El caso Asunta
El caso Asunta | |
---|---|
Formato | Serie de televisión |
Creado por | Ramón Campos Gema R. Neira Jon de la Cuesta David Orea Arribas |
Dirixido por | Carlos Sedes Jacobo Martínez |
Intérpretes | Candela Peña Tristán Ulloa Javier Gutiérrez Carlos Blanco Vila María León Francesc Orella Alicia Borrachero Iris Whu |
País de orixe | España |
Lingua(s) | Castelán e galego |
Temporadas | 1 |
Episodios | 6 |
Emisión orixinal | |
Canle de orixe | Netflix |
Primeiro episodio | 26 de abril de 2024 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
El caso Asunta é unha miniserie de thriller policial de 2024 creada por Ramón Campos, Gema R. Neira, Jon de la Cuesta e David Orea Arribas, baseada no asasinato de Asunta Basterra.[1] Está protagonizada por Candela Peña e Tristán Ulloa e estreouse en Netflix o 26 de abril de 2024.[2]
Argumento
[editar | editar a fonte]A trama segue a investigación sobre o caso Asunta Basterra despois de que os pais de Asunta, Rosario Porto e Alfonso Basterra, denunciasen a súa desaparición o 21 de setembro de 2013 e posteriormente o seu cadáver fose atopado nunha estrada próxima a Santiago de Compostela.[3]
Elenco
[editar | editar a fonte]- Candela Peña como Rosario Porto Ortega.[4]
- Tristán Ulloa como Alfonso Basterra Camporro.[4]
- Iris Whu como Asunta Basterra Porto.[4]
- Javier Gutiérrez como xuíz Malvar.[5]
- Carlos Blanco Vila como axente Ríos.[5]
- María León como Cristina Cruces.[5]
- Francesc Orella como Juanjo, avogado penalista.[6]
- Alicia Borrachero como Elena Garrido, avogada.[6]
- Raúl Arévalo como Rodrigo, avogado.[3]
- Ricardo de Barreiro como fiscal Belategui.[3]
- Tito Asorey como axente Turrientes.
- Nacho Castaño como secretario xudicial.
- Mela Casal como Dolores.
- Xavier Estévez como Tiago Salgueiro.
- Paloma Otero como Nicole.
- Manuel Cortés como inspector Villalba.
- Carlos Villarino como Anselmo.
- Rubén Prieto como axente Molina.
- Sergio Zearreta como Fernando Vila.
- Miguel Lago Casal como Núñez.
- Iolanda Muíños como Uxía Calviño.
- Ben Zahra como Ahmed.
- Mónica García como Clara.
- Fran Lareu como Antonio.
- Gala Dalia como Sara.
- Vianessa Castaños como Romina.
- Miguel Borines como Xosé Miranda Ramos.
- Fernando Morán como Juancho.
- Machi Salgado como Vicente Dozón.
- Celso Bugallo como Eloy Malvar, pai do xuíz Malvar.
- Cova Berdiñas como Virginia Cabaleiro.
- Judith Fernández como Alba Domínguez.
- Tamara Canosa como Ángela Malvar.
- Kándido Uranga como Pascual Basterra.
- Camila Bossa como Pilar Araujo.
- Lara Morgalo como Lucía.
- Carlo Felice como Carlos Murillo.
- Jessica Serna como Isabel Murillo.
- Soraya Bello como Laura Prieto.
- Mar García como Paula Marchante.
- Santi Prego como Rubén Díaz.
- Xabier Deive como xuíz Quiroga.
Episodios
[editar | editar a fonte]N.º (serie) |
Título | Director(es) | Guionista(s) | Data de estrea |
---|---|---|---|---|
1 | "21 de septiembre" | Carlos Sedes | Ramón Campos, Gema R. Neira, David Orea Arribas e Jon de la Cuesta Olaizola | 26 de abril de 2024 |
Rosario Porto e Alfonso Basterra son entrevistados en compañía da súa filla adoptada Asunta, para falar do proceso de adopcións na China. Anos despois acoden á comisaría a denunciar a desaparición da filla. Dous esmorgantes descobren o cadáver dunha moza asiática nunha pista forestal. O xuíz aparece no levantamento do cadáver, entra na escena do crime sen poñer a funda de seguridade. Observan unhas cordas laranxas próximas ao cadáver. Dous gardas civís acoden ao domicilio dos pais a informar. O garda civil Ríos decide visitar a casa de campo da nai e alí descobre nunha papeleira unhas cordas laranxas coma as aparecidas xunto ao cadáver. Os encargados do caso almorzan tras unha longa noite e o xuíz instrutor dálle un dato irrelevante a un xornalista. O xuíz acode ao lugar da autopsia. No velorio da filla, Rosario observa o fermoso que está o cadaleito e empeza a facerlle fotografías, e Alfonso imítaa. Unha gravación dunha cámara de seguridade dunha gasolineira amosa que Rosario non deixara a nena na casa como lle contara á policía. Rosario é detida xusto tras o velorio. | ||||
2 | "24 de septiembre" | Carlos Sedes | Ramón Campos, Gema R. Neira, David Orea Arribas e Jon de la Cuesta Olaizola | 26 de abril de 2024 |
Rosario entra nos calabozos. O xuíz Malvar ten problemas co seu pai, ancián. No funeral por Asunta, Alfonso Basterra sente a agonía de ser sospeitoso. Nos calabozos, Rosario sofre un ataque de ansiedade lévana á terraza a tomar o aire, e alí sincérase coa garda civil e fálalle do seu amante, Vicente. A garda civil fálalle a Rosario das imaxes da nena no coche e ela cambia a súa versión de inmediato. Nun salto atrás de nove meses, Alfonso le o correo electrónico da súa muller e descobre a infidelidade. O xuíz recibe os informes de toxicoloxía que indican que Asunta estaba fortemente drogada no momento da asfixia. A parella de gardas civís busca polas ferraxarías da contorna cordas laranxas coma as que apareceron xunto ao cadáver. Unha profesora de música é testemuña da somnolencia de Asunta meses atrás. A Garda Civil interroga o amante de Rosario, que se amosa soberbio. O veciño máis próximo ao lugar onde se atopou o cadáver asegúralle aos gardas civís que pasou por alí aquela noite e non viu o cadáver. Os xornalistas acosan a Alfonso. Analepse ao momento da ruptura entre Alfonso e Rosario cando el lle recrimina a súa infidelidade. Prodúcese un rexistro na casa de Teo. Alfonso reacciona violentamente cando o xuíz toca unha foto de Asunta, provocándoo, e Alfonso é detido. | ||||
3 | "26 de septiembre" | Jacobo Martínez | Ramón Campos, Gema R. Neira, Javier Chacártegui Horrach, David Orea Arribas e Jon de la Cuesta Olaizola | 26 de abril de 2024 |
Tras o seu divorcio, Alfonso acode a Bilbao a pedirlle axuda á familia. De volta á actualidade, os apartamentos de Rosario e Alfonso son rexistrados, a veciñanza e xente descoñecida amoréase na rúa para increpalos e ameazalos. O fiscal discute co xuíz sobre a solidez dos argumentos para decretar a prisión provisional de Alfonso. As conversas entre Rosario e Alfonso nos calabozos son gravadas. Nunha nova retrospectiva, o amante de Rosario non desexa comprometerse con ela tras o divorcio, o que lle provoca a Rosario unha forte crise. | ||||
4 | "28 de septiembre" | Jacobo Martínez | Ramón Campos, Gema R. Neira, Javier Chacártegui Horrach, David Orea Arribas e Jon de la Cuesta Olaizola | 26 de abril de 2024 |
O novo avogado de Rosario descobre que un home intentou matar a Asunta a noite do 4 de xullo no piso de Rosario pero esta non o denunciou á policía. Uns rastros de ADN atopados na camiseta que levaba Asunta apuntan a Carlos Murillo, un guatemalteco residente en Madrid, pero este ten unha sólida coartada e todo parece deberse a un inexplicable erro do laboratorio central da Garda Civil. | ||||
5 | "24 horas" | Carlos Sedes | Ramón Campos, Gema R. Neira, Javier Chacártegui Horrach, David Orea Arribas e Jon de la Cuesta Olaizola | 26 de abril de 2024 |
O axente Ríos comproba que unha muller miúda si pode arrastrar un saco do peso de Asunta e acode ante o xuíz para lle contar a súa interpretación dos feitos: Rosario volveu co seu amante, discutiu con Alfonso, quen lle dixo que nunca podería desfacerse del porque o necesitaba para coidar de Asunta; Rosario prepara unha sobredose de lorazepam e disólvea en zume de laranxa pero dállo a Asunta cando esta lle pide algo para beber; lévaa á casa da aldea, afógaa cun coxín e deixa o cadáver nunha pista escura; cando fala con Alfonso e lle di que a nena marchou, Alfonso decide axudala a finxir que non foi ela. O xuíz responde coa súa propia interpretación: Asunta descubriu algún segredo que podería afundilos e Alfonso decide matala, polo que Rosario non pode opoñerse. Cando levan a Asunta ao lugar do crime, Alfonso agóchase na parte traseira do coche para non ser visto por ningunha cámara; entre os dous apertan o coxín sobre a cara da nena. Para corroborar a versión do xuíz aparece Laura, unha moza compañeira de clase de Asunta, que afirma que na tarde do crime viu a Alfonso e Asunta paseando pola rúa. | ||||
6 | "El juicio" | Carlos Sedes | Ramón Campos, Gema R. Neira, Javier Chacártegui Horrach, David Orea Arribas e Jon de la Cuesta Olaizola | 26 de abril de 2024 |
O axente Ríos sinala que unha das cámaras revisadas tras o crime amosa que Laura, efectivamente, estivo esa tarde nesa zona, pero non puido ver a Asunta, porque a hora da gravación é posterior ao momento en que Asunta se afasta no coche coa nai. O xuíz Malvar responde que iso é un intervalo horario suxeito a interpretación; se as defensas o encontran e consideran que lles pode servir, están no seu dereito, pero non parece fácil que os avogados cheguen a atopar esa foto. Elíxese o xurado popular e comeza o xuízo. É complexo atopar un xurado que non vise ou escoitase os datos máis escabrosos a través dos programas e a prensa máis sensacionalista. No xuízo discútense algúns puntos do caso, como as cordas laranxas, a fiabilidade do testemuño da testemuña ou as fotos de Asunta con roupa de cabareteira tomadas polo pai. Un dos membros do xurado ten dúbidas sobre a culpabilidade de Alfonso Basterra, pero os demais membros lémbranlle as conversas gravadas nos calabozos entre os pais, e unha frase inventada pola prensa, "No te dio tiempo a deshacerte de eso, ¿verdad?" convence o xurado vacilante de que debe votar pola culpabilidade de Basterra. Ambos os pais son condenados a 18 anos de prisión. Unha última escena amosa a Rosario, Alfonso e Asunta de vacacións en París tempo atrás. O pai fai unha foto de Rosario e Asunta descansando na cama. Rosario levanta a vista da revista que está a ler e sorrí. |
Produción
[editar | editar a fonte]En maio de 2017 Antena 3 emitiu a serie documental Lo que la verdad esconde: El caso Asunta, de Bambú Producciones.[7] O 17 de maio de 2023 anunciouse que a produtora volvería producir un proxecto sobre o caso, esta vez en forma de serie de ficción, para Netflix, titulado El caso Asunta, con Candela Peña e Tristán Ulloa como os actores protagonistas.[8] Pouco despois, Netflix anunciou que Javier Gutiérrez e Alicia Borrachero tamén participarían no proxecto.[9] Candela Peña fora chamada para facer o papel de axente, pero pediu realizar unha proba como Rosario Porto e conseguiu convencer os produtores.[10][11]
A rodaxe da serie comezou a finais de xuño de 2023 en Santiago de Compostela, onde ocorreron os eventos,[12] e rematou a principios de novembro dese ano.[13] Moitos técnicos do equipo de produción eran galegos e traballaran xa en Fariña.[14] O equipo de produción negouse a rodar no propio apartamento de Asunta ou na casa de campo onde a asasinaran.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Berta Dávila (30 de abril de 2024). ""¿Qué te vas a esperar de la gente?"". Praza Pública.
- ↑ "Tráiler de 'El caso Asunta', la adaptación de Netflix con Candela Peña y Tristán Ulloa". La Vanguardia. 26 de marzo de 2024.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Cazallas, Javier (26 de marzo de 2024). "El caso Asunta tiene trailer, el nuevo true crime de Netflix que busca repetir el éxito de El cuerpo en llamas". HobbyConsolas.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Carro, Guillermina (21 de novembro de 2023). "El caso Asunta, de Netflix, y todo lo que sabemos de la serie sobre el caso que conmocionó a España". GQ.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Velasco, M. (22 de abril de 2024). "Quién es quién en la serie de 'El caso Asunta' de Netflix: más allá de los actores que hacen de Rosario Porto y Alfonso Basterra". El Confidencial.
- ↑ 6,0 6,1 Mogrovejo, Xavi (13 de febreiro de 2024). "'El caso Asunta', la nueva 'El cuerpo en llamas' de Netflix, lanza un escalofriante vídeo y prepara su estreno". Vandal.
- ↑ Alcaraz, Maripaz (2017-05-18). "'Lo que la verdad esconde: El caso Asunta' se estrena el miércoles 24 de mayo en Antena 3". Formula TV. Consultado o 2024-02-13.
- ↑ Onieva, Álvaro (2023-05-17). "Exclusiva: Netflix rodará la serie 'El caso Asunta' con Candela Peña como protagonista en la piel de Rosario Porto". Fotogramas. Consultado o 2024-02-13.
- ↑ Vallejo, J. (2023-05-19). "Alicia Borrachero y Javier Gutiérrez fichan por ‘El caso Asunta’ de Netflix". Cultura en Serie. Consultado o 2024-04-24.
- ↑ Serna Box, Cynthia (29 de abril de 2024). "Candela Peña explica cómo se preparó para interpretar a Rosario Porto en ‘El Caso Asunta’". www.infobae.com.
- ↑ Arjona, Ana (26 de abril de 2024). "Ramón Campos (El caso Asunta): “El true crime nos da mucho miedo porque tememos convertirnos en lo que estamos viendo"". Vanity Fair.
- ↑ Paz, Rodrigo (2023-06-30). "Netflix arranca en Santiago el rodaje de la miniserie sobre el caso Asunta". El Correo Gallego. Consultado o 2024-02-13.
- ↑ Paz, Rodrigo (2023-11-01). "Netflix finaliza en Santiago el rodaje de la miniserie sobre el caso Asunta". Faro de Vigo. Consultado o 2024-02-13.
- ↑ Eguizábal, Amaia (27 de abril de 2024). "Ramón Campos (‘El caso Asunta’): «No creo en documentales y ficciones justicieros»". Donostitik (Donostia).
- ↑ Pérez, Laura (29 de abril de 2024). "Ramón Campos y sus líneas rojas en 'El caso Asunta': "No queríamos hacer sufrir a nadie ni provocar más dolor"". www.msn.com.