Arconte
Arconte (do gr. ἄρχων árkhōn) é unha palabra grega que significa «gobernante», utilizado con frecuencia como o título dun determinado cargo público nun goberno. É o participio presente masculino do verbo que deriva de ἀρχ- arkh-, que significa "dominar". Derivado da mesma raíz proveñen monarca, anarquía e xerarquía.
Antiga Grecia
[editar | editar a fonte]Na antiga Grecia, os arcontes eran os maxistrados que ocupaban os postos máis importantes do goberno da cidade. A súa importancia variou ao longo dos case cinco séculos que perdurou a institución, desde o -753 —cando o arcontado perpetuo dos reis de Atenas deu lugar a mandatos de dez anos— até ben entrado o século -III, pero constituíron a base dos gobernos aristocráticos e monárquicos da maioría das cidades gregas.
Esta maxistratura representa a substitución do poder dos antigos reis polo das familias nobres, e debeu crearse entre os séculos -X e -VII.
Na politeia (constitución) ateniense, a mellor coñecida, como parte do sistema de democracia directa, os arcontes eran elixidos por sorteo de entre os cidadáns que se presentaban á elección, coa única limitación de que o cargo podía ostentalo unha única vez na vida; antes da elección eran interrogados polo Areópago, pero o exame concernía sobre todo a cuestións de lexitimidade cidadá e relixiosa. Aristóteles, na Constitución dos atenienses, describe así o interrogatorio:
τίς σοι πατὴρ καὶ πόθεν τῶν δήμων, καὶ τίς πατρὸς πατήρ, καὶ τίς μήτηρ, καὶ τίς μητρὸς πατὴρ καὶ πόθεν τῶν δήμων"; μετὰ δὲ ταῦτα εἰ ἔστιν αὐτῷ Ἀπόλλων Πατρῷος καὶ Ζεὺς Ἑρκεῖος, καὶ ποῦ ταῦτα τὰ ἱερά ἐστιν, εἶτα ἠρία εἰ ἔστιν καὶ ποῦ ταῦτα, ἔπειτα γονέας εἰ εὖ ποιεῖ, καὶ τὰ τέλη εἰ τελεῖ, καὶ τὰς στρατείας εἰ ἐστράτευται.Quen é teu pai, e de que demo provén? Quen foi pai de teu pai? Quen a túa nai? Quen foi pai de túa nai, e en que demo tivo a súa orixe? Despois [preguntan] se posúen un santuario de Apolo legado polos seus devanceiros, e un Zeus que protexa o seu fogar e onde están os seus santuarios. Se ten un mausoleo onde repouse a súa familia e onde se atopa. Logo, se trata co debido respecto a seus pais, e se cumpre coas obrigas pecuniarias e militares que o estado impón.Aristóteles, Constitución dos atenienses 55.3.
Entre o -753 e o -683 a prerrogativa exerceuse durante períodos decenais; de aí en diante, o mandato reduciuse a un ano.
Orixinalmente, os arcontes, sempre elixidos entre os aristoi, eran tres maxistrados:
- O arconte epónimo (ἄρχων ἐπώνυμος / árkhōn epōnymos ou ὁ ἄρχων ho árkhōn, literalmente "o arconte", sen maior precisión), que deu o seu nome ao ano, e até -487, foi sempre o xefe nominal da cidade. Tivo ao seu cargo a administración civil e a xurisdición pública. Era o titor das viúvas e os orfos e supervisaba os litixios familiares. Tamén se ocupaba do teatro nomeando coregos e gañadores de tetraloxías. Nas narracións históricas, os anos identificábanse normalmente polo nome do arconte que ocupara o cargo epónimo nesa data.
- O arconte basileus (ἄρχων βασιλεύς / árkhōn basiléus), que tomou as funcións relixiosas dos antigos reis. Foi o responsábel das cerimonias relixiosas e presidía o Areópago. Estaba a cargo dos asuntos de homicidio e delitos de impiedade. Impuña prohibicións relixiosas que debían cumprirse.
- O arconte polemarca (ἄρχων πολέμαρχος / polémarkhos árkhōn), cuxa función orixinal era dirixir o exército, atribución militar herdada dos reis, pero que perdeu ese poder en beneficio dos estrategos despois de -487, cando o arcontado era elixido por sorteo. Tamén retomou algunhas funcións relixiosas:
- Presidía cerimonias en honra dos soldados mortos en combate.
- Ofrecía os sacrificios rituais en memoria dos tiranicidas, Harmodio e Aristoxitón.
- Exercía funcións xudiciais relativas aos que non eran cidadáns atenienses (supervisaba principalmente os litixios nos que estaban implicados os metecos).
Desde data descoñecida, os tres arcontes pasaron a ser nove arcontes, sendo apoiados os tres principais por outros seis, chamados tesmótetas (θεσμοθέται thesmothétai), unha especie de administradores xudiciais[1]. Por último, Clístenes engadiu un secretario, que se encargaba de redactar as notificacións dos outros nove arcontes. Por tanto, finalmente, o seu número chegou a dez, do mesmo xeito que con outras maxistraturas atenienses.
Os arcontes eran examinados tras finalizar o ano de exercicio dos seus cargos na chamada εὑθύνα euthýna, sendo responsábeis da boa xestión dos asuntos públicos.
Baixo a constitución de Solón, os arcontes eran elixidos por sorteo de entre corenta candidatos nomeados polas catro tribos. Baixo a tiranía este sistema, talvez, non estivo en práctica, aínda que non se derrogou o nomeamento por sorteo. Segundo Tucídides, Hipias, fillo de Pisístrato, foi arconte, e había sempre un da casa gobernante desempeñando o cargo. Na época de Aristóteles eran nomeados por sorteo dez por cada tribo, 100 en total.
Imperio Bizantino
[editar | editar a fonte]No Imperio Bizantino, "arconte" tiña varios significados:
- Coa fundación de Constantinopla, o arconte da antiga Bizancio converteuse en arconte-procónsul da nova capital durante o século IV; o primeiro foi Teticio Facundo no 336 e o último Temistio no 358-359[2].
- Pode designar a unha persoa poderosa (nobre ou magnate), titular de autoridade pública. Determinados subordinados de altos funcionarios ou oficiais son designados polo termo arconte.
- En sentido técnico, un arconte é un gobernador, un administrador. Determinadas listas de precedencia e selos permitiron coñecer arcontes provinciais en Creta, Chipre ou Dalmacia no século IX, e arcontes de cidades, posteriormente, séculos X e XII (Klaudioupolis, Crisópolis, Atenas, etc.). Á área que cobre a xurisdición dun arconte chámanlle arcontia ou archontia, en grego ἀρχοντία.
- Xeralmente, os historiadores bizantinos adoitan describir os gobernantes estranxeiros como arcontes[3]. Os gobernantes dos búlgaros, xunto cos seus propios títulos, levan a miúdo o título de arconte pola graza de Deus nas inscricións en grego.
- O título tamén foi utilizado para os titulares de importantes postos financeiros, como o xefe da casa da moeda, en grego ἄρχων τῆς χαραγῆς árkhōn tēs kharagēs, así como para os directores dos talleres imperiais ou arsenais[4].
A dignidade de "Gran Arconte" (mégas arkhōn), que tamén está testemuñada como unha tradución de títulos estranxeiros, similar a "gran príncipe", foi creada por Teodoro II Láscaris na época do Imperio de Nicea. Constantino Margarites foi o primeiro que o posuíu e entre os que o obtiveron máis importantes, pódese citar ao militar bizantino Marules. Nun principio, parece que comandaba a escolta imperial, probabelmente no palacio. En campaña, é o arconte de allagion o que estaba ao cargo. Con todo, o título de Gran Arconte rapidamente converteuse en carente de calquera función en particular e chegou a ser unha simple dignidade honorífica durante o período Paleólogo[5].
Patriarcado Ecuménico de Constantinopla
[editar | editar a fonte]Nos nosos días, os laicos da Igrexa Ortodoxa en comuñón co Patriarca de Constantinopla concederon o título de Arconte do Patriarcado Ecuménico para honrar o seu servizo á administración eclesiástica. En 1963, os arcontes organizáronse nunha sociedade de servizos dedicada a Santo André. Este status de Arconte non é parte da xerarquía da Igrexa e é puramente honorífico.
Un Arconte é honrado polo Patriarca Ecuménico, polo seu destacado servizo á Igrexa, e recoñecido, distinguido e respectado líder da Igrexa Ortodoxa (en xeral).
No xuramento do Arconte deféndese e promove a fe e a tradición da Igrexa Ortodoxa. A súa principal preocupación é protexer e promover ao Santo Patriarcado e a súa misión. Tamén se ocupa dos dereitos e o benestar humano e o benestar xeral da Igrexa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Na súa Constitución dos atenienses, III 3, Aristóteles dátaa no reinado de Acasto o do arcontado de Medonte, pero estas referencias son míticas, non históricas. Véxase tamén Claude Mossé La démocratie grecque MA Editions, París 1986, Artigo: Archontes.
- ↑ "Etudes sur l'histoire administrative de l'Empire Romain".
- ↑ Stuart C. Munro-Hay, Aksum: an African civilisation of late antiquity, p. 145, ISBN 0-7486-0209-7.
- ↑ Alexander Kazhdan, Oxford Dictionary of Byzantium, ed. Oxford University Press, 1991, isbn = 978-0-19-504652-6, pp. 160–161.
- ↑ Rodolphe Guilland, Études sur l'histoire administrative de l'empire byzantin: les commandants de la garde impériale, l'ἐπὶ τοῦ στρατοῦ et le juge de l'armée, Revue des études byzantines, vol. 18, 1960, p. 87.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fustel de Coulanges, Numa D (1987). La ciudad antigua. Col. Literatura-Obras maestras Iberia. Barcelona: Iberia. ISBN 8470821377.
- Kinder, Hermann; Hilgemann, Werner (1972). Atlas histórico mundial. Col. Fundamentos nº 1. Vol. I (De los orígenes a la Revolución Francesa). Madrid: Ediciones Istmo. ASIN B00525ILJA.