Saltar ao contido

Asdingos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os asdingos, ou victovales, foron un pobo xermánico, máis precisamente unha ramificación sur dos vándalos que se estableceu, por volta do século II, na área das actuais Romanía, Hungría, Polonia e Eslovaquia. No final do século III únense aos silingos, outra ramificación dos vándalos e van participar tamén na gran migración xermánica chegando á Península Ibérica e máis tarde ao norte de África.

Localizados orixinalmente nun territorio pertencente ao sur da Polonia actual, denomináronse Asdingi ou Hastingi (polo nome da casa principal).[1] Algúns historiadores cren que tamén deben identificarse coa poboación de victovales. Na época das guerras marcomanas, durante o reinado de Marco Aurelio, actuaron de aliados dos romanos e puideron establecerse na chaira alta do río Tisza, ao mesmo tempo que se expandiu a cultura de Przeworsk nesta rexión.[2] Posteriormente emigraron cara ao suroeste, primeiro á actual Hungría e despois ao leste de Eslovaquia.

Os vándalos asdingos foron desprazados polos hunos das chairas de Hungría e, tras intentar cruzar o Danubio, ben defendido por Estilicón, xeneral de Flavio Honorio emperador de Occidente, dirixíronse cara ao Rin arrastrando os vándalos silingos.

Cruzamento do Rin (406)

[editar | editar a fonte]

A finais do século III únense aos silingos e alanos e no 406 cruzan o Rin por Maguncia, pouco despois de seren derrotados polos francos e que o seu rei Godexiselo perdese a vida.[3] Tralo cruzamento do río, asolaron a Galia, indefensa, porque Estilicón retirou o seu exército para defender a Península Itálica dos visigodos de Alarico I, e invadiron a Península Ibérica no 409. Despois de firmar un foedus cos romanos, recibiron terras na Gallaecia.

En 419 Gunderico, o rei dos asdingos, tras ser derrotado polos suevos e os romanos na batalla dos montes Nervasos, marchou co seu exército á Bética, onde se converteu en rei de ámbalas dúas pólas dos vándalos (asdingos e mais silingos) e dos alanos, pasando a se denominar Rex Vandalorum et Alanorum ("Rei dos vándalos e dos alanos"), título que mantiveron os reis vándalos posteriores[4] no norte de África, a onde se trasladaron e crearon un reino independente.

Mentres, o seu reino na Gallaecia incorprouse ao reino suevo de Hermerico. Hidacio de Chaves non indica na súa crónica cal foi o destino da poboación do reino asdingo: se conseguiu fuxir á Bética ou, como era costume na época, foi reducida á escravitude.

  1. Musset (1969)
  2. Nowakoswki (2020), p. 474
  3. Musset (1975), p. 55
  4. Musset (1975), p. 34

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]