Ascaris lumbricoides
Ascaris lumbricoides | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A. lumbricoides, femia adulta | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Ascaris lumbricoides Linnaeus, 1758 |
Ascaris lumbricoides[1] é unha especie de vermes nematodos parasitos do intestino delgado humano,[2] moi frecuente en países subdesenvolvidos economicamente cun sistema de saneamento e tratamento dos alimentos e auga inadecuado, pero pode darse en todo o mundo. A enfermidade que produce denomínase ascaridíase. A este animal tamén se lle chama ascaris ou lombriga (aínda que hai outras lombrigas intestinais doutras especies e xéneros). Unha especie moi similar que parasita ao porco é o Ascaris suum.
O animal é cilíndrico cos extremos adelgazados e sen aneis. Posúe unha gran resistencia metabólica e unha gran capacidade de reprodución, o que explica a grande incidencia de casos nos que infecta aos humanos. É o maior nematodo que parasita o ser humano e pode medir entre 15 e 35 cm. As femias de Ascaris son meirandes ca os machos. O contaxio prodúcese pola inxestión dos seus ovos, que foron expulsados coas feces, maduran no medio ambiente e son moi resistentes e duradeiros.
Estas lombrigas nunca se adhiren á parede intestinal (como faría unha tenia), xa que habitan na luz do intestino, onde absorben os nutrientes que o hóspede inxire. Algunhas estimacións elevan a máis de dous mil millóns o número de persoas infectadas por este parasito no mundo.[3]
Nome común
[editar | editar a fonte]Este animal recibe o nome común de lombriga ou lombriga intestinal, pero téñase en conta que tamén hai outros nematodos que parasitan o intestino (oxiúros ou Enterobius), e que outro dos nomes do anélido miñoca é tamén lombriga[4]. Outro nome que recibe o Ascaris é coca[5], que se usa tamén cun significado amplo como sinónimo de coco ou "verme" das froitas, carnes etc. en xeral (xeralmente unha larva de insecto).
Características
[editar | editar a fonte]Ascaris lumbricoides caracterízase polo seu gran tamaño. Os machos teñen 2–4 mm de diámetro e 15–31 cm de longo. As femias teñen un diámetro de 3–6 mm e son de 20–49 cm de longo. Non hai cabeza diferenciada, pero os ganglios nerviosos principais son anteriores e teñen órganos sensoriais arredor da boca. A cutícula é elástica e debaixo ten células epidérmicas sinciciais, que orixinaron a cutícula, que emiten cara ao interior catro saíntes chamados cordóns epidérmicos. Entre os cordóns epidérmicos hai células musculares grandes e lonxitudinais. A boca ten tres labios e dá paso a unha cavidade bucal, unha farinxe, un intestino revestido de células con microvilli e un recto. Carece de aparato respiratorio e de ciclo de Krebs, polo que cando está en tecidos profundos depende de procesos anaerobios para obter enerxía. Ascaris é amoniotélico (excreta amoníaco) , pero libera tamén certa cantidade de urea, que aumenta cando ten escaseza de auga. O pseudocele é a cavidade que contén o tubo dixestivo e órganos reprodutores e está cheo de líquido e substancia fibrosa; en Ascaris unha célula grande situada encima da farinxe produce unha rede de membranas que rodean ao tubo dixestivo. O líquido perivisceral de Ascaris é complexo quimicamente contén sodio e cloruros, proteínas, glícidos, aminoácidos, amoníaco, urea; é un importante medio de transporte de substancias. Ascaris carece de músculos circulares, xa que ten só músculos lonxitudinais; na locomoción é importante ademais a presión do líquido no pseudocele e a elasticidade da cutícula.[6]
O extremo posterior dos machos está curvado ventralmente e ten dúas espiñas utilizadas na copulación. A vulva das femias está localizada no extremo anterior. O útero pode conter ata 27 millóns de ovos e depositan uns 200.000 ovos diariamente. Os ovos fertilizados son ovais ou redondos de 45-75 x 35-50 micrómetros cunha grosa cuberta externa. Os ovos non fertilizados miden 88-94 x 44 micrómetros e non son infectivos.[7]
Ciclo de vida
[editar | editar a fonte]Primeira chegada ao intestino
[editar | editar a fonte]O home inféctase polo ascaris ao inxerir os seus ovos, que se encontran en solos contaminados e poden chegar á comida. O estadio infectante son os ovos embrionados. Unha vez inxeridos, os ovos infectantes chegan ao duodeno, onde son atacados polos zumes dixestivos, e deixan en liberdade ás larvas. Estas larvas, que posúen unha grande mobilidade, penetran na mucosa duodenal, e chegan á circulación sanguínea portal, dirixíndose ao fígado, onde permanecen regularmente de 72 a 96 horas.
Na circulación sistémica e pulmóns
[editar | editar a fonte]Desde os vasos hepáticos pasan á circulación sanguínea xeral, chegan ao corazón e circulan polo corpo. Por vía sanguínea chegan aos pulmóns, onde quedan atrapadas nos capilares pulmonares. Alí, as larvas rompen o endotelio capilar e penetran nos alvéolos, ascendendo polos bronquíolos e bronquios ata a traquea e saen pola larinxe para ser deglutidas e levadas novamente ao intestino delgado.
Segunda chegada ao intestino
[editar | editar a fonte]No intestino as larvas desenvólvense e convértense en machos e femias adultos. Alí prodúcese o apareamento entre machos e femias, que deste modo quedan fecundadas e producen ovos. As femias depositan diariamente miles de ovos (entre 200.000 a 240.000 por día), que pasan ás feces desde as cales contaminan o chan, sobre todo se este está húmido e morno, onde poden sobrevivir mesmo en condicións prexudiciais (hipobiose), favorecendo así a perduración do parasito. A detección de ovos nas feces serve de diagnóstico para a ascaridíase. Estes ovos desenvólvense no chan nun prazo de dúas a tres semanas, dadas certas condicións favorables de temperatura (22 a 33 °C), presenza de oxíxeno, humidade, sombra e chans arxilosos.
Os ovos destas lombrigas intestinais son resistentes ás baixas temperaturas, desecamento, ácidos fortes, álcalis e formol; en chans sementados persisten entre 7 e 12 anos.[3] A cuberta lipìdica dos ovos é moi resistente e esta resistencia dos ovos explica a gran distribución do parasito no mundo.[8] Identificáronse ovos de A. lumbricoides en coprólitos de sitios arqueolóxicos nas dúas Américas, Europa, África, Oriente Próximo, e Nova Zelandia, o máis antigo dos cales tiña máis de 24.000 anos.[9]
Co desecamento, o po que voa coas correntes de aire transpórtaos e son inhalados e/ou deglutidos. Nestes ambientes recuperáronse ovos en mucus nasal, papel moeda, terra de macetas, po das casas etc.
Transcorren só entre 2 e 3 meses desde a inxestión dos ovos infectivos ata a posta de ovos pola femia adulta. Os vermes poden vivir entre 1 e 2 anos.
Neste ciclo de vida pode parecer raro que o verme empece e acabe o seu ciclo no intestino, pero no medio faga unha migración aos pulmóns. Unha hipótese que intenta explicar este comportamento é que a migración supla a un antigo hóspede intermediario que antes existía, o cal sería necesario para que os organismos inmaturos dunha forma ancestral do verme se desenvolvesen ata a terceira etapa. Outra posibilidade é que a migración a outros tecidos facilite un crecemento máis rápido e a adquisición dun maior tamaño, o cal aumentaría a súa capacidade reprodutiva.[10]
Ascaridíase
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ascaridíase.
A enfermidade producida pola infestación por Ascaris lumbricoides denomínase ascaridíase. Na fase de migración da larva nos pulmóns prodúcese un proceso inflamatorio con produción de exsudado, tose, eosinofilia, e febre, cadro que se denomina síndrome de Löffler. Cando o parasito adulto está presente na cavidade intestinal segrega moléculas inhibidoras do encima tripsina e pode producir anemia, palidez, perda de peso, síndrome diarreica e malestar xeral. Afecta especialmente aos nenos. Cando hai un gran número destas lombrigas adultas poden producirse suboclusións e oclusións do intestino. Outras posibles complicacións son as migracións ectópicas a outros órganos, como a vesícula biliar.[11][12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segundo o DRAG recibe os nomes de lombriga ou coca
- ↑ Myers, P., R. Espinosa, C. S. Parr, T. Jones, G. S. Hammond, and T. A. Dewey (2008). "Ascaris lumbricoides (human intestinal roundworm)" (en inglés). ADW - University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 15 de decembro de 2010.
- ↑ 3,0 3,1 Murray, Patrick R.; Rosenthal, Ken S.; Pfaller, Michael A. Medical Microbiology, Fifth Edition. United States: Elsevier Mosby, 2005
- ↑ DRAG lombriga Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ DRAG coca Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ P. A. Meglitsch. Zoología de Invertebrados. Pirámide. 2ª edición (1986). Páxinas 252-266. ISBN 84-368-0316-7.
- ↑ Roberts, Larry S.; Janovy, John Jr. Foundations of Parasitology, Eight Edition. United States: McGraw-Hill, 2009
- ↑ Piper R (2007). Extraordinary Animals: An Encyclopedia of Curious and Unusual Animals, Greenwood Press.
- ↑ Dridelle R (2010). Parasites. Tales of Humanity's Most Unwelcome Guests. Univ. of California, 2010. p. 26. ISBN 978-0-520-25938-6.
- ↑ Read, A.F.; Skorping, A. 1995. The Evolution of Tissue Migration by Parasitic Nematode Larvae. Parasitology 111:359-371
- ↑ http://www.nlm.nih.gov/medlineplus/ency/article/000628.htm
- ↑ "Ascariasis". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2012. Consultado o 21 de marzo de 2013.