Antídoto
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Un antídoto[1] é unha substancia capaz de contrarrestar ou reducir o efecto doutra substancia potencialmente tóxica mediante unha acción química relativamente específica. Os antídotos opóñense ó efecto tóxico actuando sobre o propio tóxico, inactivándoo. Por contra, os antagonistas son substancias que actúan opóndose á acción do tóxico, ben bloqueando o receptor antes de que o faga o tóxico ou mesmo desprazándoo se xa se uniu (antíxeno específico), ou ben actuando sobre outro receptor diferente ao do tóxico e producindo unha acción oposta á daquel (antíxeno inespecífico).
Función
[editar | editar a fonte]Os antídotos realizan unha importante función no tratamento das intoxicacións. Con todo están considerados como unha opción terapéutica de segunda liña na meirande parte dos casos de intoxicacións e débese ter moi presente que nunca deben suplir as técnicas de soporte vital, senón que deben complementalas.
O uso destas substancias debe estar controlado por un especialista. As indicacións de uso requiren dun tratamento individualizado de cada intoxicación e deben facerse seguindo unha serie de principios:
- Especificidade de acción fronte ao tóxico.
- Estado clínico do paciente e/ou resultado da analítica toxicolóxica.
- Valoración do risco-beneficio, xa que algúns posúen toxicidade intrínseca (propia do antídoto).
A eficacia dos antídotos depende de factores tales como a rapidez á hora da súa administración ou da cantidade de tóxico á que se enfronten, xa que o efecto dos tóxicos non é o mesmo a diferentes concentracións nin cando actúan en diferentes lugares.
Dispoñibilidade e efectos
[editar | editar a fonte]A dispoñibilidade dos antídotos adoita estar limitada, tanto por factores económicos como xeográficos e demográficos. Isto débese, entre outras cousas, ao elevado custo, á escasa demanda e a que a maioría teñen un prazo de conservación limitado. Tamén inflúe que algúns dos antídotos que existen non están comercializados e hai que recorrer a fórmulas maxistrais.
Existen, así mesmo, moi poucos antídotos específicos de eficacia probada; apenas hai unhas 30 substancias consideradas como antídotos. A isto cómpre engadir que, ao contrario do que moita xente pensa, estas substancias non están libres de efectos secundarios e reaccións adversas.
Durante e despois de ser administrado un antídoto o paciente debe estar monitorizado, pois a vida media dalgúns deles é máis curta ca a do tóxico, de aí o posíbel requirimento de doses adicionais.
Principais antídotos
[editar | editar a fonte]Os chamados antídotos reanimadores teñen un papel principal na reanimación dalgunhas intoxicacións e son empregados tamén no diagnóstico diferencial do coma de orixe tóxico. Estes antídotos son:
- Naloxona: É un antídoto que reverte o paro respiratorio e o coma inducido por heroína, codeína, morfina, metadona e outros opiáceos sintéticos. Actúa competindo de xeito específico coas devanditas drogas a nivel dos receptores opiáceos. O seu uso non impide a aparición do edema pulmonar non cardioxénico co que pode cursar esta intoxicación. A dose adminístrase por vía intravenosa, intramuscular ou subcutánea e a posoloxía debe ser individualizada para cada paciente en particular. Na depresión por opiáceos, utilízase por vía intravenosa entre 0,1 e 0,2 mg a intervalos de 2 a 3 minutos ata conseguir ventilación e estado de consciencia adecuados sen dor significativa. A dose máxima é de 10 mg.
- Flumazenilo: Este antídoto reverte especificamente o coma causado por benzodiazepinas e confirma o diagnóstico. Adminístrase por vía intravenosa (bolus), e pódese repetir ata un máximo de 2–3 mg. Se non hai resposta, débese descartar unha intoxicación benzodiazepínica, e se o coma reverte administrarase por perfusión continua durante 4 horas. Do mesmo xeito cós outros antídotos, o seu uso non debe ser indiscriminado e débese ter a certeza de que non haxa substancias convulsivantes implicadas no coma.
- Osíxeno: Ten menor capacidade de diferenciación diagnóstica cós anteriores antídotos pero a súa administración é máis doada. A máxima concentración posible acelera a recuperación dun coma carboxihemoglobínico (intoxicación por monóxido de carbono); tamén é útil para orientar o diagnóstico dunha metahemoglobinemia, xa que esta cursa cunha cianose que non se modifica con osixenoterapia.
Outros antídotos e axentes terapéuticos
[editar | editar a fonte]- Anticorpos antidixital: Usados en intoxicacións por digoxina, digitoxina e derivados da digoxina, fármacos que se empregan para certas doenzas cardíacas.
- Atropina: Úsase en intoxicacións por insecticidas anticolinesterásicos (carbamatos e organofosforados) e substancias con acción colinérxica.
- Azul de metileno: Este antídoto é utilizado nas intoxicacións por metahemoglobinizantes, por exemplo: nitritos, nitratos, anilina etc.
- Bicarbonato: Útil na intoxicación por antidepresivos, fenotiacinas e salicilatos.
- Desferroxamina: Está indicado nas intoxicacións por ferro.
- Dimercaprol: Indicado nas intoxicacións por arsénico, níquel, ouro, bismuto, mercurio, chumbo e antimonio.
- Edta cálcico-disódico: Antídoto indicado en intoxicacións por chumbo, cadmio, cobalto e zinc.
- Etanol: Indicado na intoxicación por metanol e etilenglicol.
- Fisostigmina: Usada nas intoxicacións producidas por fármacos ou produtos de acción anticolinérxica.
- Glicagón: Usado na intoxicación por b-bloqueantes con bradicardia sinusal e/ou hipotensión de baixo gasto que non responden á administración de atropina e isoproterenol.
- Gluconato cálcico: Úsase na intoxicación por ácido oxálico, fluoruros, ácido fluorhídrico, antagonistas del calcio e etilenglicol.
- Glicosa: Usada en intoxicacións por insulina ou hipoglucemiantes orais.
- Heparina sódica: Usada na intoxicación por ácido aminocaproico ou tranexámico.
- Hidroxocobalamina (Vitamina B12): Intoxicación por cianuros e nitroprusiato.
- N-acetilcisteina: Úsase en intoxicacións por paracetamol ou tetracloruro de carbono. Pódese usar por vía oral ou endovenosa.
- Nitroprusiato sódico: Usado nas intoxicacións por ergotamina, metilsergida e clonidina.
- Penicilamina: Úsase na intoxicación por cobre, ouro, mercurio, zinc e chumbo.
- Pralidoxima: Usado na intoxicación por insecticidas organofosforados.
- Protamina: Úsase nas intoxicacións por heparina. A dose dependerá da cantidade de heparina que deba ser neutralizada, que idealmente calcularase en base á capacidade de callado do sangue do paciente.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para antídoto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Toxicología fundamental. 3ª edición (1997). Manuel Repetto. Editorial Díaz De Santos. Madrid.
- Consideraciones acerca del tratamiento de las intoxicaciones agudas en Atención Primaria. Medifam [online]. 2002, vol.12, n.4, pp. 21–39. ISSN 1131-5768. Bugarín González, R.; Galego Feal, P.; Fernández Velo, J.L. e Marino Rozados, A.S.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Toxicologianet (en castelán)
- Áreas terapéuticas en Zambon.es (en castelán)
- Antídotos (en castelán)