Lavinia Fontana
Nome orixinal | (it) Lavinia Fontane |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 24 de agosto de 1553 Boloña (Estados Pontificios) |
Morte | 11 de agosto de 1614 (60 anos) Roma (Estados Pontificios) |
Outros nomes | Zappi, Lavinia |
Actividade | |
Campo de traballo | Pintura |
Lugar de traballo | Roma (1600–1614) Boloña (1579 (Gregoriano)–1601) |
Ocupación | pintora, debuxante arquitectónica, artista |
Período de actividade | 1575 - |
Xénero artístico | Retrato pictórico, arte sacra e retrato |
Movemento | Manierismo |
Familia | |
Cónxuxe | Gian Paolo Zappi (1577–) |
Pai | Prospero Fontana |
Descrito pola fonte | Women Painters of the World (Pintoras do Mundo) (pt) , (sec:Fontana, Lavinia) Grandes Mestras das Artes (pt) , (p.49) Invisible Women (en) , (sec:Lavinia Fontana) |
Lavinia Fontana, nada en Boloña, bautizada o 24 de agosto de 1552 e finada en Roma o 11 de agosto de 1614, foi unha pintora italiana do primeiro barroco. Foi unha das pintoras máis importantes da súa época e mesmo chegou a ser pintora oficial da corte do papa Clemente VIII. O catálogo da súa obra é bastante extenso, tense constancia de 135 obras súas, aínda que só se conservan 32 datadas e asinadas.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Lavinia Fontana, naceu en 1552 en Boloña, cidade en que se percibía un grande ambiente cultural na época; proba diso é a construción da primeira universidade do mundo.[2] Ademais, tamén era unha cidade que destacaba polo seu progresismo e de feito a universidade de Boloña foi a primeira en aceptar mulleres para que cursasen os seus estudos.
Foi filla do pintor Prospero Fontana, pintor da escola de Boloña, que lle ensinou o oficio. O estilo de Fontana foi, efectivamente, moi próximo ao manierismo tardío que practicaba o seu pai. Xa desde moi novo fíxose un nome como pintora de pequenas obras de gabinete, principalmente retratos.
A maioría das mulleres que nesa época se dedicaron á pintura, aprenderon cos seus pais. Moitas casaron con outro pintor do mesmo taller, o que facilitaba que puidesen continuar dedicadas a ese traballo.[3] Tamén é o caso de Fontana que casou en 1577, con 25 anos, con Gian Paolo Zappi, que tamén era pintor do taller de Prospero Fontana e membro dunha familia nobre.[4] Tivo once fillos con el. Seguiu pintando durante o seu matrimonio para axudar a familia mentres o seu esposo se encargaba da casa e asistía a súa muller como axudante. Zappi, tamén axudaba a súa esposa nos labores artísticos, dise que o axudaba a realizar o fondo das súas obras. En 1603, trala morte do seu pai, mudouse permanentemente a Roma. Alí foi escollida pintora oficial da corte do papa Clemente VIII. Tamén obtivo o mecenado dos Boncompagni. Foi elixida membro da Academia di San Luca. Coa morte do papa en 1605 foi designada retratista da corte do papa Paulo V.
Lavinia Fontana conseguiu unha fortuna que empregou en obter unha gran colección de antigüidades. Ata a súa morte en Roma en 1614, Fontana recibiu varios recoñecementos, en 1611 acuñouse unha medalla na súa honra realizada polo escultor Felipe Antonio Casoni, na que estaba representa de perfil polo anverso, e fronte ao seu cabalete no reverso.[5]
Obra
[editar | editar a fonte]Lavinia Fontana, foi unha das artistas femininas máis recoñecidas no renacemento xunto a Sofonisba Anguissola. Pódese apreciar a influencia da pintora de Cremona, no seu gusto polos detalles e a súa excelente técnica á hora de recrear xoias e tecidos. Traballaron no mesmo contexto, como calquera pintor masculino, aceptando encargos de particulares e vivindo dos seus ingresos como artistas. A súa produción é a maior dunha muller antes do século XVIII. Consérvanse, asinadas e datadas, 32 pinturas, pero documentadas hai máis de 135.
Obsérvase, claramente, a influencia do seu pai nas primeiras obras, desenvolvendo unha arte relixiosa clara, directa e fácil. Foi educada rodeada de grandes artistas como Ludovico Carracci do que tamén tivo influencia, utilizando cores fortes que eran característicos da escola veneciana. Grazas a iso, puido desenvolver un estilo propio.
Adquiriu gran fama en Boloña, e dita fama estendeuse por toda Italia. Como o seu pai, Fontana obtivo a súa fama grazas aos seus excelentes retratos. Nos seus retratos, os modelos posan de forma natural e destaca a súa gran capacidade para pintar a roupa e as xoias.
Gradualmente foi adoptando o estilo clasicista dos Carracci, contemporáneos e protagonistas da escena artística boloñesa coa súa academia de postulados clasicistas opostos tanto ao manierismo como ao naturalismo de Caravaggio, a quen se uniron posteriormente Guido Reni e Domenico Zampieri, cun colorido forte case veneciano. Recibiu a influencia de artistas como Correggio e Scipione Pulzone.[6] Foi admitida na Academia de Roma.
Cómpre destacar que Fontana chegou a pintar espidos, tanto masculinos como femininos, nas súas pinturas relixiosas e mitolóxicas de gran formato o que era excepcional nunha pintora.
Obras destacadas
[editar | editar a fonte]En 1584, realizou o retrato da familia Gozzadini, que está considerado unha das súas mellores obras. Trátase dun óleo sobre lenzo. Este retrato encargouno Laodamia Gozzadini (a muller da dereita), que quixo que a retratase xunto á súa familia, resaltando tamén todas as pertenzas que levan as mulleres no cadro (xoias e vestidos). Nun primeiro plano aparecen as damas (as dúas irmás Gozzadini) e nun segundo plano aparecen os cabaleiros (o pai no centro e os maridos das irmás detrás de cada unha). Este retrato actualmente está exposto na Pinacoteca Nacional de Boloña.
En 1577 realizou unha das súas obras máis importantes, o seu autorretrato tocando a espineta. Atópase na Academia di Luca. Trátase dun óleo sobre lenzo e data do ano 1577.
Tamén se conserva a pintura do Cristo cos símbolos da paixón de 1576. É a súa obra máis antiga e atópase no El Paso Museum of Art.
Entre 1594 e 1595 realizou unha das obras máis curiosa da súa colección. É o retrato de Antonietta Gonsalvus, que se atopa no Musée du Chateau de Blois. O retrato é unha nena, de once anos, cuberta de pelo debido a que padecía unha enfermidade, hipertricose lanuxinosa conxénita, herdada do seu pai Petrus Gonsalvus.
En 1613 realizou a pintura chamada Minerva vestíndose, mostra dos temas mitolóxicos aos que tamén se dedicou. Esta obra consérvase na Galleria Borghese (Roma).
-
Retrato da familia Gozzadini (1584). Pinacoteca Nacional de Boloña
-
Autorretrato tocando a espineta (1577). Academia di Luca
-
Cristo cos símbolos da paixón (1576). El Paso Museum of Art
-
Retrato de Antonietta Gonsalvus (1575). Musée du Chateau de Blois
-
Minerva vestíndose (1613). Galería Borghese, Roma
Listaxe de obras
[editar | editar a fonte]Tense constancia de 135 obras súas, aínda que só se conservan 32 datadas e asinadas:
- Retrato de Paul Praun (1573, Germanisches Nationalmuseum, Nürnberg)
- Cristo cos instrumentos da Paixón (1576, El Paso Art Museum)
- Autorretrato con espineta (1577, Galleria della Accademia dei San Luca, Roma)
- Retrato do senador Orsini (1577, Musée des Beaux-Arts, Bordeos)
- Sacra Familia con San Francisco e Santa Margarida (1578, Davis Museum, Wellesley College, Massachusetts)
- Retrato de dama (1580, National Museum of Women in the Arts, Washington)
- Noli me tangere (1581, Uffizi, Florencia)
- Neno no berce (1583, Pinacoteca Nacional de Boloña)
- Retrato da familia Gozzadini (1584, Pinacoteca Nacional de Boloña)
- Retrato de Petrus Gonsalvus (1585, Ambras Art Collection, Innsbruck)
- Retrato de Francesco Panigarola (1585, Palazzo Pitti, Florencia)
- Retrato de dama veneciana (1585, Hood Museum of Art, New Hampshire)
- Retrato de Bianca Capello cun clavicordio (Musée des Beaux-Arts, Valenciennes)
- San Francisco de Paula bendí o fillo de Luísa de Savoia (1590, Pinacoteca Nacional de Boloña)
- Venus e Cupido (1592, Musée des Beaux-Arts, Ruan)
- Venus e Marte (Colección casa de Alba, Madrid)
- Sacra Familia con san Xoaniño, óleo sobre táboa, asinado; ingresou no mosteiro do Escorial, Madrid en 1593.[7]
- Retrato de Antonietta Gonsalvus (1594-95, castelo de Blois)
- Virxe adorando ao Neno dormente (1605-10, Museum of Fine Arts, Boston)
- Minerva vestíndose (1613, Galería Borghese, Roma)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Lavinia Fontana - EcuRed". Consultado o 22 de maio de 2018.
- ↑ "Mujeres pintoras: Lavinia Fontana (1552-1614)". 8 de decembro de 2007. Consultado o 22 de maio de 2018.
- ↑ Aranda Bernal, Ana, «Ser muller e artista en España. Séculos XVI-XVIII», p. 34.
- ↑ «Gian Paolo Zappi», Encyclopedia Britannica.
- ↑ "Lavinia Fontana, una artista que rompió barreras". Investigart (en castelán). 9 de maio de 2017. Consultado o 22 de maio de 2018.
- ↑ "Lavinia Fontana pintora del primer barroco". Consultado o 22 de mayo de 2018.
- ↑ Bassegoda, Bonaventura, El Escorial como museo. A decoración pictórica moble no mosteiro del Escorial desde Diego Velázquez até Frédéric Quillet (1809). Bellaterra, Barcelona, Xirona, Lérida: Universitat Autònoma de Barcelona, 2002, p. 204, ISBN 84-8409-150-3.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lavinia Fontana |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chadwick, Whitney (1990). Women, Art, and Society. Londres: Thames and Hudson.
- Cheney, Liana (Spring-Summer 1984). "Lavinia Fontana, Boston 'Holy Family'". Woman's Art Journal. 5 (1).
- Cheney, Liana De Girolami; Faxon, Alicia Craig; Russo, Kathleen Lucey (2000). Self-Portraits by Women Painters. Singapur: Ashgate. ISBN 978-1-85928-424-7.
- Findlen, Paula (2002-11-08). The Italian Renaissance. ISBN 978-0-631-22283-5.
- Fortunati, Vera (1998). Lavinia Fontana of Bologna (1552–1614). Milán: Electa. ISBN 978-8843563944.
- Gaze, Delia. Concise Dictionary of Women Artists.
- Hansen, Morten Steen; Spicer, Joaneath, eds. (2005). Masterpieces of Italian Painting, The Walters Art Museum. Baltimore e Londres. ISBN 978-1904832140.
- Harris, Anne Sutherland; Nochlin, Linda (1976). Women Artists: 1550-1950. Nova York: Los Angeles County Museum of Art.
- Murphy, Caroline P. (1996). "Lavinia Fontana and 'Le Dame della Citta': understanding female artistic patronage in late sixteenth-century Bologna." Renaissance Studies. 10 (2). pp. 190-208. JSTOR.
- Murphy, Caroline P. (1997). "Lavinia Fontana". Dictionary of Women Artists. Vol 1. Delia Gaze, ed. Chicago: Fitzroy Dearborn. pp. 534-7. ISBN 1-884964-21-4.
- Murphy, Caroline P. (2003). Lavinia Fontana: A Painter and Her Patrons in Sixteenth-century Bologna. Yale University Press. ISBN 978-0-300-09913-3.
- Niyazi, Hazan. "Lavinia Fontana and the female self-portrait". Consultado o 29 de marzo de 2013.
- Smyth, Francis P.; O'Neill, John P. (1986). The Age of Correggio and the Carracci: Emilian Painting of the 16th and 17th Centuries. Washington DC: National Gallery of Art. pp. 132–136.
- Wasserman, Krystyna (10 de novembro de 2011). "Curator's Travelogue: Women Artists of Bologna". National Museum of Women in the Arts. Consultado o 29 de marzo de 2013.
- National Museum of Women in the Arts (2007). Italian Women Artists from Renaissance to Baroque. Milán: Skira. pp. 134–65.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Orazio and Artemisia Gentileschi, a fully digitized exhibition catalog from The Metropolitan Museum of Art Libraries, which contains material on Lavinia Fontana (see index)