Saltar ao contido

Hórreo mariñán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hórreo en Oza-Cesuras.
Hórreo esquinado en Sada.

O hórreo mariñán é un subtipo de hórreo galego. A súa área de distribución é a da comarca histórica das Mariñas Coruñesas, e coincide aproximadamente coas cuncas dos ríos Barcés, Mero, Mandeo e Mendo. É o único tipo de hórreo que se atopa nesta área, comezando a mesturarse con outros tipos na súa banda periférica.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

É polo xeral de pequeno tamaño. A súa cámara é estreita e alta, cunhas dimensións tipo aproximadas duns 1,10 x 1,80 m. Naqueles casos nos que se ampliou a súa capacidade fíxose por elongación da cámara e mantendo a coxía. A suspensión adoita ter altura suficiente para aloxar no espazo inferior funcións subsidiarias menores (almacenamento de leña, galiñeiro etc). Porén ese espazo inferior nunca se pecha con fábrica.

Cando o hórreo está colocado no sentido da pendente do terreo as cepas asumen o desnivel facéndose unha máis alta que a outra. Con frecuencia, e cando a carencia de espazo obriga a facelo, vese sobre os muros da eira, facendo de lumieira ao portalón de acceso a ela, sobre os tellados das casas ou mesmo pregado en esquina.

Construción

[editar | editar a fonte]

O hórreo está soportado por cepas de cachotería en seco, revocadas e encaladas nos hórreos de mellor feitura. Os tornarratos son de xisto, grandes e rectangulares.

A estrutura base do hórreo é unha armazón de madeira chamada grade, composta por catro trabes grosas, dúas lonxitudinais, chamadas largueiros ou mesas e dúas transversais, chamadas cabezas, que se unen mediante espigas. Sobre ela van suxeitos a clavadeira, na cal se fixan as doelas de madeira e os esquinais que soportan o teito. O chan, chamado sollado ou lastra, é de táboas sobre traveseiros que descansan sobre as mesas.

As doelas que conforman as paredes da cámara son verticais case sempre. A cuberta está formada por dous faldróns de tella cerámica curva a dúas augas con pouco beiril, que está soportado por dúas trabes lonxitudinais unidas polas tixeiras ou burras e polas corvas nos pinches, e que descansa sobre os esquinais. Normalmente ten unha soa porta no centro dun costal e non leva terminais, salvo nos máis elaborados.

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]