Saltar ao contido

Baluros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baluros imaxinados por unha intelixencia artificial.
Comarca da Terra Chá

Os baluros[1] ou valuros eran unha comunidade ou tribo de sacerdotes de orixe precristiá procedentes da Balura ou Baluria, na Terra Chá. Proviñan da cidade de Veria, asolagada por maldición divina baixo a lagoa de Cospeito e de alí espalláronse polo resto de país fundaron numerosas Baloiras.[2][3]

Caracterización

[editar | editar a fonte]

Segundo Antonio Reigosa, tiñan a consideración de seita ou raza maldita. Exercían de curandeiros, feiticeiros, usureiros, agoireiros, esmoleiros vagamundos, predicadores e santeiros, comerciantes da arte e do engano como dá a entender a copla[4] Baluro, por que vas preso? / Señor, por cousa ningunha: / porque roubei un ramal / e detrás viña unha mula. Chegaban a suplantar ou competir cos cregos, polo que algúns bispos galegos decretaron excomuñóns que os obrigaron a dispersarse e a exercer as súas artes en segredo.

Pedían esmola para as once mil virxes e once mil cantantes que con medio corpo na auga e medio fóra cantan noite e calan de día na lagoa de Caque[5], Obtiñan salvocondutos e a condición e ministros e familiares do Real Hospital de Santiago o que lles permitía pedir no seu nome[6]. Moitos deles presentaban cicatrices na faciana e nas mans para impresionaren as vítimas[6].

Identificación xeográfica

[editar | editar a fonte]

A terra dos valuros sitúase na Terra Chá. Vicente Risco di que a Terra de Valura abarcaría dende Xermar ata Ribeiras de Lea e dende Castro de Rei ata Pino. Recollendo a opinión doutros autores, cita a Manuel Murguía para quen, desbotando a opinión manifestada por Boán e De la Gándara[7] de que fosen denominados así por seren adoradores do deus Baal, serían os que viven preto das montañas Valuras. Para Aquilino Iglesia Alvariño a terra dos valuros sería unha antiga Valuria que abranguía case toda a Terra Chá, e Manuel Amor Meilán, segundo recolle Risco, colócaa no concello de Cospeito, onde di que estivo a palafita vila asolagada de Beria chegando á parroquia de Triabá en Castro de Rei e quizais algunha outra próxima a aquel. Eduardo Lence-Santar asígnalle a Valura unha extensión que comprendería o concello de Cospeito e algunhas parroquias de Castro de Rei, A Pastoriza e Abadín.

Existen varias referencias aos valuros na toponimia actual. Existe unha Casa da Valura en Trabada na que habitou unha persoa orixinaria da Terra Chá, a devandita casa está actualmente deshabitada pero os seus descendentes seguen a ser coñecidos polo alcume "do/a valuro/a". En Mondoñedo, cabo do camiño que vai dende o Os Remedios cara ao Mosteiro dos Picos existe unha casa aínda habitada coñecida tamén como a Casa da Valura.[8] Na cidade de Lugo existe unha rúa do Baluro e ao pé do Miño un caneiro do Baluro. Deste Baluro do caneiro escribe Ánxel Fole que tiña aspecto de tártaro e que os baluros eran pueblo de raza amarilla y misteriosos orígenes.

Referencias históricas

[editar | editar a fonte]

No século XVIII os bispados de Ourense, Tui e Mondoñedo condenaron as súas prácticas e abusos como usurpadores das funcións e beneficios propios dos cregos.

En 1750 deu Cartas Pastorais contra eles o bispo de Mondoñedo e son citados no parágrafo 12 das Constituciones que deu á Igrexa de Tui o seu bispo Fr. Juan de Villamar no ano 1665 nestes termos: "Deseando vivamente ocurrir a los gravisimos daños que en las almas sencillas ocasionan los questores que el vulgo llama Baluros, ya con predicación de milagros, revelaciones, profecías, promesas é indulgencias fingidas, oraciones y exorcismos supersticiosos, ya con engaño, amenaza y vanas descomuniones que fulminan para atemorizar á los rústicos y sacarles su dinero y alhajas, mandamos..."[9].

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

É un termo ambiguo canto á grafía. O Diccionario galego-castelán de Xosé Luís Franco Grande (1968-1972) define baluro como "brujo, hechicero que a la vez oficiaba de médico, sacerdote, milagrero y profeta" e valuro-a como "usurero, que presta con usura. Dícese de los habitantes de la Terra Chá, que también se les llama chairegos". No Dicionario da Real Academia Galega só aparece baluro, como sinónimo de bruxo ou meigo[10].

Xa no século XVIII, Xoán Sobreira Salgado, nas papeletas que preparara para un dicionario galego, recollía o significado despectivo de baluro na Terra de Lemos ao definilo como "persona miserable, tacaño, persona ruín" e ofrece cativo como sinónimo.

No Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González, baluro,-ra tamén é "ambicioso, que tiene deseo vehemente de alguna cosa".

Alén destes mesmos significados, Aníbal Otero rexistra baluro como "folgazán" e "gordo ou contrafeito". O Dicionário Estraviz faise eco destas achegas coa expresión "estar coma un baluro", que é estar groso[11], e tamén da grafía con uve para os significados de "usureiro" e "chairego"[12].

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para baluro.
  2. "Os baluros, tribo maldita. Mitos, lendas e contos galegos". galiciaencantada.com. Consultado o 2021-05-26. 
  3. Cuba, Miranda e Reigosa (1999:50).
  4. Recollida por por Isaac Rielo Carballo
  5. VILLA-AMIL Y CASTRO, J. Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia
  6. 6,0 6,1 LENCE-SANTAR, E.
  7. Rielo Carballo, Isaac (2015) Xosé Manuel Carballo e os baluros. Cerna de Carballo. Xosé Manuel Carballo visto por 200 amigas e amigos. Xermolos-Irmandade Manuel María. Colección Pedra Alveira nº 6.
  8. REIGOSA, A. Os baluros, tribo maldita
  9. RISCO, V. (1979): "Etnografía. Cultura espiritual" Historia de Galiza, T.1. p. 383 e 451-452. N. do A.: Risco dá a data errónea de 1775, posiblemente confundido coa data dunha reedición do século XVIII.
  10. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para baluro.
  11. "Significado de baluro no Dicionário Estraviz". estraviz.org. Consultado o 2021-05-26. 
  12. "Significado de valuro no Dicionário Estraviz". estraviz.org. Consultado o 2021-05-26. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]