Ectoparasito
Un ectoparasito é un organismo parasito que vive, de forma temportal ou permanente, na superficie doutro organismo de distinta especie, o seu hospedeiro,[1][2][3][4][5] ou ben, no caso de que o hospedeiro sexa un animal, nunha cavidade de fácil acceso, como o nariz ou as orellas.[6]
Moitos ectoparasitos (por exemplo, a maioría dos piollos) son específicos do hospedeiro, mentres que outros (por exemplo, moitas carrachas) parasitan unha gama máis ampla de hospedeiros.[6]
O ectoparasito benefíciase desta relación parasitaria co seu hospedeiro, a expensas do cal se nutre, producíndolle ou non danos e/ou lesións.
Diversos ectoparasitos causan infestacións significativas no home e en moitos tipos de animais domésticos, incluíndo o gando, as mascotas, animais de laboratorio, aves, peixes e abellas.[6] No caso de que produzan enfermidades no hospedeiro, estas denomínanse ectoparasitoses.
Pola contra, os parasitos que viven no interior do hospedeiro denóminanse endoparasitos.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo está formado polo elemento ecto-, tirado do grego antigo ἐκτός ektós "fora", e parasito.[2][5]
Sinónimos
[editar | editar a fonte]- Epiparasito (para calquera organismo)
- Epizoario (para os animais).[7]
- Micropredador (para os animais)
Tipos de ectoparasitos
[editar | editar a fonte]A gran maioría dos ectoparasitos son invertebrados. A maioría son artrópodos: insectos e arácnidos, que normalmente parasitan animais domésticos terrestres, mentres que os extoparasitos crustáceos están asociados a peixes. Moitos ectoparasitos son coñecidos por seren vectores de axentes patóxenos.[6]
Algúns ectoparasitos, como as cochinillas nas plantas,[8] ou o ácaro Sarcoptes scabiei en animais, establecen unha asociación permanente co seu hospedeiro, a miúdo cunha forte redución anatómica. Outros, como é a regra nos parasitos hematófagos, desprázane activamente en busca de individuos aos que explotar, estando entre os máis comúns as carrachas.
As parasitoses externas son enfermidades que se dan con frecuencia, sendo moito maior a súa incidencia nos meses cálidos. Afectan á pel dos animais de dúas formas: ectodérmica (sobre a pel) ou endodérmica (dentro da pel), pero ás veces poden seren vectores de enfermidades graves.
Os principais parasitos externos —por seren os máis comúns— que poden afectar ao home e aos animais domésticos son as pulgas, as carrachas, os piollos, os ácaros do oído e os produtores da sarna.
Os parasitos dos vexetais desenvóilvense no exterior das plantas das que se nutren mediante haustorios que penetran no interior dos tecidos da súa hospedeira. Uns dos máis importantes destes parasitos son os oídios da vide (Erysiphe necator) e do carballo (Erysiphe alphitoides), e o visgo (Viscum album).[5]
Defensa nartural contra os ectoparasitos
[editar | editar a fonte]Unha clase notábel de relación simbiótica é a que existe entre animais que acicalan a outros, actuando como limpadores de ectoparasitos, acción que realizan peixes, crustáceos e aves, como a garza boieira (Bubulcus ibis) e os picabois (xénero Buphagus), entre outros.
Defensa artificial contra os ectoparasitos
[editar | editar a fonte]Os pesticidas que se usan para eliminar os extoparaistos chámanse ectoparasiticidas e, como moitos produtos químicos moi empregados, supoñen problemas ambientais acumulándose ou dispersándose no medio. Os principais son a deltametrina, a cipermetrina, a abamectina, a doramectina, a ivermectina e a eprinomectina.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ VV.AA. (2002): Diccionario de termos médicos. Santiago de Compostela: Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia / Xunta de Galicia. ISBN 84-453-3371-2.
- ↑ 2,0 2,1 VV.AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Volume I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-070-1.
- ↑ Ledo Cabido, B., dir. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
- ↑ VV.AA. (1966): Vocabulario científico y técnico. 3ª ed. Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales / Espasa Calpe, S. A. ISBN 84-239-9407-4.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica, Tomo I. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0076-7.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Hopla et al. 1994, p. 985.
- ↑ epizoario no DRAE.
- ↑ cochinilla, 1ª acep. no Dicionario da RAG.
- ↑ Heather M. Colemana, Trang Trinha, Nhat Le-Minha, Marcus Kleina, David J. Rosera, Robyn W. Tuckerb, Richard M. Stuetza, Gregory Petersa & Stuart J. Khana (2013): "Occurrence of ectoparasiticides in Australian beef cattle feedlot wastes". Environmental Pollution 174: 265–272.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de Ectoparasito |
Bibliogradía
[editar | editar a fonte]- Hopla, C. E.; Durden, L. A. & J. E. Keirans (1994): "Ectoparasites and classification" (PDF) Arquivado 17 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.. Rev. sci. tech. Off. int. Epiz. 13 (4): 985–1017.