Iphiclides podalirius
Podalirio | |||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Iphiclides podalirius | |||||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||||
''Iphiclides podalirius'' Linneo, 1758 |
A Iphiclides podalirius[1] é unha especie de lepidóptero ditrisio da familia Papilionidae amplamente distribuída pola rexión Paleártica. Polo seu tamaño e vistosidade é unha das bolboretas máis rechamantes e coñecidas da fauna europea.[2][3]
Descrición
[editar | editar a fonte]Trátase dunha das bolboretas máis grandes de Europa, podendo alcanzar as femias unha envergadura de entre 55 e 75 mm.[Cómpre referencia] Os machos son lixeiramente máis pequenos. As ás teñen un fondo amarelo ou branco-amarelado sobre o que destacan rechamantes e decrecentes bandas negras lonxitudinais. As ás posteriores posúen, ademais, un gran ocelo azul parcialmente cercado de negro e de vermello e unha cola moi rechamante. Na súa área de distribución, o único papiliónido co que se podería confundir é o macaón (Papilio machaon), do que difire claramente polo deseño das manchas alares, a cor predominantemente clara da parte traseira das ás anteriores e a cola da á posterior, moito máis desenvolvida.
Nos seus últimos estadios de desenvolvemento, a eiruga é de cor verde, cunha banda amarelada no dorso, da que saen cara aos costados unha serie de bandas oblicuas que portan rechamantes puntos vermellos. É unha eiruga gordecha (non pasa de 4 cm de lonxitude), coa cabeza moi retraída, que difire moitísimo na súa forma das eirugas doutros papiliónidos. Como todas elas, con todo, posúe un osmeterio, órgano defensivo que emite sustancias repelentes e que desprega cando se sente ameazada.
Área de distribución
[editar | editar a fonte]Bolboreta amplamente distribuída polas zonas tépedas de Eurasia, observándose desde Europa Occidental até a península arábiga, a India e China. En Europa, a súa área de distribución alcanza, cara ao norte, os 54 graos de latitude. A súa presenza en Gran Bretaña e en Escandinavia tan só é ocasional e consecuencia da chegada de migrantes. Converteuse nunha especie moi escasa en gran parte dos países de Europa central, probablemente debido aos importantes cambios sufridos nas prácticas agrícolas e a organización da paisaxe (onde desapareceron gran parte dos sebes de abruñeiros e de estripeiros). Está protexida pola lei nalgúns países europeos.
Ciclo vital
[editar | editar a fonte]Como ocorre con moitas especies de bolboretas, o número de xeracións que se observa depende da latitude e da altitude. En Europa central e en altitude, tan só se observa unha única xeración que voa de maio a xullo. Máis ao sur, pode haber entre dúas e catro xeracións, sendo o seu período de voo moito máis amplo, de marzo a outubro na rexión mediterránea.
Plantas nutricias
[editar | editar a fonte]As eirugas aliméntanse de diferentes especies de rosáceas arborescentes, entre as que destacan as dos xéneros Prunus (incluídas as especies cultivadas), Pyrus, Crataegus, etc.
Variacións
[editar | editar a fonte]No norte de África e na Península Ibérica, esta bolboreta difire da forma nominal por ter unha cor netamente máis clara. Algúns autores considérano como un criterio suficiente para elevar esa forma ao rango de especie (Iphiclides feisthamelii).[4] Non existen, con todo, claros indicios de que así sexa e, ata que a xenética non o demostre claramente, é preferible manter unha posición prudente respecto diso, xa que non se observa unha clara transición entre ambas as formas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Monasterio León, Y. (Coord.) et al. 2017. Propuesta actualizada de nombres comunes en castellano para las mariposas de la península ibérica, Baleares y Canarias (Lepidoptera: Papilionoidea). Boletín de la Sociedad Entomológica Aragonesa (S.E.A.), nº 60: 463–483.
- ↑ http://www.asturnatura.com/especie/iphiclides-feisthamelii.html Iphiclides P. feisthamelii
- ↑ http://www.learnaboutbutterflies.com/Europe%20-%20Iphiclides%20podalirius.htm Iphiclides podalirius
- ↑ Iphiclides en funet.fi
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Tolman, T. & Lewington, R. 2002. Guía de las mariposas de España y Europa. Lynx Edicions. ISBN 84-87334-36-9.
- Carter, D. J. & Hargreaves, B. 1987. Guía de campo de las orugas de las mariposas y polillas de España y de Europa. Ediciones Omega, Barcelona.