Estatuto de autonomía de Galicia de 1981
- Véxase tamén: Estatuto de autonomía de Galicia de 1936.
O Estatuto de autonomía de Galicia[1] (ou, sinxelamente, Estatuto de Galicia), é a norma institucional básica de Galicia, en vigor dende 1981. No marco da Constitución española de 1978, o Estatuto de Galicia recoñece a condición de nacionalidade histórica a esta Comunidade Autónoma. Os poderes en que se basea son o propio Estatuto, a Constitución e o pobo galego. Establece un marco democrático de solidariedade entre quen integran o pobo galego.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Tivo o seu precedente no Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936 por maioría. Daquela, o galego Santiago Casares Quiroga era o xefe do goberno da Segunda República Española.
Aprobación
[editar | editar a fonte]O pobo galego aprobouno en referendo o 21 de decembro de 1980, aínda que cunha participación moi baixa na votación. O 6 de abril de 1981 o rei Xoán Carlos I de España e mais o presidente do goberno Leopoldo Calvo Sotelo Bustelo asinaron o estatuto no Palacio Real de Madrid.
Contidos e competencias
[editar | editar a fonte]O estatuto recolle, entre outros:
- O recoñecemento do galego como lingua propia de Galicia e a súa cooficialidade co castelán
- Os símbolos propios do país galego: a bandeira, o escudo e o himno
- A división e organización administrativa do territorio en provincias, comarcas e parroquias rurais
- O recoñecemento das comunidades galegas no estranxeiro
- A facenda e o patrimonio propios
- As diversas competencias de acordo coa Constitución e as leis de solidariedade entre as comunidades que conforman o Estado español.
Historia
[editar | editar a fonte]A Asemblea Parlamentaria galega constituíuse o 25 de xullo de 1979. De acordo co artigo 151 da Constitución Española de 1978, tiña competencias para elaborar e aprobar o proxecto de autonomía. Esta Asemblea acordou nomear unha comisión de 16 representantes de partidos, con e sen representación parlamentaria, para elaborar un primeiro texto. 8 dos membros pertencían á UCD, 2 ao PSOE, 2 a AP, 1 ao PCG, 1 ao POG, 1 ao PG e 1 ao PTG.
O texto que elaborou esa comisión, coñecido como o Estatuto dos 16, foi considerado por partidos nacionalistas e de esquerdas como pouco ambicioso e de segunda orde en relación con Cataluña e o País Vasco. Ante isto, convocouse unha manifestación en Vigo para o 4 de decembro de 1979 que resultou multitudinaria. Adolfo Suárez recoñeceu entón que se errara na elaboración do estatuto galego.
Notas
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para autonomía.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Díaz, Ceferino (2007). A esforzada conquista da autonomía, 1979-1981. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-9865-042-6.