Estado Libre de Prusia
Freistaat Preußen (de) | |||||
Himno | Heil dir im Siegerkranz | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Territorio ocupado | Zona de ocupação soviética na Alemanha (pt) | ||||
Capital | Berlín | ||||
Contén a división administrativa | Berlín Hesse-Nassau (en) Lower Silesia Province (en) Posen-West Prussia (en) Province of Schleswig-Holstein (en) Provincia de Hohenzollern Provincia de Westfalia Província da Alta Silésia (pt) Província da Pomerânia (1815–1945) (pt) Província da Saxônia (pt) Província de Brandeburgo (pt) Província de Hanôver (pt) Província do Reno (pt) Prusia Oriental Prússia Ocidental (pt) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 38.175.986 (1925) (130,87 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua alemá | ||||
Relixión | protestantismo e catolicismo | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 291.700 km² | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1918 | ||||
Disolución | 25 de febreiro de 1947 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | estado libre República parlamentaria | ||||
Órgano lexislativo | Preußischer Landtag (pt) , | ||||
Membro de | |||||
Moeda | Papiermark | ||||
O Estado Libre de Prusia (en alemán: Freistaat Preußen) foi un estado alemán formado despois da abolición do reino de Prusia como consecuencia da derrota do imperio alemán na primeira guerra mundial. Para formar o seu nome preferiuse a utilización do nome patrimonial alemán Freistaat ("Estado Libre"), que equivale aproximadamente a Republik ("República"), porque este último recordaba á cultura latina, que era asociada con Francia pola maioría dos alemáns (e a súa maior inimiga naquela época).
Foi o maior Land do Estado alemán durante a República de Weimar, xa que comprendía case cinco oitavos do seu territorio (o 62,5 %) e gran parte da súa poboación (o 61,3 %).[1] Dado que tiña tanto territorio e poboación, o novo goberno pensou, nun principio, dividir Prusia en varios Länder (estados) máis pequenos e manexábeis, pero o sentimento tradicionalista dos prusianos prevaleceu e Prusia seguiu inalterada (quitando as perdas territoriais).
O democrático Estado Libre de Prusia colapsou cando sucedeu o chamado Preußenschlag (golpe de estado de Prusia) de 1932–1933 e o ministro-presidente Otto Braun foi forzado a renunciar ao seu cargo. O seu goberno acudiu aos tribunais por esta destitución irregular, pero tras as eleccións de 1933 o réxime nazi tomou o control do goberno prusiano.
Desde 1933, o Estado Libre foi privado da democracia parlamentaria e gobernado exclusivamente baixo o liderado do Partido Nacional-Socialista Obreiro Alemán (partido nazi). Inicialmente, Prusia foi administrada polo alto cargo nazi Hermann Göring, que foi nomeado ministro-presidente de Prusia. En 1935, o territorio do Estado Libre foi desmantelado en Reichsgaue,[2] A algunhas delas se lles incorporou territorios prusianos e non prusianos, acabando así con eficacia con Prusia como unha soa unidade territorial de Alemaña. Aínda que o Estado Libre de Prusia continuou existindo nominalmente baixo o mandato de Hermann Göring, en 1935 o goberno prusiano foi realmente absorbido polo goberno do Reich alemán, e a posición de Göring como ministro-presidente foi relegada a un papel simbólico en comparación cos labores máis prominentes que desempeñaba no goberno do Terceiro Reich.
Despois do final da segunda guerra mundial Otto Braun achegouse a mandos militares estadounidenses para solicitar o restablecemento do goberno prusiano legal. Pero estes, e as demais forzas aliadas, que ocuparan toda Alemaña, opuxéronse á idea e declararon suprimida a Prusia en 1947.
Historia de Prusia desde de 1918 até a extinción do estado prusiano
[editar | editar a fonte]Perdas territoriais tras a I guerra mundial
[editar | editar a fonte]Excepto polas súas colonias de ultramar, o Territorio imperial de Alsacia e Lorena e as partes bávaras da Saargebiet, todas as perdas territoriais alemás como resultado da guerra mundial foron perdas prusianas. Como se especifica no tratado de Versalles, Aledmaña foi obrigada a entregar:
- as vilas de Eupen e Malmedy, a Bélxica;[3]
- o norte de Schleswig, a Dinamarca;
- o territorio de Memel, a Lituania;
- o territorio de Hlučín (Hultschin, en alemán), a Checoslovaquia;
- o Saargebiet ou territorio da conca do Sarre, foi administrado por Francia, encomenda que lle fixo a Sociedade de Nacións.
Ademais, a provincia do Rin (Rheinprovinz), ou Prusia renana (Rheinpreußen), converteuse nunha zona desmilitarizada.
A maior parte das perdas territoriais de Prusia pasaron a Polonia, incluíndo a maior parte das provincias de Posen e Prusia Occidental, e unha sección do leste de Silesia. A cidade de Danzig e os seus arredores foron colocados baixo a administración da Sociedade de Nacións como o estado da Cidade Libre de Danzig. Estas perdas separaron a Prusia Oriental do resto do país, agora só accesíbel por ferrocarril a través do Corredor polaco ou por mar.
1918–1932: Bastión democrático
[editar | editar a fonte]Ao longo dos seus primeiros 400 anos de existencia, Prusia fora sinónimo de oligarquía e militarismo. En contraste, durante a República de Weimar Prussia era un piar da democracia. O restritivo Sistema das tres clases,[4] foi suprimido pouco despois de que o káiser Guillerme II abdicara. Agora o poder pasara dos Junker,[5] terratenentes e grandes empresarios ao "Berlín Vermello" e a zona industrializada do Ruhr, ambos os territorios con maiorías obreiras. Prusia convertíase nun bastión da esquerda.
De 1919 a 1932 Prusia foi gobernada por unha coalición formada polo Partido Socialdemócrata de Alemaña (Sozialdemokratische Partei Deutschlands, SDP), o católico Partido do Centro ((Deutsche Zentrumspartei, ou simplemente Zentrum) e os demócratas do Partido Democrático Alemán (Deutsche Demokratische Partei, DDP); desde 1921 a 1925, os gobernos de coalición incluían tamén o Partido Popular Alemán (Deutsche Volkspartei, DVP).
A diferenza de noutros Estados do Reich alemán, en Prusia o goberno pola maioría dos partidos democráticos nunca estivo en perigo de extinción. Porén, en Prusia Oriental e nalgunhas zonas industriais, o Partido Nacional Socialista dos Traballadores Alemáns (Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, NSDAP), o partido Nazi de Adolf Hitler foi gañando cada vez máis influencia e apoio popular, especialmente da clase media-baixa.
1932: O Preußenschlag ou Golpe de Estado prusiano
[editar | editar a fonte]Todo isto cambiou o 20 de xullo de 1932 co Preußenschlag ("golpe prusiano"), cando o Chanceler do Reich Franz von Papen derrocou por decreto ao goberno democrático do Estado Libre de Prusia de Otto Braun, co pretexto de que perdera o control da orde pública. Isto foi provocado por un tiroteo entre membros da Sturmabteilung (SA) e das Schutzstaffel (SS) e militantes comunistas en Altona, Hamburgo (Altona era aínda unha parte de Prusia naquel momento). Despois deste decreto de emerxencia, Papen autodesignouse Comisario do Reich para Prusia, e tomou o control do goberno. Este feito facilitou que Adolf Hitler asumira o control de Prusia no ano seguinte.
O goberno de Otto Braun presentou unha demanda nos tribunais, pero o caso seguiu sen resolverse debido primeiro á segunda guerra mundial e a posterior ocupación aliada e a partición de Alemaña.
O establecemento do goberno nazi en Prusia
[editar | editar a fonte]O 30 de xaneiro de 1933, Hitler fora nomeado Chanceler de Alemaña. Como parte do trato para conseguir iso, Papen foi formalmente nomeado ministro-presidente de Prusia, ademais de vicechanceler do Reich. E o lugartenente de Hitler Hermann Göring converteuse en ministro do Interior do Estado. Catro semanas máis tarde (27 de febreiro de 1933), a Reichstag foi incendiado.
A instancias de Hitler, o Presidente Paul von Hindenburg suspendeu por decreto as liberdades civís en Alemaña. Seis días despois do incendio, as eleccións parlamentarias do 5 de marzo de 1933 consolidou a posición do Partido Nazi, aínda que non logrou a maioría absoluta. Porén, co seu socio de coalición, o Partido Popular, Hitler obtivo unha escasa maioría no Reichstag.
Göring interveu de maneira prominente nestas eleccións, porque era o comandante da forza policial máis grande do Reich. A súa policía perseguía e acosaba aos membros doutros partidos (especialmente aos comunistas e aos socialdemócratas) e só permitiu que os Nazis e os Populares puideran realizar a súa campaña electoral sen seren molestados relativamente.
Desmantelamento de Prusia
[editar | editar a fonte]No estado centralizado creado polos nazis, mediante as leis "sobre a reconstrución do Reich" (Gesetz über den Neuaufbau des Reiches) do 30 de xaneiro de 1934 e "sobre os gobernadores do Reich" (Reichsstatthaltergesetz), do 30 de xaneiro de 1935, os estados e provincias de Prusia disolvéronse de feito, se non na lei. Os gobernos federais do Estado eran a partir de aí controlados polos gobernadores do Reich que eran designados directamente polo chanceler. Paralelamente a iso, a organización do partido nazi nos distritos creados para substituír as antigas divisións administrativas (Gaue) cobraba importancia crecente; como oficial a cargo dun Gau (o Gauleiter e triste memoria) era designado tamén polo chanceler. Hitler nomeara formalmente ao gobernador de Prusia, aínda que as súas funcións eran exercidas por Göring.
As posicións de liderado de Reichsstatthalter e ministro-presidente, ambos os cargos ostentados por Hermann Göring, continuaron existindo pero estaban subordinadas ao réxime nazi. Aínda se realizaron algúns cambios nas provincias prusianas máis tarde. Por exemplo, a "lei da área metropolitana de Hamburgo" ou "lei do Gran Hamburgo" (Groß-Hamburg-Gesetz) de 1937 transferíalle e este Gau algúns territorios das provincias de Hannover e Schleswig-Holstein, ao mesmo tempo que anexionaba o Geesthacht hamburgués e a cidade hanseática de Lübeck a Schleswig-Holstein, así como o porto hamburgués de Cuxhaven á provincia de Hannover.
Outros cambios tiveron lugar en 1939, con cesións de municipios suburbanos pruso-hanoverianos a Bremen e devolver a anexión do porto bremés de Bremerhaven á provincia de Hannover. Tamén a cidade hamburguesa de Wilhelmshaven foi cedida a Oldenburgo.
En 1942, as redistribucións afectaron ás provincias de Saxonia e Hannover, e ao Estado Libre de Brunswick.
As terras prusianas transferidas a Polonia despois do tratado de Versalles foron reanexionadas durante a segunda guerra mundial. Porén, a maioría destes territorios non foron reintegrados en Prusia, senón asignados a diferentes Gaue da Alemaña nazi.
Disolución formal de Prusia
[editar | editar a fonte]Co fin do goberno nacionalsocialista 1945 veu a división de Alemaña en zonas de ocupación e a transferencia do control de todo o territorio ao leste da liña Oder-Neisse a outros países. Como ocorrera no caso da primeira guerra mundial, case a totalidade deste territorio fora territorio prusiano (agás unha pequena porción da terra ao leste da fronteira revisada que pertencera a Saxonia).
A maior parte do territorio foi transferido a Polonia e a parte setentrional de Prusia Oriental, incluíndo Königsberg (hoxe Kaliningrado), foi anexionada pola Unión Soviética.
As perdas representaron case as dúas quintas partes do territorio prusiano e case unha cuarta parte do territorio dentro das fronteiras de Alemaña antes de 1938. Estímase que uns 10 millóns de alemáns fuxiron ou foron expulsados á forza destes territorios como parte do chamado éxodo alemán. O que quedaba de Prusia abarcaba un pouco máis da metade do territorio alemán restante e un pouco máis da metade do territorio de Prusia antes de 1914.
Pola lei nº 46 de 25 de febreiro de 1947, o Consello de Control aliado proclamou formalmente a disolución do estado prusiano.[6] Aínda que os aliados alegaron a historia do militarismo prusiano como a súa principal xustificación para a disolución de Prusia, a súa existencia demostraríase impracticábel despois do inicio da guerra fría e a división de Alemaña en dos estados no contexto dese conflito.
Goberno
[editar | editar a fonte]A diferenza do seu predecesor autoritario de preguerra, Prusia era unha democracia prometedora dentro de Alemaña. A abolición da aristocracia transformara Prusia nunha rexión amplamente dominada pola á esquerda do espectro político, co "Berlín Vermello" e o centro industrial da rexión do Ruhr exercendo unha grande influencia. Durante este período, unha coalición de partidos de centro-esquerda gobernou, predominantemente baixo o liderado do socilademócrtata prusiano Otto Braun, que promoveu varias reformas, xunto co seu ministro do Interior, Carl Severing, que foron modelo para a posterior República Federal de Alemaña.
Por exemplo, o primeiro ministro prusiano só podía ser apartado do cargo se houbera unha "maioría suficiente" para un posíbel sucesor. Este concepto, coñecido como "voto de censura construtiva", levouse á lei orgánica da República Federal de Alemaña.[7] A maioría dos historiadores considera que o goberno prusiano durante este tempo foi, con moito, o de máis éxito da Alemaña nese momento.
Similares disposicións rexían na constitucións doutros Estados alemáns da República de Weimar e dos actuais Lënder, un poder executivo dirixido por un Ministro-Presidente de Prusia investido por un Landtag (parlamento do Estado) elixido polo pobo.
Ministros-Presidentes do Estado Libre de Prusia
[editar | editar a fonte]Nº | Nome | Data de acceso ao cargo | Data de abandono do cargo | Partido |
---|---|---|---|---|
1 | Friedrich Ebert | 9 de novembro de 1918 | 11 de novembro de 1918 | SPD |
2 | Paul Hirsch | 11 de novembro de 1918 | 27 de marzo de 1920 | SPD |
3 | Otto Braun | 27 de marzo de 1920 | 21 de abril de 1921 | SPD |
4 | Adam Stegerwald | 21 de abril de 1921 | 5 de novembro de 1921 | Zentrum |
– | Otto Braun | 5 de novembro de 1921 | 18 de febreiro de 1925 | SPD |
5 | Wilhelm Marx | 18 de febreiro de 1925 | 6 de abril de 1925 | Zentrum |
– | Otto Braun | 6 de abril de 1925 | 20 de xullo de 1932a | SPD |
Cargo administrado polo Reichskommissar entre o 20 de xullo de 1932 e o 30 de xaneiro de 1933 | ||||
6 | Franz von Papen | 30 de xaneiro de 1933 | 10 de abril de 1933 | Independente |
7 | Hermann Göring | 10 de abril de 1933 | 24 de abril de 1945 | NSDAP |
a.administrado polo Reichskommissar entre o 20 de xullo de 1932 e o 30 de xaneiro de 1933. |
Provincias de Prusia
[editar | editar a fonte]As provincias despois do tratado de Versalles
[editar | editar a fonte]De acordo co parágrafo 1º do artigo 32 da Constitución de 30 de novembro de 1920, o Estado Libre de Prusia estaba dividido en trece provincias, a saber:
- Once provincias con Dieta provincial (en alemán, Provinziallandtag):
- provincia de Prusia Oriental (en alemán, Provinz Ostpreußen), capital Königsberg;
- provincia de Brandeburgo (en alemán, Provinz Brandenburg), capital Potsdam;
- provincia de Pomerania (en alemán, Provinz Pommern), capital Stettin;
- provincia de Baixa Silesia (en alemán, Provinz Niederschlesien), capital Breslau;
- provincia de Alta Silesia (en alemán, Provinz Oberschlesien), capital Oppeln;
- province de Saxonia (en alemán, Provinz Sachsen), capital Magdeburgo;
- provincia de Schleswig-Holstein (en alemán, Provinz Schleswig-Holstein), capital Kiel;
- provincia de Hannover' (en alemán, Provinz Hannover), capital Hannover;
- provincia de Westfalia (en alemán, Provinz Westfalen), capital Münster;
- Provincia renana (en alemán, Rheinprovinz), capital Coblenza;
- provincia de Hesse-Nassau (en alemán Provinz Hessen-Nassau), capital Kassel.
- Dúas provincias sen Dieta provincial:
- cidade de Berlín (en alemán, Stadtgemeinde Berlin), é dicir, o Gran Berlín (en alemán, Groß-Berlin), na que os seus representantes no Consello do Estado eran elixidos polo consello municipal (en alemán, Stadtverordnetenversammlung);
- Marca fronteiriza de Posnania-Prusia-Occidental (en alemán, Grenzmark Posen-Westpreußen), capital Schneidemühl, na que os seus representantes no Consello do Estado eran elixidos poles Dietas municipais.
O parágrafo 3º do precitado artigo engadía que o país de Hohenzollern (en alemán, Hohenzollernschen Lande e, despois, a partir de 1928, Hohenzollerische Lande) estaría representado no Consello do Estado por un membro elixido pola Asemblea Rexional (en alemán, Kommunallandtag).
Cambios anteriores ao réxime nazi
[editar | editar a fonte]En 1920 aprobouse a "lei do Gran Berlín" para crear o Gran Berlín, ampliando a capital prusiana a expensas de Brandenburgo, do cal fora separado Berlín en 1881. A lei do Gran Berlín ampliara considerabelmente o tamaño da cidade, e as súas fronteiras mantéñense en gran parte no moderno Land alemán de Berlín.
O que quedaba das provincias de Posen e a Prusia Occidental uníronse para formaren Posen-Prusia Occidental en 1922.
Cambios durante o réxime nazi
[editar | editar a fonte]Ver Desmantelamento de Prusia arriba.
Desmembramento despois da segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Despois da ocupación de Alemaña polos aliados en 1945, as provincias de Prusia dividíronse entre os seguintes Estados:
- Cedido á Unión Soviética
- A parte norte da Prusia Oriental. Hoxe, á óblast de Kaliningrado, un enclave ruso entre Lituania e Polonia.[8]
- Cedido a Polonia
- Todo o territorio situado ao leste da liña Oder-Neisse, ademais de Stettin. Isto equivalía á maior parte de Silesia, Pomerania oriental, a rexión de Neumark de Brandeburgo, todo o territorio de Posen-Prusia Occidental e o resto da Prusia Oriental non cedida á URSS.[8]
Partición de Alemaña
[editar | editar a fonte]- Territorios situados baixo administración soviética
Despois da guerra formáronse os seguintes Estados (Lender), despois de fusionáranse outros Estados alemáns; estes Estados foron abolidos en 1952 e substituídos por varias provincias e, finalmente, foron restaurados tras a reunificación alemá en 1990:
- Brandeburgo, do resto da provincia de Brandenburgo.
- Saxonia-Anhalt, da maior parte da provincia de Saxonia. O resto da provincia converteuse en parte de Turinxia.
- Mecklemburgo-Antepomerania: o resto da provincia de Pomerania (a maior parte da Pomerania Occidental) se fusionaron en Mecklenburgo.
- Saxonia: o resto da provincia de Silesia engadiuse a Saxonia.[9]
- Territorios situados baixo administración aliada
O resto de Prusia fusionouse con outros Estados alemáns para converterse nos seguintes Estados de Alemaña Occidental:
- Schleswig-Holstein, da provincia de Schleswig-Holstein (baixo administración británica).
- Baixa Saxonia, da provincia de Hannover (baixo administración británica).
- Renania do Norte-Westfalia, da provincia de Westfalia e a metade norte da provincia do Rin (baixo administración británica).
- Renania-Palatinado, do resto do sur da provincia do Rin (baixo administración francesa).
- Hesse, da provincia de Hesse-Nassau (baixo administración estadounidense).
- Wurtemberg-Hohenzollern, da provincia de Hohenzollern (baixo administración francesa). Este Estado, pouco despois, fusionouse co de Baden para formar o de Baden-Württemberg.
- Berlín, dividido en Berlín Oriental baixo administración soviética e Berlín Occidental baixo administración dos aliados, divididos en sectores (británico, francés e estadounidense). Berlín Occidental estaba rodeado pola Alemaña Oriental e, en última instancia, foi pechado polo muro de Berlín. As dúas metades reuníronse despois da reunificación alemá para formar o actual Estado alemán de Berlín. Unha proposta para fusionar Berlín co Estado federado de Brandeburgo foi rexeitada por votación popular en 1996.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Beckmanns Welt-Lexikon und Welt-Atlas. Verlagsanstalt Otto Beckmann, 1931, Leipzig / Viena
- ↑ O Reichsgau (plural Reichgaue) era unha división territorial e administrativa do Reich alemán na época do terceiro Reich. Equivalente máis ou menos a unha provincia, o termo xa fora utilizado na época de Carlomagno).
- ↑ En ambas as localidades realizáronse plebiscitos para determinar se serían separados de Alemaña e anexionados a Bélxica. Ambos os territorios foron anexionados formalmente o 6 de marzo de 1925.
- ↑ O Sistema das tres clases era un sistema de votación adoptado en 1849 polo rei Federico-Guilerme IV de Prusia para a elección da Cámara dos Deputados de Prusia. O escrutinio era desigual, público e indirecto.
- ↑ Denominábase Junker ao membro da nobreza terratenente de Prusia e o leste de Alemañaa que dominou todo o pais alemán ao longo do século XIX e principios do XX. Xurdiron da baixa nobreza e seguiron as tradicións da aristocracia alemán, onde o primoxénito levaba toda a herdanza e os demais fillos varóns eran enviados ao Exército ou á Igrexa, en tanto que ás fillas se lles buscaba o mellor marido posíbel. Así, moitos clans lograron reunir grandes fincas e un gran poder a través das súas numerosas, e ben situadas, conexións familiares.
- ↑ Territorial Reorganization Inside Germany. Abolition of the State of Prusia. Control Council Law No. 46 and Excerpt from Report of Military Governor Arquivado 21 de marzo de 2021 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ E tamén incorporado á Constitución española de 1978.
- ↑ 8,0 8,1 Ver mapa máis arriba, en Disolución formal de Prusia.
- ↑ Estes territorios, xunto coa zona de Berlín ocupada pola USSS, formarían a República Democrática Alemá.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bled, Jean-Paul (2007): Histoire de la Prusse. París: Fayard. ISBN 978-2-213-62678-9.
- Clark, Christopher (2006): Iron Kingdom. The Rise and the Downfall of Prussia, 1600-1947. Allen Lane/ Penguin Books. ISBN 0-7139-9466-5.
- Koch, H. W. (1984): A History of Prussia. Londres: Longman. ISBN 0-582-48190-2.
- MacDonogh, Giles (1994): Prussia. Londres: Sinclair-Stevenson. ISBN 1-85619-267-9.
- Zayas, Alfred-Maurice de (1994): A Terrible Revenge: The Ethnic Cleansing of the East European Germans, 1944-1950. Nova York: St. Martin's Press. ISBN 0-312-12159-8.