Diocese apostólica armenia dos Estados Unidos Occidentais
Localización | |||
---|---|---|---|
Xeografía | |||
Parte de | |||
Sitio web | wdacna.com |
A diocese dos Estados Unidos Occidentais é unha diocese da Igrexa Apostólica Armenia creada en 1927, baixo a autoridade da Santa Sé de Etchmiadzin. O seu primado actual é o arcebispo Hovnan Derderian.
Territorio
[editar | editar a fonte]A diocese ten xurisdición sobre todos os fieis apostólicos armenios dos Estados Unidos Occidentais, incluíndo os estados de Hawai e Alasca. O seu territorio está dividido en 44 parroquias, co maior número delas no estado de California.[1]
A sé episcopal está na cidade de Burbank (California) onde está a catedral de San León.
Historia
[editar | editar a fonte]Orixes e diocese de América
[editar | editar a fonte]Na segunda metade do século XIX moitos armenios emigraron aos Estados Unidos de América para realizar estudos superiores, e moitos deles quedaron no país. Esta inmigración aos Estados Unidos aumentou cos masacres que sufriron os armenios a comezos do século XX, no xenocidio armenio. En América, os armenios establecéronse principalmente na costa leste e en California.
Ao non ter templos propios, estes inmigrantes acudían principalmente a servizos protestantes, polo que se comezou a traballar para levar sacerdotes armenios aos Estados Unidos. En 1888 o patriarca de Constantinopla enviou ao primeiro sacerdote (Hovsep Sarajian, posteriormente bispo) ao leste do país, a Worcester, Massachusetts, e en 1891 foi consagrada a primeira igrexa armenia.
Inicialmente unha misión do patriarcado de Constantinopla, a sé foi elevada a diocese polo catholicos de Todos os Armenios Bautista I nunha encíclica do 2 de xullo de 1898, como "diocese de América", con sé en Massachusetts.
A diocese dos Estados Unidos Occidentais
[editar | editar a fonte]California era un centro de poboación armenia no outro extremo do país. A primeira igrexa armenia no Oeste foi consagrada en outubro de 1900 polo xa bispo Hovsep Sarajian.
O 28 de novembro de 1927 o catholicos Xurxo V aceptou a creación da "diocese de California"; o seu primeiro primado foi o bispo Karekin Khachadourian. No seu episcopado comezou a publicación do xornal oficial da diocese, Paros, en armenio e inglés.
Na década de 1950 varias parroquias pediron pasar a estar baixo xurisdición da Santa Sé de Cilicia no canto da de Etchmiadzin. En 1956 o catholicos de Cilicia Zareh I aceptou estender a súa autoridade sobre ditas parroquias, e en 1958 creou a prelatura de América do Norte; a día de hoxe as xurisdicións baixo Cilicia e Etchmiadzin seguen a estar separadas.
Inicialmente con sé en Fresno, mudou a súa localización aos Ánxeles e, posteriormente, a Burbank. Isto foi resultado dos esforzos do primado Vatche Hovsepian por asegurar as sedes das institucións diocesanas.
Episcopoloxio
[editar | editar a fonte]- Karekin Khachadourian (26 de maio de 1928 - 1934)
- Mampre Calfayan (1942 - 1946)
- Shnork Kaloustian (1953 - 1956)
- Papken Varjabedian (1957 - 1962)
- Torkom Manoogian (1962 - 1966, elixido primado dos Estados Unidos Orientais)
- Yeghishe Simonian (1966 - 1970)
- Vatche Hovsepian (13 de marzo de 1971 - 2003, retirado)
- Hovnan Derderian (3 de maio de 2003 - actualidade)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dato da páxina web oficial da diocese. Western Diocese of the Armenian Church. "Parishes of the Western Diocese" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 30 de agosto de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web oficial (en inglés)