Saltar ao contido

DualShock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ao longo da historia das consolas de sobremesa de Sony, coñecidas como PlayStation, existiron unha gran variedade de gamepads para elas. Aquí están toda as versións (exceptuando a primeira versión que non tiña pancas analóxicas, e non é DualShock).

DualShock

[editar | editar a fonte]
Control DualShock de PlayStation 1

DualShock é o gamepad analóxico da Playstation. Deseñouse sobre o xa existente mando analóxico de Sony Playstation (que engadía dúas pancas analóxicas en comparación ao gamepad orixinal) acrecentando a función de vibración interna e función de botón ás pancas, que ao premelas toman as funcións dos botóns L3 (para a panca esquerda) e R3 (para a dereita), alén de forralos con goma para mellorar a suxeición. Xeralmente, a panca esquerda é utilizada sempre para o movemento e a dereita ten un uso indefinido.

O gamepad é un elemento moi importante para xogar algúns xogos de Playstation ou Playstation 2, como por exemplo Ape Escape (que requiría o uso de DualShock para poder xogar), Crash Bandicoot: Warped, Spyro the Dragon, Tekken 3 ou Gran Turismo.

O DualShock comercializouse no verán de 1997 sendo o videoxogo Gran Turismo o seu promotor, substituíndo así o gamepad dixital que incluía oficialmente a Playstation. Con todo, non foi o primeiro gamepad en incluír vibración, xa que en novembro de 1996 dita función foi engadida ao mando da Nintendo 64 co accesorio externo Rumble Pack, que incluía un motor de vibración. Sony deseñou o DualShock para rivalizar co RumblePack de Nintendo, instalando o dispositivo de vibración dentro do propio gamepad e dotándoo de dous motores de diferentes intensidades en lugar dun (de aí a procedencia do seu nome "DualShock").

DualShock 2

[editar | editar a fonte]
Mando DualShock 2 da consola PlayStation 2 (Slim e Fat).

Coa PlayStation 2, o DualShock 2 Controlador Analóxico (SCPH-10010) incluída nela era exactamente o mesmo modelo, por fóra, que o controlador DualShock orixinal, pero de cor negra e co logotipo "DualShock 2". Internamente reduciron o seu peso e todos os botóns (agás o Select, Start, modo analóxico, e os botóns L3 e R3) funcionaban analóxicamente, permitindo detectar a diferenza de presión aplicada de até 8 bits de rango nos botóns. O mando DualShock 2 é compatible con todos os xogos da consola PlayStation.

Sixaxis e DualShock 3

[editar | editar a fonte]
Mando Dualshock 3, control actual da PlayStation 3.

Na Playstation 3 chegou unha importante revolución no aspecto de controladores para consolas de Sony. O gamepad engadiu a función de detección do movemento e a vibración. Este primeiro gamepad foi chamado Sixaxis, nome que significa «seis eixos», facendo referencia aos seis eixos de detección de movemento (3 para movementos posicionais no espazo mediante acelerómetros e 3 para a detección de rotación). Máis tarde, debido ás críticas dos usuarios coa falta de vibración, fíxose unha revisión do gamepad co nome DualShock 3, que engade a función de vibración de novo.

Características:

  • Ten función sen fíos a través de Bluetooth, con batería de litio de aproximadamente 30 horas de autonomía, cargándose a través dun cabo USB-miniUSB. Ademais pode ser conectado á consola a través do mesmo cabo, sen necesidade de usar a función sen fíos.[1]
  • Os botóns R2 e L2 son agora gatillos analóxicos.
  • Ao igual que na PSP, engadiuse o Botón Home (Botón PS) no centro do mando, similar ao botón Xbox Guide do gamepad da Xbox 360.
  • Ten catro leds na parte dianteira, que permiten saber en que porto está conectado.
  • Mellorouse a súa sensibilidade a respecto do seu predecesor.
  • Introducíronse seis graos de liberdade.
«Gamepad búmerang presentado en 2005 e oficialmente abandonado».

Ao principio deseñouse un gamepad con forma de búmerang pero foi abandonado, volvendo ao deseño tradicional do DualShock.

A diferenza co WiiMote é que o mando da PlayStation 3 usa un chip para detectar os xiros do mesmo, mentres que o gamepad da Wii usa un sistema de chip xiroscopio para sentir movementos de desprazamento, xiro e, á parte, o posicionamento ao apuntar grazas aos infravermellos emitidos por unha barra que colocada xunto a televisión.

Recentemente, grazas a que Sony chegou a un acordo sobre unhas patentes coa empresa inventora do sistema de vibración (Immersion), presentouse oficialmente a revisión do Sixaxis, chamada DualShock 3,[2] que volve ter a función de vibración. Lanzouse para novembro do 2007 no Xapón, en primavera de 2008 en Norteamérica e o 4 de xullo de 2008 en Europa. Engadiuse a tecnoloxía Touch sense, que permite a vibración independente dos dous motores de vibración, usar diferentes potencias, vibrando máis ou menos forte dependendo da situación, e poder vibrar en varios refachos seguidos.[3] [4] [5]

Moitos dos xogos que foron desenvolvidos co Sixaxis foron actualizados a través da PlayStation Network para poder usar a vibración do novo gamepad, ao igual que os estreados a partir do seu lanzamento, que foron compatibles desde o principio.

DualShock 4

[editar | editar a fonte]
Imaxe oficial do DualShock 4

DualShock 4 foi anunciado o 20 de febreiro de 2013, na conferencia PlayStation Meeting, xunto coa confirmación da PlayStation 4. É o primeiro gamepad da liña DualShock en modificar significativamente o seu dwseño, presentando un dwseño máis arredondado que os seus predecesores. Presenta un panel táctil parecido ao usado na PlayStation Vita. Posúe un deseño máis ergonómico, xunto cunha barra de luz LED na súa parte frontal, a cal muda de cor de acordo ao número de xogador (Xogador 1 azul, xogador 2 vermello, xogador 3 verde, xogador 4 morado), tomando as catro cores dos botóns emblemáticos de Playstation. Alén disto, en xogos dun só xogador permítese aos desenvolvedores mudar a cor ou a intensidade do LED para crear efectos relacionados coa experiencia do xogo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]