Ilustración científica
A ilustración científica é unha disciplina artístico-científica, un tipo de arte vinculado á ciencia que se enfoca en aproximar a través da ilustración un obxecto de estudo, comunicando información de carácter científico. Permite transmitir ao observador a análise do obxecto de interese, mostrando as súas características reais e fidedignas plasmadas en papel ou noutros formatos. Nalgúns casos está vinculada tamén á ilustración técnica, e ao debuxo técnico.
As ilustracións necesitan ser cientificamente precisas, pero a miúdo a súa compoñente artística fai que as usen para imprimilas en libros e outros medios como ornamento, ou ser consideradas obras de interese artístico, histórico ou comercial.[2]
As súas funcións son favorecer a comunicación e divulgación, ordenando as informacións visuais que axudan a sintetizar ou conceptualizar determinada información científica.
Hoxe ademais das técnicas clásicas, os ilustradores e ilustradoras, alén do apoio fotográfico utilizan técnicas de infografía por ordenador e ilustracións e animacións en 3D.
Historia
[editar | editar a fonte]A ilustración científica foi fundamental no desenvolvemento, difusión e divulgación da Ciencia en xeral, e en particular da Astronomía, da Anatomía e a Medicina, da Paleoloxía a través da Paleoarte, da Xeoloxía e Xeografía mediante a Cartografía, da Arqueoloxía, da Botánica, etc.
No tocante á Botánica, os primeiros herbarios e farmacopeas de moitas culturas incluíron a representación gráfica das plantas. Isto estaba destinado a axudar á identificación clara das especies, xeralmente con algún propósito medicinal.
O primeiro traballo botánico ilustrado que sobrevive é o Codex vindobonensis, unha copia do De Materia Medica de Dioscórides, sendo Nerón o emperador de Roma, e foi feita no ano 512 para Juliana Anicia, filla do antigo emperador romano occidental Olibrio[3], aínda que se poden considerar precursores da ilustración con intención naturalista as pinturas rupestres, ou as primeiras exploracións anatómicas; O historiador exipcio Manetón sinala ao emperador Djer como un anatomista, e tamén desa época eran os gregos Erasístrato, Herófilo e Galeno, que inspiraron ilustracións medievais baseadas nos seus traballos. Ademais, os debuxos naturalistas dos antigos exipcios eran tan precisos que permiten recoñecer especies de aves que hoxe non teñen o mesmo hábitat.
Durante a Idade Media, logo dun período de desconexión cos coñecementos do mundo antigo, os avances tecnolóxicos e a evolución do pensamento científico do mundo oriental, que recollera aquel saber clásico, do mundo bizantino herdeiro do saber latino, e mesmo do extremo Oriente, foron decisivos na construción da ciencia moderna. En Europa, o pensamento de Santo Agostiño foi fundamental ao orientar a visión do home medieval sobre a relación entre a fe cristiá e o estudo da natureza. Agostiño afirmaba que a interpretación das escrituras debería facerse de acordo cos coñecementos dispoñíbeis en cada época sobre o mundo natural. No século XII comezan unha serie de cambios culturais, ideolóxicos e sociais que levan a un gusto novo polas disciplinas científicas e desembocan no xurdimento da Ciencia medieval. Escolásticos como Robert Grosseteste, Roger Bacon e Alberte o Magno traerían novas tendencias para unha abordaxe empírica da natureza representando un preludio do pensamento moderno. Grosseteste ilustra os seus traballos de óptica e os códices ilustran os traballos de anatomía baseándose no contacto retomado cos textos clásicos, até que no Renacemento se recupera a disección de cadáveres, vetada no medievo. Tamén nese tempo se desenvolve a perspectiva e é un tempo decisivo na historia do debuxo técnico
Coa chegada dos europeos a América e Australia e nas sucesivas viaxes de exploración, os traballos de ilustración científica proliferaron, documentando a flora e a fauna nos seus cadernos de campo ou de navegación, nos que empregaban diferentes técnicas de ilustración tradicional utilizadas na época, especialmente tintas, acuarelas e grafito.
O problema de describir con precisión as plantas entre rexións e idiomas, antes da introdución da taxonomía, era potencialmente perigoso para as preparacións medicinais. A baixa calidade de impresión dos traballos ás veces presentaba dificultades para identificar as especies representadas.
Cando os sistemas de nomenclatura botánica comezaron a publicarse, a necesidade dun debuxo ou pintura volveuse opcional. Con todo, foi neste momento que a profesión de ilustrador científico, en particular de ilustrador botánico, comezou a xurdir como tal.
O século XVIII viu moitos avances nos procesos de impresión, e as ilustracións fixéronse máis precisas nas súas cores e pormenores. O crecente interese de botánicos afeccionados, xardineiros e historiadores da natureza proporcionou un mercado para as publicacións botánicas; As ilustracións aumentaron o atractivo e a accesibilidade destas ao lector xeral. As guías de campo, Floras, catálogos e revistas producidas desde esta época seguiron incluíndo ilustracións.
Dúas das máis prestixiosas revistas científicas, Nature e Science, naceron como Illustrated Journal e incluían numerosas ilustracións nas súas páxinas e outras específicas como Botanical Magazine, antes chamada Curtis's Botanical Magazine, que segue a publicarse como revista ilustrada (tras intervalos de pausa) desde 1787.
O desenvolvemento de placas fotográficas non deixou obsoletos os debuxos e gravuras, a pesar das melloras na reprodución de fotos en materiais impresos. A transmisión da información mediante ilustración científica sintetiza e clarifica os conceptos, eliminando e simplificando información adicional da fotografía, aínda que pode facer uso dela, de igual maneira que un plano de debuxo técnico, mecánico ou arquitectónico transmite información de maneira distinta á imaxe fotográfica.
Un ilustrador botánico pode crear un compromiso de precisión, unha imaxe idealizada de varias mostras e a inclusión da cara e o reverso das características como as follas. Ademais, os detalles das seccións pódense dar a escala ampliada e incluír ao redor das marxes da imaxe. Porén, na idade media e en épocas máis recentes os ilustradores tamén debuxaron con pretensión científica obxectos que co tempo se demostraron lendas, como as árbores de percebes e gansos do medievo (as Barnacle Trees) ou a hydra de Hamburgo, pormenorizadamente debuxada polo zoólogo Albertus Seba, incluída no seu Thesaurus, a partir dun exemplar momificado, que o tamén zoólogo e ilustrador Carl von Linné demostrou ser falsa.
A ilustración botánica é unha característica de moitos libros notables sobre plantas, dos que hai múltiples exemplos. Recentemente produciuse un auxe na arte e ilustración científica. Numerosas universidades ofertan cursos desta disciplina, por exemplo a UNAM, a UBU, a UPV/EHU, a UNB ou a Newcastle University. Hai tamén por todo o mundo asociacións de ilustradores científicos e de artistas botánicos. Ademais da necesidade dunha ilustración científica clara, as representacións botánicas continúan sendo unha forma popular de «arte mural».[4]
Ao traballar con outros científicos, conservacionistas, horticultores e galerías locais e de todo o mundo, os ilustradores e artistas de hoxe están a ampliar os límites do que tradicionalmente se considerou parte do xénero, e unha parte importante do traballo involucra coñecementos en informática, levando a cabo proxectos de carácter interdisciplinar, multidisciplinar, pluridisciplinar ou transdisciplinar, segundo os casos.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Ilustración de John James Audubon para o «American Ornithology»
-
«Ornitorrincos». Do ilustrador John Gould, colaborador de Charles Darwin.
-
Ilustración de Philip Henry Gosse, «British Sea-Anemones and Corals», 1860.
-
Flores varias, por Adolphe Millot
-
Cannabis sativa, por Köhler
-
Metamorfose dunha bolboreta por Maria Sibylla Merian
-
Rosa gallica aurelianensis por Reduté e Langlois
-
Olea europaeae por Franz Eugen Köhler
-
Echinocereus fendleri hempelii
-
Cocos nucifera, por Köhler
-
The Cactaceae (Gravura XX)
-
Amanita, por Alexandre Ysabeau
-
Fungos, por Edmund Michael
-
Esbozo de Conrad Gesner, «Fraisier des bois», Conradi Gesneri Historia plantarum, (1560)
-
Variedades de framboesa, por May Rivers
-
Dente de león, por Maurice Pillard Verneuil
-
Fucus vesiculosus e outras algas, por Samuel O. Gray
-
Stereocaulon ramulosum, por Walter Hood Fitch
-
Plantas ornamentais, por Helen Ingersoll, na Encyclopedia Americana, 1920
-
Liques varios (Cladonia, Sticta, Parmelia Physcia, Hagenia e Melanohalea) por Ernst Haeckel
-
(Especie descoñecida), por William Curtis
-
Froitos e cucurbitáceas, por Adolphe Millot
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "American Turk's cap Lily". Victoria and Albert Museum. Consultado o 12 de decembro de 2007.
- ↑ Sydney Living Museums (13 de xullo de 2016). "The art in the illustration". Consultado o 29 de xullo de 2016.
- ↑ "Kew Gardens website".
- ↑ Antique botanical illustrations for use as home decor at Fine Rare Prints
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ilustración científica |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- De Bray, Lys (2001). The Art of Botanical Illustration: A history of classic illustrators and their achievements. Quantum Publishing, Londres.
- Blunt, Wilfrid e Stearn, William T. (1994). The Art of Botanical Illustration. Antique Collector's Club, Londres.
- Morris, Colleen; Louisa Murray: (2016). The Florilegium: the Royal Botanic Gardens Sydney celebrating 200 years: plants of the three gardens of the Royal Botanic Gardens and Domain Trust, The Florilegium Society no Real Xardín Botánico de Sídney.
- Sherwood, Shirley (2001). A Passion for Plants: Contemporary Botanical Masterworks. Cassell and Co, Londres.
- Sherwood, Shirley e Rix, Martyn (2008). Treasures of Botanical Art. Real Xardín Botánico de Kew;
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- http://illustraciencia.info/ (en castelán)
- "Las mejores ilustraciones científicas de la historia"; Ciencia, elpais.com (en castelán)