
- 2005–2009 - Emilio Pérez Touriño (PSdeG)
- 2009–2022 - Alberto Núñez Feijóo (PPdeG)
- 2022–presente - Alfonso Rueda Valenzuela (PPdeG)
Composición actual do Consello da Xunta
editar- Categoría principal: Gobernos de Galicia
En marzo de 2022, e tras gañar as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 con maioría absoluta por cuarta vez consecutiva, Alberto Núñez Feijóo anunciou a súa dimisión como presidente da Xunta de Galicia, malia ter máis de dous anos de lexislatura por diante, para asumir o liderado do Partido Popular e, seguidamente, foi nomeado senador de designación autonómica polo Parlamento. Nesta situación Alfonso Rueda Valenzuela, o que fora dende as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009 vicepresidente de Feijóo, fíxose cargo da presidencia da Xunta no que queda de lexislatura.
O novo goberno Rueda mantén unha estrutura de liña continuista cos gobernos de Feijóo, incluíndo tamén as dúas vicepresidencias engadidas na recomposición do seu goberno tras as eleccións do ano 2020.
Esta é a composición actual da Xunta e os seus titulares:[2]
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
- Presidencia da Xunta de Galicia e Consellaría de Turismo: Alfonso Rueda Valenzuela (PP).
- Vicepresidencia primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes: Diego Calvo Pouso (PP).
- Vicepresidencia segunda e Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: Ángeles Vázquez Mejuto (PP).
- Consellaría de Facenda e Administración Pública: Miguel Corgos López-Prado (PP).
- Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade: Ethel María Vázquez Mourelle (PP).
- Consellaría de Economía, Industria e Innovación: María Xesús Lorenzana Somoza (Independente).
- Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade: Román Rodríguez González (PP).
- Consellaría de Sanidade: Julio García Comesaña (Independente).
- Consellaría do Mar: Alfonso Villares Bermúdez (PP).
- Consellaría do Medio Rural: José González Vázquez (PP).
- Consellaría de Política Social e Xuventude: Fabiola García Martínez (PP).
- Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade: Elena Rivo López (Independente).
As competencias da consellaría de Turismo, que no derradeiro goberno de Núñez Feijóo correspondían ao seu vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, foron asumidas por este último como presidente ao se conformar o novo gabinete.
Situación
editar- Edificios Administrativos San Caetano
San Caetano, s/n
15704 - Santiago de Compostela - Pazo de Raxoi
Praza do Obradoiro.
15705 - Santiago de Compostela - Pazo de Monte Pío
Rúa do Monte Pío, 44.
15705 - Santiago de Compostela - Sede da Xunta de Galicia na Coruña
Avda. Salvador de Madariaga, 9
154781 - A Coruña - Sede da Xunta de Galicia en Ferrol
Praza de España, 2
15403 - Ferrol - Sede da Xunta de Galicia en Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 - Lugo - Sede da Xunta de Galicia en Ourense
Avda. da Habana, 79
32004 - Ourense - Sede da Xunta de Galicia en Pontevedra
Avda. María Victoria Moreno,43
36003 - Pontevedra - Sede da Xunta de Galicia en Vigo
Rúa Concepción Arenal, 8
36201 - Vigo
Notas
editar- ↑ Real Decreto-lei 7/1978, polo que se aproba o réxime preautonómico para Galicia (BOE nº 66, de 18.03.1978) [1] Arquivado 01 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. e Real Decreto 474/1978, polo que se desenvolve o Real Decreto-lei 7/1978 (BOE nº 66, de 18.03.1978) [2] Arquivado 01 de febreiro de 2012 en Wayback Machine..
- ↑ [3]
- ↑ As obras na Xunta (agora) non fan ruído, Praza Pública, 24 de marzo de 2019.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xunta de Galicia |
Outros artigos
editar- Parlamento galego
- Alberto Núñez Feijóo
- Alfonso Rueda
- Partido Socialista de Galicia
- Bloque Nacionalista Galego
- Partido Popular de Galicia
Ligazóns externas
editar- Páxina oficial da Xunta de Galicia
- As orixes medievais da Xunta de Galicia Historia da Xunta de Galicia.