Saltar ao contido

Convenio de Bergara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Convenio de Bergara

Denomínase Convenio de Bergara ou Abrazo de Vergara a un convenio que se asinou en Oñati (Guipúscoa) o 29 de agosto[1][2] de 1839 entre o xeneral isabelino Espartero e trece representantes do xeneral carlista Maroto e que deu fin á Primeira Guerra Carlista no norte de España. O convenio quedou confirmado co abrazo que se deron Espartero e máis Maroto dous días máis tarde, o día 31,[1][2] perante as tropas de ámbolos dous exércitos reunidas nos campos de Bergara, razón do seu nome popular.

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]
Xeneral Maroto.

Desde que empezou a guerra, os carlistas de cada provincia vasca e de Navarra mantiñan a súa propia administración provincial tanto civil como militar. O feito negativo da falta de coordinación destas administracións quedaba incrementado co goberno da corte do Pretendente e o problemático mantemento da tropa formada polos batallóns de Castela. Como mostra do dano que esta división de administracións producía, cabe citar a orde dada polo goberno da Corte ás administracións do catro provincias con ocasión da Expedición Real de facilitar cada unha delas 200 cargas de munición que se habían de presentar en 200 mulas guiadas por dous muleiros cada unha, e a contestación da administración guipuscoana que dicía que non tiña problema para facilitar as 200 cargas de munición, pero si o tiña coas mulas e muleiros debido a que estas especies non se criaban en Guipúscoa.

A anómala situación político-militar carlista na primavera de 1839 fai preciso examinar cada unha das provincias, o carácter da Corte e a circunstancia dos batallóns de Castela acuartelados nestas provincias, para comprender os feitos que propiciaron o Convenio. Os carlistas navarros dominaban en 1840 o mesmo territorio que chegara a conquistar Zumalacárregui en maio de 1835, só incrementado pola franxa de terreo comprendida polos ArcosCarasol de Montejurra e Terra de Estella, terreo cedido voluntariamente polos isabelinos ao establecer Córdova a liña de bloqueo no ano 1836. O único intento importante de ampliar o seu territorio fracasou en Sesma en decembro de 1838, perdendo na acción ao famoso 4.º batallón de Navarra, alcumado Hierbabuena. O desastre aínda hoxe lémbrase cunha xota navarra que di «...non te baixes á Ribeira, non che vaia a suceder como aos do Hierbabuena...».

O territorio carlista ocupado en Navarra non superaba o 20% da provincia e nel habitaba só un 5% da poboación navarra. Finalizando a primavera de 1839, tropas isabelinas comezaran a incendiar os campos de cereal do Carasol de Montejurra, o principal celeiro carlista.

Topografía do terreo onde se celebrou o Abrazo de Bergara.

Espartero representaba ao bando isabelino ou liberal, partidario de Isabel II, e Maroto ao bando carlista, partidario do pretendente don Carlos, irmán do pai de Isabel, Fernando VII. O acordo foi asinado tras complicadas negociacións pois, para evitar a oposición no bando carlista, Maroto mandou fusilar aos xenerais Sanz, Guergué e García.[1] Foi decisiva a mediación do almirante lord John Hay[1], xefe da escuadra de observación británica con base en Bilbao, e que xa dende 1837 comezara a sondar aos xenerais de ámbolos dous bandos, que foran camaradas nas guerras de independencia das colonias americanas,[3] para facer frutificar a finalización da guerra.

En realidade, o principal obstáculo para o acordo foi máis que a controversia dinástica a demanda por parte de biscaíños e guipuscoanos de que se reafirmaran os seus foros polas Cortes.[4] A inclusión no convenio, por parte de Espartero, de que se asinarían "sen prexuízo da unidade constitucional da monarquía", dará pé posteriormente para un certo incumprimento ou eliminación como no caso de Navarra, que coa Lei de Modificación dos Foros de Navarra (16 de agosto de 1841) perdeu as súas particularidades e quedou convertida en provincia.[5]

Nos campos de Bergara reuníronse os dous exércitos formados para realizar o acto final da guerra no norte. Polo bando carlista, estaban presentes batallóns de Biscaia, Guipúscoa. Conta Maroto:

... puxeron as súas armas en pavillóns, mesturáronse libre e alegremente as tropas e quedou selada a paz co maior contento e harmonía... Soldados nunca humillados nin vencidos, depuxeron as súas temibles armas diante das aras da patria; cal tributo de paz esqueceron os seus rencores e o abrazo de fraternidade sublimou tan heroica acción...tan español proceder!

O acordado

[editar | editar a fonte]
Pasquín co texto do Convenio de Bergara.

Resumo:

  • Artigo 1º — Espartero recomendaría ao goberno propor ás Cortes a concesión ou modificación dos foros.
  • Arts. 2º, 3º, 4º, 5º e 6º — Os empregos, graos e condecoracións carlistas serían recoñecidos, podendo seguir servindo os oficiais a Isabel II acatando a Constitución de 1837 ou ben solicitar o retiro ou a licenza temporal. Recibirían os soldos que correspondían por regulamento. Os que marchaban a vivir ao estranxeiro, recibirían 4 pagas por adiantado e as restantes ao volver a España. Todo isto facíase igualmente extensivo aos empregados civís do exército carlista.
  • Art. 7º — O acordado aplicaríase aos integrantes das divisións de Navarra e Áraba se estaban dispostos a aceptar o convido.
  • Art. 8º — Os carlistas debían entregar armas, vestiarios e víveres a Espartero.
  • Art. 9º — Os prisioneiros dos corpos de Biscaia e Guipúscoa, así como os da división castelá que aceptasen o convenio, quedarían en liberdade, recoñecéndolles todo o acordado nos artigos citados.
  • Art. 10º — Espartero comprometíase a solicitar ao goberno —para que este fixéseo extensivo ás Cortes— atender ás viúvas e orfos de carlistas mortos na guerra.

Descontento carlista

[editar | editar a fonte]
Xeneral Espartero.

No acordo rendéronse os batallóns biscaíños e guipuscoanos e 3 batallóns casteláns mais os batallóns navarros, os alaveses, un de Cantabria e outro de Castela non se presentaron o día do acordo.[1] Igualmente, unha parte importante da oficialidade e do clero carlista non aceptou o convenio e marchou xunto co pretendente ao exilio a Francia. Para estes sectores, o acordo entre Maroto e Espartero sería coñecido como a Traizón de Bergara;[6] resolveu a guerra pero non serviu para recoñecer os dereitos do Pretendente.[7]

Ao mesmo tempo, o xeneral carlista Cabrera, tampouco recoñeceu o acordo e continuou a guerra no Maestrazgo durante un ano máis até ser derrotado.

Espartero

[editar | editar a fonte]

Polo seu labor na finalización da guerra, Espartero recibiu o título de Conde de Bergara[8] (antes recibira o de conde de Luchana e duque da Vitoria, polas súas vitorias na batalla da ponte de Luchana, que puxo fin ao cerco de Bilbao, e na batalla de Ramales). O seu secretario particular, o xeneral Francisco Linage, foi que redactou a case totalidade do convenio.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Ortigosa (2013), p. 172.
  2. 2,0 2,1 Gran Enciclopedia Larousse (1990). Convenio o abrazo de Vergara. Vol. 24. Planeta. p. 11432. ISBN 84-320-7394-6. 
  3. Portillo (2006), pp. 39-40.
  4. Estornés Zubizarreta, Idoia. "Convenio de Vergara". Auñamendi Eusko Entziklopedia (en castelán). Consultado o 02-11-2017. 
  5. Villa, Imanol (26-10-2008). "La ley del 25 de octubre de 1839". elcorreo.com. Consultado o 02-11-2017. 
  6. Oyarzun (2008), p. 97.
  7. Canal (2012).
  8. Portillo & (2006, pp. 39-40.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Canal, Jordi, ed. (2012). España. La construcción nacional.Tomo 2 (1830-1880) (EPUB-DRM) (en castelán). Madrid: Taurus-Fundación Mapfre. ISBN 9788430602551. 
  • Ortigosa, José Luis (2013). La cuestión vasca: desde la prehistoria hasta la muerte de Sabino Arana (en castelán). Madrid: Ed.Visión Libros. ISBN 978-84-9011-425-4. 
  • Oyarzun Oyarzun, Román (2008). Historia del carlismo (en castelán). (reedición do orixinal editado en 1944). Valladolid: Maxtor. ISBN 84-9761-448-8. 
  • Pirala, Antonio: Historia do Convenio de Vergara. Enciclopedia Moderna de Mellado. Madrid, 1852.
  • Pirala, Antonio: Historia da guerra civil e dos partidos liberal e carlista. Madrid. Mellado, 1858–56. Cinco tomos.
  • Vindicación do xeneral Maroto. Madrid, 1846. Imprenta do Colexio de xordo-mudos.
  • Portillo Valdés, José María (2006). El sueño criollo: la formación del doble constitucionalismo en el País Vasco y Navarra (en castelán). San Sebastián: Nerea. ISBN 84-96431-16-9. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]