Saltar ao contido

Dornier Do J Wal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dornier Do J Wal
Tipohidroavión
FabricanteDornier Flugzeugwerke
Primeiro voo6 de novembro de 1922
Introducido1923
Retirado1950
Unidades construídasmáis de 250

O Dornier Do J Wal ("balea") era un hidroavión alemán bimotor dos anos 20 deseñado por Dornier Flugzeugwerke. O Do J foi designado Do 16 polo Ministerio do Aire do Reich (RLM) segundo o seu sistema de designación de avións de 1933.

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O Do J tiña unha á alta de parasol con puntais con dous motores de pistón montados en tándem nunha góndola central sobre a á; os motores tiñan unha configuración push-pull, apuntando unha hélice cara a diante e a outra cara a atrás. O casco facía uso dos contrafeitos patentados por Claudius Dornier nos seus lateriais, usados por primeira vez no anterior hidroavión deseñado por Dornier Zeppelin-Lindau Rs.IV do final da primeira guerra mundial.[1][2] O Do J realizou o seu primeiro voo o 6 de novembro de 1922. O voo, ademais da meirande parte da produción ata 1932, tivo lugar en Italia debido ás restricións da aviación alemá tras a primeira guerra mundial segundo os termos do Tratado de Versalles. Dornier comezou a fabricar o Wal en Alemaña en 1931, e aprodución rematou en 1936.

Na versión militar (Militärwal)[3] unha tripulación de dous a catro viaxaba nunha cabina aberta preto do morro do casco. Tiña unha metralladora na proa fronta a cabina, e unha ou dúas no medio do casco. Comezando por España, as versións militares entregáronse a Arxentina, Chile e os Países Baixos para ser usados nas súas colonias; tamén enviáronse exemplares a Iugoslavia, a Unión Soviética e, ao final da súa fabricación, a Italia e Alemaña. Os principais usuarios militares, España e os Países Baixos, fabricaron as súas propias versións baixo licenza. Varios países, destacando Italia, Noruega, Portugal, Uruguai e Alemaña, empregaron o Wal para tarefas militares.

A versión civil (Kabinenwal ou Verkehrswal)[3]  tiña unha cabina de pasaxe no morro con espazo para 12 pasaxeiros, mentres que a cabina aberta de mando moveuse cara a atrás. Os principais usuarios desta versión foron Alemaña, Italia, Brasil e Colombia.

O Do J estivo nun principio impulsado por dous motores Rolls-Royce Eagle IX de 355 cabalos. Versións posteriores usaron case cada motor dispoñible no mercado de fabricantes como Hispano-Suiza, Napier & Son, Lorraine-Dietrich, BMW, e incluso o motor estadounidense Liberty V-12. O 10 to-Wal usado por Deutsche Lufthansa para o seu servizo de correo no Atlántico Sur de 1934 ata 1938 tiña un alcance de 3 600 km e un teito de servizo de 3 500 m.

Máis de 250 Wals foron construídos por CMASA e Piaggio en Italia, CASA en España, Kawasaki no Xapón, Aviolanda nos Países Baixos e Dornier en Alemaña.