Saltar ao contido

Veterinaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Veterinario examinando un gato.

A veterinaria é a ciencia que se dedica á prevención, control, erradicación e tratamento das enfermidades, traumatismos ou calquera outra agresión á saúde dos animais, ademais do control da sanidade dos alimentos para o consumo humano.

A veterinaria tamén busca asegurar a calidade, cantidade e a seguridade dos alimentos a través do control da saúde dos animais e dos procesos que seguen para obter os seus produtos (tales como carne, ovos, leite, coiro etc), así como a súa distribución, venda e preparación.

A Asociación Mundial Veterinaria proclamou no ano 2000 o último sábado de abril como o Día Mundial do Veterinario, co obxectivo de recoñecer o papel da Veterinaria en todo o mundo e a súa contribución na mellora da saúde e o benestar animal, así como na saúde pública [1].

A veterinaria é tan antiga como a conexión que os seres humanos realizaron cos animais. A ars veterinaria estaba referida no Papiro de Kahoun, de preto de 4 mil anos antes de Cristo, atopado en 1890, no Exipto. Os códigos Eshn Unna (1900 a.C.) e de Hammurabi (c. 1700 a.C.), na Babilonia, traen referencias ao pago e atribucións dos médicos dos animais.

Na Grecia Antiga, a profesión, entón chamada de hipiátrica, data do século VI a.C.; xa en Roma algúns tratados foron dedicados á enfermidades animais, como os de Cato e de Columella.

Apsirtos, considerado o Pai da Veterinaria no Occidente, naceu en Clazómenas, en 300, foi autor de 121 dos 420 artigos do tratado publicado o século VI, en Bizancio, chamado Hippiatrika. Formado en Medicamento, en Alexandría, foi o veterinario-xefe no exército de Constantino.

Sistematización do estudo

[editar | editar a fonte]

Foi durante o reinado de Afonso V de Aragón, en España, cando o estudo básico tivo inicio; no goberno de Fernando e Isabel, estableceuse o cargo de 'albeite, curador de animais.

O seu estudo sistemático, con todo, só veu coa fundación da primeira escola de Medicina Veterinaria, polo francés Claude Bougerlat, en 4 de agosto de 1761, á cal se seguiron o nacemento en Europa doutros centros, tales como as escolas de Viena (1768), Turín (1769) e Gôttingen (1771).

Modernidade

[editar | editar a fonte]

Recentemente a aplicación do Médico Veterinario ten expandindo por mor da dispoñibilidade de técnicas avanzadas de diagnóstico e de terapia para a maioría das especies animais, así como polos avances científicos noutras áreas, como a xenética, a biotecnoloxía, a fisioloxía, que proporcionan melloramentos nos sistemas de produción animal.

En 1946, a Organización Mundial da Saúde (OMS), recoñecendo a necesidade de conciliarse, definitivamente, os inseparábeis preceptos da saúde humana coa saúde dos animais, recomendou que se crease unha sección de saúde veterinaria, que foi establecida o ano de 1949. Así define a OMS, en 1951, a Saúde Pública Veterinaria: A Saúde Pública Veterinaria comprende todos os esforzos da comunidade que influencian e son influenciados pola arte e ciencia médico-veterinaria, aplicados á prevención da enfermidade, protección da vida e promoción do benestar e eficiencia do ser humano.

En 1955 foron establecidas as seguintes actividades para esta área: o control e erradicación de zoonoses; a hixiene dos alimentos; os traballos de laboratorio; os traballos en bioloxía e as actividades experimentais.

O veterinario é, segundo a Real Academia Galega, a persoa que se acha legalmente autorizada para profesar e exercer a veterinaria.

O Médico Veterinario xa non se restrinxe á área da saúde animal, o seu campo é máis amplo que o estudo, diagnóstico e tratamento das enfermidades dos animais; pasou a desempeñar un notable papel nos sectores agroindustrial e gandeiro. O veterinario recibe unha adecuada formación en materia de produción e control sanitario dos alimentos de orixe animal, froitas, verduras, hortalizas e cogomelos destinados a consumo humano (son os chamados Inspectores de Sanidade), incluída a conservación dos mesmos e toda a lexislación referente. Préstase especial atención a programas de saneamento gandeiro, control de animais salvaxes e de compañía e prevención e control de enfermidades de animais, especialmente daquelas transmisibles ao ser humano.

O veterinario colabora coa medicina humana na preparación de soros e vacinas, nutríndose mutuamente ambas profesións. É importante tamén a participación no control do medio ambiente a fin de garantir os equilibrios biolóxicos da natureza e defendendo a saúde do home.

Entre as funcións que poden realizar estes profesionais pódense destacar as de observación, interpretación e diagnóstico da patoloxía dos animais, mellorar o rendemento animal e a gandería produtiva, vixiar a fabricación e posta en circulación dos produtos alimenticios de orixe animal destinados ao consumo humano, analizar o comportamento dos animais, a investigación e a docencia.

En xeral poderíase dicir que a profesión veterinaria ocúpase do coidado e estudo da produción, explotación, medicina preventiva e curativa dos animais útiles ao ser humano, das súas relacións hixiénico-sanitarias e da obtención, industrialización e tipificación dos produtos de orixe animal.

En España existían (en 2021) doce facultades de Veterinaria, unha delas en Lugo ([2]). Segundo estudos da Organización Colexial Veterinaria, en 2020 había 17.555 mulleres colexiadas (51%) fronte a 16.888 varóns, pero esa diferenza porcentual incrementábase sustancialmente no tramo de idade inferior a 35 anos, no que o número de mulleres colexiadas ascendía a 5.859 (71%) fronte a 2.393 homes; a mesma tendencia mantense nas facultades, pois o 76% do alumnado son mulleres [2].

En 2005 creouse a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.[3]

A orixe palabra que designa ás persoas que exercen esta área da saúde é latina culta. O Veterinarius, segundo o escritor Catón, era o coñecedor e practicante da arte de curar as veterinae ou veterina, é dicir, as bestas de carga. O nome destes animais parece proceder de vetus (vello), porque se trataría de animais envellecidos, e polo tanto non aptos para xa para as carreiras nin para os carros de guerra e só útiles para o transporte. Outras fontes afirman que veterina puido nacer do verbo veho, vehere, de onde se derivaría vehículo, que significa precisamente transportar.

O albeite (palabra de orixe árabe) é a persoa que cura animais sen te-lo título de veterinario.

A literatura tradicional recolleu refráns e contos referidos ós albéitares:

  • As amatas do meu burro fixeron de min albéitar.
  • Ó albéitar non lle doe a carne de besta.

A veterinaria como profesión

[editar | editar a fonte]

Poden establecerse catro grandes áreas de traballo para estes profesionais:

  • Veterinaria clínica ou medicina veterinaria: dedicada á prevención e curación de enfermidades nos animais domésticos (sexan mascotas ou animais de produción), ou ben animais exóticos (parques zoolóxicos, fauna cinexética, etc.). Neste caso poden ser veterinarios xeralistas ou especialistas nas distintas patoloxías.
  • Produción e sanidade animal: dedicada ó control e mellora xenética de animais de abasto, para aumentar a cantidade e calidade da produción de alimentos (carne, leite, ovos, etc.) garantindo o mellor estado de saúde para estes animais.
  • Tecnoloxía dos alimentos: dedicada á garantir a hixiene e seguridade na produción de alimentos por parte da industria alimentaria. Encárgase de deseñar procesos industriais, mellorar sistemas de conservación, aumentar a rendabilidade do proceso, etc.
  • Saúde pública e seguridade alimentaria: dedicada ó control da calidade e salubridade dos alimentos postos á disposición do consumidor pola industria alimentaria ou os establecementos retallistas (venda polo miúdo ou restauración) a través da inspección periódica dos produtos comercializados e dos establecementos que os poñen no mercado.

Veterinaria e saúde pública

[editar | editar a fonte]

Coa comprensión pola ciencia da orixe e propagación de diversas enfermidades, tendo como vectores animais domésticos ou silvestres, así como para asegurar a propia integridade física dos animais, o Médico Veterinario pasou a ser importante coadxuvante nas políticas de saúde pública dos países. A propagación de enfermidades epidémicas, humanas ou animais, atopa na instalación de barreiras veterinarias que evitan a súa propagación un medio eficaz de control.

Aliado a iso, un dos campos da Veterinaria que está en grande ascenso é o da Defensa Sanitaria Animal, cuxos obxectivos son xustamente previr a ocorrencia de enfermidades exóticas, que poden ter graves impactos na saúde pública ou económicos nos animais, e controlar ou erradicar enfermidades endémicas.

Algunhas destas enfermidades que poden ser citadas son, entre outras, a brucelose, tuberculose, cisticercose, toxoplasmose, salmonelose, colibacilose, clostridioses, leptospirose, campilobacteriose, listeriose, rabia, scrapie, encefalopatía esponxiforme bovina e a influenza aviaria (gripe aviaria) (todas elas potenciais zoonoses) enfermidades dos animais susceptibles de transmisión ao ser humano, ademais da febre aftosa, pestes porcinas clásica e africana, anemia infecciosa equina, enfermidade de Newcastle, enfermidade de Aujezski, que son enfermidades de alto impacto económico e poder restritivo de mercado.

Actualmente, son recoñecidas máis de cen zoonoses e incontábeis outras enfermidades infecto-contaxiosas dos animais que traen serias consecuencias económicas. Para combatelas, o Veterinario exerce unha vixilancia epidemiolóxica activa, actuando directamente no campo e controlando o tráfico de animais, realizando a inspección dos produtos de orixe animal (como derivados da carne, do leite, dos ovos, peixe e mel) e buscando sinais de enfermidades que poidan ser transmitidas ao ser humano ou que poidan indicar o estado sanitario dos rabaños.

Veterinaria e zootecnia

[editar | editar a fonte]
Guacamaio azul e amarelo en tratamento nunha cámara de quecemento.

Na área de produción animal ou Zootecnia, o Veterinario traballa na formulación de dietas de animais, entre os cales o gando bovino, ovino, caprino, porcino e aves cuxa importancia destaca na produción de alimentos para o ser humano. Neste campo, o Médico Veterinario especialízase en sectores do coñecemento como nutrición, xenética e mellora animal, estatística e técnicas de manexo xeral, contribuíndo fortemente no desenvolvemento agrícola.

Veterinaria e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Os profesionais da Veterinaria participan en estudos ecolóxicos e de protección e conservación ambiental. Traballan en conxunto con outros profesionais coa finalidade de estudar o comportamento dos animais silvestres, tendo relevancia sobre todo en animais mantidos en cativerio para fins reprodutivos, asistindo na súa reprodución, na tranquilización, anestesia nas intervencións cirúrxicas, na prescrición dos diversos tratamentos e na definición da dieta máis adecuada para tales especies.

Vewterinaria clínica

[editar | editar a fonte]

Animais de compañía, particularmente cans e gatos, frecuentemente reciben coidado médico avanzado (próteses de cadril, cirurxías de catarata, marcapasos cardíacos e outros moitos procedementos avanzados que se supón son aplicados soamente en medicina humana). Todo depende da dispoñibilidade da tecnoloxía e tamén do dominio do procedemento por parte do veterinario, unha vez que hoxe en día a Veterinaria xa está subdividida en diversas especialidades, como a medicina humana (oftalmoloxía, ortopedia, oncoloxía, endocrinoloxía, dermatoloxía, acupuntura etc.).

Na área de animais de produción, como gado bovino, ovino e caprino, que non teñen valor emocional moi grande, os tratamentos e as operacións caras non son moi usadas, sendo destinados en xeral só aos animais de gran valor económico (como os reprodutores, campións etc.).

Os científicos que traballan na área de Veterinaria son moi importantes en investigación farmacolóxica, química e biolóxica.

  1. "Día Mundial del Veterinario" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2022. Consultado o 2022.11.27. 
  2. "Las mujeres suponen el 70% de los veterinarios colegiados", en Información Veterinaria, 1, 2021, px. 6 [1] Arquivado 13 de maio de 2021 en Wayback Machine..
  3. DECRETO 75/2005, de 21 de abril, por el que se acuerda la creación de la Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. DOG nº 78, 25 de abril de 2005.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]