Krak des Chevaliers
Krak des Chevaliers | |
---|---|
parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | |
Vista da fortaleza dende o outro lado do acantilado | |
Coordenadas | 34°45′25″N 36°17′41″L / 34.756944444444, 36.294722222222 |
Estilo arquitectónico | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Krak des Chevaliers nome derivado dunha mestura de árabe e francés (en galego, fortaleza dos cabaleiros) é un castelo situado na actual Siria que foi a sede central da Orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén en Siria durante a época das cruzadas. O castelo construírono os cruzados sobre un outeiro do deserto sirio coa fin de protexe-la ruta que unía a cidade siria de Homs (baixo dominio musulmán) con Trípoli, capital do condado do mesmo nome, na costa do Mediterráneo.
Historia e características
[editar | editar a fonte]A fortaleza orixinal construíuna o emir de Alepo, capturouna Raimundo IV de Tolosa en 1099 durante a Primeira cruzada, pero abandonouna cando os cruzados seguiron a súa ruta cara a Xerusalén. Foi reocupada por Tancredo, príncipe de Galilea en 1110. Raimundo II, conde de Trípoli, cedeulla ós cabaleiros hospitalarios en 1142. Durante o século e medio seguinte, os cabaleiros construíron unha impoñente fortaleza, a maior de Terra Santa, que resistiu polo menos doce asaltos por parte dos musulmáns.
O castelo construíuse en dúas etapas. Na primeira levantáronse os muros exteriores e un núcleo interior de pequenas edificacións cadradas, de forma que para 1170 a fortaleza estaba terminada. En 1202 un tremor afectou a parte das fortificacións, de forma que pouco despois se acometeu unha profunda reestruturación. Así xurdiu o núcleo actual de fortificacións e as defensas exteriores: un muro externo de trinta metros de anchura con sete torres de 8-10 metros de altitude, creando unha fortaleza concéntrica. As abas escarpadas do esporón aproveitáronse con fins tácticos.
Aínda que o risco no que estaba situada proporcionaba unha localización ideal, unha fortificación situada neste punto posuía dous puntos débiles: a porta principal e o flanco sur, aberto á chaira. Para protexer este exposto lado, levantouse un muro de albanelería con tres grandes torres, precedido dun enorme parapeto de cachotería que nalgunhas zonas medía 25 metros de espesor. O problema da entrada resolveuse facendo que o acceso a ela se construíse en zigzag polo declive escarpado, de maneira que un posible invasor se expoñería durante o seu asalto ó fogo dos adversarios. Entre as portas exterior e interior, un angosto corredor entre muros e defensas colosais. A posibilidade de rende-la fortaleza mediante asedio tamén resultaba inútil.
A fortaleza posuía un almacén de 120 metros de longo e almacéns adicionais escavados no acantilado baixo a fortaleza, onde se almacenaba auga e alimentos suficientes para manter longo tempo a unha guarnición de 2.000 homes. Estímase que podería resistir un asedio de cinco anos. Ademais do control da ruta cara ao Mediterráneo, os cabaleiros hospitalarios exerceron certa influencia sobre o lago Homs ó leste, onde poderían controlar a industria pesqueira e vixiar ós exércitos musulmáns reunidos en Siria.
En 1163, a fortaleza foi infrutuosamente asediada por Nur al-Din. Logo da súa vitoria, os hospitalarios convertéronse nunha forza virtualmente independente na fronteira do condado de Trípoli. Foi asediado, tamén infrutuosamente, por Saladino en 1188. Finalmente, foi o sultán de Exipto, Baibars, quen tomou a fortaleza, o 8 de abril de 1271. Naquel entón, a guarnición de homes era escasa.
Un ano antes, a Oitava Cruzada fracasara e o envío de axuda desde o oeste resultaba imposible. Durante varias semanas, as forzas de Baibars minaron a torre suroeste do muro exterior ata que se derrubou. Con todo, cando os atacantes penetraron no recinto, atoparon ante a segunda liña fortificacións, tamén impoñentes, que aínda lles pechaba o paso. Baybars, non querendo acepta-la derrota ou a posibilidade dun longo cerco, recorreu á astucia. Segundo os historiadores árabes, valeuse dunha pomba para enviar unha carta falsa ó castelo. A mensaxe dicía vir do gran mestre da orde hospitalaria e ordenaba a rendición da tropa, pois non era posible enviarlles ata alí socorro algún. A orde foi obedecida e Baibars puido capturar a fortaleza. Ademais, concedeu cabaleirosamente á guarnición un salvoconduto para que se trasladase ata Trípoli. Baibars refortificou a fortaleza e usouna como base na súa campaña contra Trípoli. Tamén converteu a capela en mesquita. Os mamelucos utilizárona posteriormente no seu ataque a San Xoán de Acre en 1291.
A fortaleza é un dos poucos lugares onde a arte cruzada (en forma de frecos) se preservou. Eduardo I de Inglaterra, durante a Novena cruzada en 1272, viu a fortaleza e usouna como exemplo dos seus propios castelos en Inglaterra e Gales. Segundo expresión de T. E. Lawrence (Lawrence de Arabia), o Krak des Chevaliers é o castelo máis admirable do mundo. Hoxe o castelo subsiste notablemente ben conservado, e considérase como un dos máis belos expoñentes de arquitectura militar. Pertence ao goberno sirio, que o utiliza como atracción turística.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Krak dos Cabaleiros |