Baixo cifrado
O baixo cifrado é un sistema de cifrado musical, orixinado no Barroco, a partir dun xénero e estilo musical determinado: o baixo continuo. Consiste nun sistema de representación mixto en que baixo unha liña convencional de baixo escríbense cifras que representan os acordes que deben realizarse simultaneamente con esa liña grave. É dicir, é unha linguaxe de abreviaturas harmónicas. A realización exacta de melodías intermedias proporcionadas por estes acordes apuntados, deixábase á execución ou inspiración do instrumentista (en moitas ocasións, o director da orquestra, á clave; ou o mestre de capela, ao órgano).
Historia
[editar | editar a fonte]No período barroco, cando ten o seu florecemento, e debido ao propio estilo do baixo continuo, e a súa procura de claridade e sinxeleza, vaise logrando un hábil e efectivo esquematismo que elimina datos innecesarios (e aclara o camiño para a posterior síntese da teoría).
Esta abreviatura acórdica viuse desde o primeiro momento favorecida pola enorme frecuencia dos acordes perfectos nese momento histórico, o que fixo posible presupoñelos cando non houbese cifra algunha, e orixinar así un sistema desenvolvido de simplificacións (estenográfico) de enorme concisión e eficacia, á hora de esquematizar unha harmonía.
Unha vez superada a época do baixo continuo como textura musical (en época clásica escríbense xa todos os sons implicados) o valor do baixo cifrado pasa a ser eminentemente analítico e teórico (sobre todo, en pedagoxía) e é entón cando os dialectos latino e anglosaxón do baixo cifrado comezan un proceso de separación, xa que o anglosaxón continúa mantendo o vocabulario básico (nos seus exercicios de coral), mentres que o latino (sobre todo, francés) procura incorporar os avances que en materia de teoría harmónica se van sucedendo e, en concreto, concede un protagonismo especial á chamada función tonal de sensible (principios de análise funcional, non só gramatical).
Interpretación e realización dun baixo cifrado
[editar | editar a fonte]A súa realización práctica defínese nunha primeira regra xeral: a partir do grao definido polo baixo (expresado polo pentagrama da voz real), debaixo dalgunhas ou de todas as notas escríbense pequenos números (cifras) que indican os intervalos que forman as voces superiores coa nota do baixo, simultaneamente (por exemplo, do-mi-sol exprésase cun 3 e un 5 debaixo da nota do no baixo; do-mi-la, cun 3 e un 6;do-fa-la, cun 4 e un 6,etc.)
Convencións do sistema
[editar | editar a fonte]A esquematización profunda do sistema de escritura do baixo cifrado depende de dar por sentado unha serie de convencionalismos:
- Se non se escribe ningunha cifra debaixo dunha nota, sobreentñendese o acorde de 3ª e 5ª.
- Un cifrado de 6 sobreentende a 3ª do acorde (en caso que fose un acorde de 6ª e 4ª hai que cifralo completo).
- Tamén se cifran completos os casos en que as notas dos acordes de 5ª ou de 6ª están alteradas con respecto á armadura.
- Se calquera nota ten unha alteración que non corresponde coa armadura, ese intervalo hai que cifralo forzosamente, e pór a alteración correspondente á esquerda do número.
- Se só aparece unha alteración sen número, esa alteración refírese sempre á terceira partindo do baixo.
- Se aparece unha cruz significa que nese acorde soa a nota sensible, se non ten número será a terceira a partir do baixo; se o ten, expresará o intervalo en que aparecerá dita sensible (baixo cifrado semi-funcional).
- Un trazo que atravesa a cifra indica que a nota debe descender cromaticamente.
- Algunhas veces, no primeiro acorde, aparecen 3 números, os de 3,5 e 8 en calquera orde (preferentemente na parte superior ao baixo); non expresa o tipo de acorde, que se dá por sabido, senón a disposición das voces dentro dese acorde.
- Unha barra de continuidade (liña recta horizontal) indica que a nota representada pola cifra mantense na harmonía.
- Unha liña anterior a un cifrado significa un retardo no baixo.
- Unha raia oblicua tras un cifrado implica a repetición deste.
- 0: significa executar o baixo "tasto" só.
Cifrados básicos do sistema
[editar | editar a fonte]Non son os únicos cifrados posibles, nin moito menos: hai cifrados especiais para acordes “estraños”, de sobretónica, con notas engadidas, etc., pero estes presentados na táboa son a base de todos os demais. No modo menor as convencións son análogas, aínda que xorden acordes cunha interválica moito máis rica (diversas anotacións de notas alteradas nun sentido ou outro, segundo os graos, incluída a quinta aumentada, pouco frecuente en modo maior). En calquera dos casos, a ligazón dos acordes debeu (e debe) facerse segundo as regras do contrapunto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baixo cifrado |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Atlas de la Música, Alianza Editorial S.A. (Madrid, 1982) 1977 Deutscher Taschenbuch Verlag GmbH & Co. KG, München. ISBN: 84-206-6999-7