Saltar ao contido

Estigmerxia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os camiños seguidos polas formigas están marcados por feromonas.

Estigmerxia significa colaboración a través do medio físico. A estigmerxia é un método de comunicación indirecta nun sistema emerxente autoorganizado onde os diversos compoñentes se comunican e colaboran entre si a través de pautas ou fitos deixados no medio: feromonas, acumulación de obxectos ou calquera outro tipo de cambio físico, como a temperatura.

O concepto de estigmerxia foi introducido por Pierre-Paul Grassé, un estudoso das formigas, para explicar como realizaban as tarefas en insectos sociais sen necesidade de planificación nin dunha xestión centralizada.

Algoritmo OCF

[editar | editar a fonte]

Actualmente foi tomado e estendido a unha serie de algoritmos que forman parte da intelixencia artificial; en xeral, estes algoritmos denomínanse de optimización por colonia de formigas (OCF).

Os algoritmos de OCF úsanse para solucionar problemas de optimización combinatoria, creando unha especie de colonia de formigas artificiais, uns elementos computacionais simples que traballan de xeito cooperativo e que se comunican mediante os rastros (i.e., os grafos dos camiños percorridos) deixados polas feromonas artificiais. Os algoritmos de OCF son iterativos: en cada iteración, cada formiga constrúe unha solución ao problema percorrendo un determinado grafo. As arestas do grafo, que representa os posibles pasos que a formiga pode dar, teñen dous tipos de información asociada, en base aos cales se moven as formigas:

  • Información propia, heurística, que mide a preferencia heurística de moverse desde un nodo x ata un nodo y, ou sexa, de percorrer a aresta x,y. As formigas non modifican esta información durante a execución do algoritmo.
  • Información do grupo, en base aos rastros de feromona artificiais, que mide a bondade do movemento de x ata y. Esta información varía durante a execución do algoritmo segundo as solucións que as formigas van adoptando.

O algoritmo OCF tense presentado bastante robusto para a solución de varios problemas computacionais, incluído os problemas de percura de camiño óptimo como no caso do problema do viaxante[1].

  1. "OCF aplicado a reconstrución de árbores filoxenéticas e dobramento de proteínas" (pdf) (en portugués). Consultado o 09/02/2008. [Ligazón morta]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]