Saltar ao contido

Landra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Landras dun carballo bravo en Escocia.
Quercus macrolepis

A landra ou belota é o froito característico dos carballos, das especies do xénero Quercus (fam. Fagaceae), como son o carballo común e outras árbores semellantes como a aciñeira ou a sobreira.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A orixe da palabra landra é descoñecida, se ben podería ser preindoeuropeo, anterior ás linguas celtas e mais ao latín, xa que en éuscaro landare significa froito. Outra teoría aproxima landra ao latín glans glandis, con caída do g inicial; mesmo a palabra glande está definida como froito do carballo[1]. De onde tamén derivaría o termo francés: gland e o asturiano: llande. A palabra belota, tamén usada en Galicia, ou a variante portuguesa bolota, poderían ser vocábulos de orixe árabe: ballūṭa (aciñeira) ou grega: βαλανωτή, ballanus (glande ou testa do membro viril).

Descrición

[editar | editar a fonte]

A landra é un froito anual, aquenio con forma oval lustroso e de cor verde que se torna parda no outono, entre 2 e 4 cm de longo e 0,8 a 1,8 cm de diámetro. Está cuberta polo cascabullo, un carapucho formado por unha casca dura e unida á árbore pola parte posterior por unha especie de carapucho con escamas ovado triangulares imbricadas e máis ou menos soldadas entre elas. O endocarpo é glabrescente.

A landra pendura dun pedúnculo duns 6 cm de lonxitude. Asociado ao mesmo pedúnculo acostuman aparecer dúas landras terminais. É moi frecuente tamén, atopar unha grande terminal e outra pequena basal, esta última non chega a desenvolverse por completo, polo que non é fértil.

A landra madura entre outubro e novembro.

Árbores en Galicia con landras

[editar | editar a fonte]

A landra de carballo é consumida por distintos animais bravos como xabarís, esquíos etc., de aí a importancia ecolóxica do carballo. Tamén se emprega como alimento para os porcos. Tense falado que os pobos castrexos: galaicos e ástures empregaban a fariña de landras para facer pan antes da chegada dos romanos, porén é unha hipótese non documentada.

As dúas especies de aciñeiras dan dous tipos distintos de landras: a landra agre (Quercus ilex subsp. ilex) e a landra doce (Quercus ilex subsp. ballota); ambas recóllense para penso dos cochos. Na Estremadura e en Andalucía os cochos pastan pola devesas aproveitando as landras caídas, mentres as cabras frecuentemente aganchan polas árbores buscándoas. Os vacceos e outros pobos do centro da Iberia prerromana obtiñan fariña panificábel delas.

Usos medicinais

[editar | editar a fonte]

As landras secas son adstrinxentes, antisépticas e tónicas. Os humanos só poden tomar crúas certas variedades de landras doces da aciñeira, mentres o resto das variedades poden tomarse torradas á brasa, o que elimina o exceso de taninos. Tamén se elabora un saboroso licor na Estremadura.

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
  • Ano de landras, ano de graxas.
  1. X. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernandes, A. Magariños Negreira e X. Cordal Carús (1926): Vocabulario popular castelán-galego (publicado por entregas en El Pueblo Gallego)
    Leandro Carré Alvarellos (1979): Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán-galego, A Coruña, Moret.