Saltar ao contido

Batalla de Nieuwpoort

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación de Mauricio de Nassau na batalla de Nieuwpoort, en primeira plana. Cadro feito por Pauwels van Hillegaert.

A batalla de Nieuwpoort ou primeira batalla das Dunas tivo lugar o 2 de xullo do ano 1600 preto da cidade Belga de Nieuwpoort, entre as forzas das Provincias Unidas baixo o mando de Mauricio de Nassau e o exército español baixo o mando do arquiduque Alberte de Austria. É a primeira batalla importante gañada polos holandeses en campo aberto, tralas profundas reformas ás que Mauricio someteu ao seu exército.

Malia á oposición de Mauricio, os Estados Xerais ordenáronlle desembarcar ao exército en territorio controlado polos españois para destruír a cidade de Dunkerque, principal base dos corsarios ao servizo da coroa española.

O 22 de xuño as tropas de Mauricio toman terra e ao decatarse o arquiduque Alberto sae de Bruxelas ao encontro do exército protestante con tres terzos, unha unidade española amotinada en Diest á que o arquiduque solicita axuda, e varias unidades valoas, italianas e alemás. O exército español interceptou ás forzas de Mauricio obrigándolles a presentar batalla.

Flanco norte

[editar | editar a fonte]

Provincias Unidas: 4 canóns, 650 mosqueteiros ingleses. España: 6 canóns, 600 xinetes, 1400 infantes, entre os que se inclúe aos amotinados.

Flanco sur

[editar | editar a fonte]

Provincias Unidas: 1 200 xinetas. España: 1 000 xinetes.

Provincias Unidas: 9 300 infantes. España: 7 300 infantes, nos que se inclúe aos tres terzos españois.

A batalla

[editar | editar a fonte]

Tras marchar máis de 45 km nun día e unha noite a vangarda do exército español, formada polos amotinados, tópase con dous mil infantes do exército holandés e uns escuadróns de cabalaría enviados ao seu encontro, aos que esmagan. Sen deterse acadan as posicións de Mauricio na praia, apostado sobre unhas dunas nas que dispón ao seu exército.

O arquiduque Alberte, malia que parte da infantaría aínda estaba en camiño, o cansazo da marcha, e ter o sol e o vento en contra que lles botaba a area nos ollos, decide atacar. Contra a liña de dunas os españois lanzan tres asaltos, que só no último intento ten éxito, apoderándose dunha das dunas e facendo vacilar a todo o exército protestante. A cabalaría holandesa carga contra a cabalaría española dispersándoa pero véndose detida pola infantaría española.

Tras reagruparse a infantaría lanza un novo asalto á seguinte duna e esta a piques de tomala, pero Mauricio lanza de novo contra a cabalaría española os seus tres últimos rexementos de cabalaría que permanecían en reserva, arrollan de novo á cabalaría española e lánzanse contra a infantaría.

A infantaría, esgotada trala marcha, os catro asaltos realizados na area da praia e ante o contraataque simultáneo da infantaría holandesa e a cabalaría, afúndese. O arquiduque Alberto intenta evitar a derrota pero o mesmo é ferido na cabeza por un inimigo.

Resultado

[editar | editar a fonte]

Tralas reformas efectuadas por Mauricio no exército holandés, este organízase en batallóns, unidades máis pequenas e versátiles que os terzos empregados polos españois, o que lles daba máis posibilidades tácticas e de manobra. É un modelo de organización que se acabaría impoñendo en Europa ao longo do século XVII.

Malia que Mauricio venceu ao exército español, unha proeza da que poucos podían vangloriarse no século XVI, non puido sacar ningún proveito da campaña, á parte da inxección de moral que supuxo para as tropas e a poboación das Provincias Unidas, vencer en campo aberto aos terzos españois.

As liñas de comunicación e aprovisionamento das forzas das Provincias Unidas estiráronse ao máximo e Mauricio tivo que retirarse a fins de mes. Os flamengos aos que Mauricio esperaba levar á rebelión contra a coroa española permaneceron leais a esta. O porto de Dunkerque, que era o principal obxectivo permaneceu en mans españolas. Os corsarios con base neste porto continuaron atacando as naves comerciais e pesqueiras holandesas, ata o declive da mariña española no mar do Norte.