Consulado (Francia)
O Consulado foi a institución de goberno en Francia entre a caída do Directorio tras o golpe de Estado que deu Napoleón Bonaparte o 18 Brumario de 1799 até o comezo do Imperio Napoleónico, en 1804.
Por extensión, o termo O Consulado refírese tamén a dito período histórico francés.
O cargo de cónsul ten a súa orixe no antigo cargo homónimo da Antiga Roma.
O Consulado estaba constituído, teoricamente, por un triunvirato. O cargo de cónsules ostentárono Napoleón Bonaparte, Sieyès e Ducos temporalmente até o 12 de decembro de 1799. Posteriormente, Sieyés e Ducos foron substituídos por Jean Jacques Régis de Cambacérès e Charles-François Lebrun, que seguiron no cargo até 1804, cando Napoleón foi coroado Emperador dos franceses.
Historia
[editar | editar a fonte]Napoleón, como primeiro cónsul, concentrou na súa persoa case todo o poder, deixando os outros dous cónsules cos que formaba o triunvirato, como unha mera comparsa.
Durante o Consulado leváronse a cabo importantes reformas políticas e sucederon importantes feitos militares e diplomáticos, grazas aos que Napoleón se transformou nun dos personaxes máis recoñecidos do mundo, pola súa maneira de armar a un exército e pola súa intelixencia.
Algúns destes feitos foron:
- O Tratado de Lunéville (febreiro de 1801),[1] que poñía fin á guerra con Austria, e polo que Francia se apoderaba de case toda a península italiana. Isto permitiu a Bonaparte eliminar os opositores ao código civil das asembleas.
- O Concordato de 1801, que separaba a Igrexa do Estado e polo que, entre outras cousas, Francia abolía o calendario republicano francés, que era substituído polo tradicional calendario gregoriano.
- O Tratado de Amiens (25 de marzo de 1802), co Reino Unido, e no que España e a República Bátava, aliados de Francia, pagaron todas as custas, deu un pretexto ao primeiro cónsul para facerse cónsul vitalicio, como recompensa por parte da nación; este feito oficializaríase nun referendo no seguinte mes de agosto.
- A Constitución do ano X, que consagraba a Napoleón como cónsul vitalicio.
Napoleón utilizaba as técnicas do Antigo Réxime no seu goberno, que cada vez se concentraba máis na súa persoa. A pesar da oposición dos republicanos (que vislumbraban o seu soño de ser emperador) ao seu autoritarismo, a maioría da poboación permaneceu, acrítica, apoiando a súa política, ao punto de que o Senado acordou dar a Bonaparte o título de emperador o 18 de maio de 1804, decisión aprobada por un referendo no mesmo día. O soberano foi coroado o 2 de decembro dese mesmo ano.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Péronnet, Michel (1991), p. 242.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Boudon, Jacques-Olivier (2003): Histoire du Consulat et de l'Empire. París: Perrin. ISBN 978-22-6202-0057. Sinopse (en francés).
- Péronnet, Michel (1991): Del Siglo de las Luces a la Santa Alianza 1740 - 1820. Madrid: Ediciones Akal, S. L. ISBN 84-7600-513-X. [1]