Esgallo
Un esgallo[1] ou escallo[2] ou tano é un anaco novo dunha planta (xeralmente unha póla) que se introduce na terra para que naza outra nova, logo, cunha finalidade reprodutiva. O termo esgallo refírese tamén ao anaco de póla dunha planta que se introduce noutra para facer un enxerto (puga).
Pódense cortar anacos de talo e introducilos na terra para produciren raíces. As plantas enraizadas deste xeito serán idénticas ás súas proxenitoras, é dicir, formarán con elas un clon. Existen diferentes xeitos de facer esgallos, segundo a fase do período de crecemento en que se corten:
- De gromos: estes esgallos córtanse na primavera das puntas de gromos de crecemento rápido.
- De pólas tenras: córtanse algo máis tarde que os anteriores, cando o crecemento apical dos gromos se fixo máis amodo, mais aínda fican verdes.
- De pólas semilignificadas: estes esgallos córtanse a finais do verán, cando o crecemento diminuíu e os talos son máis grosos e rexos.
- De pólas lignificadas: tómanse de árbores e arbustos de folla caduca durante o período de latencia, cando a póla é lígnea. Coñécense tamén co nome de "epeques" ou" tanos".
Reprodución por esgallos
[editar | editar a fonte]A reprodución por medio de esgallos é asexual polo que só se necesita un proxenitor.
Pasos:
- Cortar un anaco tenro e vivo da planta proxenitora.
- Pór nun balde con auga até desenvolver raíces. Este paso pode ser omitido, e continuar se cómpre co seguinte, xa que o talo de certos esgallos dalgunhas plantas poden podrecer antes de desenvolveren raíces. En caso de dúbida, habería antes que experimentar. O máis probábel é, porén, que ambos os dous pasos funcionen.
- Soterrar o esgallo e facer unha rega moi abondosa.
Se as condicións e materiais son axeitados, nuns poucos días, ha agromar a nova planta completamente independente da súas proxenitora.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para esgallo.
- ↑ "escallo". bUSCatermos.