Lazzaro Spallanzani
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xaneiro de 1729 Scandiano, Italia (pt) |
Morte | 12 de febreiro de 1799 (70 anos) Pavia, Italia |
Causa da morte | morte natural |
Director de museo | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Educación | Universidade de Boloña |
Actividade | |
Campo de traballo | Bioloxía |
Ocupación | físico, entomólogo, profesor universitario, naturalista, botánico |
Empregador | Universidade de Pavia Universidade de Módena e Reggio Emilia |
Membro de | |
Profesores | Lorenzo Mascheroni e Laura Bassi |
Alumnos | Leonor da Fonseca Pimentel (pt) |
Orde relixiosa | Compañía de Xesús |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | Spall. |
Familia | |
Irmáns | Marianna Spallanzani |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978 Enciclopedia soviética armenia |
Lazzaro Spallanzani, nado en Scandiano, Ducado de Módena e Reggio (hoxe na provincia de Reggio Emilia, Italia) o 12 de xaneiro de 1729 e finado en Pavia o 12 de febreiro de 1799, foi un naturalista italiano, precursor da fisioloxía experimental.
Foi profesor de lóxica, grego, metafísica, física, matemáticas e historia natural en varias universidades do norte de Italia. Grazas aos seus traballos, que lle fixeron acredor do nome de "biólogo de biólogos", porque era unha persoa de múltiples intereses científicos que investigou, entre outras cousas:
- A orixe da vida
- A rexeneración
- A reprodución
- A respiración
- e outras varias funcións do ser humano.
Foi ordenado sacerdote católico.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Lazzaro Spallanzani naceu en 1729 en Scandiano, preto de Módena. Estudou dereito e, en 1755, impartía clases de lóxica, metafísica e grego na universidade de Boloña. A súa curmá Laura Bassi, profesora de física nesta universidade, estimulou a súa afección pola ciencia.
Máis tarde fíxose sacerdote, e pasou polas universidades de Módena (1763) e Pavia (1769), onde foi profesor de historia natural. En Pavia destacou como infatigábel viaxeiro na busca de espécimes para o Museo de Historia Natural da cidade. Outra paixón súa foi o estudo da fisioloxía experimental, especialmente no campo da reprodución.
Apasionouno o problema da rexeneración espontánea de partes do corpo de anfibios e de réptiles, aínda que non puido chegar a conclusións satisfactorias; sobre todo, non puido explicar o feito de que non sucedera o mesmo no ser humano e nuotros animais.
Continuando os estudos de Francesco Redi, Spallanzani demostrou, en 1765, que un caldo adecuadamente fervido e pechado hermeticamente nun recipiente, permanecía estéril, sen producir animais, confirmando así que non existía a xeración espontánea da vida. A pesar diso, a crenza nesta antiga e arraigada teoría non sería totalmente abandonada até un século despois, grazas aos traballos de Louis Pasteur.
Este experimento deseñouno para refutar os realizados por outro sacerdote católico, o inglés John Turberville Needham, que quentara e despois selara caldo de carne en diversos recipientes; dado que se encontraran microorganismos no caldo tras abrir os recipientes, Needham cría que isto demostraba que a vida xorde da materia non vivente. Non obstante, prolongando o período de quecemento e selando con máis coidado os recipientes, Spallanzani puido demostrar que ditos caldos non xeraban microorganismos mentres os recipientes estiveran selados.
A disputa entre Needham e Spallanzani foi longa e enconada, pois o inglés afirmaba que as coccións do italiano destruían o espírito vital, e Spallanzani demostrou que o único que a cocción destruía eran as esporas das bacterias, non un principio de vida de índole mística.
En 1765 publicou as súas experiencias sobre a xeración espontánea en Saggio di osservazioni microscopiche concernenti il sistema della generazione de'Signori de Needham e Buffon (en galego, Experimento de observacións micrioscópicas concernentes ao sistema da xeración dos señores Needham e Buffon).
Tamén estudou a dixestión, que Galeno caracterizara en termos dunha especie de cocción dos alimentos levada a cabo pola calor do estómago (crenza que, popularmente, chegou até o día de hoxe en moita xente), mentres que Réamur, que experimentou con voitres, concluíra que se trataba dunha acción disolvente. Spallanzani realizou diversos experimentos con numerosos aniamis e cun home (el mesmo), comprobando que o suco gástrico é o axente dixestivo responsábel da transformación dos alimentos no estómago.
Os resultados dos seus estudos sobre a dixestión apareceron, en 1780, en Dissertazioni de fisica animale e vegetale (Disertacións de física animal e vexetal).
Foi o primeiro en observar o transvasamento do sangue desde as arterias ás veas nun animal de sangue quente (o polo). E logrou inseminar artificialmente a diferentes anfibios, a bolboretas da seda e a unha cadela, aínda que non chegara a comprender a importancia dos espermatozoides (que xa se coñecían desde Leeuwenhoek, algúns anos antes), pensando que o óvulo tiña todas as partes que posteriormente aparecerían no embrión.
Spallanzani estudou así mesmo os sentidos dos morcegos, descubrindo que, aínda que estiveran cegos, podían cazar insectos e voar evitando os choques. Tamén amosou un especial interese pola zooloxía mariña, incluíndo entre os seus obxectos de estudo as esponxas, os rotíferos e os tardígrados, así coma os peixes do xénero Torpedo.
Morreu en Pavia, aos 70 anos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lazzaro Spallanzani |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lazzaro Spallanzani |