Acoirazado Bismarck
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2012.) |
Bismarck | |
---|---|
O Bismarck en 1940 | |
Historial | |
Estaleiro | Blohm & Voss, Hamburgo |
Clase | Clase Bismarck |
Tipo | acoirazado |
Autorizado | 16 de novembro de 1935 |
Posta en grella | 1 de xullo de 1936 |
Botado | 14 de febreiro de 1939 |
Asignado | 24 de agosto de 1940 |
Baixa | 27 de maio de 1941 |
Destino | afundido |
Características xerais | |
Desprazamento | 43,000 tm t estándar 53.400 t (máximo) |
Eslora | 251 m |
Manga | 36 m |
Calado | 10,55 m (máximo) |
Blindaxe | ·Cinto: 145–320 mm ·Cuberta acoirazada: 80–120 mm ·Tabique antitorpedo: 45 mm ·Torretas: 130–360 mm ·Barbetas: 220-340 mm ·Torre de mando: 220-360 mm |
Armamento | ·8 canóns de 380/50 mm ·12 canóns de 150/55 mm ·16 canóns AA de 105/65 mm ·16 canóns AA de 37 mm. |
Velocidade | 30,1 nós |
Tripulación | 103 a 108 oficiais e 1.989 a 2.500 suboficiais e mariñeiros |
O Bismarck foi un acoirazado alemán e un dos barcos de guerra máis famosos da segunda guerra mundial. Era o principal barco da súa clase, e foi chamado así polo chanceler alemán do século XIX Otto von Bismarck. O Bismarck desprazaba máis de 50.000 toneladas totalmente cargado e foi o barco de guerra máis grande encargado no seu tempo.
O Bismarck tomou parte nunha única operación durante a súa breve carreira. Xunto co cruceiro pesado Prinz Eugen deixou Gotenhafen (Gdynia) na mañá do 17 de maio de 1941 para a Operación Rheinübung, durante a cal intentou interceptar e destruír os convois en transito entre Norteamérica e o Reino Unido. Cando o Bismarck e o Prinz Eugen intentaron entrar no Atlántico foron descubertos pola Royal Navy e produciuse a batalla do Estreito de Dinamarca. Durante o curto encontro, o cruceiro de batalla HMS Hood, buque insignia da Home Fleet e orgullo da Royal Navy, foi afundido despois de varios minutos de disparos. En resposta, o primeiro ministro británico Winston Churchill deu a orde "Afundir o Bismarck!", estimulando a súa busca incesante por parte da Royal Navy.
Dous días despois, co Bismarck case ao alcance de augas máis seguras, biplanos Swordfish da Fleet Air Arm lanzados dende o portaavións HMS Ark Royal torpedearon o barco e danaron o seu temón, permitíndolle ás unidades pesadas británicas alcanzalo. Na batalla acaecida na mañá do 27 de maio de 1941, o Bismarck foi fortemente atacado durante dúas horas antes de afundirse. A súa destrución apareceu nas portadas dos xornais de todo o mundo.
Fabricación e entrada en servizo
[editar | editar a fonte]O deseño do Bismarck comezou a principios dos anos 30, despois de que Alemaña desenvolvese a a clase Deutschland de "acoirazados de peto" e a clase Scharnhorst de acoirazados. O Bismarck foi planeado como o prototipo para outros acoirazados previstos polo Plan Z, como a clase H. A quilla do Bismarck foi colocada no estaleiro Blohm & Voss en Hamburgo o 1 de xullo de 1936. Botouse o día 14 de febreiro de 1939 e foi bautizado por Dorothea von Löwenfeld, unha neta de Otto von Bismarck. O acoirazado foi posto en servizo no 24 de agosto de 1940 co Kapitän zur See Ernst Lindemann ao mando.
Cando o Bismarck entrou en servizo, era o buque de guerra máis grande ata a data. Segundo o Plan Z, pretendíase que fose parte dun escuadrón de acoirazados rápidos que actuase en primeira liña de batalla con acoirazados maiores en segunda liña; porén, co estoupido da guerra en 1939 e o aumento da demanda da industria armamentística alemá, o Plan Z xa non era práctico. Como resultado, o Bismarck foi usado como cazador de barcos comerciais. Era razoablemente axeitado para esta tarefa, sendo máis rápido que calquera acoirazado da Royal Navy, e as súas cualidades de resistencia eran realmente boas para o seu tempo e mellores cas dos acoirazados británicos que podían darlle caza.
Oficiais superiores
[editar | editar a fonte]- Comandante da Frota: Admiral Günther Lütjens
- Xefe do Estado Maior da Frota: Kapitän zur See Harald Netzband
- Capitán: Kapitän zur See Ernst Lindemann
- Primeiro oficial: Fregattenkapitän Hans Oels
- Oficial de navegación: Korvettenkapitän Wolf Neuendorff
- Enxeñeiro xefe: Korvettenkapitän Dipl-Ing Walter Lehmann
- Primeiro oficial de artillaría: Korvettenkapitän Adalbert Schneider
Operación Rheinübung
[editar | editar a fonte]Ruptura no Atlántico
[editar | editar a fonte]O Bismarck completou as preparacións para a súa saída cara ao Atlántico no golfo de Gdansk, reabastecéndose de combustible e deixando o porto de Gotenhafen (na actualidade Gdynia) para a súa primeira e única misión, co nome en código Rheinübung nas primeiras horas do 19 de maio de 1941. Estaba acompañado só polo cruceiro pesado Prinz Eugen. Outros barcos capitais, como os acoirazados Gneisenau e Scharnhorst, que ían participar na operación, non estaban dispoñibles por problemas mecánicos e danos de combate. Por outra banda, os plans de usar o barco irmán do Bismarck, o Tirpitz, foron deixados de lado porque aínda non rematara as probas no mar. A pesar destes contratempos, a misión seguiu adiante baixo o mando do Almirante Günther Lütjens. Os alemáns tiñan varios obxectivos: destruír o maior número de buques aliados posible e forzar aos británicos a suspender os convois, aínda que fose temporalmente; compensar a súa débil presenza de submarinos no Atlántico; desviar forzas navais británicas do Mediterráneo para reducir os riscos da planeada invasión da illa de Creta e para permitir o apoio e reforzo dos Afrika Korps de Rommel en Libia; e desgastar os buques de guerra británicos forzados a estender as súas patrullas. Para a primeira parte da viaxe, ata Noruega, preferiuse a ruta do Báltico en lugar de cruzar pola canle de Kiel para chegar ao mar do Norte.
Os británicos souberan polo sistema Ultra (que conseguía descifrar as mensaxes en código Enigma) sobre a vixilancia aérea do estreito de Dinamarca e da base da Royal Navy en Scapa Flow, así como os plans de saída cara ao Atlántico do Bismarck (porén, os británicos non desencriptaron mensaxes de Enigma sobre do Bismarck durante Rheinübung). Os cruceiros pesados británicos equipados con radar capaces de reabastecerse de combustible en Islandia, foron enviados a patrullar o estreito de Dinamarca. Os escuadróns non equipados para reabastecerse en combate agardaron un avistamento dos buques despregados. O 20 de maio de 1941, o cruceiro sueco HMS Gotland atopou e rastrexou o grupo de combate alemán dirixíndose cara ao noroeste pasado Gotemburgo. Un oficial noruegués en Estocolmo decatouse do avistamento por unha fonte militar sueca e informou ao agregado naval británico, que inmediatamente chamou ao Almirantado.
Alertado por este informe, ás 03:30 do 21 de maio, o Almirantado pediu un recoñecemento aéreo da costa norueguesa. Un Spitfire de recoñecemento atopou e fotografou ao Bismarck no fiorde de Grimstad (60°19.49′N 5°14.48′E), preto de Bergen ás 13:15, e menos de dúas horas despois o Bismarck e o Prinz Eugen atracaron na cidade norueguesa. Con esta importante información, a Home Fleet británica enviou aos acoirazados HMS Prince of Wales e HMS Hood, escoltados por un feixe de destrutores, cara Islandia. Catro cruceiros foron cubrir a vía de escape cara ao Atlántico Norte do estreito de Dinamarca e o oco entre as Feroes e Islandia.
As ordes operacionais do Bismarck non requirían que repostase en Bergen (o Prinz Eugen fíxoo por necesidade), e o acoirazado non tomou combustible extra no día que pasou no Grimstadfiord. Este feito tería posteriormente consecuencias serias para o barco, sobre todo porque saíra dende Gotenhafen sen que os tanques estivesen completamente cheos e xa consumira unha décima parte da súa carga durante a viaxe ata Noruega. O Almirante Lütjens sabía que un barco de repostaxe, o Weissenberg, estaba agardando por eles no Ártico, a polo menos un día de navegación. Foi estraño que, aínda tendo esta información, non aproveitase esa oportunidade de recargar o Bismarck para a que podería ser unha perigosa viaxe. Por outra banda, a súa decisión de parar en Bergen revogou unha decisión anterior de dirixirse directamente cara ao Ártico e o Weissenberg. Isto tamén lles fixo perder un día e expúxoos á detección da vixilancia aérea británica.
Ás 19:45 do 21 de maio Lütjens botouse ao mar, separándose da súa escolta de destrutores a primeiras horas do 22 de maio. Dirixíndose cara ao norte, e posteriormente cara ao noroeste a 24 nós, a frota alemá avanzou a bo ritmo e sen incidentes polo mar de Noruega cara ao estreito de Dinamarca entre Islandia e Groenlandia, a porta de entrada ao Atlántico. Este tortuoso curso ía en contra das recomendacións do Grupo Norte de entrar no océano pola ruta que ía entre Islandia e as illas Feroe. Tamén estaba demasiado ao sur para citarse co Weissenberg e recargar o Bismarck. Porén, mentres estiveron en augas do círculo polar ártico, o Bismarck e o Prinz Eugen non foron detectados polo recoñecemento aéreo británico, que estaba demasiado ao sur. Coa mente no asalto de convois, Lütjens agardaba unha ruptura doada no Atlántico axudada pola brétema, pero eses plans foron frustrados.
O recoñecemento aéreo por debaixo das nubes realizado pola Fleet Air Arm da Royal Navy o 22 de maio comprobou que o Bismarck saíra de Bergen. Con esta información a frota de combate da Home Fleet, incluídos o acoirazado HMS King George V e o portaavións Victorious, fíxose ao mar. Ao Escuadrón de Acoirazados, xa de camiño cara Islandia, ordenóuselle cubrir o estreito de Dinamarca. Unha misión de bombardeo realizada o 22 de maio pola RAF foi infrutuosa, xa que os alemáns xa marcharan.
Na tarde do 23 de maio, a forza alemá foi detectada polos cruceiros pesados HMS Suffolk e Norfolk, que estiveran patrullando o estreito de Dinamarca na espera dunha ruptura alemá. O Norfolk, que se achegara demasiado aos barcos alemáns, foi atacado brevemente polos canóns pesados do Bismarck. O Norfolk estivo a piques de quedar fóra de combate cando un proxectil do Bismarck rebotou na auga e golpeou a ponte, pero non chegou a estoupar e non causou vítima algunha. Os cruceiros británicos, superados en capacidade de fogo polos alemáns, retiráronse a unha distancia segura e agocháronse do inimigo mentres chegaban as súas unidades máis pesadas. Porén, o radar frontal do Bismarck comezou a fallar debido ao retroceso dos disparos dos seus canóns durante a escaramuza, polo que Lütjens viuse na obriga de ordenar ao Prinz Eugen que se adiantase para que o seu radar lle proporcionase cobertura ao escuadrón. Esta decisión confundiu posteriormente aos británicos sobre a identidade dos barcos alemáns, xa que as súas siluetas eran semellantes.
Batalla do Estreito de Dinamarca
[editar | editar a fonte]A aproximadamente as 05:30 do sábado 24 de maio, cando os alemáns estaban a piques de abandonar o estreito de Dinamarca, os hidrófonos do Prinz Eugen detectaron a presenza de dous barcos máis a babor. Cara ás 05:45 ambos estaban á vista, aínda que os alemán non identificaron á forza inimiga. Resultou ser un grupo de batalla británico formado polo novo acoirazado Prince of Wales e o envellecido cruceiro de batalla Hood, baixo o mando do Contraalmirante Lancelot Holland. O Prince of Wales fora recentemente rematado e aínda estaban traballando nel (de feito no encontro co Bismarck había ao redor de 100 traballadores civís a bordo completando o seu equipamento). O Hood fora construído como un cruceiro de batalla e modificado para darlle a protección dun acoirazado, pero aínda tiña unha blindaxe na cuberta relativamente débil. Os alemáns non se sorprenderon de ser detectados polos barcos británicos, pero que chegasen dous buques capitais ao seu encontro foi un acontecemento inesperado.
Ás 05:49 Holland ordenou fogo concentrado no barco líder inimigo, o Prinz Eugen, pensando que era o Bismarck. Afortunadamente para os británicos, o capitán do Prince of Wales decatouse rapidamente do erro e cambiaron o seu obxectivo. Holland modificou a súa orde para interceptar o barco correcto, pero non chegou a tempo da primeira salva do Hood.O Hood realizou os primeiros disparos da batalla ás 05:52, cando xa era de día, seguido pouco despois polo Prince of Wales. O alcance dos barcos alemáns era de aproximadamente 20 km. A primeira salva do Hood impactou preto do Prinz Eugen, causando danos menores pola metralla preto das torretas de popa.
Pasaron máis de dous minutos sen unha resposta dos buques alemáns, antes de que o capitán Lindemann ordenase disparar ao barco líder británico, o Hood, que os alemáns identificaron cando os británicos viraron cara a eles ás 05:55. Esta manobra realizouse, aparentemente, nun intento de poñerse na "zona de inmunidade", unha área dentro da cal tanto o fogo parabólico como o directo é relativamente ineficaz. Máis preto, o Hood sería menos vulnerable e a potencia de fogo superior dos alemáns veríase afectada. A desvantaxe era que, durante a aproximación, oito dos dezaoito canóns pesados dos británicos non poderían ser disparados.
Tanto o Bismarck como o Prinz Eugen comezaron a disparar contra o Hood a unha distancia de 18 km. Os primeiros disparos dos alemáns foron moi precisos e en dous minutos o Hood recibira polo menos un impacto dun proxectil de 8 polgadas do Prinz Eugen. Este golpeou ao barco británico preto mastro principal e causou un grande incendio que a tripulación procurou controlar. O Prinz Eugen acertou ao Hood tres veces durante o encontro. Porén, o Bismarck tamén foi alcanzado polo Prince of Wales, causando unha fuga de combustible dos tanques dianteiros; polo tanto Lütjens ordenou que os seus canóns apuntasen ao Prince of Wales. O supervivente do Bismarck Baron Burkard von Müllenheim-Rechberg inicialmente afirmou que os impactos nese barco foron realizados pola terceira salva do Hood; porén, é igualmente probable que eses disparos procedesen do Prince of Wales, xa que é seguro que o Hood tivo como obxectivo ao Prinz Eugen a meirande parte da batalla e que a orde de cambiar ao Bismarck fixo que case todos os seus disparos caesen entre os barcos inimigos, sen impactar a ningún deles. Ás 05:54 a distancia baixara aos 20 km, e ás 05:57 era xa de 17 km. O Bismarck entón disparou unha cuarta salva que foi lixeiramente longa e caeu cara a popa do Hood. Ao mesmo tempo Holland ordenou xirar 20 graos a babor. Antes de que o barco comezase a virar o Hood disparou unha quinta salva ás 05:59:30.
Ás 06:00 o Hood, que estaba no medio da manobra de virar a babor para poder encarar con todo o seu armamento ao Bismarck, foi alcanzado no medio do barco por polo menos un proxectil da quinta salva do Bismarck que estaba a uns 15 km. Moi pouco tempo despois os observadores de ambos bandos viron un enorme chorro de chamas eleándose cara ao ceo, seguido do ruído dun estoupido que partiu o enorme barco en dous. Moitos rachos caeron sobre o Prince of Wales, a 370 m de distancia. A popa do Hood elevouse e afundiuse pouco antes que a proa, todo iso en tres minutos. O Almirante Holland e 1.415 tripulantes afundíronse co barco. Só tres homes (Ted Briggs, Bob Tilburn e Bill Dundas) sobreviviron. Estes foron rescatados unhas dúas horas e media máis tarde polo destrutor Electra. O Almirantado Británico posteriormente chegou á conclusión de que a explicación máis probable foi a penetración nas súas polvoreiras dun único proxectil de 15 polgadas do Bismarck, causando o posterior estoupido catastrófico.
O Prince of Wales tivo que virar cara a frota alemá para evitar golpear cos restos deixados polo buque insignia e foi alcanzado varias veces polos disparos dos dous barcos inimigos. Aínda así, o seu fogo causoulle danos ao Bismarck. O acoirazado británico deu a volta, botando fume, e a súa torreta de popa disparou brevemente baixo o control local. O barco recibiu sete impactos (tres deles do Prinz Eugen) e os fallos mecánicos causaron problemas intermitentes cos canóns principais e a súa torreta de popa deixou de funcionar mentres se afastaba.
Ás 06:03 o Prinz Eugen, que ata ese momento disparara 183 proxectís de 203 mm, informou de ruídos na hélice de estribor. O Bismarck e o Prinz Eugen víronse forzados a realizar manobras de emerxencia e foron vistos por un hidroavión Sunderland pouco despois. Aínda que o capitán Lindemann quería perseguir ao Prince of Wales e rematar con el, o Almirante Lütjens ignorou as súas suxestións xa que podía atrasar a posibilidade de atoparse con outros buques pesados inimigos. Nunha batalla que durou menos de 20 minutos, o Bismarck e o seu acompañante destruíran un buque capital inimigo e forzaron a outro a retirarse.
Ás 08:01 o Bismarck' realizou a seguinte transmisión ao Grupo Norte:
Seccións XIII-XIV. Planta eléctrica nº 4 rota. A sala de caldeiras nº 2 está facendo augas pero pode ser controlada. Velocidade máxima 28 nós. Estreito de Dinamarca 50 millas náuticas de ancho. Minas flotantes. Dous grupos de inimigos recoñecidos polo radar. Intención de dirixirse cara Saint-Nazaire.
Erros no servizo de intelixencia fixéranlle crer ais alemán que o Prince of Wales aínda non estaba listo para o combate, polo que os informes do Bismarck referínse a el como o King George V, o primeiro da súa clase, que levaba activo varios meses.
A pesar do xúbilo a bordo do Bismarck, o acoirazado non estaba seguro. Os británicos coñecían a súa posición, o seu radar frontal non funcionaba e recibira tres impactos, un dos cales filtraba auga cara ao seu interior e contaminaba as súas reservas de combustible. A partir de entón, o Bismarck tivo que reducir a súa velocidade máxima aos 20 nós para aforrar combustible. Lütjens finalmente decidiu que deberían dirixirse cara a costa francesa (cara ao dique seco de Saint-Nazaire) para realizar reparacións, mentres que ordenou que o Prinz Eugen continuase a caza de mercantes só. Os británicos permaneceron ocultos, e o Prince of Wales atopouse co Norfolk e o Suffolk. Para permitir que o seu acompañante escapase, Lütjens virou cara aos seus perseguidores e forzounos a afastarse, facendo que o Prinz Eugen saíse do alcance dos radares británicos. O primeiro intento fallou, porén, ás 18:14 o segundo tivo éxito e os dous barcos alemáns separáronse.
A persecución
[editar | editar a fonte]Decididos a vingar o afundimento do Hood, os británicos reuniron todas as unidades posibles para perseguir ao Bismarck. Durante as primeiras horas da tarde do 24 de maio realizouse un ataque por parte dun pequeno grupo de biplanos torpedeiros Swordfish do 825 Naval Air Squadron do portaavións Victorious. Conseguiuse un impacto que matou un tripulante (a primeira vítima no Bismarck); porén, o estoupido só causou danos superficiais no cinto blindado do barco. O efecto do ataque reabriu as primeiras "feridas" do Bismarck debido ás sacudidas das accións evasivas e ao disparo das armas antiaéreas. Os tabiques danados tamén se soltaron facendo que se inundase completamente a caldeira dianteira, que foi abandonada. Lütjens ordenou entón reducir a velocidade a 16 nós mentres se reparaba o barco.
Durante un tempo o Bismarck se mantivo controlado a longa distancia polos británicos. Sobre as 03:00 do 25 de maio o barco tomou vantaxe sobre os seus opoñentes zigzagueando e realizando un xiro de tres cuartos detrás dos seus perseguidores escapando cara ao leste e despois cara ao sueste. O contacto perdeuse durante catro horas, porén, talvez polo temor das capacidades dos rádares británicos, aparentemente os alemáns non se decataron da súa boa sorte. Lütjens, por razóns que non están claras pero posiblemente crendo que o Bismarck aínda estaba sendo perseguido (a pesar de recibir unha comunicación do Grupo Norte dicíndolle o contrario), transmitiu unha mensaxe de radio de media hora ao cuartel xeral, que foi interceptada dándolle así aos británicos unha indicación de onde se atopaba; porén, un erro de trazado no King George V, onde o almirante John Tovey, comandante da Home Fleet británica, estaba liderando a persecución, calculou mal a posición do Bismarck e causou que a cacería virase demasiado cara ao norte. O Bismark puido entón avanzar a bo ritmo entre os días 25 e 26 de maio na súa viaxe cara a Francia.
Os británicos tiveron un golpe de sorte o día 26 de maio. A media mañá, un Catalina de recoñecemento, do Comando Costeiro da RAF pertencente ao 209 Squadron, que sobrevoara o Atlántico dende a súa base en Lough Erne (Irlanda do Norte) a través do corredor de Donegal (un pequeno corredor aéreo proporcionado en segredo polo goberno irlandés), deu co Bismarck grazas ao rastro de aceite que deixaba debido aos seus danos, e informou da súa posición ao Almirantado. A partir de entón, a posición do barco alemán foi coñecida polos británicos, aínda que o inimigo debería ser freado de forma significativa se as unidades pesadas agardaban atoparse con el fóra do alcance da protección aérea alemá. Todas as esperanzas dos británicos estaban agora na "Force H", cuxas principais unidades eran o portaavións Ark Royal, o cruceiro de batalla Renown e o cruceiro Sheffield. Este grupo de batalla, comandado polo almirante James Somerville, desviárase cara ao norte dende Xibraltar.
Ás 19:25 desa tarde, cunhas condicións meteorolóxicas moi adversas, o Ark Royal lanzou os seus Fairey Swordfish para outro ataque. Os primeiros avións trabucáronse no seu obxectivo e atacaron ao Sheffield. A pesar do tempo perdido neste incidente, finalmente foi beneficioso para os británicos ao decatarse que estaban usando torpedos con detonadores magnéticos defectuosos, polo que para o seguinte ataque contra o Bismarck foron equipados con detonadores de contacto. Nun ataque final, case a escuras ás 21:05, un torpedo danou un temón e o aparato de goberno do Bismarck. Isto fíxoo virtualmente ingobernable, incrementando a súa escora a babor e podendo navegar só nun enorme círculo que se atopaba no curso do King George V e o Rodney, dous acoirazados de primeira liña que estiveran perseguíndoo dende o oeste. Despois de enormes e infructuosos esforzos por liberar o temón danado, o mando da frota finalmente recoñeceu a súa, de momento, complicada situación en varias mensaxes ao cuartel xeral. Lütjens enviou unha derradeira e desafiante mensaxe: "Barco ingobernable. Loitaremos ata o noso derradeiro proxectil. Longa vida ao Fuhrer". O custo do ataque para os británicos foi de cinco Swordfish danados.
Ao longo da noite do 26/27 de maio o Bismarck foi o obxectivo de incesantes ataques de torpedo dos destrutores da clase Tribal Cossack, Sikh, Maori e Zulu, xunto co polaco Piorun. O Bismarck danou a algún dos destrutores. A bordo do Zulu un sub-tenente na torre de control de artillaría perdeu unha man pola metralla cando un proxectil impactou na proa do barco, aínda que non estoupou. A táctica de acoso constante dos británicos fixo que a moral dos alemáns baixase e profundizouse a fatiga nunha xa extenuada tripulación.
Tanto o Ark Royal como o Renown tiveron unha escapada afortunada esa noite. Os barcos británicos non sabían que estaban ao alcance de fogo do submarino U-556 do Kapitänleutnant Herbert Wohlfarth, que practicara anteriormente co Bismarck no Báltico, porén, o U-556 regresaba dunha patrulla de combate e gastara todos os seus torpedos. O submarino continuou oculto para as forzas británicas, informando da súa posición e guiando a outros U-boats cara á zona ata que tivo que abandonar o Bismarck e regresar a Lorient xa que tiña pouco combustible.
Afundimento
[editar | editar a fonte]Ao redor das 08:00 do 27 de maio, o Rodney e o King George V achegáronse a 39 km do Bismarck, co inimigo ben iluminado polo sol da mañá no fondo. Nese momento a visibilidade era de só 19 km e o estado do mar era de 4–5 (de forte marusía a media vaga). O forte vento estaba soprando dende o noroeste cunha forza de 6 a 7. O Rodney dirixiuse cara ao norte polo que podía disparar ao longo do Bismarck, mentres que o King George V púxose de lado. Abriron fogo ás 08:47. O Bismarck respondeu, pero a súa incapacidade de manobrar e a súa escora cara babor afectaron á precisión. A súa baixa velocidade de sete nós o convertía nun obxectivo doado, e rapidamente foi alcanzado varias veces, cos cruceiros pesados Norfolk e Dorsetshire incorporándose ao combate. Ás 09:02 un proxectil de 200 mm do Norfolk impactou no control de fogo principal, matando ao oficial de artillaría, Adalbert Schneider, que fora galardoado coa Cruz de Cabaleiro a primeira hora desa mesma mañá pola súa participación no afundimento do Hood. Ás 09:08 un pesado proxectil do Rodney alcanzou ámbalas dúas torretas dianteiras do Bismarck, a Anton e a Bruno, poñendo a esta última fóra de combate; este impacto foi seguido por outra salva que destruíu o posto de control dianteiro, matando á meirande parte dos oficiais superiores. As torretas de popa, Caesar e Dora, continuaron disparando localmente. Ás 09:21 Dora foi eliminada. A tripulación de Anton logrou disparar a súa derradeira salva ás 09:27. Ás 09:31 Caesar realizou o seu derradeiro disparo e entón quedou eliminada. Esta salva alcanzou ao Rodney, danando os seus tubos de torpedos. Os disparos efectuados polo Bismarck durante a batalla dirixíronse cara ao Rodney, o barco máis vello (quizais coa esperanza de conseguir un éxito semellante ao acadado co Hood). O Bismarck chegou a ser unha ameaza para o King George V cando von Müllenheim, baixo control de fogo local, concentrouse neste barco pero o seu control foi voado por un impacto directo antes de que puidese disparar ao acoirazado británico. Aos 44 minutos, os canóns pesados do Bismarck estaban silenciados. O Rodney colocouse a queimarroupa (aproximadamente 3 km) para varrer a superestructura, mentres que o King George V disparaba dende máis lonxe.
O Bismarck continuou coa súa bandeira izada. Sen sinais de rendición, a pesar da desigual loita, o británicos resistíanse a deixar o Bismarck. As súas reservas de combustible e munición eran baixas, unha demostración do difícil que era para un acoirazado destruír unha unidade semellante, incluso nun combate desequilibrado; porén, cando se fixo evidente que o seu inimigo non podería alcanzar un porto, o Rodney, o King George V e os destrutores foron enviados a casa. Ao Norfolk non lle quedaban torpedos, polo que o Dorsetshire lanzou tres de 533 mm a unha distancia relativamente curta, que poderían alcanzar ao Bismarck. As cubertas superiores do barco alemán estaban case completamente destruídas, pero os seus motores aínda funcionaban, aínda que Johannes "Hans" Zimmermann, un fogueiro que sobreviviu, confirmou que a auga salgada entrara nas liñas de alimentación das caldeiras o que obrigou aos enxeñeiros a reducir a velocidade a sete nós, por medo a un estoupido, e o casco aparentemente estaba en bo estado; polo que, en vez de arriscarse a ser capturado, aos superviventes déuselles a orde de afundir o barco e despois abandonalo. Moitos dos tripulantes caeron á auga, pero poucos mariñeiros das zonas máis baixas dos motores sobreviviron. Como o capitán Lindemann presumíase morto, como todos os seus oficiais, despois do impacto na ponte cun proxectil de 410 mm, non está claro se puido dar a orde de afundir o barco.
O Bismarck desapareceu entre as ondas ás 10:39 desa mañá. Sen saber o destino do buque, o Grupo Oeste continuou emitindo sinais para o Bismarck durante varias horas, ata que Reuters informou de que o barco fora afundido. En Reino Unido, a Cámara dos Comúns foi informada do afundimento a primeira hora da tarde. O Dorsetshire e o Maori pararon de rescatar superviventes, xa que unha alarma de submarinos fixo que abandonasen a zona despois de rescatar a só 110 mariñeiros do Bismarck, abandonando ao resto na auga. Na mañá seguinte o U-74, que escoitara ruídos do afundimento dende a distancia, e o buque meteorolóxico alemán Sachsenwald recolleu a 5 superviventes máis. 1.995 dos 2.200 tripulantes morreron.
En total, os barcos ingleses dispararon 2.876 proxectís de varios calibres; entre 300 e 400 impactaron no seu obxectivo. Do total disparado, 714 foron de calibres pesados de 360 mm e 410 mm procedentes dos dous acoirazados, uns 80 deles alanzaron ao Bismarck, pero só un feixe penetrou a súa blindaxe.
Diario de guerra
[editar | editar a fonte]Ás 07:10 da mañá da derradeira batalla, Lütjens, co Bismarck xa condenado, pediu ao Grupo Oeste que enviase a algún submarino na zona para recuperar o diario de guerra do barco. O U-556 estaba baixo de combustible e pasara as súas tarefas na sombra e de comunicación co Grupo Oeste ao U-74, que acababa de chegar, aínda que estaba danado por cargas de profundidade e non podía disparar torpedos. O U-556 estaba somerxido cando Lütjens enviou a solicitude de recuperar o diario. Un primeiro intento de envialo a través dun hidroavión Arado Ar 196 fallara, debido ao dano que recibira do Prince of Wales a catapulta de lanzamento durante a batalla do Estreito de Dinamarca (o Arado foi lanzado pola borda e os seus frotadores perforados para asegurarse do seu afundimento). Porén, nese momento (08:00) era demasiado tarde para que un submarino chegase xunto o Bismarck.
Rol da Luftwaffe
[editar | editar a fonte]A Luftwaffe foi obxectivo de fortes críticas de Hitler por non axudar ao Bismarck na mañá da súa derradeira batalla. A Luftflotte 3 fora informada das intencións do barco nas primeiras horas do 24 de maio e as súas unidades, principalmente Heinkel He 111, poderían estar posicionadas para axudar ao buque. O 26 de maio o Bismarck estaba dentro dos 1.100 km da costa francesa (segundo informou o oficial de voo Dennis Briggs voando nun Catalina do 209 Squadron). Un ataque por parte dos He 111, cun alcance máximo de 2.820 km, podería ralentizar ao Ark Royal e evitar o ataque dos Fairey Swordfish que paralizou ao Bismarck. A Luftwaffe apareceu no campo de batalla ao redor dunha hora despois de que o Bismarck se afundise. 17 He-111 do Kampfgeschwader 28 atacaron ao Ark Royal pero as súas bombas non acertaron o obxectivo. Só se realizaron 218 saídas da Luftwaffe apoando a Operación Rheinübung, feitas polos KG 100, KG 1, KG 54 e KG 77. A única vítima deses ataques foi o destrutor Mashona, que foi afundido polo Kampfgeschwader 77 o 28 de maio na costa oeste de Irlanda. Un Focke-Wulf Fw 200 Condor avistou ao Rodney pero foi incapaz de comunicar a posición con precisión sen rádar. Polo tanto perdeuse a oportunidade de que a Luftwaffe atacase ao acoirazado británico. As misións significativas non se iniciaron ata as 03:00 do 27 de maio, e a esa hora o Bismarck xa estaba sentenciado.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Acoirazado Bismarck |