Fundación Luis Seoane
Fundación Luis Seoane | |
---|---|
Sede da fundación cun cartel sobre a exposición sobre Lois Pereiro no ano 2011. | |
País | Galiza |
Cidade | A Coruña |
Tipo | Cultural |
Na rede | |
https://fundacionluisseoane.gal | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
A Fundación Luis Seoane é un centro de arte e cultura contemporáneos da cidade da Coruña. Conta unha exposición permanente de Luís Seoane e exposicións sobre arte actual. Na Fundación Luís Seoane conflúen a arte galega, as vangardas históricas e contemporáneas, o cine, a cultura de masas, a arquitectura, a videocreación, o teatro, a estética e a teoría da arte contemporánea.
Localización
[editar | editar a fonte]A Fundación Luis Seoane está situada nas proximidades da Cidade Vella da Coruña, ao carón do Hospital Abente e Lago, nun antigo cuartel rehabilitado e inaugurado en maio do 2003. Foi construído polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, e está concibido como un gran hórreo de granito e vidro que xira en torno ao que fora Patio de Armas da antiga edificación militar.
Obxectivos
[editar | editar a fonte]Amais de investigar e divulgar a obra e o legado intelectual de Luis Seoane, a fundación completa os seus obxectivos co desenvolvemento de proxectos expositivos en torno á cultura e ao pensamento contemporáneos, seminarios e ciclos de conferencias, programación didáctica destinada a espectadores de tódalas idades e un labor editorial que complementa e investiga en profundidade os diferentes aspectos do discurso expositivo.
O edificio
[editar | editar a fonte]O proceso de construción da sede da Fundación Luis Seoane comezou no ano 2000 a través dun concurso público que solicitaba un proxecto para a remodelación do antigo Cuartel de Macanaz e do seu contorno. O edificio orixinal databa de 1703, e sufrira múltiples transformacións, non sendo unha construción de especial interese patrimonial, aínda que conservaba un fermoso Patio de Armas con lousas de granito e columnas do mesmo material. O 29 de maio do 2000, adxudicouse finalmente o concurso ao estudio dos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco.
O interior do edificio consta de catro andares diferenciados:
- Patio: no que se encontra o miradoiro sonoro.
- Soto: no que se encontran a área de conservación e o depósito de obras de arte.
- Planta baixa: na que se encontran a área de recepción, gardarroupa, tenda, dúas salas de exposicións temporais e o salón de actos.
- Primeiro andar: destinada na súa totalidade á exposición permanente da obra de Luis Seoane.
- Segundo andar: alberga as zonas de despachos e a biblioteca, esta última dividida en tres zonas (unha pequena sala de exposicións destinada a temas relacionados co mundo editorial, unha zona adicada aos fondos especializados en arte contemporánea e a parte correspondente á biblioteca persoal de Luis Seoane.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fundación Luis Seoane |