Saltar ao contido

Asalha Puja

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Asalha Puja tal como se reflicte no Wat Chedi Liam

Asalha Puja, tamén coñecido como día do dharma, é un festival budista theravāda, que se celebra coincidindo coa lúa chea do mes coñecido en pali como āsāḷha, o oitavo do antigo calendario budista indio e que corresponde normalmente ao mes de xullo do calendario gregoriano. Conmemora o primeiro sermón, coñecido como Dhammacakkappavattana Sutta, que deu Buda despois da súa iluminación, no coñecido como parque dos cervos en Sarnath, e no que predicou para os cinco ascetas (pañcavaggiyā) cos que practicara durante seis anos unha forma de ascetismo extremo en Uruvela. Escoitando as súas ensinanzas, o venerable Kondañña logrou a súa primeira percepción do nibbāna, dando así orixe ao nobre Sangha. A prédica de Buda xa contén todas as ideas básicas do budismo e considérase o nacemento do budismo[1].

Celébrase en Camboxa, Tailandia, Sri Lanka, Laos, Myanmar e obsérvase tradicionalmente visitando mosteiros, doando ofrendas aos templos, lendo textos relixiosos e escoitando os sermóns recitados ou cantados polos monxes, que tamén entoan nese día himnos en sánscrito ou encabezan unha procesión con candeas que dan a volta aos seus templos tres veces[2]. Nos países de tradición theravada  o día seguinte ao Asalha Puja inicia o vassa, o período de tres meses lunares de vida retirada anual que realizan os monxes durante a estación chuviosa.