Ahmad Sa'adat
Nome orixinal | (ar) أحمد سعدات |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1953 (70/71 anos) Al-Bira (Ocupação da Cisjordânia e de Jerusalém Oriental pela Jordânia) |
Secretario Xeral Frente Popular para a Libertação da Palestina (pt) | |
3 de outubro de 2001 – ← Abu Ali Mustafa | |
Datos persoais | |
Outros nomes | Abu Ghassan |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Frente Popular para a Libertação da Palestina (pt) |
Outro | |
Condenado por | terrorismo (2008) → (pena de prisión) |
Ahmad Sa'adat (tamén transliterado do árabe como Ahmad Saadat), nado en 1953, é un político palestino, secretario xeral da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP).
Sa'adat tornouse secretario xeral da FPLP en outubro de 2001, sucedendo a Abu Ali Mustafa despois do seu asasinato polo exército israelí. Foi encarcerado en Xericó pola Autoridade Nacional Palestina (ANP) en 2002, canda a outros cinco palestinos. O 14 de marzo de 2006, forzas israelís atacaron o cárcere e secuestraron a Sa'adat, enviándoo á prisión de Hadarim, posteriormente trasladárono á prisión de Asqelan en réxime de confinamento solitario[1], e dende agosto de 2009 permanece na prisión de Ramon, no deserto de Nagab[2], so custodia israelí. O 25 de decembro de 2008 foi condenado a 30 anos de cadea por liderar unha "organización terrorista ilegal" e pola súa responsabilidade en tódalas accións realizadas por dita organización[3].
Acontecementos
[editar | editar a fonte]Coincidindo coa chegada de Sa'adat á secretaría xeral da FPLP, produciuse o asasinato do ministro de turismo israelí Rehavam Zeevi, o 17 de outubro de 2001. Ahmad refuxiuse nos cuarteis da Muqata'a, e Yasser Arafat negouse a entregalo a Israel. Despois de negociacións entre os Estados Unidos de América, o Reino Unido e as partes en conflito (Israel e a Autoridade Nacional Palestina), chegouse ó acordo de levanta-lo sitio da Muqata'a, e encarcerar a Sa'adat en Xericó baixo custodia estadounidense e británica, após un xuízo militar.
A Corte Suprema palestina declarou o encarceramento anticonstitucional e ordenou a súa liberación, mais a ANP recusou obedecer por temor a que forzas israelís o asasinaran. Amnistía Internacional fixo público un documento no que pedía a liberación de Sa'adat por non ser acusado formalmente de ningún delito e ter recibido un xuízo inxusto.[4] O 14 de marzo de 2006 os observadores británicos e estadounidenses retiráronse da prisión de Xericó, e inmediatamente esta foi cercada polas tropas israelís[5], na chamada Mivtza Hava'at Bikurim. A operación levou dez horas, nas que os reclusos (preto de 300) ían rendíndose ós poucos[6]. Sa'adat e os outros cinco prisioneiros que Israel pescudaba foron os derradeiros en se entregaren[7][8]. Na Cidade de Gaza produciuse unha manifestación de 15 000 persoas a prol da FPLP, e na contra de Israel, Estados Unidos e mais Reino Unido[7].
Unha vez producido o secuestro de Sa'adat e os outros cinco palestinos, o líder da FPLP pasou por distintos cárceres, en ocasións en confinamento solitario. O 25 de outubro de 2008 foi finalmente condenado a 30 anos de cadea. O 22 de outubro de 2009 foi condenado a 6 meses máis de cárcere en confinamento solitario[9].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ahmad Sa'adat transferred to solitary confinement in Asqelan prison! Arquivado 03 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ Liberdade para Ahmad Sa'adat e todos os prisioneiros palestinos, panfleto en galego.
- ↑ Israel sentences PFLP leader to 30 years in prison, ynet (en inglés).
- ↑ "Israel y los Territorios Ocupados, y la Autoridad Palestina: Es preciso dejar en libertad a Ahmad Sa‘adat y garantizar su seguridad" (PDF). 13 de xuño de 2002. Consultado o 9 de febreiro de 2022.
- ↑ A sudden exit, a jail is stormed - and Israel's long wait is over, guardian.co.uk (en inglés).
- ↑ Palestinians Captured in Israeli Raid On Prison, The Washington Post (en inglés).
- ↑ 7,0 7,1 Palestinian Militants Surrender After Israeli Prison Clash Arquivado 23 de novembro de 2010 en Wayback Machine., Fox News (en inglés).
- ↑ Israelis Seize 6 in Raid on Prison in the West Bank, New York Times (en inglés).
- ↑ http://www.freeahmadsaadat.org/
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Entrevista a Ahmad Sa'adat, Maan News Agency, 3 de xaneiro de 2006.
- Carta de Ahmad Sa'adat dende o cárcere de Xericó.