Saltar ao contido

Confesión relixiosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Principais confesións e relixións do mundo

Unha confesión relixiosa[1] ou denominación relixiosa é un subgrupo no interior dunha relixión que ten un nome, unha tradición e unha identidade comúns. Na socioloxía da relixión ocupa un lugar intermedio no continuum de tipos ideais "seita"-"igrexa".

A expresión emprégase particularmente nos Estados Unidos para designar as diferentes pólas do cristianismo: catolicismo,[2] episcopalismo, presbiterianismo, metodismo, evanxelicalismo,[3][4] etc.

Fóra do cristianismo, a expresión aplícase para designar as pólas en que se divide calquera outra das grandes relixións. Por exemplo, no xudaísmo considéranse "denominacións" o xudaísmo ortodoxo, o xudaísmo conservador, o xudaísmo reformista ou liberal, o xudaísmo reconstrucionista ou progresista; no islam considéranse o sunnismo, o xiísmo ou o jariyismo; no hinduísmo, o shivaísmo, o shaktismo ou o visnuísmo.

Características

[editar | editar a fonte]

As denominacións chegan á existencia cando as igrexas perden o seu monopolio relixioso dentro dunha sociedade. Unha denominación é unha relixión entre outras moitas. Cando as igrexas ou as seitas se converten en denominacións, tamén cambian as súas características. Ronald L. Johnstone[5] proporciona oito características das denominacións:

  1. De xeito similar ás igrexas e ao contrario que as seitas, relaciónanse co estado e os poderes seculares de forma relativamente boa e poden, chegado o caso, tentar influír no goberno.
  2. Manteñen algunhas relacións como mínimo de tolerancia e habitualmente de amizade con outras denominacións, nun contexto de pluralismo relixioso.
  3. Confían principalmente na reprodución biolóxica para o crecemento do seu número de membros, aínda que tamén aceptan conversos. Algunhas poden ser proselitistas.
  4. Aceptan o principio de que a doutrina pode cambiar, aínda que sexa minimamente, e practican e toleran algunha diversidade teolóxica e as súas disputas.
  5. Seguen un ritual máis ou menos rutinizado, e un servizo de culto que non fomenta explicitamente a expresión emocional espontánea.
  6. Empregan e adestran un clero profesional que debe cumprir requisitos formais para ser certificado como tal.
  7. Aceptan un compromiso dos seus membros menos estrito que nas seitas, mais maior ca nas igrexas.
  8. Nútrense desproporcionadamente das clases medias e altas.

A maior parte dos movementos relixios cristiáns que se formaron trala reforma protestante defínense como denominacións (luteranos, baptistas, adventistas do sétimo día etc.).[6]

Multidenominacional

[editar | editar a fonte]

A expresión "multidenominacional" pode describir un evento relixioso que inclúe varias denominacións relixiosas de grupos relixosos ás veces non relacionados. Moitos eventos cívicos inclúen partes relixiosas dirixidas por representantes de varias denominacións relixiosas para que sexan o máis inclusivos ou representativos posíbeis fronte á poboación ou a audiencia. Por exemplo, a misa dominical de acción de grazas no Campamento Esperanza en Chile, onde os servizos foron dirixidos tanto por un sacerdote católico como por un predicador evanxélico durante o accidente mineiro de Copiapó en 2010.[7][8]

Os capeláns, con frecuencia clérigos ordenados de calquera relixión, son asignados adoito a organizacións seculares para brindar apoio espiritual aos seus membros que poden pertencer a calquera das diferentes relixións ou denominacións. Moitos destes capeláns, particularmente aqueles que serven no exército ou noutras grandes organizacións seculares, están especificamente adestrados para actuar como ministros para membros de diferentes relixións, mesmo con ideoloxía relixiosa oposta á da propia fe do capelán.[9]

As organizacións militares que non teñen un gran número de membros de varias denominacións individuais máis pequenas mais relacionadas celebran rutinariamente servizos relixiosos multiconfesionais, moitas veces chamados xenericamente "protestantes" para que as confesións minoritarias non queden excluídas ou desatendidas.[10][11]

Multidenominacional tamén pode referirse á fe dunha persoa, no sentido de que a súa crenza ou afiliación traspasa límites formais que os adeptos estritos non considerarían. Por exemplo, alguén puidera ser criado como protestante mais atopar útiles as escrituras ou prácticas budistas ou hinduístas sen abandonar totalmente a súa afiliación ao cristianismo e, por tanto, non considerarse plenamente hinduísta ou budista, nin tampouco plenamente cristián como os seguideros estritos. Isto non sería o mesmo que o panteísmo, xa que poden non sentir ningunha afiliación co islam, por exemplo. Poden considerarse cristián-budistas ou advaita-cristiáns, ou simplemente espirituais mais non relixiosos. Poden rezar mais non meditar ou viceversa ou ambas, e poden beneficiarse dunha ampla gama de escrituras e asistir tanto á igrexa como ao templo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para confesión.
  2. Aux États-Unis, L'Église catholique reste la plus importante dénomination religieuse Arquivado 12 de outubro de 2009 en Wayback Machine., na páxina web de Œuvres pontificales missionnaires.
  3. Brian Stiller, Evangelicals Around the World: A Global Handbook for the 21st Century, Éditions Thomas Nelson, USA, 2015, page 36
  4. Michel Deneken, Francis Messner, Frank Alvarez-Pereyre, La théologie à l'Université: statut, programmes et évolutions, Editions Labor et Fides, Genève, 2009, page 61
  5. Religion in Society: A Sociology of Religion, Rouletdge, 2015.
  6. Dawson, Lorne L. (2006). Comprehending Cults: The Sociology of New Religious Movements. Oxford: Oxford University Press. p. 27. ISBN 978-0-19-542009-8. 
  7. "Service of thanks at Chile mine". BBC News (en inglés). 18 de outubro de 2010. Consultado o 2 de xuño de 2020. 
  8. "Freed miners return to Camp Hope". www.heraldsun.com.au (en inglés). 17 de outubro de 2010. Consultado o 2 de xuño de 2020. 
  9. Thursday. "Christmas in Prison - A Quiet One | Scoop News". www.scoop.co.nz. Consultado o 2 de xuño de 2020. 
  10. Niesse, Mark (27 de decembro de 2010). "Obamas make rare trip to church while in Hawaii". The Associated Press. Consultado o 6 de decembro de 2023 – vía NBC News. 
  11. first.army.mil/contentDisplay.asp?ContentID=482 La nueva capilla anuncia más construcciones en el norte de Fort Hood, First U.S. Army, Sgt. 1st Class Gail Braymen, 19 de xullo de 2010