Saltar ao contido

Eduardo Barreiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaEduardo Barreiros
Biografía
Nacemento24 de outubro de 1919 Editar o valor en Wikidata
Gundiás, España Editar o valor en Wikidata
Morte19 de febreiro de 1992 Editar o valor en Wikidata (72 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario, requeté Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Conflitoguerra civil española Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeDorinda Ramos Editar o valor en Wikidata
Premios

BNE: XX1503902 BUSC: barreiros-rodriguez-eduardo-1919-1992

Eduardo Barreiros Rodríguez, nado en Gundiás (Nogueira de Ramuín) o 24 de outubro de 1919 e finado na Habana, o 19 de febreiro de 1992, foi un enxeñeiro e empresario galego.

Traxectoria empresarial

[editar | editar a fonte]
Modelo de camión Barreiros.

Foi o primeiro fillo de Ludivina Rodríguez Ansia e Eduardo Barreiros Nespereira. Os seus irmáns foron Valeriano, Graciliano e Celso[1], con quen traballaría durante moitos anos. O seu pai, que fora emigrante a Gran Canaria, tiña unha empresa de coches de liña que cubría o percorrido entre Ourense, Luíntra e Os Peares. Alí comezou a traballar realizando adaptacións mecánicas, fundamentalmente nos motores.

Durante a guerra civil española presentouse na Coruña co autobús da familia e formou parte dos convois das tropas sublevadas na fronte do norte. Cando se mobilizou a súa quinta, integrouse na fronte do Alto do León co terzo Abárzuza e despois foi chofer en Estremadura e Toledo levando pezas de artillaría[1].

Ao remate do conflito segue vencellado ao mundo do motor. Monta un taller en Ourense ao tempo que segue co autobús familiar. Comezou a mercar autobuses, camións, e pezas, que foi axustando á carrocería. En 1945 vende a liña de autobuses e funda a construtora BECOSA (Barreiros Empresa Constructora, S.A.), unha empresa de obras públicas para a que desenvolve maquinaria e aplicacións de construción propia. A construtora, grazas ás melloras tecnolóxicas, axiña prospera e consegue contratos en Galicia e en Castelló. En 1948 comezou a converter motores de gasolina en diésel, ao principio para o propio consumo nas súas empresas e despois, a partir de 1951, como liña de negocio fundamental, tras presentar a solicitude da patente. En 1952 estableceuse en Madrid, alugando uns talleres en Villaverde, no km 7 da estrada de Andalucía. En 1954 fundou a empresa Barreiros Diésel cun capital de 10 000 000 de pesetas, e onde fabricou o motor EB-6 de tecnoloxía propia e posteriormente tamén camións completos. Despois pasará a desenvolver novos motores EB-4 para turismos e taxis, así como material complementario eléctrico (bombas de inxección a través da empresa CABSA, dinamos e arrinques a través de CEESA etc.). Estaba en condicións de dedicarse de cheo á produción de automóbiles completos, e funda MOSA, cun capital de 5 000 000 para a comercialización dos vehículos e das pezas.

A partir de 1957 comeza a internacionalización do seu capital. Primeiro chega a un acordo coa empresa británica David Brown para montar unha sociedade, participada maioritariamente por el e dedicada á construción de engrenaxes. En 1960 dedícase á fabricación de tractores coa alemá Hanomag, tamén maioritariamente controlada por Barreiros, e despois expándese cara á construción de pequenos camións, motores para turismos ou máquinas de transporte de mercadorías. En 1962 asociouse coa empresa estadounidense Chrysler e fundou Barreiros Chrysler, o que supuxo a entrada en España desa marca de automóbiles e un rápido desenvolvemento das vendas dos produtos Barreiros, particularmente das series de automóbiles Simca e Dodge Dart e de camións Saeta. No momento de máximo apoxeo da empresa, en 1966, traballaban na factoría que tiña en Madrid uns 10.000 empregados (25.000 entre todas as empresas do grupo).

Tamén inicia proxectos empresariais en Guinea Ecuatorial de extracción de petróleo. Logo dun desencontro cos socios estadounidenses, vendeulles as accións á Chrysler en 1969, e deixou o mundo da mecánica. Durante os anos setenta dedícase á agricultura en La Solana (Cidade Real), e merca e produce viño, e despois tamén á mellora xenética de gando coa importación de sementais de charolesa a través da empresa PUVASA. Despois proba tamén coa explotación mineira, extraendo estaño e pirita en Ourense. Despois dunha crise a primeiros dos oitenta, regresou ao sector automobilístico ao dedicarse á venda de motores diésel en Cuba a partir de 1981, a través dunha firma de capital mixto, ata que faleceu na capital da illa en 1992[2].

O seu legado xeral xestiónao a Fundación Eduardo Barreiros, da que é presidenta a súa filla Mariluz Barreiros. Boa parte dese material exponse no Museo Eduardo Barreiros, localizado en Valdemorillo (Madrid). En 1966 dooulle á súa parroquia tres tractores para uso comunal, conservados nun alpendre na aldea de Gundiás: os tractores, dous deles xa renovados, mantéñense no alpendre, xa sen uso.

Leva o seu nome unha rúa en Madrid, ao pé dos terreos da factoría que construíu no distrito de Villaverde, unha praza en Ourense e o polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

En 2007 Marco Besas dirixiu o documental Barreiros, motor humano, producido por Elemental Films, La Región TV e a TVG. En 2011 Simón Casal de Miguel dirixiu o telefilme Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego.

En novembro de 2013 a aeroliña Privilege Style, presidida polo ourensán Chema Álvarez, bautizou o seu novo Boeing 767-300ER co nome de "Eduardo Barreiros".[3]

Galardóns

[editar | editar a fonte]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con Dorinda Ramos. A súa filla Mariluz foi muller de Jesús Polanco.

  1. 1,0 1,1 García e Santos 2001, p. 64-65.
  2. García e Santos 2001, p. 107.
  3. Fundación Eduardo Barreiros (ed.). "El nuevo Boeing 767-300ER de la compañía Privilege Style bautizado con el nomebre de Eduardo Barreiros". Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2014. Consultado o 25 de abril de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]